lunes, 27 de abril de 2020

Tendeiros trampóns.

En 1926 o Concello decidiu exercer controis sobre a calidade e os prezos do leite que se vende na nosa vila. Como resultado destes controis en setembro foron multadas por adulterar o leite Peregrina González Vidal, veciña de Cesantes, e Filomena Sotelino Barral, de O Viso. A media é ben recibida pero os cidadáns demandan o mesmo control sobre a venda de carne e pan, polas moitas irregularidades que se cometían.
As autoridades deberon tomar nota porque en decembro dese ano a Xunta Provincial de Subsistencia multou en Redondela: Con 100 pesetas a Vicente Comesaña, concelleiro de Redondela, por comprobarse a falta de 100 gramos en todas as pezas de pan que se expedían no seu establecemento. Con 100 a Bernardo García, por falta de peso na carne e ademais cobrala a un prezo superior que o da taxa. Con 100 a Marcelina Queimaliños, polo mesmo que o anterior. Con 75 a Laureano Lago, por faltarlle 100 gramos en 1Kg., e 50g. en medio quilo no pan que expendía no seu establecemento. Con 75 a Dolores López, polo mesmo que o anterior. Con 50 a Emilio M. Bragado, por atoparse no seu establecemento de comestibles unha pesa de 2 kg. Á que lle faltaban 50 gramos, outra de 1 kg. con 40 gramos e outra de medio quilo con 20 gramos menos. E con 50 a Luisa Conde, por vender carne de vaca a maior prezo que o da taxa, atopando ademais o seu establecemento pouco hixiénico e cheo de morriña.
Este tipo de enganos e outros semellantes formaban parte dunha práctica xeneralizada en toda Galicia, polo que as sancións similares ás anteriores non se limitaban ao noso concello. Nos anos seguintes a situación non melloraría demasiado e continúan as multas e as peticións de maiores controis no leite, pan e carne. Como exemplo, dicir que dous anos despois, en Redondela, algúns carniceiros negábanse a vender carne para encarecer o produto, vendíase a maior prezo que o marcado pola xunta provincial de Abastos, as faltas de peso eran constantes e, o máis grave, un informe do veterinario municipal denunciaba varios casos de venda de carne en mal estado.
Ante a gravidade da situación a xunta provincial de Abastos endureceu as multas. Con 500 pesetas foron sancionados os carniceiros de Redondela: Bernardo García Figueroa, Elisa Conde Farto e Marcelina Queimaliños, por negarse a vender carne ao público, cobrala a maior prezo do da taxa e con falta de peso e tratar aos clientes con gran desconsideración.
Tamén se comeza a exercer un maior control sobre os fabricantes de conservas e, en Redondela, múltase con 25 pesetas a Enrique Avendaño Estela e Manuel Pérez Rodríguez, por negarse a facilitar datos ao Concello relacionados coa súa produción.
Autor: Juan Migueles
BIBLIOGRAFÍA
Galiciana- http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es => El pueblo gallego, El Diario de Pontevedra

Telescopios fabricados en Regojo.

Nos talleres da fábrica de camisas Regojo o profesor da facultade de dereito José Lois Estévez construíu dous telescopios. Axudáronlle na súa labor o xefe da sección de talleres, José Abal Darriba, o encargado xeneral da empresa e mecánico Juan Ipiña (coñecido por poñerlle motor á Coca) e como operarios Vidal Moreira, Andrés Fervenza, Molinos y Alonso Montes.
            O primeiro dos aparatos telescópicos, feito en 1959, tiña un reflector de 22 cm. de diámetro e foi o máis grande de España na súa época. A súa construción foi realizada na factoría téxtil Regojo pero algunhas pezas fabricáronse nos talleres Sanjurjo en Vigo.
            Entre 1962 e 1963 construíuse o segundo, Era aínda máis grande, cun reflector de 50 cm. Alcanzaba os sete metros de altura, polo que, para a súa montaxe e construción, houbo que furar o teito da nave. Logo, sería trasladado á universidade de Santiago.

