martes, 9 de junio de 2020

Orquestras e murgas. Historia da música de Redondela.

Actuación de acordeonistas nas festas da Peneda, 1920. Foto: Jaime Solá- Vida Gallega
 
Nas festas celebradas no concello de Redondela veñen actuando orquestras dende finais do s. XIX. Por desgraza, os xornais da época na maioría dos casos non facían máis que referirse a eles como unha orquestra sen dar máis datos.
Para Javier Castro, presidente da Asociación Musical de Murgas Tradicionales (AMUN): La murga se formó cuando al caixeiro, al bombista y al gaiteiro se unió el clarinete, ya que debido a sus características permite interpretar piezas musicales de gran rapidez, como la gaita. Fue el complemento perfecto de la gaita. Con estos cuatro instrumentos nace la murga. Posteriormente se añadieron el saxofón y acordeón”.
Podemos por tanto considerar que estes primeiros pequenos conxuntos serían murgas e serían similares aos grupos de gaitas, diferenciándose no tipo de temas interpretados. Anos despois apareceran nos programas das festas tan só charangas. A súa evolución, con maior número de instrumentos, daría lugar a aparición das orquestras.


Os Inicios

As primeiros datos que atopo fan referencia a formacións de dous ou tres músicos, se ben é certo que, no caso do acordeón, un só músico era suficiente para amenizar unha festa.

Como exemplo, a finais do s. XIX soia tocar na festa de San Bernardo, en Cedeira, a música dirixida por José María que tocaba o clarinete, acompañado por “Doctor” de Cabeiro, que tocaba bombo e platillos, e Parada de Negros, que tocaba o tambor. Interpretaban temas como: “No me mates”, “Entré niña en tu cuarto” ou “Adonde vas hermosa del pelo teñido

En novembro de 1910 regresou de Panamá despois de 4 anos o frautista Bernardino Oliver.

Nestes anos un instrumento moi popular era o acordeón, xa que pola súa sonoridade un só músico podía amenizar o baile dunha festa. Ata o de agora atopei os seguintes acordeonistas:

En outubro de 1910 foi denunciado polo cabo de gardas, Valentín Gradín, daquela alcalde de barrio de Rande, por tocar o acordeón nun baile que se celebrou sen permiso na taberna de Prudencio Barcia Pení en Rande.

Nunha reportaxe da festa da Peneda (O Viso) de 1920 uns acordeonistas son os que aparecen tocando.

Unha nova de maio de 1927 cóntanos que a Festa do Traballo en Cabral fora amenizada por unha orquestra dirixida polo afamado acordeonista de Chapela, Gumersindo Castro.

Xanote foi un famoso acordeonista que amenizaba as festas do Viso nos anos 30-40 do século pasado.

Estes modestos músicos ás veces recibían unha pequena homenaxe en forma de copla. Un exemplo o atopamos nun número do xornal Tramancazos do ano 1924:

Eres grande, Manoel insigne

cando tocas o cornetín

si soplas en Ventosela

oiyese hasta en Pekín.

 

Acordeón e saxo nunha festa do Viso ArquivoTerra Meiga
 
Orquestras
A mediados do século XX é cando comezamos a atopar datos de redondeláns integrando orquestras similares ás de hoxe en día.

Alejo Amoedo, pai do pianista Alejo Amoedo Portela, foi trompetista da Banda de Música de Cabeiro e da Banda Municipal de Redondela, e posteriormente tocou a trompeta e o trombón nas orquestras “Los Rítmicos” e “Gran Casino”.

Foto cedida por Alicia Garrido. Obradoiro de Estudos Locais Fernando Monroy    
Alejo Amoedo con Los Ritmicos, de Porriño. Foto cedida por Alejo Amoedo Portela
 
 Precisamente o primeiro mestre de solfexo de Alejo Amoedo Portela sería Amador Pérez Zabaleta. Tocaba o acordeón entre outros instrumentos. Alá polos anos 50 e 60 do pasado século, percorreu países como Grecia, Líbano, Exipto, Somalia ou Israel con diversas orquestras, entre outras formou parte da “Orquesta Florida” de Pontevedra. A pesares de nacer en Saxamonde, non sería ata 1965 cando se anunciou a súa primeira actuación na nosa vila no I Festival SAR. 
 
Amador Zabaleta, músico. Foto El Pueblo Gallego, 1965
 

Por aqueles anos tamén actuou na "Orquesta Florida" Luis Medal de Cesantes. Da mesma parroquia tamén era Joaquín Migueles “Llan” que cantaba na orquestra de Pontevedra “Los chicos del Jazz” e o seu irmán Antonio Migueles “Llan II” que facía o propio na orquestra Blues Star”. Nesta época tamén tocaba o saxofón e o clarinete, na orquestra de Paredes “Los Hermanos Lorenzo”, Germán “o do Pájaro Pinto”, quen tamén era saxofonista na Banda de Cabeiro e que logo tocaría na de Redondela. A principios dos 50 Arturo Beloso Pardellas, actuaría coa “Orquesta Montes”, despois rexentaría unha barbería na rúa Padre Crespo. Outros cantantes redondeláns eran: Babito, Paulino Álvarez “Rascallu” e Berto “O Largo”, de Reboreda. 

