sábado, 12 de diciembre de 2020

Empresas de Alimentación

 

Ademais dos produtos de mar e as gaseosas, que vimos nos seus apartados correspondentes, houbo máis empresas alimentarias en Redondela. Estas son algunhas delas:

Convento de Vilavella, 1913. Vida Gallega
Convento de Vilavella, 1913. Vida Gallega

Fábrica de doces do Convento de Vilavella (Vilavella)

As monxas de Vilavella elaboraban deliciosos doces: cabelo de anxo, toronja, noces... En 1603 o Concello de Pontevedra encarga á superiora Inés Avalle Mariño uns pasteis para agasallar ó Arcebispo Maximiliano de Austria de visita nesa cidade.

En 1857 o seu doce de froitas en caldo de azucre é premiado na Exposición de produtos agrícolas de Madrid. Ese mesmo ano os seus doces tamén son premiado na Exposición Agrícola de Pontevedra. 



Cabelo de anxo, "espejuelo" e "naranjillo" elaborados por Geles Crespo seguindo as receitas das monxas.

 

En 1867 representaron a España na Exposición Universal de París con: doce de froitas en caldo de azucre, de azar, laranxa, naranjillo, cabelo de anxo e noz. O prezo era de 0’5 a libra e consumíanse máis no estranxeiro que en España. Nesta ocasión serán acompañadas polas redondelá Petronila Rodríguez Criado que participa cos seus propios doces, no seu caso o prezo era o mesmo e o consumo dalgunha consideración tanto no interior coma no exterior.

Na exposición rexional celebrada en Santiago en 1875 presentaron: naranjas, limoncillos, flor de azahar, cabello y cidra en almíbar. Na Exposición Rexional de Lugo de 1877 recibiron unha medalla presentando: Barriles almíbar de limoncillo, precio 3'5 pesetas; idem, de naranjilla, 3'25 id.; Idem flor de azahar, de nuez, de cabello y e toronja, 3 id. Naqueles tempos tamén tiña moito éxito o doce de caldo de azucre que en 1895 comeza a levar un selo de garantía para evitar as imitacións que se vendían na nosa vila. Por estes anos a fama dos doces estendeuse por España e cruzou fronteiras, aparecendo nos menús das celebracións das colonias galegas en Buenos Aires e La Habana.

A principios do s. XX estes doces eran envasados en pequenos barrís de madeira por Manolito Barral e Camilo “de Vilavella”.


Doces de Petronila Rodríguez Criado

Como dixemos no apartado adicado aos doces do Convento de Vilavella, en 1867, Petronila Rodríguez Criado tamén representou a España na Exposición Universal de París con: doces, limoncillo, toronja, mazá, naranjillo, cabelo de anxo e noz.


Primeira empresa no Convento de Vilavella

Tralo abandono do convento en 1932, foi arrendado a José Regojo, Florencio Soto e José Docampo que o empregaron para elaborar un doce de froitas seguindo a tradición das monxas, pero a empresa non duraría moito.


Fábrica de Marmelo-El Convento (A Rabadeira-Cedeira)

Pequena fábrica de marmelo establecida nunha casa alugada a Purita Zendón na Rabadeira (Cedeira) durante os anos 40-50. Foi constituída por dous socios, un de Vigo apelidado Reboredo e o outro de Redondela, Segismundo Pérez.


Envoltorio das Pastillas de café cedido por Tatán
Envoltorio das Pastillas de café cedido por Tatán.

Pastillas de Café y Leche Sucesora de Antonia Córdoba.

Negocio familiar situado na Praza Ribadavia no primeiro piso do edificio que hai xunto á Casa da Torre. En 1925 era rexentado por Melitón Sanmartín. Esta empresa chegou a ser representativo de Redondela, porque cando o tren chegaba á nosa estación o primeiro que escoitaban os viaxeiros era ao vendedor ofertando estes caramelos.


Comercial Lechera Gallega 1962 Foto Manuel Martínez Docampo
Comercial Lechera Gallega 1962. Foto Manuel Martínez Docampo

Comercial Lechera Gallega S. L. (despois Ilsa-Frigo).

Estaba situada na actual rúa Ernestina Otero. Recollía o leite de pequenos produtores para a súa distribución, chegando a vendela en Madrid.