Autor: Juan Migueles

BIBLIOGRAFÍA:
Recuerdos de mi vida 1990. José Regojo Rodríguez
El observatorio astronómico de la Universidad de Santiago de Compostela. Iván Fernández Pérez

Cetáceos

       

Arroaz na ría 2017. Facebook Esther Bastos
          
        

        No blog do Arquivo Municipal de Redondela, Ana Gesteira nos da conta do seguinte achado no Libro de Actas de Pleno do ano 1882: "Presentada una cuenta importante setenta y cuatro pesetas cincuenta céntimos referente a los gastos ocasionados con motivo del ballenato que apareció en la Playa del Pazo en el mes de Julio último, después de examinada la Corporación se aprobó y acordó su pago con cargo al capítulo de Imprevistos del corriente ejercicio". Nun xornal dese ano cóntase: “El ballenato que se hallaba en la playa de Cesantes ha sido llevado a remolque hasta Redondela, por haberlo comprado un vecino de esa villa”.

Buscando, buscando... non atopo máis datos de cetáceos na nosa costa ata a época máis recente:
        En xullo de 1983 un barco de pesca atopou un delfín morto na Ría, e o arrastrou ata o peirao de Cesantes.
        O 5 de febreiro de 1999 apareceu a poucos metros do peirao de Cesantes, un exemplar de quenlla, concretamente un alopias supercilious. Medía 351 cm., dos que 167 correspondían á cola.
Unha investigación sobre os delfíns publicada en 2008 pola Coordinadora para o Estudio dos Mamíferos Mariños (Cemma), indica que unha manada de entre 15 e 40 exemplares, dependendo da época de cría, soe frecuentar a costa de Moaña e Cabo Home, abundando tamén grupos na ría de Aldán. Crese que isto se debe ás peores condicións da auga e ao maior tráfico marítimo, nas costas de Vigo e Redondela. Tamén se comenta que son menos as entradas de arroaces na ría pola diminución de sardiñas e crustáceos.
        En decembro de 2011 localizouse un delfín morto na praia de Cesantes, dándose a casualidade de que ese mesmo día tamén se atopou o cadáver dunha balea preto de Vigo.
        En maio de 2016 aparece unha balea morta na Portela. Tratábase dunha cría de rorcual común (Balaenoptera physalus), un macho de 5,70 metros e uns mil quilos con poucas semanas de vida. Os exemplares adultos de esta especie poden chegar a medir ata 27 metros. Apesares de atoparnos na ruta migratoria desta especie é moi estraño que se adentren na Ría de Vigo, polo que se cría que debeu desorientarse.

Balea na Portela, maio 2016. Foto Radio Redondela
         
        En setembro dese mesmo ano, recibimos a visita dunha parella de baleas alibrancas que se pasearon entre o porto de Vigo e Rande. O maior dos exemplares medía uns 10 metros e 5 o máis pequeno.
 
Baleas alibrancas Faro de Vigo, 2016
 
         Actualmente é habitual a visita de arroaces que entran na Enseada de San Simón perseguindo aos peixes.

Autor: Juan Migueles

BIBLIOGRAFÍA

Arquivo Municipal de Redondela

La Voz de Galicia

https://tiburonesengalicia.blogspot.com.es

Masmar.Tu portal naútico en internet. http://www.masmar.com/

Faro de Vigo

En Galiciana-Biblioteca Digital de Galicia. Xunta de Galicia: http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es =>Gaceta de Galicia

 

O merlo

        O merlo de Paradela cantaba o Himno de Riego ao paso das procesións antes da II República. Foi tanta a súa popularidade que coa chegada da República, en decembro de 1932, Avelino Cal chegou a publicar un artigo comentando que a corporación se esquecera del ao poñerlle nome as rúas.

