martes, 14 de abril de 2020

Pazos e Casas desaparecidas

Torre do Pazo de Soutoxuste, 2011. Foto J. Migueles
 
 
 
Casa Solarenga de Riofrío (Chapela)
No barrio Riofrío na freguesía de Chapela, pertenceu á liñaxe dos Araújo. Aquel que fora Señor de Riofrío tiña o privilexio de levar unha das 12 varas do palio na procesión do Corpus Christi, en Vigo. Na Igrexa de San Fausto de Chapela, os membros desta liñaxe posuían asento ao lado da Epístola, sepultura propia e estaban exentos do tributo “de pechos”. Rodrigo de Araujo y Vasconcelos, nado en 1250, sería o primeiro Señor da casa de Riofrío. Entre os seus descendentes estivo Diego de Riofrío y Ulloa, chamado “El Bueno”, que serviu aos Reis Católicos na conquista de Granada. Parece ser que tan só se salvou o brasón trala caída do muro desta propiedade.

Casa de Mañó (Quintela)

Fundada por Gutiérrez Falcón de Sotomayor (ou Gutiérrez Falcón de Oya) a finais do s. XVI. Descendentes seus foron señores de Parderrubias (A Merca-Ourense) e marqueses de Bendaña, título concedido a Rodrigo Antonio Falcón de Ulloa y Ribadeneira (Real despacho 27-10-1692), bisneto de Don Gutiérrez.

O escudo desta casa coas armas dos Falcón e Sotomayor pasou a formar parte dos fondos do Museo de Pontevedra cedido por Francisca e Carolina Míguez Esteiro en 1927.


Casa de Quintela
Os donos desta casa entroncaron coa Casa de Salgado, de Baiona, ao casar Rosalía Núñez de Araujo con Juan Salgado. Para obter máis información sobre esta casa habería que estudar en profundidade a documentación da: “Relación de las fundaciones, testamentos y agregaciones de bienes relativos a la casa de Quintela [¿San Mamed de Quintela (Redondela, Pontevedra)?] desde el año de 1516 hasta el de 1787, cuando testa Javier Enríquez Sarmiento de Valladares, V marqués de Valladares”.

Pazo de San Román (Saxamonde)

Aínda se conservan restos do pazo con engadidos e modificacións posteriores, ademais da capela que é a igrexa parroquial de Saxamonde.

Cítase como “Palacio y Fortaleza de Saxamonde”, cando pertencía a Gregorio de Valladares (s. XV) e foi incendiada por Álvaro de Cadaval “el Viejo”, merino en Tui por Pedro Álvarez de Sotomayor (Pedro Madruga). Polo que García Sarmiento “el Rojo”, xenro de Gregorio, preiteou co de Cadaval, quen debeu pagar 30 ou 40 maravedís para reparar os danos causados.

Entre os que viviron neste pazo destacan Luis Sarmiento de Valladares, primeiro marqués de Valladares (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/luis-sarmiento-de-valladares-meira-y.html ), ou José Sarmiento de Valladares, Vicerrei de México (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/jose-sarmiento-de-valladares-saxamonde.html ).


Casa Grande da Lamosa (Trasmañó)
Fundada en 1673 polo fidalgo Gaspar Méndez de Sotomayor.

Fortaleza de Castrizán (O Viso)

Construída no Monte da Peneda (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2019/02/a-peneda.html ) en 1477 polo arcebispo de Santiago Alonso II de Fonseca, co fin de vixiar de preto o castelo de Soutomaior, propiedade de Pedro Madruga que daquela se atopaba preso. Estaría formada por unha torre e probablemente por outras construcións menores, rodeado todo o conxunto por un muro defensivo. Pouco tempo despois Pedro Madruga xa en liberdade destruíu esta fortaleza da que aínda se poden observar os cimentos e parte do muro defensivo. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/s-xv-loitas-de-poder-entre-pedro.html )


Pazo de Soutoxuste (O Viso)
Deste pazo aínda se pode ver a torre entre casas e engadidos de recente construción. Tamén se conserva a capela, que é a de San Vicente de Soutoxuste, que foi desprazada da súa situación orixinal.
Foi propiedade de Esteban Barbeito Padrón. A súa liñaxe procedía da casa de Piñeiro (Corzáns-Salvaterra do Miño). Destes Barbeito descenderon os da praza da Ferrería de Pontevedra, donos da casa chamada “Casa de las Caras”. Outro descendente sería Antonio Mauricio Troncoso de Lira Sotomayor y Barbeito, o famoso “abade do Couto” da guerra da Independencia e defensor de Tui e Vigo.
 



Autor: Juan Migueles

BIBLIOGRAFÍA
SEREN
Nº1. O pazo como elemento diferenciador da cultura de noso. Telmo Crespo Tojeiro.
Nº3. Heráldica de Redondela. Ernesto Iglesias Almeida.
As vilas de Redondela nos tempos do Catastro de Ensenada: Xoán Miguel González Fernández. Ed. Concello de Redondela.
Historia de las Rías. (2 Volumes) J. A. Orge e Carlos Antuña entre outros. Ed. Faro de Vigo.
Redondeláns. Web de X. Docampo e C. Milleiro
Casto Sampedro Arqueoloxía e memoria. 75 aniversario do seu pasamento. Varios autores, 2013. J. M. Crespo
Universidade de Santiago de Compostela USC>Clero>Mitra1758> Mayordomía de Redondela
En Galiciana-Biblioteca Digital de Galicia. Xunta de Galicia: http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es=> El Regional (Lugo), Hoja Oficial del Lunes (Vigo), Gaceta de Galicia (Santiago), El Correo de Galicia (Bos Aires), Diario de Galicia (Santiago), El Progreso (Pontevedra), Vida Gallega...
Na Biblioteca Nacional de España: www.bne.es =>El Imparcial...
Boletín Oficial de la Provincia de Oviedo
Faro de Vigo
La Voz de Galicia.
Volumen 27 de Cuadernos de estudios gallegos. Escrito por José Luis Pensado
Casto Sampedro Arqueoloxía e memoria. 75 aniversario do seu pasamento. Varios autores, 2013. J. M. Crespo
Aportes de Gonzalo Amoedo e Xosé Docampo.


No hay comentarios:

Publicar un comentario