 

Luis Medal e Llan coa Orquestra Florida, ano 1953. Foto cedida por Luís Medal (fillo)-Obradoiro Fernando Monroy
 
Nos 60 actuaba a orquestra de Redondela Nuevos Ritmos e ademais empezaron a xurdir en Redondela pequenos grupos que actuaban nas salas de baile e nas festas tocando os temas de moda, unha delas era a Orquesta Denis..
Nas Festas da Coca de 1965 e 1968 actuou “Radio Internacional TV”, de Vigo, da que formaba parte Argimiro “Mirito” Fuentes, que ao ano seguinte cantaba na “Cortegada”, de Vilagarcía.
           Outro vocalista desta época era Celso Santos Lorenzo, natural de Arcade e residente en Redondela. Deuse a coñecer en 1960 con “Estrellas del Jazz”, logo cantaría na orquestra “Gran Casino” e, en 1970, pasaría a formar parte do grupo “Los Supremos”, de Redondela. Anos despois converteríase en director da Coral Santiago Apostol, de Redondela, e da Banda de Música de Arcade.
 
Santos, "Estrellas del Jazz" Foto: El Pueblo Gallego
 
Los Supremos Foto cedida por Celso Santos Iglesias

No Nadal do 72, actúa nun festival benéfico a orquestra New Orleans, de Redondela.
A finais dos 70 e principios dos 80, Xesús Cameselle Ben cantaría en orquestras como Ángela Reyes y Mariachi Alegrías de Méjico ou Aramio.

No centro Xesús C. Ben  voz da Orquestra Aramio a inicios dos 80´s. Foto: X. Ben
 
Nos anos 80 na mencionada "Orquesta Florida" tocou os teclados Alejo Amoedo.
Case todas estas orquestras con compoñentes redondeláns soían ser contratados para as festas da Coca. A continuación citarei a outras agrupacións desta época que participaron nas distintas festas do noso concello e dos que descoñezo se tiñan algún integrante da nosa vila: Orquesta X (Pontevedra), Orquesta Poceiro, Orquesta Montes (Pontevedra, grupo no que cantaba Suso Vaamonde), Brasil, Sintonía (Nigrán), Arosa, Miami...
 
Orquestra Florida en 1985 Foto: Alejo Amoedo

Dende aquela son moitos os redondeláns que teñen formado parte de orquestras. Por exemplo a Orquestra Paraíso sempre contou nas súas filas con varios redondeláns como o seu cantante Manolo.
Outro músico sería Severino Fervenza, quen formou parte de Menta y Limón, Menta, Citanis, Sexta Avenida, Marimba (da que foi propietario), Saudade 73, Tropicana...
 
Citania no Novo Olimpia, 1982. Foto: Seve Fervenza

Para finalizar destacar a dous músicos pola súa longa traxectoria en importantes orquestras:
Jose Antonio Blas Piñón, vocalista da famosa Orquestra París de Noia dende 1981. Iniciouse na música con 15 anos nos grupos de folk de Redondela: Nuntios e Vento Norte. Con este último participaría no concurso de TVE Gente Joven. Despois tocaria en solitario coa súa guitarra por pubs e festivais ata entrar na Paris de Noia.
 
J. A. Blas Piñón vocalista de París de Noia Foto Xoán A. Soler-La Voz de Galicia
 
Sito Muíños, gaiteiro  e teclista que formou parte de varias orquestras: Menta, Menta y Limón, Citania, Oro Negro, Charol, Camara e Orquestra Pao. Dende 1997 toca os teclados (e tamén guitarra e baixo) no Grupo América. Tamén pertence a sección de gaitas da orquestra folk Son de Seu, de Vigo, e sigue formándose en instrumentos tradicionais na E-trad desta mesma cidade. 
 
Sito Muíños Facebook
 
         Actualmente contamos con dous tríos musicais: 3.com e Pentágono.



Murgas

        Como no caso dos gaiteiros é difícil atopar datos antigos das murgas porque nos programas das festas non se soian citar nin os nomes das mesmas. Citar que para as festas da Coca de 1909 foi contratada unha murga de Carballino e tres anos despois unha de Domaio e outra de Pazos de Borbén. Xa en 1930 actúan as murgas de Salceda e Coiro.
          Das de Redondela destacar a:

Os Quintelas
          Esta murga fundouse no 1954 é mantívose en activo ata 1980, no 2005 volverían a reagruparse despois dun parón de máis de 20 anos.
Primeira formación: Julio (tocando o saxo) e Generoso (daquela a caixa), na compaña dos veciños de Quintela: Luis (gaita), Manuel (saxo), Xosé (bombo) e Carlos (clarinete).
Formación no 2008: Xesús (organizador e bombo), Julio (saxo tenor), Raúl (saxo alto), Generoso (batería), Antonio (clarinete e saxo), Javi Castro (acordeón e órgano) e Xaquín “Xocas” (clarinete e gaita).
        Outros compoñentes: Carlos "O Roxo", Ramón "Presley", Morantes, Manuel, Ernesto, Suso Ben...     
        A Asociación Musical de Murgas Tradicionais (AMUMT) elexiunos mellor agrupación no 2007.
 
Os Quinteles. Foto: Faro de Vigo, 2008.


Fanfarria Takicardia
Formación con algún compoñente de Redondela. Son habituais no Festival Internacional de Títeres.
 