Autor: Juan Migueles

BIBLIOGRAFÍA
Redondela, crónica dun tempo pasado. A Segunda República e o primeiro franquismo. Gonzalo Amoedo e Roberto Gil. Edicións do Castro 2002.

Historias de caza

Ramón Carrera coa loba cazada en Negros. El Pueblo Gallego
 
O 27 de xaneiro de 1877 ás oito da noite, o mineiro Santiago Ubiña dirixíase a traballar na construción do túnel dos Valos cando o sorprenderon dúas luces diante súa. Pensou que se trataba dos candís dos seus compañeiros polo que seguiu avanzando ata que se decatou de que eran os ollos dun lobo. Tentou escapar pero a besta adiantábase aos seus movementos polo que decidiu enfrontarse a el. Co candil que levaba golpeou ao lobo que torceu a cabeza, aproveitando para cravarlle unha navalla. O animal ferido arremeteu contra Ubiña, que se defendía a golpes e navalladas. Os traballadores correron alarmados polos os gritos de auxilio, mais cando chegaron o lobo estaba morto e Santiago Ubiña ileso aínda que moi afectado.
En decembro de 1891, acosado por uns afeccionados á caza un xabarín refuxiouse na horta de Luciano Fernández. O notario Antonio Ferreras atinoulle cunha bala que lle esnaquizou a parte superior da boca. O xabarín fuxiu pola vía férrea sen que lle alcanzasen os disparos de Santos Lago e Eduardo Sánchez. Esgotado polo sangue perdido foi finalmente alcanzado en Trasmañó por uns labregos que o mataron a paus. Apesares de que os de Trasmañó pretendían quedarse co animal, os cazadores conseguiron facer prevalecer os seus dereitos traéndoo a Redondela, onde se repartiron a carne. Pesaba nove arrobas. Crese que este e outros xabaríns chegaron aos montes de Redondela fuxindo dunha batida que fixeron en Ponteareas.
En agosto de 1898 os xabaríns convertéranse nun problema, provocando desfeitas nos campos de millo de Cabeiro, Os Valos, Nespereira e Cepeda.
En marzo de 1900, os de xabaríns causaban desfeitas en Saxamonde polo que se formou unha partida de caza. Conseguiuse matar a un destes animais duns 60 quilos de peso preto do Mendo, entre Quintela e Louredo (Mos). Probablemente viña fuxindo daqueles montes o xabarín que poucos días despois, paseou polas rúas de Redondela causando o pánico dos veciños e internándose logo nun bosque próximo ao viaduto de Pontevedra. Saíron tras el varios cazadores sendo abatido polo señor Álvarez dun certeiro disparo. Pesaba uns 75 quilos.
En decembro de 1907 cinco cazadores que estiveron tres días no Suído (Fornelos) cobraron 83 perdices. Un deles, que ía cos de Redondela, Manuel González Fresco, de Vigo, de 65 tiros matou 62.
En decembro de 1908, en Reboreda, Narciso Míguez ao disparar cunha escopeta a un can, feriu ao seu compañeiro, Sabino Otero.
En abril de 1914 foi abatido en Padróns (Saxamonde) un xabarín que causara varios danos e que pesaba uns 70 quilos.
O párroco de Quintela Alfonso Álvarez Gil, matou en xullo de 1916 un xabarín que pesou unhas nove arrobas.
A finais de 1930, os paxaros chamados vulgarmente bicotorto común e en linguaxe técnico Loxia Curvirostra, provocaban moitas desfeitas nas árbores, polo que a Comisión provincial acordou pagar 25 céntimos por cabeza de ave. A sorpresa veu cando, o 8 de xaneiro, presentouse na deputación José Martínez, veciño de Redondela, con cen cabezas do citado paxaro.
En novembro de 1935, José Escudero, veciño de Trasmañó, sufriu unha ferida de prognóstico reservado con perda de tres dedos da man dereita. Produciuse a ferida ao disparárselle a escopeta de caza cando tiña apoiada a man no canón.
Ante os numerosos danos causados polos xabaríns, en agosto de 1938, organizouse unha batida nos límites entre Mos e Redondela. Despois de localizar unha manada, esta foi rodeada e plantouse lume na maleza. Os xabaríns saíron con tanta forza que derrubaron a varios cazadores causando a fuxida dos veciños.
A finais de 1954 unha disposición gobernamental dispón que se considere zona reservada para a caza os montes da parroquia de Cedeira. A Sociedad La Viguesa de Caza y Pesca, á que pertencían a maioría dos aficionados locais, realizaron unha solta de perdices por montes de Vigo, Chapela, Trasmañó, Cabeiro e Cedeira. A especie estaba practicamente extinguida na contorna, polo que estaba vedada a súa caza para tentar a súa implantación.
En 1962 os lobos causaron grandes prexuízos en Negros e Cedeira matando a trinta ovellas e multitude de galiñas. Esta situación levou a organización de servizos de vixilancia por parte dos veciños. A paciencia deu os seus froitos e Ramón Carrera Rodríguez, veciño de Negros, abateu unha loba de 47 quilos.
Recentemente, o 30 de novembro de 2017, seis xabaríns chegaron ao casco urbano de Redondela. Asustados ao ser perseguidos por un grupo de curiosos, saltaron dende o adro da igrexa á rúa Figueiral. Por mor da gran altura que existe un deles faleceu.

