miércoles, 15 de abril de 2020

A Ponte de Rande

       A Ponte de Rande forma parte da autoestrada AP-9 no tramo Pontevedra-Vigo. Esta ponte cruza a Ría Vigo no Estreito de Rande unindo Redondela coa Península do Morrazo. Curiosamente é empregado como imaxe da cidade de Vigo cando non está situada no seu termo municipal.
       A súa historia comeza cando Gerardo Campos (Vigo 1881-1964), propietario da finca “La Chicharra” en Rande e presidente da empresa Tranvías Eléctricos de Vigo, propón en 1946 a construción dunha ponte no estreito de Rande para facilitar o desenrolo industrial de Vigo. Loitaría toda a súa vida por este proxecto, que non chegaría a ver realizado, porque non sería ata decembro de 1973 cando se iniciarían as obras, sendo Ministro de Obras Públicas o galego Gonzalo Fernández de la Mora. Pero non rematarían aquí as dificultades da obra porque en maio de 1977 a Administración Pública paraliza as obras polas protestas dos veciños de Vilaboa e da parroquia pontevedresa de Salcedo.


Ponte de Rande. Foto: J. Migueles, 2008.
              Sería en febreiro de 1981 cando se inaugurou. Foi a primeira ponte de tipo atirantado de tan grandes dimensións construída en España. O tramo central ten unha lonxitude de 694’98 metros. A luz entre os piares centrais é de 400’14 m., sendo o segundo do Mundo naquel momento, só superado polo de Saint Nazaire en Francia con 404. Os accesos son de 106 metros polo norte e 757 polo sur (Redondela). Alcanza os 48 m. sobre o nivel do mar e conta con catro carrís de circulación. Na súa construción empregáronse grúas de 136 m. de altura e ascensores con 100 kg. de carga. O custo da obra foi de 3.658 millóns de pesetas.
No 2015 inícianse as obras de ampliación da ponte. En decembro do 2017 o presidente do goberno, Mariano Rajoy, inaugura os dous novos carrís que son abertos ao tráfico, apesares do cal as obras non estarán rematadas definitivamente ata xaneiro do 2019.

Ponte de Rande durante as obras de ampliación. Foto: J. Migueles, 2016.
Autor: Juan Migueles


BIBLIOGRAFÍA
Historia de las Rías. (2 Volúmenes) J. A. Orge e Carlos Antuña entre outros. Ed. Faro de Vigo.
Puentes del mundo. España. (Web desaparecida)
Wikipedia
El País
Faro de Vigo
www.egu.es

No hay comentarios:

Publicar un comentario