lunes, 13 de abril de 2020

Confrarías e outras asociacións relixiosas.

 
1934-35 Círculo Católico. Publicada en Redondela. Crónica gráfica dun pasado recente. María A. Leboreiro Amaro.
1934-35 Círculo Católico. Publicada en
Redondela. Crónica gráfica dun pasado recente. María A. Leboreiro Amaro.

 

        Das primeiras confrarías da xurisdición de Redondela o historiador redondelán José Martínez Crespo cóntanos o seguinte : As visitas pastorais de mediados do XVI poñen de manifesto unha escasa presenza de fraternidades; así a que en 1528 leva a cabo D. Antonio Cascante ao arciprestado de Redondela, composto por quince freguesías matrices e cinco anexos, só revela a existencia de tres na vila que da nome á circunscrición”.

        Esta escaseza de confrarías relixiosas será amplamente superada nos séculos posteriores. Sirva como mostra a seguinte enumeración das confrarías e asociacións relixiosas do Concello de Redondela das que vou atopando os seguintes datos.

       
 

Confrarías da parroquia Santiago de Redondela

A finais do século XVI, a Capelanía da Quinta Angustía de Redondela, que é fundada pola familia Santabaia e despois é xestionada polos Salgados.

En Redondela en 1628 constitúese a Cofradía de la Soledad.

Tamén no S. XVII o R. P. Tirso González de Santalla fundou congregacións na honra da Virxe María en Redondela e outras vilas como Coruña, Laxe, Betanzos, Corcubión, Pontevedra...

No s. XVIII había na vila a Cofradía de Nuestra Señora de la Inmaculada Concepción patrocinada polo Concello. En 1712, Francisco Troncoso e Santiago Fernández solicitan ao rexedor que os admitan como confrades e mordomos desta confraría. No mesmo ano os sacristáns Francisco do Campo e Antonio Rodríguez solicitan ao Concello a exención de tributos, como os seus antecesores no cargo.

No s. XVIII, algunhas confrarías estaban vencelladas ás organizacións gremiais, é o caso dos toneleiros que tiñan por patrón a San Sebastián ou os xastres con Sta. Catalina. Ademais da finalidade de culto, tiñan unha finalidade asistencial, facéndose cargo de parte dos gastos dos enterros e dalgunha misa.

A referencia máis antiga que atopei da Cofradía de las Ánimas de Redondela, non confundir coa de Vilavella, data de 1786 e seguiría activa cando menos ata mediados do s. XX.

En 1892 na procesión da Virxe dos Dores, o daquela Comandate, Antero Rubín (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/rubin-homent-antero-evasio-redondela-3.html ) portaba o estandarte da Hermandad de la Santísima Virgen de los Dolores. A festa que organizaba era moi concurrida a principios de século. Estaba presidida polo párroco de Redondela, Bernardino Couñago cando, en 1918, foi suspendida polo falecemento do irmán maior da irmandade, José Figueroa Montero. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/03/figueroa-montero-jose-redondela-11-07.html )

En maio de 1897 constitúese en Redondela a Junta de la peregrinación á Lourdes formándoa como presidente, Francisco Alonso, Párroco de Vilavella; vicepresidente, Ulpiano Sestelo, avogado; secretario, Antonio Lafuente, Presbítero; vocais, Bernardino Couñago, Párroco; Eulogio Padin, procurador, e Isidoro Queimaliños, médico.

Tamén se formaron Las Hijas de María. Como dato máis antigo atopo que en 1897 se encargaron da organización da Festa da Purísima Concepción. En 1924 acompañan ás de Cesantes a un acto eucarístico en Reboreda. En 1922 as Hijas de María do arcebispado marcharon as seis e media da mañá a pé a Pazos de Borbén, para asistir á fundación da Asociación de Marías de los Sagrarios.

En marzo de 1907 fúndase en Redondela o Círculo Católico Obrero, por iniciativa do párroco Bernardo Couñago. Na década seguinte esta asociación organizaba conferencias, como a que ofreceu en agosto de 1911 Eduardo Toda, pero principalmente promoveu as representacións teatrais. En outubro de 1914 inaugura novo local, pero pouco despois, en xaneiro de 1916, ante o estado precario da sociedade decídese por unanimidade a disolución da mesma.

En 1910, o Apostolado de la Oración, presidido por Claudina Pereira Noguerol, recibiu unha imaxe do Corazón de Jesús que encargara a un taller de Olot.

En xuño de 1914 constitúese a Junta local del Montepío del Clero Tudense: presidente, José Sanmartín, párroco de Redondela; secretario tesoureiro, José Sátiro Redondo Cal, párroco de Vilavella; visitadores, José Rodríguez, ecónomo de Cedeira; e Francisco Casas Martín, coadxutor de Redondela.