Autor: Juan Migueles

BIBLIOGRAFÍA
Galiciana- http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es => El pueblo gallego, El Diario de Santiago, Gaceta de Galicia Diario de Santiago, El Diario de Pontevedra, La idea moderna, El Correo de Galicia

Pescas abraiantes

       

1960_anos Praia Arealonga - Foto cedida por EnriqueComesaña
        O peixe máis grande que se ten capturado en Redondela é o congro. A continuación enumero algunhas boas pescas:
        En xullo de 1959, no peirao da conserveira JOB, na Regasenda, Amador Pérez Sousa pescaría un congro de 11'5 quilos. En 1965 o mesmo pescador, en Rande capturaría outra peza de 11 quilos e 1’45 m. de lonxitude.
        En xullo de 1964 Genaro Alonso Bouzón pescou nun peirao de Rande dous congros, un dos cales era case da súa altura e superaba os dez quilos. Ao pouco tempo o propietario do bar “D’o Canario” de Rande, informa de que un veciño seu, Francisco Cabaleiro Couto “Campicho”, pescara un congro de vinte quilos. Este pescador afeccionado tiña realizadas as súas boas capturas, pero nunca unha desta envergadura.

1965 Amador co congro de Octavio Rotea. Foto: Gene-La Noche
    
1964 Genaro Alonso Foto Fotsca










   
       En 1965, sería o cura de Vilavella, Octavio Rotea, o que pescaría un congro de 1'90m. e 21'5 quilos, novamente no peirao da Conserveira JOB, na Regasenda. Este peixe sería exposto no Pardiñeiro polo propietario da imprenta Amador.
       En novembro de 1987, Laureano González Pereira pescaría en Rande un congro de 41'5 kg e case dous metros e medio.
Laureano González Pereira-Foto: Grobas-Faro de Vigo

Soto e Ángel na Portela. Facebook Aurora Soto

Milucho, Andrés e Mingos. Foto cedida por Irene Sobral a Obradoiro Fernando Monroy
       En febreiro do 2012, pulverizan aos anteriores, os submarinistas redondeláns Paulino Toucedo Otero e Juan Figueroa Couñago que pescan en Alcabre (Vigo), un congro de 2’35 metros e 57 quilos de peso.

