 |
A Gabacha. Foto cedida por Carmen María Fernández Núñez
|
A Semana Santa ten a súa orixe nunha festividade xudía na que se
celebraba a saída dos xudeus de Exipto coincidindo coa primeira lúa
chea da primavera. Tralo falecemento de Cristo o cristianismo escolle
a mesma data para celebrar a Semana Santa. Co descorrer do tempo a
Igrexa Católica para distanciarse do Xudaísmo establece que o
Domingo de Pascua, no que se conmemora a resurrección de Cristo,
coincida co primeiro domingo despois do primeiro plenilunio da
primavera. Este é o motivo polo que a Semana Santa pode variar entre
o 22 de marzo e o 25 de abril.
Domingo
de Ramos
A
Semana Santa arranca co Domingo de Ramos, tamén chamado, Domingo da
Palma, na que se celebra a entrada de Jesús en Jerusalén. En tempos
era un auténtico acontecemento social en Redondela, no que se
estreaba roupa e se colocaban as bandeiras nos balcóns. Trala misa
celebrábase a bendición dos ramos (palmas e ramas de oliveira) e
despois realizábase unha pequena procesión arredor da igrexa.
 |
Mucha "A Baldiña" vestida de Nazareno. Foto cedida por Antonio Ricón Rodríguez |
A
vela do Santísimo
O
venres Santo lémbrase a crucifixión e morte de Cristo, con tal
motivo móntase o “monumento”. No caso de Vilavella este
monumento consiste nunha escaleira de madeira con varanda que sube
ata os pés do Cristo crucificado en dous tramos desde a dereita e
desde a esquerda. Nos pasos colócanse as velas cos nomes dos
propietarios en candelabros e co acendido das mesmas iníciase a
vixilia. Ao remate da mesma a xente leva a súa vela para casa. A
esta vela confíreselle poderes protectores polo que os días de
tormenta era habitual oír nas casas: “¡Pecha as ventás e prende
a vela do Santísimo!”
Os
santos de Vilavella: O Cristo Articulado e A Gabacha.
O
Cristo articulado
En
Vilavella para representar a morte de Cristo cóntase co a imaxe máis
sobranceira so concello, trátase do Cristo articulado, obra de
Antonio del Villar, destacado imaxineiro do século XVIII natural
desta mesma parroquia e do que se conservan máis figuras de santos
nesta igrexa (Ver
https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2022/01/imaxineiros-ebanistas-de-redondela.html
). A capacidade de
poder pregar os brazos permite baixalo da cruz e introducilo nun
cadaleito con cristais nos laterais e
na tapa que permite que sexa visible no seu traslado ata a igrexa de
Redondela para lembrar
a morte
de Cristo.
 |
O Cristo articulado
|
A
Gabacha.
A
tradición oral conta que un día un barco de pesca de Redondela
recolleu nas súas redes unha caixa de madeira. Ao abrila no seu
interior atoparon as mans e a cara dunha virxe. Estas pezas llas
trocaron á parroquia de Vilavella pola imaxe de San Juan, patrón
dos mariñeiros e que hoxe en día da nome á confraría. Apesares
disto, curiosamente, é o “Cristo dos Navegantes” polo que
os pescadores amosaban máis devoción na vila e aínda hoxe é a
procesión máis multitudinaria da vila.
Volvendo
ás pezas “pescadas” construíuse unha estrutura adecuada,
nacendo así a Virxe da Inmaculada Concepción, popularmente coñecida
como A Gabacha. Segundo contan os maiores chamada así por ser bonita
e semellar alegre.
As
lendas de santos atopados no mar repítense por toda a costa galega,
baseadas no feito histórico de que nas illas británicas ante a
escalada de violencia nos enfrontamentos cos protestantes, os
cristiáns deciden botar ao mar as súas imaxes relixiosas para
tentar salvalas da queima de igrexas. Sexa certa ou non a lenda, o
certo é que a Virxe da Gabacha é a imaxe máis venerada de
Vilavella, estando colocada xusto fronte á entrada, polo que é o
primeiro que ves ao entrar na igrexa. Esta imaxe é a única que
segue a saír na Festa da Coca, tanto o xoves, día de Redondela,
como o domingo, día de Vilavella. Lonxe queda a época en que cada
gremio sacaba ao seu patrón, polo que era a procesión con máis
santos de Redondela.
Domingo
de Pascua. O Santo Encontro.
Outra
saída que fai A Gabacha é en Semana Santa, concretamente na
procesión do Santo Encontro. O Domingo de Pascua celébrase a
resurrección Cristo e na procesión o encontro coa súa nai. A Virxe
sae de Vilavella vestida de negro e ao chegar á Praza Constitución
atópase co Cristo resucitado, imaxe que sae da igrexa de Redondela.
Neste momento retíranse as prendas de loito e a Gabacha recupera o
seu esplendor co característico manto azul. Ao acercarse a imaxe é
baixada ao chan en tres ocasións, representando as caídas que sofre
á virxe pola emoción. Aquí o número tres non é casual, xa que é
empregado constantemente no cristianismo para lembrarnos o concepto
da Santísima Trinidade: Pai, Fillo e Espírito Santo. Cando están
suficientemente cerca os dous santos son inclinados, simulando o
abrazo da Virxe e o seu fillo resucitado.
 |
1958. O Santo Encontro na rúa Xeneral Rubín. Foto: todocoleccion.net |
Como
curiosidade dicir que antigamente o Santo Encontro celebrábase na
actual rúa Xeneral Rubín e non na Praza Constitución como se fai
agora, polo que o Cristo
sairía desde a igrexa de Redondela, cruzaría pola Esfarrapada e
baixaría polo Cabo dos Fumeiros, mentres que a Virxe faría o propio
desde Vilavella e chegaría pola Ribeira.
Autor: Juan Migueles
BIBLIOGRAFÍA
Aportes orais.
Historia de las Rías. Faro de Vigo. Varios autores.
O Cristo dos Navegantes da vila de Redondela. Jose Antonio
Orge Quinteiro. 17-04-2023 Faro de Vigo.