Xornalista establecido en Vigo. Iniciouse como caixista de imprenta de La Oliva e El Miño. Este último foi dirixido durante un breve período por Murguía, a quen Pascual escribiu unha carta cando faleceu Rosalía de Castro, que é a única testemuña de que a poetisa residiu durante un tempo en Vigo. Dirixiu os xornais tamén vigueses: El Meteoro (1867), El Independiente (1885-1903) e La Lucha. Fundou o semanario satírico de corte liberal chamado El Mirlo (1872), que tan só se publicou uns meses. Redactor de Faro de Vigo (¿1876?-1881) e Heraldo de Vigo, colaborando con outros xornais como El Heraldo Gallego e La Correspondencia Gallega. A súa labor periodística levouno a xuízo en 1887 pola súa crónica de Ponteareas considerada inxuriosa por José Ramón Bugallal. En 1917 veríase sometido a un consello de guerra xunto a outros xornalista pola cobertura que fixeron das andanzas do Rabioso. Este era un mozo de Lavadores detido por un roubo que conseguira fuxir cando era trasladado para tomarlle declaración. Apresado novamente en Bouzas, sería levado arrastras polos axentes da Garda Civil a cabalo polas rúas de Vigo. Tal foi o exceso de forza empregado que desde aquel día sería o cabo da Garda Civil o que recibiría o alcume do Rabioso.
A nivel político foi Vicesecretario do Comité Federal Republicano de Vigo en 1869.
Compaxinou o xornalismo coa súa profesión como funcionario de Correos prestando servizo como ambulante entre Vigo e Monforte acompañando o correo no tren. Desempeñando o seu traballo resultaría ferido nas pernas nun choque entre dous trens producido na estación de Redondela en 1896, no que descarrilaron varios vagóns (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2022/02/cronicas-do-ferrocarril.html ). En 1897 sería nomeado Primeiro Interventor de Correos en Vigo e posteriormente Administrador de Correos en Valladolid, Zamora, León e finalmente Pontevedra onde se xubilou en 1910.
Estivo casado con Amparo Verdi, quen faleceu en 1880, casando en segundas ao ano seguinte con Agripina Barros. Tivo cando menos un fillo chamado Napoleón, quen tamén exerceu de xornalista.
Autor: Juan Migueles
BIBLIOGRAFÍA
Diccionario de vigueses (1875-1945). Retazos de historia local a través de la vida de más de 1700 personajes. Gerardo Martín. Deputación Provincial de Pontevedra, 2017.
La prensa periódica viguesa en el siglo XIX. Vigo en su historia. José M.ª Álvarez Blázquez. Caja de Ahorros Municipal de Vigo, 1980.
En Galiciana-Biblioteca Digital de Galicia. Xunta de Galicia: http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es=> Vida Gallega, La Correspondencia Gallega, La Región, El Heraldo Gallego, El Independiente, Gaceta de Galicia...
Nós Diario.
La prensa viguesa es acusada de injuriar a la Guardia Civil. Jorge Lamas. La Voz de Galicia.
Rosalía sigue en la ciudad. Jorge de Blas. Faro de Vigo.
No hay comentarios:
Publicar un comentario