viernes, 17 de enero de 2025

Juan Francisco Pestaña Chamucero (Cedeira (Redondela), 1710-Mato Grosso (Brasil), 1770)

 

        Fillo de Blas Pestaña y de Llamas e de Juana Chamucero de León señores do Señorío de San Andrés de Cedeira. Entrou xove na Mariña, pasando logo á infantería onde acadaría o grao de coronel.

        A vida militar lévao a Arxentina onde é nomeado Gobernador do Tucumán co grado de brigadier o 2 de Mayo de 1752, tomando posesión da Gobernación e Capitanía Xeneral do Tucumán na cidade de Jujuy o 16 de novembro de 1752. O primeiro ao que tivo que facer fronte foi á rebeldía da comarca de Catamarca. Antonio Zinny en "Gobernadores de las provincias argentinas", Tomo II, Buenos Aires, 1880, describe así os feitos: “tan pronto entra a la ciudad de Salta expide un indulto general, con la sola excepción de tres reos que se encontraban presos en el fuerte del Valle, aunque más tarde fueron admistiados. Luego el Gobernador se dedica con ahínco a la pacificación de Catamarca que en ese momento se encontraba en rebeldía con la corona.” Despois de Salta, trasladaríase a San Miguel de Tucumán, onde unha carta do  Dr. Villafañe, dálle conta do arrepentimento da poboación catamarqueña. En 1755 entra na cidade pacificamente convocando un cabildo aberto no que se dan a coñecer as causas que motivaron a revolta. Ante a evidencia das causas fundadas declara un perdón xeral, conseguindo así o acatamento da poboación e o fin da rebelión.

        Conseguida a pacificación en Catamarca, embárcase no proxecto de realizar o propio en La Rioja e Córdoba onde se levaba moitos anos de guerras cos pobos indíxenas. Para gañarse o respecto dos poboadores adoptou medidas populistas, como a creación de alcaldes electivos que actuarían como xuíces de primeira instancia en xuízos ordinarios. Tamén regularía o xogo, que era unha causa constante de pleitos e riñas, que as máis das veces remataban en mortes.

        En 1757 cesa na gobernación para asumir a presidencia da Audiencia de Charcas (Alto Perú, actual Bolívia), cargo que desempeñaría ata 1767. Polos seus logros pacificando as revoltas locais o virrey del Perú, concédelle a potestade de designar interinamente ao seu sucesor no goberno do Tucumán, cargo que reacaería en José de Cabrera.

        O último que coñecemos da súa vida é que falecería nunha expedición por Mato Grosso (Brasil), cara a 1770.


Autor: Juan Migueles

BIBLIOGRAFÍA

Juan Francisco Pestaña Chamucero. Por: José de Guardia de Ponté. http://www.portaldesalta.gov.ar/gobernadores/pestana.html

Real Academia de la Historia. Biografías. Juan Francisco Pestaña Chamucero. Beatriz Vitar Mukdsi



sábado, 11 de enero de 2025

Pascual Ruíz Enríquez (Redondela, 28-8-1845 / Vigo, 16 -2-1924)

 

        Xornalista establecido en Vigo. Iniciouse como caixista de imprenta de La Oliva e El Miño. Este último foi dirixido durante un breve período por Murguía, a quen Pascual escribiu unha carta cando faleceu Rosalía de Castro, que é a única testemuña de que a poetisa residiu durante un tempo en Vigo. Dirixiu os xornais tamén vigueses: El Meteoro (1867), El Independiente (1885-1903) e La Lucha. Fundou o semanario satírico de corte liberal chamado El Mirlo (1872), que tan só se publicou uns meses. Redactor de Faro de Vigo (¿1876?-1881) e Heraldo de Vigo, colaborando con outros xornais como El Heraldo Gallego e La Correspondencia Gallega. A súa labor periodística levouno a xuízo en 1887 pola súa crónica de Ponteareas considerada inxuriosa por José Ramón Bugallal. En 1917 veríase sometido a un consello de guerra xunto a outros xornalista pola cobertura que fixeron das andanzas do Rabioso. Este era un mozo de Lavadores detido por un roubo que conseguira fuxir cando era trasladado para tomarlle declaración. Apresado novamente en Bouzas, sería levado arrastras polos axentes da Garda Civil a cabalo polas rúas de Vigo. Tal foi o exceso de forza empregado que desde aquel día sería o cabo da Garda Civil o que recibiría o alcume do Rabioso.

        A nivel político foi Vicesecretario do Comité Federal Republicano de Vigo en 1869.

        Compaxinou o xornalismo coa súa profesión como funcionario de Correos prestando servizo como ambulante entre Vigo e Monforte acompañando o correo no tren. Desempeñando o seu traballo resultaría ferido nas pernas nun choque entre dous trens producido na estación de Redondela en 1896, no que descarrilaron varios vagóns (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2022/02/cronicas-do-ferrocarril.html ). En 1897 sería nomeado Primeiro Interventor de Correos en Vigo e posteriormente Administrador de Correos en Valladolid, Zamora, León e finalmente Pontevedra onde se xubilou en 1910.

        Estivo casado con Amparo Verdi, quen faleceu en 1880, casando en segundas ao ano seguinte con Agripina Barros. Tivo cando menos un fillo chamado Napoleón, quen tamén exerceu de xornalista.


Autor: Juan Migueles


BIBLIOGRAFÍA

Diccionario de vigueses (1875-1945). Retazos de historia local a través de la vida de más de 1700 personajes. Gerardo Martín. Deputación Provincial de Pontevedra, 2017.

La prensa periódica viguesa en el siglo XIX. Vigo en su historia. José M.ª Álvarez Blázquez. Caja de Ahorros Municipal de Vigo, 1980.

En Galiciana-Biblioteca Digital de Galicia. Xunta de Galicia: http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es=> Vida Gallega, La Correspondencia Gallega, La Región, El Heraldo Gallego, El Independiente, Gaceta de Galicia...

Nós Diario.

La prensa viguesa es acusada de injuriar a la Guardia Civil. Jorge Lamas. La Voz de Galicia.

Rosalía sigue en la ciudad. Jorge de Blas. Faro de Vigo.