Nas súas instalacións a inicios dos 50 xa estaba a empresa de xeados Ilsa-Frigo á que abastecía de leite. Pechou as súas portas a finais dos 70, trasladándose Ilsa-Frigo a Cesantes ata a perda da concesión das herdeiras de Gonzalo Muíños no 2013. A nova empresa distribuidora establecería a súa base loxística no parque empresarial de Amoedo.



Refinería del Noroeste Aceites y Grasas S. A. (Vigo e Redondela)

Empresa envolta en 1972 no “caso Reace”. Dende principios dos anos 60 tiña parte das súas instalacións en A Portela, na nave coñecida como “A Fedora” polo cheiro que botaba. A súa historia foi levada ao cine na película Redondela. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2021/01/redondela-pelicula.html )


Botella de aceite REACE 1 litro. todocoleccion.net
Botella de aceite REACE 1 litro. todocoleccion.net

Autor: Juan Migueles


BIBLIOGRAFÍA

Apuntamentos sobre o mosteiro de Vilavella (Redondela). Amado González Cardama. Separata de estudios provinciais Nº15/2000 – ISSN: 0211-5530

Arredor de nós. Historia da Policía Local 1863-2003. Gonzalo Amoedo López e Roberto Gil Moure. 2003

Galeguismo e sociedade na Redondela da Segunda República. Lois Barros. Edicións do Castro

Redondela, crónica dun tempo pasado. A Segunda República e o primeiro franquismo. Gonzalo Amoedo e Roberto Gil. Edicións do Castro 2002.

Aportes: Gonzalo Amoedo, Manuel Migueles, Matilde Fernández, Nanato Lago Amoedo e Jesús Queimaliños.

Arquivo do Concello de Redondela: Matrícula Industrial: 1885-86, 1886-87,1887-88, 1889-90, 1890-91, 1891-92, 1892-93, 1893-94, 1899-1900, 1893-94, 1896-97, 1897-98, 1898-99, 1899-1900, 1900-1914.

ABC: http://www.abc.es/hemeroteca

El Correo Gallego: http://www.elcorreogallego.es/index.php?idMenu=130

Vigometropolitano: http://www.vigometropolitano.com/

La Vanguardia (dende 1881): www.lavanguardia.es/hemeroteca

El País: www.elpais.com

El Noroeste (Hemeroteca)

http://www.csbg.net/

www.hemerotecadigital.bne.es

Anuario del comercio, de la industria, de la magistratura y de la administración: 1879-1884, Revista de geografía comercial...

BOE > www.boe.es

www.mcu.es:=> Varios xornais

Galiciana-Biblioteca Digital de Galicia. Xunta de Galicia: http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es => La Integridad, El Pueblo Gallego, Hoja Oficial del Lunes, El Progreso, El Lucense, La Correspondencia Gallega, Gaceta de Galicia, Diario de Galicia, La Noche, Vida Gallega...

jueves, 10 de diciembre de 2020

Serradoiros

 

Serradoiro en Rande.  Redondela. Crónica gráfica dun pasado recente. María A. Leboreiro Amaro.
Serradoiro en Rande.

Redondela. Crónica gráfica dun pasado recente. María A. Leboreiro Amaro.


 

        Iniciamos este apartado coa foto dun serradoiro do que ata o de agora non atopei máis información que a súa localización en Rande, que é o único dato que nos ofrece o libro na que foi publicada.

        Algunhas referencias a serradoiros de principios do século XX serían: 

        En xaneiro de 1902 concédese autorización a Manuel Pereira, para aproveitar ata 2.000 litros de auga por segundo do río Louro e empregala como motor nunha serra mecánica e nun muíño fariñeiro emprazados na parroquia de Saxamonde.

        Nun anuario de 1908 aparece no apartado Madeiras, Almacenes Florencio Rivas.

        Noutro censo de actividades de 1910 recóllense dous serradoiros: Padín e Hijos e Pereira y Lago; ademais do almacén de madeiras Priegne y Emnes.

          Outras noticias antigas que atopo: En maio de 1910 volvía a poñerse en funcionamento un serradoiro nunha propiedade de Fermín Alfaya, próxima á estación do ferrocarril. En 1917 no apartado Madeiras cítase a: Antonio Denis, Antonio Oliveira e Prudencio Rivas, pero tan só se recolle o serradoiro de Manuel Pereira Míguez, en Saxamonde, que en febreiro do ano seguinte sofre un incendio, ardendo varias dependencias.