Fanfarria Takicardia nosTiteres 2016. Foto: Adriana L. Ríos


Autor: Juan Migueles

BIBLIOGRAFÍA
Aportes Alejo Amoedo Portela e Jose Luis Cofán.
Galiciana => El Pueblo Gallego, El Correo de Galicia
La Voz de Galicia






jueves, 4 de junio de 2020

Música Clásica. Historia da Música de Redondela.

A principios do S. XX a posibilidade de ter unha formación musical, como a universitaria, tan só estaba ao alcance das familias acomodadas. En 1917 nos exames de ensino libre da Escola de Música da Sociedade Económica de Amigos do País, incorporada ao Conservatorio Nacional aprobaron con sobresaínte 1º e 2º curso de piano, as señoritas Isabel Míguez e Carmen Contreras, de Redondela.
Ademais da referencia fundamental que foi en Redondela Reveriano Soutullo outros músicos destacados serían:

Marcos Sotomayor
Pianista, foi un gran promotor da música na nosa vila. Unha mostra disto e que dirixiu a Rondalla Armonía e animaba co seu piano os bailes e os entreactos das funcións teatrais na nosa vila a principios do s. XX.

Jesús Padín Lorenzo
         Aparece nun censo de actividades de 1910 como mestre de música.

Manuel Soto
         A única noticia que atopo é cando en xuño de 1925 na Sociedade Agraria do Viso ofrece un festival o seu grupo de teatro, actuando o seu paisano, Manuel Soto, violinista procedente do conservatorio D'andrea, de Buenos Aires, que foi acompañado ao piano polo profesor de música do Colegio de P. P. Jesuítas, de Vigo, José Iglesias.

Virgilio González
         En 1948 participa como acordeonista nun concurso organizado pola Radio Pontevedra, interpretando o pasodobre “Puenteareas” e o intermedio “La leyenda del beso”. Noutra noticia de 1962, aparece como pianista acompañando na igrexa de Vilavella a un afinado coro nos exercicios relixiosos do “Mes de María”.

Na actualidade, en Redondela contamos con tres prestixiosos pianistas:

Alejo Amoedo (piano) (Redondela, 1966)
Estudou nos conservatorios de Pontevedra, Santiago y Vigo, acadando altas cualificacións nas carreiras de piano, solfexo, repentización, acompañamento e música de cámara. Baixo a dirección de Miguel Zanetti (catedrático da escola superior de canto de Madrid) especializouse no acompañamento vocal.
Alejo Amoedo galiciantunes.com
Foi profesor titular no conservatorio de Porriño, impartiu clases no colexio H. Quiroga da mesma localidade e exerceu de pianista acompañante nos conservatorios estatales profesionais de Pontevedra e Vigo, onde desempeñou respectivamente os cargos de secretario académico e vice-director.
Foi becado pola Xunta de Galicia como pianista no “1º programa de práctica orquestal”, convocada polo Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais.
Foi galardoado co “Premio Círculo 2004” na modalidade de música concedido polo Circulo Recreativo y Cultural de Porriño.
Como dúo de pianos xunto a Carlos Pérez acadou: primeira medalla “finalistas” no Concours Musical de France na disciplina de piano a catro mans celebrada en Girona e posteriormente o segundo premio na final celebrada en París; Diploma de honra no Torneo Internacionale di Musica en Zaragoza.
Actualmente exerce como pianista acompañante no Conservatorio Superior de Música de Vigo, sendo xefe de departamento de piano acompañante, e na Escola Superior de Música e das Artes do Espectáculo de Porto (Portugal) na aula do tubista Eduardo Nogueroles.
Entre os seus traballos discográficos máis recentes destacan o triplo C.D. Antoloxía de Compositores Galegos gravado co clarinetista Asterio Leiva; os realizados xunto ao trompetista Rubén Simeó titulados Virtuosismo Barroco e Fantasy Trumpet e o máis recente acompañando á mezzosoprano Iria Cuevas, titulado Mélodies.
A todo isto habería que engadir a súa faceta de estudoso e coleccionista de partituras, libros e fotos de músicos galegos.

Alberto Vilas
Alberto Vilas. Foto: Facebook
          Alberto Vilas formouse como pianista no Conservatorio de Vigo. Comezou a súa andaina en grupos de rock de Redondela. É un dos membros máis antigos do cuarteto de tango Tangata. co que gravou varios discos. Tamén publicaría “Escenas Latinas” (2001) co tubista Eduardo Nogueroles.
          Adentrouse no Jazz da man do pianista Manuel Gutiérrez para continuar logo formándose no Seminario Permanente de Jazz de Pontevedra con Paco Charlín e Abe Rábade. Logo sería becado para estudiar no Workshop “Tavira en Jazz“ no Algarve Portugués. Recibiu formación de músicos como: Perico Sambeat, Miguel Zenón, Jaleel Shaw, Marcus Strickland, Donald Edwards, Walter Smith III, Jonh O¨Gallagher, Alán Ferver, Russ Lossing, Aruán Ortiz,Jonathan Kreisberg, Ambrose Akinmushire, Jonathan Blake, Brannen Temple, Jesús Santandreu, Carlos Barreto, Filipe Melo, Joao Moreira, Mike Moreno, E.J.Strickland, Josh Ginsburg, Lage Lung, Demian Cabaud, Guim G. Balasch, Pablo Martín, Arturo Serra, Logan Richardson, Sam Harris, Tommy Crane, Greg Ruggiero,Taylor Eigsty e Joe Sanders entre outros.
         Compartiu escenario con músicos da talla de Bobby Martínez, Marc Ayza, Nuno Ferreira, Ramón Cardo, Carlos Martín ou Chris Kase e participou no Canjazz 2010 xunto a Marc Ayza, Vicente Macián, Virxilio da Silva e Juyma Estevez.
         Na cuarta edición do Nigrán Jazz presentou os seus propios temas con Alberto Vilas Quinteto. Con esta formación percorreu practicamente todos os grandes festivais de Jazz da Galiza.
Na actualidade é profesor de piano e pianista acompañante do departamento de Canto, Violonchelo, Contrabaixo, Banda e Orquestra no Conservatorio Profesional de Música “Manuel Quiroga“ de Pontevedra logo de ter exercido o seu labor profesional como docente nos Conservatorios de Lugo e no Superior de Vigo.
Finalista en varias ocasións do premio Martín Códax e gañador no 2017 polo seu traballo "Universo Lem".
No 2019 presenta un novo proxecto, Circus, compartindo escenario con Noli Torres (batería) e José Manuel Díaz (contrabaixo).
Tamén compuxo e interpretou a música de varios documentais ademais de participar en numerosos proxectos como o cd “Alegría“ de Sergio Tannus, “Deserto de centos“ de Sonia Lebedinsky, “Cantos da Ialma“ de Xulio Lorenzo, “Chapeu” de Tatán ou Maa Fumaça.

