domingo, 10 de mayo de 2026

Espectáculos nas feiras: dos cegos ás cabras.

 

1986 Recreación das Coplas de cego advirtindo dos carteiristas na feira. Á esquerda Morris.

Foto cedida por Xosé González Martínez


Cantares de cegos


A mediados do século XX, aínda viñan á feira os cegos que cantaban coplas nas que narraban asasinatos cometidos noutras vilas de Galicia. Esta narración era acompañada por un cartel no que uns debuxos a modo de cómic describían os sucesos que remataban nun macabro crime. A medida que avanzaba a narración o cego cunha vara ía sinalando as diferentes viñetas, previamente memorizadas. Vendían as coplas en papel e así gañaban a vida polas feiras adiante.

Unha destas coplas contaba como uns ladróns penetran nunha casa atopándose no interior a unha criada:


...allí encuentran a la pobre de la criada.

La cogen por el pelo y la tiran por la ventana

yendo a caer a la cuadra y allí entre malos olores

a Dios “entreghó” su alma.


Non atopei a ninguén que lembrara a un cego tocando algún instrumento para acompañar os seus cantares, pero si a foto dun tocando a gaita na estación do tren. Lembremos que na nosa estación antigamente era habitual facer transbordo, polo que soia xuntarse xente agardando a chegada de trens, polo que non era mal lugar para gañar uns pesos.

 

Cego tocando a gaita na estación, anos 20. todocoleccion.net



A Cabra


Ata finais do século XX, sobreviviu outro espectáculo típico das feiras e festas, era A Cabra. Era realizado por xentes de etnia xitana que adestraban unha cabra para que realizara acrobacias ao son dunha música, que nos inicios acostumaba ser un pandeiro e co tempo pasou a realizarse o acompañamento cuns modernos teclados. O número da cabra consistía en subir a pequenos troncos de madeira e subir ao alto dunha escaleira. Un colaborador ou colaboradora encargábase de pasar a gorra entre o público para recoller as esmolas dos presentes.

 

A cabra na Praza da Constitución. Foto cedida por José Luis Rodríguez Figueroa


Autor: J. Migueles


BIBLIOGRAFÍA

Aportes M. Migueles.

No hay comentarios:

Publicar un comentario