Noutro censo de 1925 aparece o almacén de madeiras de Alejandro Lago e os serradoiros de Manuel Pereira e o de Vega y Lago.

 Atopamos unha foto datada en 1929, que aparece en un anuncio de Crespo y Compañía.

todocoleccion.net

 

Em 1932 o número de serradoiros sube a 3: Jesús Martín Táboas, Claudio Rodríguez Mouriño e José Táboas Carreira.

En abril de 1933, outro incendio, esta vez nun serradoiro preto da estación, provoca perdas por valor de 20.000 pesetas. Era propiedade de Rodolfo Alonso Lamberty e estaba arrendado a Avelino González.

Serrería Luis Iglesias, 1944. El Pueblo Gallego
Serrería Luis Iglesias, 1944. El Pueblo Gallego

            Nos anos 40, en Redondela, Manuel Rodríguez de la Peña S. L. anunciábase como exportador de madeiras do país de todas as clases. En 1944 Luis Iglesias posuía un serradoiro en Chapela. En 1948 Enrique García Gómez, con serradoiros en Puxeiros, Mos e Redondela. En 1950 atopo os anuncios de Gonzalo A. Prieto, propietario dun serradoiro en Redondela, con central en Vigo. 

Enrique García Gómez. Festas da Coca, 1948
Enrique García Gómez. Festas da Coca, 1948

 

A importancia destas empresas na nosa vila queda patente se temos en conta que na década dos 60 podemos contabilizar, cando menos, os seguintes serradoiros en Redondela, algúns dos cales seguen traballando na actualidade:

Maderas Casas (Saxamonde)

Empresa propiedade de Constante Rodríguez Barciela, en Saxamonde. En 1961 tiña mercado en Levante e Canarias. Aínda continúa activa (2023).

Maderas Casas, 1961. El Pueblo Gallego
Maderas Casas, 1961. El Pueblo Gallego
 

Fábrica de maderas A. Cardona (Chapela)

Estaba situada na praia dos Penedos, en Laredo (Chapela). Os troncos de piñeiro eran transportados flotando polo mar ata un peirao pechado de onde eran sacados cunha grúa. Logo eran cortados en táboas para ser empregadas nos encofrados. Arredor de 1960 pasou a chamarse Maderas Chapela S. L. e seguiría mantendo a sede en Chapela pero trasladaría o serradoiro a Arcade (Soutomaior). Contaba con dúas naves unha era o serradoiro, que estaba preto de mar e a outra era empregada como almacén e estaba preto da vía do tren. O serradoiro quedaría en desuso e anos despois no solar construiríase o CEIP Laredo.

A.  Cardona, 1956. El Pueblo Gallego
A.  Cardona, 1956. El Pueblo Gallego

 
Fábrica de Cardona en 1966. Foto cedida por Enrique Comesaña

Maderas Chapela S. L. El Pueblo Gallego
Maderas Chapela S. L. El Pueblo Gallego


Peirao de Cardona. Foto: J. Migueles

 

Serrerías Amoedo (Cedeira)

Propiedade de Manuel Amoedo Pérez “Manolicho”. A principios dos anos 60 xa era moi coñecido na construción naval de toda a Ría de Vigo.

 

Serrerías Amoedo, 1966. La Noche
Serrerías Amoedo, 1966. La Noche

 

Maderas Juan Pazos Barciela

Coñecida popularmente polo alcume do dono, “a de Palanca Brava”, preto do campo de fútbol de Santa Mariña. Actualmente continúa en activo (2023).

 

Juan Pazos Barciela, 1968. Festas da Coca
Juan Pazos Barciela, 1968. Festas da Coca

Aserradero de Víctor García Gómez

Situado preto da estación cando menos dende principios dos anos 50. Especializado en táboas para a construción e o envase. Sufriu un incendio en 1963.

 

Fábrica de Aserrar Maderas López.

Na Estación cara a 1966. O seu propietario chamábase Víctor.