2012 Paulino Toucedo e Juan Figueroa. Faro de Vigo
          Sirvan estes datos, como mostra das espectaculares capturas deste peixe que se teñen dado na nosa vila. Sen dúbida houbo moitas que quedan no tinteiro. As vellas fotos dan conta dalgunhas máis.
Pero as grandes capturas non se limitan aos congros. En maio de 1984, o veciño de Redondela, Melchor Vidal Novoa, pescou un salmón de 7'8 kg. no río Verduxo, concretamente no Pozo do Inferno (Soutomaior). Para conseguilo tivo que loitar máis dunha hora e ata se lle rompeu a cana.

Autor: Juan Migueles

BIBLIOGRAFÍA
Galiciana- http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es => El pueblo gallego
La Voz de Galicia

domingo, 26 de abril de 2020

O Mono Paco


O mono Paco Foto:Interviu
           En 1990 un mariñeiro cedeulle unha parella de monos ó concello de Redondela. Construíronse para eles unhas gaiolas na Alameda xunto ós columpios dos nenos. Eran individuais, coa súa caseta personalizada e todo. Os seus nomes Paco e Coco. O pouco tempo Coco faleceu. As causas non se esclareceron pero os máis maliciosos da vila dicían que fora asasinada por Cocó, porque o nome do mono non lle facía moita gracia. (Hai xente con moi mala uva.) Fora como fora o caso e que Paco quedou só.
           Se xa era difícil soportar vivir sen unha compañeira, vivir sen un amigo converteuse nun inferno para Paco. Empezou a comportarse dun xeito estraño e acabou por caer no vicio de Onán. Isto foi o principio do fin.
Descoñecemos se os nenos que estaban no parque nese momento sofreron algún tipo de secuela psicolóxica. Pero o que si sabemos e que os pais puxeron o grito no ceo e queixáronse ó concello. Pronto os medios de comunicación fixeron pública a noticia. Isto abriu un debate na vila. ¿Que facer co mono? Algúns querían matalo, outros poñerlle unha medalla, as feministas manifestábanse diante da gaiola...
Nestas estabamos, cando apareceu o que faltaba. Leri, o máis carismático concelleiro vigués, rompendo unha lanza polo pobre Paco. Pero foi, nese xusto momento, cando a masturbación deixou de satisfacer ós seus baixos instintos. Tocou fondo. Caeu o máis baixo que pode caer un mono. Tentou violar a unha pomba. Sí, non é unha errata de impresión. O suceso chegou a aparecer nos canais de televisión nacionais.
Antonio Nieto "Leri" co mono. Foto: Faro de Vigo

           Todo o mundo andaba exasperado menos un. Leri atopou a solución. O mono foi trasladado ó zoolóxico da Madroa. Alí déronlle unha gaiola máis grande e, o máis importante, púxose a súa disposición tres monas coas que desafogarse.
           Xa respiraba Redondela tranquila. Algúns ata envexaban a boa sorte de Paco. Pero, de pronto, chegou a traxedia. Un desalmado lanzáralle comida cun imperdible no interior. O mono, confiado como era, morrera dun desgarro estomacal. Isto polo menos foi a versión oficial, mais algúns redondeláns, aínda hoxe, preferimos pensar que Paco morreu de exceso de desfrute coas tres monas.
Tan grande foi a pena na que se sumiu a vila, que o enterro da sardiña foi substituído polo enterro do mono Paco. Como curiosidade, dicir que o primeiro ano que se fixo, foi organizado de xeito tan caótico que, en lugar de mono, na caixa ía un león de peluche.
Ós tres ou catro anos, este pobo desagradecido esqueceuse de todo. Volveu a celebrarse o enterro da sardiña e Paco morreu por segunda vez. Mais estas verbas servirán para que reviva. E o mono, que paseou o nome de Redondela por toda España, volverá a ter o seu lugar na historia da vila dos viadutos. ¡Larga vida ó mono Paco!
Antes de morrer, a semente de Paco deu os seus froitos. Se visitades o Vigozoo, na gaiola dos monos, seguro que vedes algún dos seus descendentes mirando de esguello ás pombas.

Autor: Juan Migueles

BIBLIOGRAFÍA: