Ademais dos viadutos, Redondela conta con moitas pontes, principalmente no seu casco urbano que está bañado por tres ríos: Alvedosa, Maceiras e Pexegueiro.
Entre os datos antigos de pontes desaparecidas atopamos:
1665, outubro, 19 Venda que fan Felipe de Piñeiro e Francisca Pereira y Castro, veciños de Redondela, a Luis Gómez, toneleiro, da viña de "la Puente de Esteiro", na freguesía de San Pedro de Cesantes (Redondela, Pontevedra), polo prezo de 90 ducados...
1722. Foro de la casa en la que vive Pedro Travieso junto al puente de Villavieja.
Esc. p. de 1730 aparece el Procurador general de los mareantes dos vicarios del gremio de Mar de la Villa, un mayordomo de S. Juan y varios Mareantes reconociendose deudores a D. Mauro Vitorero y Colugna de 600 pesos de a quince reales vellón destinado a pagar a cada uno muro de la puente Lera según tienen escriturado.
No 1774 o Procurador Xeral do Mar, Antonio Amoedo, contratou ao canteiro de Cedeira, Domingo Pereira, para construír unha ponte na vila, que ese mesmo inverno tería que ser reparada por mor dun asolagamento. 1854: Relación de obras mandadas realizar por el Gobernador Civil. Redondela: ...3443 Rs. Vn. Para la remodelación del puente Torrado en Reboreda
Ponte da Lama, 2018 |
Ponte da Illa de San Simón, 2008 |
Ponte de Esteiro, 2009 |
Ponte de San Garrido, 2009 |
Pontes de Redondela
A Marca do Rei. Ponte que cruza o río Maceiras ao entrar no casco urbano de Redondela por Vilavella. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2019/02/a-marca-do-rei-vilavella-redondela.html)
Ponte de Arango. En xaneiro de 1910 acórdase no Concello arranxar unha pedra desta ponte e tamén recompoñer a ponte que unía a Xunqueira co camiño da estación.
Ponte de Fenosa ou da Xunqueira. Como dixemos anteriormente, en xaneiro de 1910 acórdase no Concello recompoñer a ponte que unía a Xunqueira co camiño da estación. Supoño que esta ponte era de madeira porque atopo referencias a outra que se construíra no 1915 e que tamén era deste material. Esta tamén debeu ser substituída poucos anos despois, porque en setembro de 1929 “a ponte inmediata á central eléctrica” atopábase medio derruída polas obras de encanamento do río, e solicitábase a construción dunha ponte provisional de madeira para evitar un rodeo dun quilómetro para subir á estación.
Ponte dos Fornos. Uniría a antiga rúa dos Fornos (de aí o seu nome), actual Xoán Manuel Pereira, coas rúas Isidoro Queimaliños e Alfonso XII. Aparece nun documento de 1605 como “Puente de Villavieja”. Sería destruído polo asolagamento do 28 de setembro de 1932. Da indemnización concedida polo Ministerio de la Gobernación o Concello adicou 3.443’57 pesetas á súa reparación. Desapareceu coa construción da actual praza Ribadavia, proxectada en 1930.
Ponte de Julián Peitudo. Chamada así polo dono dunha taberna próxima á ponte. Une a Rúa Xoán Manuel Pereira coa R. Figueiral. Destruída durante o asolagamento do 28 de setembro de 1932, sendo logo reconstruída.
Ponte de Lima. Construída en 1863. Co inicio da construción da primeira Praza de Abastos da vila o 3-4-1887 tápanse 7 dos 15 ollos que tiña esta ponte. Produciuse daquela a reclamación dos 3 médicos da vila porque se impedía a entrada das mareas, non contando o proxecto con estudos técnicos ao respecto e padecer numerosos defectos lexislativos. Mais só se consegue atrasar a inauguración da obra ata o 25 de xullo de 1891.
Posteriormente o que quedaba desta ponte sería substituída pola chamada Ponte do Concello, construída en formigón, que sería demolida en outubro de 1996 para facer outra máis ancha.
Ponte Longa. Desaparecida en 1930 ao taparse o río Alvedosa para construír a praza Ribadavia. Unía Vilavella coa actual rúa Alfonso XII. Aparece xa con este nome no século XVIII como lindeiro de Redondela uníndoa con Vilavella. Casto Sampedro (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/sampedro-folgar-casto-antonio-redondela.html), recolle que anteriormente era coñecida como Ponte Ancha. Nos anos 30 do pasado século, tamén chamada popularmente Ponte de Matilde, homónima da Fonte de Matilde, recibían o nome da propietaria dunha taberna situada no solar no que anos despois abriu a Cafetería La Farola.
Ponte de Paulino. Ponte que une o Paseo da Xunqueira coa Avenida Ernestina Otero. Chamada así por ser financiado polo dono do coñecido como Baile de Paulino, que co tempo pasaría a chamarse discoteca Diva. A principios do s. XXI foi recuberta de madeira.
Ponte de Pasais. O nome faría referencia aos pasos ou chanzos de pedra empregados antigamente para cruzar o río. Ponte do século XIX, sería arranxada no 1872 e posteriormente destruída polo asolagamento do 28 de setembro de 1932. Situada na rúa Pasais, actual Xoán Manuel Pereira, une Redondela con Reboreda. Foi ampliada en dúas ocasións, na segunda sería dotada de beirarrúas na marxe dereita no 2018.
Ponte da Praza. Construída para dar acceso á Praza de Abastos. Coas obras do recheo instalouse nun principio unha pasarela de madeira que sería substituída pola actual ponte de pedra en 1956. Esta sería ampliada no 2007.
Ponte da Portela. Construída despois do recheo da Marisma para unir a Portela coa Avenida de Santa Mariña. Ampliada no ano 2000.
Ponte da Ribeira. Desapareceu coa desviación do río. Estaba situada ao final da Alameda, máis ou menos á altura da Praza Santiago Apóstolo. Daba acceso ao peirao e á Praza do Peixe.
Ponte da Xunqueira. Une Vilavella co Paseo da Xunqueira.
Ponte de Vilavella. Unía o barrio do Salgueiral coa rúa hoxe chamada Padre Crespo. En 1933 non era máis cunha ponte de madeira xunto á conserveira Otero Bilbao. Esta ponte desaparecería coa construción da industria téxtil Regojo, tapándose un tramo do río.
Marca do Rei, 2018 |
Ponte da Portela, 2009 |
Ponte da Praza, 2009 |
Ponte de Julián Peitudo, 2009. |
Ponte de Pasais, 2009 |
Ponte de Paulino, 2008 |
Ponte do Concello e restos do vello, 2009 |
Scalextric, 2009 |
Pasarela da Alameda, 2009 |
No hay comentarios:
Publicar un comentario