Maderas López,1968. Festas da Coca

 

Serrerías Vulcano (Reboreda)

En Reboreda, onde anos despois os irmáns Virulegio construíron unha nave para vender maquinaria agrícola. Nesta nave abriría andando o tempo unha discoteca e máis tarde un supermercado. Estaba vinculada á Factorías Vulcano, empresa de construción naval propiedade de Enrique Lorenzo, que estaba casado con María (Maruja) Feijoo Alfaya, dona do pazo de Pousadouro. Solicitouse a súa apertura en xaneiro de 1943 e mantívose en funcionamento ata mediados dos 70.

Serrerías Vulcano, 1961 El Pueblo Gallego
Serrerías Vulcano, 1961 El Pueblo Gallego

 

          

            

Serra de Farrucacho.

Na rúa Ernestina Otero, aínda en pé (2020). O seu segundo propietario foi Domingo Fernández Domínguez (Farrucacho). Este modesto serradoiro estivo en funcionamento ata 1987. 

 

Domingo Fernández, 1961. El Pueblo Gallego
Domingo Fernández, 1961. El Pueblo Gallego

 

Serradoiro de Jesús do Pazo.

En Soutoxusto (O Viso).

 

Maderas Calvo.

Na Xunqueira, propiedade de Manuel Calvo Vázquez. Nos 60 aparece como representante de Romusa, empresa de portas e madeiras con sede en Vigo, para Redondela e a súa comarca. 

Manuel Calvo, 1968. Festas da Coca
Manuel Calvo, 1968. Festas da Coca

 


Autor: Juan Migueles


BIBLIOGRAFÍA

Arredor de nós. Historia da Policía Local 1863-2003. Gonzalo Amoedo López e Roberto Gil Moure. 2003

Galeguismo e sociedade na Redondela da Segunda República. Lois Barros. Edicións do Castro

Redondela, crónica dun tempo pasado. A Segunda República e o primeiro franquismo. Gonzalo Amoedo e Roberto Gil. Edicións do Castro 2002.

Aportes: Gonzalo Amoedo, Manuel Migueles, Matilde Fernández, Nanato Lago Amoedo, Alén Nós e Jesús Queimaliños.

Arquitectura Industrial en Vigo. Proyecto COAG/Vigo. Patrimonio Arquitectónico Moderno y Contemporáneo en Galicia. Iria Sobrino Fagilde

Arquivo do Concello de Redondela: Matrícula Industrial: 1885-86, 1886-87,1887-88, 1889-90, 1890-91, 1891-92, 1892-93, 1893-94, 1899-1900, 1893-94, 1896-97, 1897-98, 1898-99, 1899-1900, 1900-1914.

ABC: http://www.abc.es/hemeroteca

El Correo Gallego: http://www.elcorreogallego.es/index.php?idMenu=130

La Vanguardia (dende 1881): www.lavanguardia.es/hemeroteca

El País: www.elpais.com

El Noroeste (Hemeroteca)

http://www.csbg.net/

www.hemerotecadigital.bne.es

Anuario del comercio, de la industria, de la magistratura y de la administración: 1879-1884, Revista de geografía comercial...

BOE > www.boe.es

www.mcu.es:=> Varios xornais

Galiciana-Biblioteca Digital de Galicia. Xunta de Galicia: http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es => La Integridad, El Pueblo Gallego, Hoja Oficial del Lunes, El Progreso, El Lucense, La Correspondencia Gallega, Gaceta de Galicia, Diario de Galicia, La Noche, Vida Gallega...

La Idea 

Programa Festas da Coca. Varios anos.

Aportes Enrique Comesaña

 

 

miércoles, 9 de diciembre de 2020

Fábricas de Xabóns

 

Fábrica de Jabones de Isidro Bujones

Na Matrícula Industrial de 1885 consta Isidro Bujones Gándara como propietario dunha fábrica de xabóns na rúa Alfonso XII.


Anuncio fábrica de xabóns. El Pueblo Gallego
Anuncio 1937. El Pueblo Gallego

Fábrica de Jabones el Diamante.

Propiedade de José Lago Araújo nos anos 30. A empresa continuaría tralo seu falecemento dirixida pola súa viúva nos 50. A fábrica estaba na rúa General Rubín e despois construiría un almacén na actual Avenida Mendiño. Esta última edificación sería dividida en dúas partes polos seus herdeiros, abrindo unha delas como discoteca, co nome “La Fábrica”, nos anos 80 do pasado século.