Noemí Salomón (Redondela, 1990)
Noemí Salomón Facebook
         Profesora de piano e repertorista na Sociedade Musical e o Conservatorio de Guimaräes e na Escola Profissiona de Música, de Viana do Castelo. Pianista co grado superior de interpretación Musical-Piano do Conservatorio Superior de música de Vigo e Máster en Interpretación musical da Universidade Alfonso X el Sabio de Madrid. Completou a súa formación con Josep Colom- titular da Cátedra dos Cursos U. I. de Música en Compostela-, Albert Atenelle, Paul Badura Skoda o Boris Berman e asistiu aos Cursos de la Sommer Akademie, do Conservatorio del Mozarteum Salzburg e aos de Clavicologne Int. Piano Festival, de Alemania, con Pavel Gililov, Siegfried Mauser, Andreas Fröhlinch, Yuri Demidenko, Arkadi Zenziper o Jacques Rouvier.
          Foi pianista acompañante de canto na Fundación Ana María Iriarte, participou no Concurso Internacional María Herrero (Granada) e Spanish Composers-CIPCE (Madrid 2015).
Ten actuado fóra das nosas fronteiras en países como Alemania ou Austria.
En 2016, acadou a Mención de Honra dos Premios Excelencia Musical Mans Futuro, o que lle permitiu a gravación do rexistro adicado a obras de Beethoven e Ravel.
No 2019 gravou xunto á soprano Anais Fernández un tripla CD para piano e voz homenaxe ao compositor Fernández Vide.


Conservatorios e Escolas de Música
 
Conservatorio Victor Ureña / Escola de Música de Redondela
A inauguración na casa do antigo Concello do Conservatorio Municipal de Redondela, nos anos 90, permitiu que se impartiran os estudos musicais (principiante e medio) na nosa vila. No 2004 trasladouse á Avenida de Santa Mariña. Recibe o nome de Víctor Ureña na honra de quen fora director da Banda de Música de Redondela na década dos 50 e que, xa nos 90, colaborou con esta institución. Recentemente creouse como alternativa aos estudos do conservatorio a Escola de Música de Redondela.

Orquestra de Saxos de Redondela
Nace en 1996 da man de Elisa Arias Trigo, mestra do Conservatorio de Redondela. Agrupa a mozos e mozas entre os 8 e 27 anos.
Discografía:
Sempre Crescendo (1996)
Re-swing-dondela (2001)
En Sax-Simón (2012)
Camiña don Saxo (2015)
Redondela (2017)
A Orquestra de Saxos de Redondela nos seus inicios. Foto cedida por Pablo Álvarez.

Escola de Música de Chapela
Fundada o 7 de setembro de 1991 por Alejandro Bastos Fernández, dentro da Asociación Cultural e Social de Chapela. Da súa actividade xurdiron a Banda de Música de Chapela e varios grupos de música e baile tradicional.


EMMBA (Escuela de Música Moderna & Bellas Artes)
Escola de música privada que abriu as súas portas en Redondela en 2017.

Autor: Juan Migueles

BIBLIOGRAFÍA
Aportes Fernando Casas, Alejo Amoedo
En Galiciana-Biblioteca Digital de Galicia. Xunta de Galicia: http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es => Ciudad, El Pueblo Gallego, Gaceta de Galicia
El Correo Gallego
Faro de Vigo

Máis información:




lunes, 1 de junio de 2020

Orfeóns, corais e rondallas. Historia da Música de Redondela.