En xuño de 1921 viñeron de Vigo o P. Leonardo de Vera e máis dun cento de señoras e señoritas dos Jueves Eucarísticos. Houbo exposición de S. D. M., exercicio da Hora Santa, plática do citado padre e procesión. Ao rematar impuxéronse as medallas da confraría, constituíndose tres coros.

En outubro de 1923 autorízase ao Sindicato Católico de Redondela, a reunirse os primeiros domingos de cada mes.

Nos anos 20 atopo referencias á Hermandad de San Juan que daquela presidía Rogelio Núñez Iglesias. En Reboreda a Hermandad da Santísima Virgen, que costeaba as festas patronais da parroquia e estaba presidida polo rico comerciante Ramón B. Bula. Tamén nesta parroquia, coincidindo coa novena do Sagrado Corazón de Jesús de 1925 fúndase o Apostolado de la Oración.

O día da Concepción de 1932 nace Acción Católica e durante a II República tamén se creou Juventudes Católicas, organizada polo crego Enrique Aldir e Antonio Extremadouro. Nun principio tiña a súa sede na sacristía e a principios dos 50, con Manuel Martínez como párroco, constrúese unha pequena casa que se atopa dentro do adro da igrexa e que actualmente (2021) é empregada por Cáritas. Por referencias orais sabemos que ao inicio da construción desta edificación os nenos axudaron a retirar os ósos das persoas que foran soterradas no Adro. Este local naqueles tempos converteuse na sociedade de referencia da mocidade. Alí podíase xogar a tenis de mesa, billar, había grupo de teatro e equipo de fútbol, ademais no Nadal instalábase un belén con figuras móbiles que, naqueles tempos, causaba gran expectación.

Confraría de San Sebastián, sen data. Publicada en: Redondela. Crónica gráfica dun pasado recente. María A. Leboreiro Amaro.
Confraría de San Sebastián, sen data. Publicada en:
Redondela. Crónica gráfica dun pasado recente. María A. Leboreiro Amaro.
 

Tralo inicio da Guerra Civil a relixión católica conta co respaldo do novo réxime polo que as asociacións relixiosas pasan a estar máis presentes na sociedade. En 1937 nace a Juventud Femenina de Acción Católica. O 31 de xaneiro de 1944, créase o Centro de Mujeres de Acción Católica, estaba composta por 18 mulleres asesoradas polo párroco Manuel Martínez Alonso e presidida por Teresa Otero Fernández nai do médico Antonio Ocampo.

Outra asociación relixiosa dos anos 30 e 40 foi La Hermandad de la Caridad. E nos anos 50, Centro Catedralicio Infantil ou Juventudes Obreras Católicas (JOC).

Unha das ramas da Acción Católica local era Cáritas, encargada de distribuír artigos de primeira necesidade entre os máis necesitados. En 1957 a xunta directiva estaba formada por: presidenta, Rita Regojo Otero; secretario, Álvaro Casal Tuche; tesoureiro, José Celso García García; vocais, Jesusa Iglesias Lamas, María del Carmen Giráldez Lema, José Alfonso Otero e Sebastián Muíños Lamas.


Confrarías de San Andrés de Cedeira

En 1670 constitúese a confraría da Virgen de los Dolores. Esta asociación manteríase activa cando menos ata 1904.

En 1672 sería a data de fundación da Cofradía de San Andrés, patrón da parroquia, que seguiría activa ata o século XX.

Entre 1731 e 1911 existiu unha Cofradía de las Ánimas de Cedeira.

En 1849 fúndase a Cofradía de San Bernardo, que continuaría cando menos ata 1942.

A principios do século XX o párroco de Cedeira, José Rodríguez Saavedra, fundou unha irmandade (descoñezo o nome). Esta confraría tivo entre os seus logros a construción dun novo cemiterio e dun quiosco de pedra.

Nesta mesma parroquia atopo en 1907 un acto das Secciones Adoradoras Nocturnas.


Confrarías de San Pedro de Cesantes

Na 2ª metade do s. XIX Juan Clímaco Seoane, Jenaro Borines Ponte e Santos Esteiro fundaron unha irmandade na capela de Santa Mariña, daquela pertencente a Cesantes.

Como xa citamos anteriormente, as Hijas de María de Cesantes, aparecen nun xornal de 1924 cando acompañan ás de Redondela a un acto eucarístico en Reboreda.


Confrarías de San Fausto de Chapela

En 1723 fúndase a Cofradía de Ánimas de la parroquia de San Fausto de Chapela que seguirá activa ata 1838.

Outra asociación histórica sería a Cofradía do Santísimo.

En 1923 atopo referencias ao Sindicato Católico de Chapela.

En xullo de 1965 créase a Sección de Adoración Nocturna de Chapela, que en xuño de 1967 acudiría coa súa bandeira á Solemne Vigilia de las Espigas, acto celebrado en Porriño.


Confrarías de San Román de Saxamonde

Cando menos desde 1851 a Cofradía de Ánimas e desde 1852 a Cofradía de San Román.