 

Anuncio fábrica de xabóns. El Pueblo Gallego
Anuncio. El Pueblo Gallego

Fábrica de Jabones Sáa y Ramonet.

Propiedade dos que foran empregados de José Lago. Situada no Adro nos anos 50, comercializaba o "Jabón Coca lava bien la ropa" e a lixivia Mariposa.


Anuncio 1936. RAIG
Anuncio 1936. RAIG

Industrias Erguira

           Coñecida como a de Biseredo, alcume do seu dono. Comezou sendo unha fábrica de camisas e boinas nos anos 30, baixo o nome Manufacturas Erguira. Nos anos 40 e 50, troca o nome por Industrias Erguira. Propiedade de Jacinto Fernández Araújo e reconvertida en fábrica de xabóns, barrís e envases en xeral. A fábrica estaba situada en Santa Mariña (a carón do Miramar) e os almacéns na actual Praza Constitución.

Industrias Erguira. Programa Festas da Coca
Anuncio. Programa Festas da Coca

Autor: Juan Migueles


BIBLIOGRAFÍA

Programas das Festas da Coca. Varios anos.

Arquivo do Concello de Redondela: Matrícula Industrial: 1885-86, 1886-87,1887-88, 1889-90, 1890-91, 1891-92, 1892-93, 1893-94, 1899-1900, 1893-94, 1896-97, 1897-98, 1898-99, 1899-1900, 1900-1914.

www.hemerotecadigital.bne.es

Anuario del comercio, de la industria, de la magistratura y de la administración: 1879-1884, Revista de geografía comercial...

Galiciana-Biblioteca Digital de Galicia. Xunta de Galicia: http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es => La Integridad, El Pueblo Gallego, Hoja Oficial del Lunes, El Progreso, El Lucense, La Correspondencia Gallega, Gaceta de Galicia, Diario de Galicia, La Noche, Vida Gallega...

Aportes Félix Cal.

 

 

lunes, 7 de diciembre de 2020

Industrias químicas e metalúrxicas

 

Antigas instalacións da Compañía Azufrera del Noroeste  no ano 93. Foto IPAIVC
Antigas instalacións da Compañía Azufrera del Noroeste no ano 1993. Foto IPAIVC

Compañía Azufrera del Noroeste (Rande-Cedeira).

En 1920 anúnciase que debido ás facilidades dadas por “Vidriera Gallega”, lindando cos seus terreos establecerase en breve unha empresa do sector químico que fabricaría xofre, sulfato de cobre, abonos químicos e outros produtos dirixidos á agricultura. Por R. O. en febreiro de 1928 autorízase a Amador Fontaíña á construír un peirao e un muro de ribeira. Entre outras novas que atopo desta empresa, en outubro de 1932, varios obreiros foron despedidos o que provocou graves incidentes. O 8-8-1934, sendo director Sergio Álvarez, morren dous obreiros e outros dous resultan feridos nun incendio. Un deles chamábase Avelino Couñago que deixou muller e 5 fillos. Outros moitos traballadores desta empresa tamén morrerían por mor da silicose. Popularmente era coñecida como A Azufrera e estaba situada nos terreos que hoxe ocupa a empresa Grupo Vieira, anteriormente Vieira S.A, e tan só se conserva algunha pequena edificación.

Anuncio do xofre de Rande. Galicia, 1925


Fernández Colmeiro (A Portela-Cedeira).

Adicábase á fabricación de arame. Comezou a produción en Vigo pero repetidas verteduras á praia de Samil obrigou ao seu traslado a Cedeira (Redondela), nos terreos ocupados posteriormente pola empresa de automoción Inerga, que trocaría o nome por Peguform e, posteriormente, Plastic Omnium. No noso concello continuaron as verteduras ao mar, chegándose a indemnizar ás mulleres que lavaban a roupa no Río da Plateira porque aparecían queimadas, e tamén as súas emisións á atmosfera, desgastándose as baldosas das casas veciñas polos ácidos. Estes feitos obrigaron á corporación municipal a clausurala en 1976. O seu maior problema era que trataba o ferro con procedementos químicos para eliminar o óxido, en lugar de empregar o proceso menos contaminante de lanzar area a presión.