1922 Orfeón Redondelano no Pazo de Petán. 
Redondela. Crónica gráfica dun pasado recente. María A. Leboreiro Amaro.
 
 
 
Orfeóns.
Primeiros Orfeóns.
En 1880 xa existían orfeóns en Galicia. Neste ano, como veremos máis adiante no apartado adicado aos Ranchos de Reis, recóllese a noticia de orfeóns de Moaña, Cangas, Marín e Redondela que van cantar os Reis a Vigo.
A nivel individual en febreiro de 1883 atopamos unha noticia na que aparece Jacinto Mos Figueroa: "Varios escolares de Santiago organizaron unha masa coral e despois de vencer algunhas dificultades se constituiu baixo a dirección do avantaxado artísta Jesús García. Nomeouse ademáis a xunta directiva: presidente, Néstor Pardo; vicepresidente, Jacinto Mos Figueroa; secretario, Manuel Valdegama; tesoreiro, José Louzao"
En agosto de 1891 estase a organizar unha masa coral en Redondela para participar nun certame en Vigo. A seguinte noticia, en marzo de 1892, danos conta da creación dun orfeón dirixido por José Sánchez, que percorreu as rúas durante o entroido. En maio dese ano fálase da idea de crear un orfeón para actuar na festa da Coca.
En setembro de 1895 un grupo de afeccionados atopábase ensaiando para dar unha función a beneficio da virxe dos Dores en Redondela. En outubro de 1897 estase a formar un orfeón composto por trinta voces e dirixido por Marcos Sotomayor. En xuño de 1899, trátase novamente de fundar unha masa coral de trinta voces, dirixida esta vez polo señor Patiño.

Orfeón Redondelano.
En 1906 o Orfeón Redondelano actúa nas festas da Coca. Ao ano seguinte anúnciase que o orfeón pasará a formar parte dunha nova sociedade, probablemente o Centro Científico Deportivo, que sería fundado en 1908.
En 1915 era dirixido por Manuel Martínez González, coadxutor de Redondela.

Orfeón Infantil
En 1912 organízase un orfeón infantil dirixido por Marcos Sotomayor, que interpretaría cantigas galegas na Festa da Confraría do Señor de Vilavella, cumpríndose os desexos de José Fernández López emigrante en América.


Orfeón Redondelano (do Círculo Recreativo de Arte e Cultura)
En decembro de 1921 o mesmo sacerdote Manuel Martínez González e o procurador Generoso Muíños atópanse organizando un festival para recadar fondos para o “Aguinaldo del soldado”. Celebraríase no Círculo Recreativo e actuaría o cadro de declamación e un novo orfeón dirixido polo propio Manuel Martínez, novamente baixo o nome de Orfeón Redondelano. En 1922 rende homenaxe ao seu presidente honorífico, Avelino Giráldez, interpretando varias cancións galegas, entre elas Os teus ollos de Chané, ademais de outras composicións como El regreso a la patria, de Monasterio, ou Barcarola de Varela Silvari.
En xullo, durante as Festas da Coca, este orfeón integrado por 80 voces mixtas interpretaba varios motetes e a Marcha de las Ruínas de Atenas, de Beethoven.Ese mesmo mes nomea xunta directiva: Presidente honorario, Avelino Giráldez; director-presidente, Manuel Martínez González; vicepresidente, Generoso Muíños Arines; secretario, Hermenegildo Casal Campo; vice-secretario, Manuel Pena Lamas; tesoreiro, José Orge Esteiro; vice-tesoreiro, Ramón Barros Calvo; vocais: Tomás Fernández Valverde, Argentino Varela Gradín e José Fernández González.
En setembro, actúa co cadro de declamación en Mondariz Balneario, interpretando o Himno Galego, Primaveira, Os teus ollos, Regreso a la patria, Boga barquilla mía e Veira do mar. En novembro cantan na misa celebrada durante a festa de San Andrés en Cedeira. Disolveuse en xaneiro de 1923 por un intento de darlle un carácter diferente.

Orfeón ¿de don Rufino?
En 1925 atopo referencias deste orfeón dirixido polo coadxutor de Redondela, Rufino Fernández, e Fernández Menéndez.

Orfeón Veira d’o Mar.
O mesmo sacerdote, Rufino Fernández, forma un novo orfeón que actúa por primeira vez na noite de fin de ano de 1928, dando serenatas a Saturno Cal Muíños, Avelino Giráldez Pazó e a Buenhijo Pérez Sobrino. En abril de 1929 esta agrupación organízase, redactando un regulamento, nomeando unha xunta directiva e tomando o nome de Orfeón Veira d’o Mar. En outubro de 1929 participa nunha homenaxe a Reveriano Soutullo en Ponteareas. Non podía ser doutro xeito, xa que o nome do orfeón é tomado dunha obra deste compositor. Días despois homenaxea ao seu director polo seu traslado a Vigo. A finais de mes, actúan no salón do extinto Círculo Mercantil, interpretando entre outras "Veira d'o Mar", na que son dirixidos polo propio Reveriano Soutullo. En febreiro de 1930, este orfeón atópase organizando un cadro de declamación.
 
Orfeón Veira d'o Mar, 1929. Fao de Vigo


Corais

A mestra Araceli Otero Sestelo (Redondela, 1910/1951) colaborou na Coral Polifónica de Pontevedra, cantando xunto a Castelao e Bóveda.
A coral mixta Froles Mareliñas (Chapela) foi fundada en 1957 dentro da obra sindical de Educación y Descanso e ese mesmo ano xa actuou nas Festas da Coca. En febreiro de 1959 inaugura novo local social, sendo daquela dirixido por Juan García Irradia. O delegado provincial de Sindicatos asistiu ao acto, que foi apadriñado polo presidente da agrupación, Alfonso Santos e Fita Costas. En marzo de 1961, cando se presenta o Grupo de Danza Regional Froles Mareliñas, o coro xa desaparecera.
En febreiro de 1959 comeza a ensaiar unha nova masa coral en Redondela dirixida polo señor Buján.
A Coral Santiago Apóstol de Redondela foi fundada en 1972. Nos inicios desta formación encargábanse da parte musical o director, Celso Santos Lorenzo, e o párroco Jesús Hermida Villar.
Pouco despois, en 1973, formouse a Coral Frol Nova, de Chapela. 
 
Coral Polifónica Santiago Apóstol cara a 1975. Foto cedida por Celso Santos
 
En 1980, naceu Corazón Joven, de Cesantes, composta por unha ducia de voces e dirixida por Jesús Salomón Alonso. Ensaiaban nun local cedido polo párroco Francisco Alvite. Celebraron moitas actuacións por diferente vilas galegas, desaparecendo a finais dos anos 80.
Corazón Joven. Cesantes 1982. Arquivo Alfonso Conde
 
Posteriormente irían xurdindo: Coral Alvedosa (do Clube de Xubilados de Redondela), Coral O Piñeiral (Chapela), Coral Pedra Blanca (Cesantes), Coral San Esteban (Negros, 1996), Coral do C. C. de Trasmañó, Coral Airiños da Peneda (O Viso) e Coral Ondas do Mar de Vigo, de Cesantes. En decembro do 2012 preséntase a Coral A Raíña, do Centro Cultural de Cedeira.
 
Coral Alvedosa 2009. Faro de Vigo

Coral Frol Nova. Foto: www.chapela.org

Coral o Piñeiral do Creg.o Foto: Asc.Cultural de Chapela

Coral Ondas do Mar de Vigo, 2015. Foto: Jose Antonio Sánchez

Coral San Esteban 2014 Facebook Coral San Esteban


Coral a Raíña, 2019. Foto: Carlos Cortés Queimaliños
 
As Rondallas

A primeira referencia que atopo en Redondela é en marzo de 1896 cando nun banquete de benvida ao Xeneral Rubín, actuaron dúas bandas de música e unha rondalla. É posible que se trate da Rondalla do Centro Científico Deportivo que xa existía a principios do s. XX.
En marzo de 1910 fórmase a Rondalla Armonía dirixida polo mestre Marcos Sotomayor, no seu primeiro pasarrúas visitaron á súa presidenta María Amoedo, ao alcalde Avelino Giráldez, ao párroco Bernardino Couñago e ao rexistrador da propiedade Fermín Díaz.
 En decembro de 1923 o Goberno Militar de Vigo autoriza a Francisco Lago, de Redondela, e outros para montar una rondalla.
En marzo de 1932 a Rondalla Los Calaveras, dirixida polo señor Lino Muíños, adícalle unha serenata ao señor Blanco e a súa esposa Aurora Soutullo que ían marchar a Montevideo. O 6 de novembro de 1932 o Partido Galeguista de Redondela inaugura o seu novo local. Logo dos discursos de, entre outros, Castelao e Paz Andrade, volveu a actuar a Rondalla Los Calaveras que interpretaron o Himno Galego e A Internacional. En 1934 despois de triunfar na radio, participa na homenaxe celebrada no teatro García Barbón de Vigo na honra de Reveriano Soutullo. A principios dos anos 40, aínda co mesmo director, actuaba nos entreactos das actuación do cadro de declamación de Organizaciones Juveniles de Falange, cantando composicións de Reveriano Soutullo e García de Cote.
 
Posible Rondalla "LosCalaveras". Foto cedida por Carmen Rodríguez
 
Rondalla de Educación y Descanso. Debutou co cadro de declamación no vran de 1942 na Sala Parque. Pouco despois, en xaneiro de 1944, deu un concerto para Radio Pontevedra, interpretando obras de Reveriano Soutullo e García de Cote. En 1952 participa nunha velada teatral organizada para recadar fondos para a Festa da Coca.
En decembro de 1951 a Rondalla de Frente de Juventudes actúa nun festival a prol do Auxilio Social, con motivo da festividade de Reis.

En 1962 a Rondalla do Albergue do SEU en Rande actúa ante o Gobernador Civil: interpretando varias cancións e pasarrúas”.

Outra iniciativa sería en 1965 coa Rondalla SAR do clube deportivo de mesmo nome.

 


Os Ranchos de Reis.
Na zona sur da provincia de Pontevedra, as rondallas conservan a súa propia tradición de cantos de Nadal. Ademais de en Redondela consérvanse noutros concellos como Vigo, Mos, Porriño e Ponteareas. En Lugo e en Ourense hai outras agrupacións con este nome, pero son diferentes. Estes grupos, que noutros tempos contaban con ata trinta membros e que na actualidade poden congregar máis de oitenta participantes, executan, con instrumentos tradicionais, pezas do folclore coma muiñeiros, fandangos ou pasodobres e, ultimamente, tamén pezas actuais. O tradicional era que os Ranchos pasaran a noite de Reis percorrendo rúas e camiños ata ben entrado o día, sendo agasallados polos veciños con comida, bebida e, se había sorte, algunha moeda.
Nalgún traballo coméntase que en 1920 xa están rexistradas, pero nun artigo do Faro de Vigo de 1880 coméntase que van cantar os reis á cidade olívica orfeóns de Moaña, Cangas, Marín e Redondela. Os grupos non debían estar moi afinados porque se ofrece "Un año de suscrición gratis al Faro si alguno de Vds. coge al oído la letra que cantan."
Unha noticia do Nadal de 1925 danos conta dunha destas rondallas, neste caso do Viso: "A xuventude de ámbolos dous sexos do lugar do Cadaval celebrou unha festa campestre co recadado a víspera de Reis. A chuvia desluciu o festival que foi amenizado por unha sección da música de Arcade." Ao ano seguinte, na mesma parroquia "Os xóvenes da Sociedade de Agricultores do Viso que se adicaron a obsequiar coa interpretación de bonitos villancicos, foron moi agasallados na casa do prestixioso veciño de Cesantes, don Constantino Sequeiros, quen entregou ao coro 100 pesetas. Con todo o reunido celebraráse unha festa".
A mediados do século XX a Redondela acudían rondallas de case todas as parroquias: O Viso, Cabeiro, Vilar, Saxamonde ou Cesantes. Esta última actuaba sempre preto da Capela de Santa Mariña. Tamén acudían rondallas de fóra da vila, unha delas era a de Louredo (Mos). Entre as antigas estaba a comparsas de “Caldeireiro”, célebre personaxe de Rande que viña acompañado de todos os seus fillos e fillas. Outro personaxe popular era “Chupajuevos” que tamén animaba os Reis coas súas rondallas.
 
