![]() |
Casa de Cabanas. Pedra 1. Foto: J. Migueles |
Neste apartado veremos inscricións antigas en casas e muros. Poderíamos engadir aquí a Cruz de Aviso á Súa Maxestade, en Cesantes, que xa conta co seu propio apartado (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2019/02/cruz-de-aviso-sua-maxestade-cesantes.html )
Outros apartados que completarían esta entrada serían: As marcas apotropaicas e cruces (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/11/marcas-apotropaicas-e-cruces.html ) e As marcas de canteiro (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/search?q=marcas+de+canteiro ).
A Casa de Cabanas (Trasmañó)
![]() |
Pedra2. Foto: J. Migueles, 2018 |
Un posible nome a investigar sería: Joseph Cavallero y Arines de Lago.
¿Haberá máis pedras escritas na casa? Habería que inspeccionar as demais paredes exteriores, pero tamén as interiores para o que seguramente habería que picar as paredes, algo totalmente imposible ao tratarse dunha propiedade privada.
¿De onde proceden as pedras? A frase “AVE MARÍA”, fainos pensar nunha construción de tipo relixioso. O máis lóxico sería pensar no priorato de Rande, do que xa nos deixa constancia o Catastro de Ensenada de 1752. Outro documento de 1768 o localiza no Castelo de Rande, como capela e priorato sendo atendida por un monxe de San Bernardo. Na primeira pedra aparece claramente o número 7, que podería facer referencia a unha data do século XVIII o que coincidiría coa época na que existiu o priorato. Outra construción relixiosa desaparecida e un pouco máis lonxe sería a Capela da Virxe da Encarnación, no coñecido como Alto da Encarnación, en Chapela.
Isto serían tan só hipóteses que tan só unha investigación máis profunda (realización de calcos, busca de máis inscricións, entrevistas...) podería confirmar.
A finais do 2017 o propietario comezou a picar a cal das pedras poñendo en grave perigo estas inscricións, aínda que nun principio semella que non resultaron moi danadas.
A inscrición na Casa da Alfóndega (R. Isidoro Queimaliños-Redondela)
Na fachada lateral da Rúa Isidora Queimaliños da Casa da Alfóndega casa podemos ver escritas en espello as letras “RL” xunto a un símbolo en forma de frecha. Para algúns trátase dun límite con Reboreda, xa que cando menos desde principios do s. XVII e ata 1890, esta rúa era chamada popularmente Rúa do Medio porque as casas pares dependían do cura de Reboreda e as impares a Redondela. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2021/11/de-cando-varias-ruas-de-redondela-eran.html ) Como explico no artigo anterior, ata os nosos días chegou o nome de Rúa do Medio de xeito popular, pero dado erroneamente á actual rúa Reveriano Soutullo, probablemente por chamarse así esta rúa no período da II República.
Outra teoría podería ser que fora un antigo indicador do camiño de Santiago ao seu paso por Redondela.
A inscrición da Carambola (Reboreda)
Nas súas anotacións Casto Sampedro escribiu:
Escudos:
-1 Carambola inscrición
Non teño noticias de que esta inscrición chegara ata os nosos días, pero deixo aquí constancia agardando atopar máis información.
Inscrición na Calella de Don Basilio (Redondela)
Catalogada en xaneiro de 2025 despois de ser descuberta por Telmo Crespo Tojeiro nun muro de contención. Na inscrición lese “A R” na liña superior e “D V” na inferior. Na ficha realizada polo arqueólogo Xurxo Constela, este especula coa posibilidade de que a liña superior completa poda ser “ARA” o que lle conferiría un hipotética orixe da época romana.
![]() |
Pedra na Calella de Don Basilio. Foto: J. Migueles |
Casa cunha inscrición baixo o lintel dunha xanela (Cño. do Souto-Saxamonde)
Non fun quen de ler o que pon, polo que queda pendente dun estudo en profundidade.
https://goo.gl/maps/ngTdnzxVo9jfA25P9
![]() |
Inscrición no Camiño do Souto. Foto: J. Migueles |
Virxe na Praza Constitución
Na fachada dunha casa da Praza Constitución hai unha virxe. Baixo ela, escrito en grande a palabra “LUZ”. Debaixo e nos laterais pódense apreciar máis letras, só lexibles desde o balcón.
Virxe na Praza Constitución. Foto: J. Migueles |
Algunhas inscricións de datas antigas.
É habitual ver datas nos linteis das portas das casas antigas. Algunhas destas pedras rematan sendo reutilizadas en muros. Deixamos aquí algúns exemplos como curiosidade:
Muro no Peirao da Portela
“1826”. Pedra dada volta nun muro, preto de onde estaba o posto dos carabineiros.
42.287939, -8.626384
![]() |
Data de 1826. Foto: J. Migueles |
Muro no Camiño do Souto (Saxamonde)
“ANO DE 1805”. Pedra reaproveitada nun muro.
![]() |
Data 1805. Foto: X. Couñago |
Muro no Camiño do Souto (Saxamonde)
“1767”. Pedra reaproveitada nun muro. Unha veciña comentou que pertencía a unha casa que se veu abaixo e puxeron a pedra no peche.
![]() |
Data 1767. Foto. X. Couñago. |
Autor: Juan Migueles
BIBLIOGRAFÍA
As vilas de Redondela nos tempos do Catastro de Ensenada: Xoán Miguel González Fernández. Ed. Concello de Redondela.
Deslinde parroquial de Santa María de Reboreda-Santiago de Redondela. Perito Agrónomo Industrial, Castor Míguez. 1890. Arquivo Alejandro Martínez Adán.
Arquivo Deputación de Pontevedra. MUSEO DE PONTEVEDRA. Fondo Casto Sampedro.
1752 Catastro de Ensenada de Cedeira
1768 España sagrada theatro geographico
Aportes Xosé Couñago
No hay comentarios:
Publicar un comentario