Como xa cito no apartado adicado ás escolas, (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/escolas.html ) no tomo II do Censo de Población de España, publicado en 1924, recóllese que a provincia de Pontevedra contaba en 1900 con 457.262 habitantes, dos que 315.228 eran analfabetos. En 1920 a situación mellorara un pouco e de 533.419, non sabían ler nin escribir 287.996. Máis da metade dos españois eran analfabetos, o 52’23%. En Pontevedra o número de analfabetos situábase por riba da media cun 53’99. Redondela era o concello máis castigado da provincia cun 60’58% de analfabetos. As máis prexudicadas destas tremendas estadísticas serían as mulleres, apesares de iniciativas como a levada a cabo en 1917 de abrir en Redondela unha escola nocturna para mulleres adultas.
Maioritariamente as mulleres traballaban na casa, no campo, no mar e vendendo polas vilas e feiras. A posibilidade de ter un traballo remunerado pasaba pola industria salgadura, que deron paso ás conserveiras e empresas análogas como Copiba e posteriormente Pescanova. As que tiñan a sorte de seguir cos estudos accedía a Maxisterio, titulación tradicionalmente con maioría feminina. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/mestres-as-ata-mediados-do-s-xx-l.html ) (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/mestres-as-ata-mediados-do-s-xx-m-z.html ) Destacar aquí como precursoras ás primeiras catedráticas, Ernestina Otero Sestelo (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/otero-sestelo-ernestina-vilavella.html ) e Sara Leirós Fernández (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/leiros-fernandez-sara-redondela-1897.html ), se ben é certo que a segunda é menos coñecida por seguir a corrente da escola tradicional, o mesmo que sucede coa súa irmá María de los Ángeles, mestra de Historia no Instituto provincial de Ourense. Tamén podemos citar a Placer Vidal Portela, durante moitos anos mestra de Redondela, que en 1939 foi nomeada inspectora de Primeiro Ensino, aínda que de xeito provisional.
Durante a Guerra Civil e os anos posteriores, vívese en Redondela o gran crecemento da empresa téxtil Regojo e en menor medida da fábrica de cepillos, provocando a entrada de moitas mulleres no sector industrial.
Nesta época a muller tamén comeza a abrirse paso noutros sectores como o da sanidade. Gemma Pereira Otero, a mediados dos 30, sería a primeira licenciada en Farmacia de Redondela, poñéndose á fronte da farmacia do seu pai, Luis Juan Pereira Míguez, despois do falecemento deste. Estaba situada na praza Figueroa e nos 50 estaría rexentada por outra muller, María del Pilar Amaro de Velo. Despois seguiría os seus pasos Mª Rita Lima Díaz que rexentaría farmacia trala morte do seu esposo Luis Pereira, irmán de Gemma. Temos que ter en conta que nesa época o máis parecido a unha médica en Redondela era unha comadrona, sendo as máis antigas das que atopei noticias: María Novás, en 1910: e Juana Novás e Evelia Pereira, en 1925. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/10/sanidade.html )
Autor: Juan Migueles
BIBLIOGRAFÍA
Ver os apartados: Persoeiros>Educación / Escolas / Empresas / Cargos públicos>Sanidade/Persoeiros L e O.
http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es=> El Correo Gallego
Aportes: Manuel Puga.
No hay comentarios:
Publicar un comentario