 
 
Rancho de Reis de Cesantes e Soutoxusto, 1958. Foto cedida por Carlos López-Obradoiro Fernando Monroy

 
Rondalla de Saxamonde, 1972. Foto: Eugenio Lueiro Urtaza

Nos 80-90 crearíanse novas rondallas como a Rondalla do Centro Recreativo de Cedeira, chegando a haber catro rondallas no noso concello: chegou a haber catro rondallas Cedeira, Vilar de Infesta, Saxamonde e Ventosela (desaparecida en 2003).

Co cambio de século as rondallas van a menos no noso Concello, pero as de Saxamondee Reboreda seguían a manter viva esta tradición.

Cando, menos desde 2015 a única que actuaría polas rúas de Redondela sería o Bando de Reis Airiños da Peneda, do Viso, agrupación folklórica fundada en 2006, e que se presentaba á celebración do Día de Reis na busca de financiamento. O 6 de xaneiro de 2025 preséntase a Rondalla de San Martiño de Ventosela.

 
 
Rondalla de Cedeira, anos 80-90. Facebook Lobo Solidario.
Bando de Reis Airiños da Peneda Foto Terra Meiga

As Panxoliñas.
É complicado atopar referencias ao canto de panxoliñas no Nadal. Ata o de agora a primeira noticia é do Nadal de 1959, cando varios grupos animaron Redondela, destacando o conxunto de nenas da escola de Ventosela cantando panxoliñas dirixidos pola súa mestra Paulina Sánchez Otero.
Durante os 80 rexistrarían unha gran entrada os concursos de panxoliñas organizados polo Centro Recreativo Cultural de Redondela.

Comparsas de Entroido.

           Nas primeiras Ordenanzas Municipais da Vila das que se teñen constancia, 1852, aparecen os seguintes artigos:
Artículo15º. Estando prohibidas las máscaras y los disfraces, únicamente se podrán usar en los casos y en la forma en que se sirva conceder su permiso el Sr. Gobernador de la provincia como única autoridad competente al efecto; aún en este caso se prohibe el uso de vestiduras sacerdotales y hábitos de las extinguidas órdenes religiosas, juntamente con trajes e insignias militares usados en el día.
Artículo 16º. Ninguna persona disfrazada podrá llevar armas de ninguna especie; y solamente la autoridad y sus delegados podrán mandarle quitar la mascarilla en el caso que no hubiese guardado el decoro correspondiente y hubiese causado cualquier disgusto en el público.

A principios do século XX, as diferentes sociedades da vila organizaban bailes de entroido, pero nas rúas non había tanta animación. Así por exemplo, en 1910 tan só houbo en Redondela tres comparsas: unha de Porriño que cantou diante do Concello, outra que levaba entre outros instrumentos tres bombos e unha formada por nenas.
Em 1916, unha noticia daba conta de que: "La comparsa titulada "La Capa Española", que fue una de las notas más sobresalientes del Carnaval callejero de Vigo, irá el domingo próximo a Redondela. Hoy irá una comisión de "La Capa Española" a Redondela para nombrar allí presidenta honraria de la agrupación."
Estas festas nunca foron do agrado da igrexa católica polo que en 1922 fíxose público que: “O domingo, luns e martes de entroido expúsose nas igrexas desta vila a S. D. M., para desagraviar ao Señor das ofensas que contra El se cometen nestes días de loucura”.
En 1923 unha noticia danos conta de que: "O martes recorreu as rúas unha comparsa de Porriño chamada "Pierrots y Colombinas". Outra noticia de 1923: "El domingo recorrió las calles una comparsa compuesta por diez individuos, titulada "Los Segadores", entonando con bastante afinación algunos cantos de corte regional."
Despois do golpe militar de Primo de Rivera o entroido de 1924 non se celebrou na rúa pero os bailes do Casino, Círculo, Redondela F. C. e Sociedade de Mariñeiros estiveron moi animados. A festa seguiu restrinxíndose aos locais das sociedades. Habería que agardar a 1928 para que o Círculo Mercantil sacara de novo o entroido á rúa.
En 1932 saíron variadas e boas comparsas destacándose Los locos cantores.
En 1935 destaca unha nova comparsa infantil chamada Los Piratillos Viaducticos dirixida por Pepito Bernárdez. Trala Gerra Civil prohibiuse que a xente se disfrazara pero, cando menos en Redondela, a xente seguiuno a facer. As forzas do orde tiveron que ceder ante as tradicións do pobo, mais cando alguén saía da casa coa cara tapada deseguida aparecían os gardas para quitarlle a máscara.
Ademais das citadas anteriormente, outras comparsas famosas en Redondela serían: Los Angelitos, Los Estudiantes, Las Madamas, Los Peperetes, Los Postineros... Todas elas cantaban cancións, algo parecido ao que se segue a facer en Cádiz.
Durante a década dos oitenta tentouse recuperar a tradición de cantar e durante varioa anos as comparsas, despois de desfilar polas rúas da nosa vila, subían a un escenario na praza da Constitución a interpretar as súas coplas o domingo e o martes, no que se daban os premios. Actuaba como presentador e gran animador das festas, Xirelo, sempre disfrazado de muller, daquela algo pouco usual.