Local de Acción Católica, 2008. Foto: Juan Migueles
 
 
 

Confrarías de Santiago de Vilavella

En Vilavella, en 1704, Domingo de Extremadouro funda o Santísimo Sacramento, para a que cede unha casa na rúa da vila. En 1762 o mordomo desta confraría era Francisco Fontenla e a parte alta da casa era habitada por Joseph Bernardo Pérez, Mordomo do convento.

En 1741 créase, tamén en Vilavella, a Cofradía de las Ánimas, que mantiña e xestionaba os cruceiros e petos de ánimas de Vilavella e de Pasais e que seguía existindo a mediados do s. XX.

Tamén en Vilavella, o padre Francisco Colmenero constitúe en 1760 a Cofradía de Nuestra Señora del Carmen, vencellada aos Carmelitas Descalzos. Despois de desaparecer en 1807, recuperouse en 1915, tendo a Ernestina Otero como primeiro confrade. En 1962 estaba presidida por África Otero Figueroa.

Neste s. XVIII en Vilavella existían ademais as confrarías: del Santísimo Cristo, S. Sebastián, S. Lourenzo e Sta. Catalina.

En 1854 había na vila as “hermandades o cofradías con la advocación de San Sebastián, San Lorenzo, Santa Catalina y Ánimas, pero sin rentas propias todas ellas.”

En abril de 1910 fundouse a Hermandad del Señor, con Manuel Pombo como presidente e Francisco Crespo Rivas como secretario (https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2021/01/francisco-crespo-rivas-n-redondela-f-29.html ). Nunha noticia do ano seguinte da conta que os gastos da festa corren por conta dos mariñeiros.

Outra confraría de Vilavella foi a Orden Terciaria de San Francisco, congregación na que foi admitida Ernestina Otero en 1912 (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/otero-sestelo-ernestina-vilavella.html ).

Outra asociación de Vilavella era a congregación de Las Hijas de María que se mantivo activa cando menos ata os anos 60 do pasado século.


Confrarías do Viso

No 1648 constitúese a Cofradía de Nuestra Señora de la Peneda (O Viso), que desaparecería en 1876.

Xa nos anos 20 do século XX cíate no Viso a Hermandad del Apostolado Corazón.

 
 

Maio de 1936. Coro de Juventudes Católicas. Foto: Sanchón-ABC

Autor: Juan Migueles


BIBLIOGRAFÍA

SEREN

Nº2. O Santuario, romaría e confraría de Nosa Señora da Peneda (O Viso), 1650-1920. Juan Miguel González Fdez.

Nº3. Os Eidos: “A vila dos mortos”. J. A. Orge Quinteiro.

Nº5.

La Visita Pastoral de 1528-29 a las Iglesias del Arciprestazgo de Redondela, Diócesis de Tui. José Martínez Crespo. Liceo Franciscano, LX, 184-186, 2009, pp. 783-852.

Ernestina Otero Sestelo. Pedagoga. Manuel Puga. Ed. do Castro, 1992.

Redondela, crónica dun tempo pasado. A Segunda República e o primeiro franquismo. Gonzalo Amoedo e Roberto Gil. Edicións do Castro 2002.

Galeguismo e sociedade na Redondela da Segunda República. Lois Barros. Edicións do Castro.

As vilas de Redondela nos tempos do Catastro de Ensenada: Xoán Miguel González Fernández. Ed. Concello de Redondela.

Arredor de nós. Historia da Policía Local 1863-2003. Gonzalo Amoedo López e Roberto Gil Moure. 2003

A prensa en Redondela. Aproximación histórica 1883-1933. Gonzalo Amoedo e Roberto Gil.

Antonio Ocampo Otero. Doctor en Medicina y Cirugía. Bodas de Oro (1939-1989).

Aportes Celso Milleiro.

Pares. http://pares.mcu.es  

La Vanguardia (dende 1881): www.lavanguardia.es/hemeroteca

Tierra Gallega (Uruguay), Diario de Galicia (Santiago),

ABC: http://www.abc.es/hemeroteca

La Voz de Galicia.

http://www.lavozdegalicia.es/hemeroteca/

http://www.csbg.net/ :

www.hemerotecadigital.bne.es

www.egu.es

En Galiciana-Biblioteca Digital de Galicia. Xunta de Galicia: http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es => La Correspondencia Gallega, El Eco de Galicia, El Correo de Galicia, Gaceta de Galicia, La integridad, Galicia diario de Vigo, El Ideal Gallego, El Pueblo Gallego, El Progreso, El Compostelano, Boletín Eclesiástico del Obispado de Tuy,..

Fondo Casto Sampedro-Museo Pontevedra: Constitucións da confraría da Soidade da vila de Redondela (1628).

Arquivo Histórico Diocesano de Tui.


No hay comentarios:

Publicar un comentario