A principios dos 80 a empresa entra en decadencia o que desemboca no peche dos traballadores nas instalacións en xaneiro de 1984, reclamando os salarios endebedados. Durante este ano sucederíanse as manifestacións, folgas e peches ata chegar a decembro, mes no que José Angel Fernández Colmeiro, director xerente, lanza o seu coche contra un grupo de manifestantes, ferindo a dous dos seus traballadores. Logo virían dúas sentenzas favorables aos traballadores unha, en xullo de 1985, recoñecendo o dereito a dous empregados a ser candidatos a ser enlaces sindicais apesares de ser despedidos un pouco antes e outra, en xaneiro de 1986, absolvendo a cinco traballadores acusados de desordes públicos. Esta empresa que dera emprego a máis de cen traballadores, rondaba agora os oitenta e o seu peche sería outro golpe para moitas familias de Redondela nunha década na que se engadía á perda de emprego provocada pola quebra de Regojo.


IME nos seus anos de funcionamento. Foto Pacheco.
IME S. A. nos seus anos de funcionamento. Foto Pacheco.

IME S. A. – Industria Metalífera Española (Punta Socorro-A Portela-Cedeira)

En Punta Socorro, Carlos E. Gunche Rodríguez, enxeñeiro de orixe arxentina construíu as instalacións de Electro Metalúrgica Galega, fundada en 1920 e que entrou en funcionamento en abril de 1921, anunciándose como: “a primeira da súa clase en España en empregar novísimos procedementos”. Crear unha industria deste tipo nunha zona mariñeira tivo as súas complicacións, unha delas foi establecer unha liña de 15.000 voltios para subministro eléctrico.

Na 2ª metade dos anos 30 a empresa trocou o seu nome polo de Fundición Santa Elena e en 1946 polo de Industria Metalífera Española (IME S. A.), con Carlos Gunche presidindo o consello de administración e o seu fillo Raúl Carlos Arturo Gunche López (alcalde de Redondela en 1943) como director xerente. Neste primeiro ano contaba cun capital de dous millóns de pesetas. Era unha fundición que producía e recuperaba chumbo, estaño... Contaba con concesións mineiras na zona de Avión e tamén mercaba mineral da zona do Barbanza, Salamanca e Murcia. A empresa tamén dispuña dun galeón para o transporte por mar dos seus produtos. Chegou a dar emprego a preto de 200 persoas. Pechou en 1951, volvendo a traballar cun só forno entre 1952 e decembro de 1956, momento en que é declarada en quebra.

IME S. A. Nave do estaño. Foto Pacheco
IME S. A. Nave do estaño. Foto Pacheco

 
            Curiosidade: Despois da Guerra Civil, nenos da vila buscaban na chatarra que chegaba á fabrica vellos xoguetes como soldados de chumbo. Nunha destas, atoparon balas e non se lles ocorreu outra cousa que botalas ó lume para ver si estoupaban. Por sorte non houbo ninguén ferido. A partires daquel suceso a Garda Civil controlou as descargas de material para impedir que os rapaces se achegaran.

            Nos anos 90 as instalacións convertéronse nun complexo residencial. Parte da fábrica foi derruída para construír un chalé, dúas piscinas e unha pista de tenis.

IME S. A. Anuncio. Revista de Industrias Conserveras 1950
IME S. A. Anuncio. Revista de Industrias Conserveras 1950

 

 

Anuncio de Refimetal de 1956

Refimetal (Cesantes e Reboreda)

Propiedade de Ramón María Raigada Cueto nos anos 50 e 60. Fundición e refinería de metais non férreos . Adicada á recuperación de estaño e chumbo da folla de lata procedente dos desfeitos industriais. Tiña a fábrica e oficinas en Reboreda, aínda que chegou a ter tamén instalacións en Cesantes. Pechou a finais dos anos 60 ou principios dos 70. A planta de Reboreda despois de décadas abandonada sería rehabilitada en 2020 para instalar nela a súa farmacia Soledad González Silva.

Refimetal, aspecto actual. Foto Tu Guia Online
Refimetal, aspecto actual. Foto Tu Guia Online


Autor: Juan Migueles


BIBLIOGRAFÍA

Arredor de nós. Historia da Policía Local 1863-2003. Gonzalo Amoedo López e Roberto Gil Moure. 2003

Galeguismo e sociedade na Redondela da Segunda República. Lois Barros. Edicións do Castro

Redondela, crónica dun tempo pasado. A Segunda República e o primeiro franquismo. Gonzalo Amoedo e Roberto Gil. Edicións do Castro 2002.

Aportes: Gonzalo Amoedo, Manuel Migueles, Matilde Fernández, Nanato Lago Amoedo e Jesús Queimaliños, Raúl Carlos Gunche Iglesia

Arquitectura Industrial en Vigo. Proyecto COAG/Vigo. Patrimonio Arquitectónico Moderno y Contemporáneo en Galicia. Iria Sobrino Fagilde

Patrimonio Industrial da Ría de Vigo. www.entremosnapanificadora.com

Arquivo do Concello de Redondela: Matrícula Industrial: 1885-86, 1886-87,1887-88, 1889-90, 1890-91, 1891-92, 1892-93, 1893-94, 1899-1900, 1893-94, 1896-97, 1897-98, 1898-99, 1899-1900, 1900-1914.

ABC: http://www.abc.es/hemeroteca

El Correo Gallego: http://www.elcorreogallego.es/index.php?idMenu=130

Vigometropolitano: http://www.vigometropolitano.com/

La Vanguardia (dende 1881): www.lavanguardia.es/hemeroteca

El País: www.elpais.com

El Noroeste (Hemeroteca)

http://www.csbg.net/

www.hemerotecadigital.bne.es

Anuario del comercio, de la industria, de la magistratura y de la administración: 1879-1884, Revista de geografía comercial...

BOE > www.boe.es

www.mcu.es:=> Varios xornais

Galiciana-Biblioteca Digital de Galicia. Xunta de Galicia: http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es => La Integridad, El Pueblo Gallego, Hoja Oficial del Lunes, El Progreso, El Lucense, La Correspondencia Gallega, Gaceta de Galicia, Diario de Galicia, La Noche, Vida Gallega...

Alfolí

Antigo Concello, lugar onde existiu un alfolí. Foto: J. Migueles
        

      

            Un alfolí é un estanco ou almacén de sal. Antigamente a importancia do sal era enorme porque era empregado para a conservación do peixe e a elaboración do pan, dous alimentos básicos nunha vila costeira coma Redondela.

            A primeira referencia de venta de sal que atopo data do século XV, cando os portugueses se laiaban de que os galegos deixaran de ir a mercar o seu sal e ían a Redondela e Pontevedra porque os alcaides de Melgaço lle cobraban unha peaxe.

Nun documento de 1520 atopamos o primeiro nome dun arrendatario do sal: Notificación del traspaso de las rentas de las alcabalas, media diezma y alfolíes de la villa de Vigo y lugares de Cangas y Redondela, a Pedro Fernández, vecino de Cangas.

Para gardar e vender sal era preciso a autorización da Coroa. No ano 1566 había 20 alfolíes no litoral galego. Ademais de Redondela contaban con alfolí: Ribadeo, Viveiro, Ferrol, Pontedeume, Betanzos, A Coruña, Corcubión, Muros, Noia, Pobra do Deán, Padrón, Vilagarcía, Cambados, Pontevedra, Vigo, Baiona, A Garda e Tui.

A finais deste século as tensións con Inglaterra, dan coma resultado o desastre da Invencible (1588). As rutas atlánticas están en mans dos corsarios ingleses que saquean as nosas costas. Francis Drake entra na Ría de Vigo en 1585 e1589. Isto provocou a carencia de sal polo que se chegou ao extremo de amasar o pan con auga do mar. As vilas mariñeiras galegas entran en decadencia porque a esta inestabilidade únese a falta de calado nos seus portos, que impide o atraque de grandes galeóns, situación que arrastrará Redondela durante séculos.

No século XVII e inicios do XVIII a situación non mellora pola guerra de Portugal, a Batalla de Rande (1702) e posteriores ataques ingleses.