Entre todas as comparsas citadas cabe destacar a unha á que lle quedou pequeno o entroido e chegou a actuar noutras datas:
Agrupación Artística de Redondela.
Fundada en 1933 ano destacou no entroido redondelán, sendo invitados a actuar en Vigo. A finais dese ano xa contaba con preto de 50 compoñentes, chegando máis tarde a 64. En febreiro de 1934 actuaron en Ponteareas seguíndolle Pontevedra, Marín, Tui e O Porriño. O inicio da Guerra Civil levaría a disolver a rondalla.
 
1933 Agrupación Artística- Arquivo J.A .Xesteira
En 1952, Félix Fernández e o músico Lino Muíños conseguiron re-fundar a Agrupación Artística Redondelana. Esta rondalla tocaba no entroido coros a catro voces, pasodobres, fox-trot... Cantaban tanto en castelán como en galego, algo meritorio dada a situación política naqueles anos. Volveron ás vilas nas que actuaran nos anos trinta, viaxando tamén a Ourense, Ponferrada, Ribadavia... Apesares de ter unha axenda tan completa a agrupación desaparecería en 1954.


1953 Agrupación Artística Redondelana Arquivo Alejo Amoedo cedida pola familia de Lino Muiños
 
Outras agrupacións e coros históricos.
Arpegios.
          Sociedade fundada en abril do 1932 adicada ao fomento da música e o canto. En xuño dese mesmo ano esta agrupación deleitou ao pobo de Redondela cunhas serenatas que sorprenderon polo seu amplo repertorio e a súa afinación. Ao ano seguinte tamén actuaría nas festas da Coca pero case sempre as súas actuacións consistían en serenatas ás mozas ou a familiares. Contaba cun local nos Eidos. Varios dos seus compoñentes como Félix Fernández, pasarían logo a formar parte de Agrupación Artística de Redondela.

Los Choqueiros, Último Cuplé e Trío Carrascal.
          Coros de Redondela que en 1957 actuaron en Radio Vigo. Poucos días despois Los Choqueiros e Trío Carrascal celebraron un concerto no Sanatorio Rebullón.
 
1957 Los Choqueiros, Trío Carrascal e Último Cuplé. Foto cedida por RoSMontero

Outras agrupacións e coros actuais.

AMURON (Asociación Musical Ronsel)
Grupo de Vigo con algún músico de Redondela. Tocan versións entre outros de: Víctor Jara, Fuxan os Ventos, Carlos Cano, Víctor Manuel...
Formación: José Ramón (voz, percusión), Francisco (voz, guitarra), Julio (voz, guitarra), Juan (voz, contrabaixo), Rubén (voz, percusión), Carlos (percusión, bandurria), José Carlos (bandurria, mandolina, violín), Carlos (bandurria), Emilio (laúde, catro), Miguel (laúde, requinto) e Alejandro (teclado, percusión, laúde)

Estudio Lírico.
Grupo de canto formado en Chapela e que no 2013 pasa a formar parte da Asociación Cultural e Social de Chapela.

Rondalla de Redondela
No 2010 presentouse no festival Meixón Music a Rondalla de Redondela, coa intención de recuperar as antigas cantigas da vila, principalmente da Agrupación Artística Redondelana. Trátase dun grupo de voces acompañado por bandurrias.
Discografía:
-...de toda a vida.
- Cantares 1953-54.
 
Rondalla de Redondela. Meixón Music 2010. Arquivo J.A .Xesteira


Autor: Juan Migueles

BIBLIOGRAFÍA
Redondela. Crónica gráfica dun pasado recente. María A. Leboreiro Amaro.
En Galiciana-Biblioteca Digital de Galicia. Xunta de Galicia: http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es => El Áncora (Pontevedra), Almanaque Gallego (Bos Aires), El regional diario de Lugo, El Correo de Galicia (Bos Aires), La correspondencia gallega (Pontevedra), El Diario de Pontevedra, El Eco de Galicia, Ecos del Distrito, Gaceta de Galicia (Santiago), Heraldo Gallego, Hoja Oficial del Lunes (Vigo), La Idea, La Idea Modernaa (Lugo), El Lucense, Marín, La Noche (Vigo), El Noticiero de Vigo, El Progreso (Pontevedra), El Pueblo Gallego, El Regional (Lugo), La voz de la verdad, El ideal gallego, La Integridad diario católico (Tui), Nova Galicia
La Voz de Galicia.