sábado, 18 de abril de 2020

María Luisa López López. A primeira Secretaria de Concello de España.

Foto: Faro de Vigo
        En 1964 foi nomeada secretaria do Concello de Redondela María Luisa López y López, converténdose na primeira muller en ocupar este posto en España. A vocación víñalle de familia, xa que o seu pai era Xefe de Negociado da Administración Local e o seu avó fora secretario do Concello de Monforte de Lemos. A súa preparación estaba fóra de toda dúbida xa que estudara Dereito, Maxisterio, Graduado Social e atopábase empezando Ciencias Económicas. Fora a única que pasou o primeiro exame da oposición de sete mulleres que se presentaron. Despois de case tres anos no cargo, en marzo de 1967, sería trasladada ao Concello de Padrón sendo despedida cunha cea homenaxe.
        Teñamos en conta que dende 1950 se suprimiran seis profesións ás que tiña acceso a muller con anterioridade: Carreira Diplomática, Notaría, Rexistro da Propiedade, Estadísticos Técnicos, Estadísticos Facultativos e Corpo Administrativo de Aduanas. Ademais en 1964 a muller tiña vetado o acceso a 42 oficios, tales como a matanza de reses bravas, buzo... Se a iso sumamos os empregos non recoñecidos, como podían ser o traballo no campo ou o marisqueo, é de entender que a poboación activa en España rondaba o millón setecentas mil mulleres.

Autor: Juan Migueles

BIBLIOGRAFÍA
Galiciana- http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es => El pueblo gallego

No hay comentarios:

Publicar un comentario