O primeiro alfolí do que temos constancia data de mediados do século XVIII. Estaba situado no nº 2 da Rúa Reveriano Soutullo, no solar onde logo se construiría o primeiro Concello. Teñamos en conta que daquela chegaba o mar ata a Praza da Constitución e alí había un estaleiro. Nun documento de 1799 aparece un mapa da casa consistorial no que se reservaba un espazo do baixo como oficina do alfolí.

            O seguinte alfolí construíuse na Ribeira para estar máis preto do embarcadoiro que se atopaba no Cabo dos Fumeiros. En 1752 pertencía a Jose Antonio Saravia Orcasitas, un dos asturianos que administraban daquela todos os alfolíes do pobo.

            No Archivo Histórico Nacional, dentro do Consejo de Castilla, atópase o seguinte documento do 1768: “Autos hechos en el Consejo a instancia de los diputados del Común de la Villa de Redondela sobre los excesos del Receptor, Portero y Medidores de los Alfolies de sal de dicha villa”.

            En 1842 o Intendente provincial descubre un desfalco causado catro anos antes de dúas mil fanegas de sal nos alfolíes de Redondela. Para que nos fagamos unha idea do sal que se movía en 1880 o bergatín-goleta “Pepita”, de Cádiz, trae 121.900 quilos de sal común importado a granel a D. Nicolás Figueroa, de Redondela.

            En abril de 1900 estivo a piques de haber un serio conflito porque os arrendatarios, únicos importadores en Redondela, debido aos altos dereitos de consumos deixaron de expender o sal, alegando que o propietario do local quería subirlles o prezo.

            A mediados do século XX era habitual ver ás mulleres transportando sobre a cabeza o sal desde os barcos ata o alfolí.


Alfolí da Ribeira. Detalle de Fototipia Thomas.


¿Saíñas de Soutoxusto?

            Nun mapa do 1850 do capitán de fragata Antonio Doral, publicado pola dirección de Hidrografía, aparece “Pueblo y Salina de Sotojusto”. Sorprende que puidera haber unhas saíñas en Soutoxusto, cando aínda se conservan moi preto as Saíñas do Ulló, en Paredes (Vilaboa), coñecidas como as Brancas do Casó e construídas a redor do 1637. O máis probable é que puidera existir algún alfolí ou calquera outro tipo de instalación vinculada co sal. De tódolos xeitos en Soutoxusto pódense ver os restos dunha presa, pero semella máis unha pesqueira que unhas saíñas. En resume, na actualidade non se pode confirmar que existiran saíñas en Soutoxusto, pero quen sabe se nun futuro non poidan aparecer evidencias do contrario.

 

Restos dunha posible pesqueira en Soutoxusto. Foto: J. Migueles


Autor: Juan Migueles


BIBLIOGRAFÍA

Doctor en Medicina y Cirugía. Bodas de Oro (1939-1989) Antonio Ocampo Otero.

Arredor de nós. Historia da Policía Local 1863-2003. Gonzalo Amoedo López e Roberto Gil Moure. 2003

Galeguismo e sociedade na Redondela da Segunda República. Lois Barros. Edicións do Castro

As vilas de Redondela nos tempos do Catastro de Ensenada: Xoán Miguel González Fernández. Ed. Concello de Redondela.

Redondela, crónica dun tempo pasado. A Segunda República e o primeiro franquismo. Gonzalo Amoedo e Roberto Gil. Edicións do Castro 2002.

Sal, sardiñas e peiraos. Achega ao patrimonio marítimo na Enseada de San Simón. Alberte Román Losada. Ed. Asoc. Alén Nós 2009.

Historias de Galicia (Serie da TVG).

Relaçoes entre Portugal e a Galicia nos séculos XIV e XV. Humberto Baquero Moreno.

O vello almacén de sal do Alfunil. Fátima Grandal Rodríguez. https://chirlateira.wordpress.com/category/alfoli/

Notificación del traspaso de las rentas de las alcabalas, media diezma y alfolíes de la villa de Vigo y lugares de Cangas y Redondela, a Pedro Fernández, vecino de Cangas. Fol. 44r.-45r. (1520, abril, 18) (USC>PROTOCOLOS, S- 18/Registro de escrituras 1520)

Galiciana-Biblioteca Digital de Galicia. Xunta de Galicia: http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es => Gaceta de Galicia

Visitas guiadas polo arqueólogo Xurxo Constela de A Citania S. L.