martes, 14 de noviembre de 2023

A mazá “Redondela”

 

Cartel da Festa da Mazá do 2009.

        Hoxe en día celébrase na parroquia de Negros a Festa da Mazá. A importancia desta froita na zona queda patente por darse no val do Río Maceiras. Un hidrónimo que nos deixa ben ás claras que a produción da mazá non é unha modernidade, porque sempre se dixo que o nome deste río ven polas mazás que caían ao mesmo. A mazá era empregada tamén para facer sidra e outro uso era aproveitar a que estaba en malas condicións como alimento para os animais.

        Ata o de agora non contamos ningunha novidade, pero o que non é tan coñecido é que estas mazás chegaron a venderse baixo a denominación “Redondela”. Así en novembro de 1962, no Mercado de Santiago de Compostela se conta que: “Vimos moita mazá. Vendíase ben desde 14 reais ata quince pesetas a ducia segundo a clase. As mellores eran as variedades «Alborona» e «Redondela».”

        Queda así patente que as nosas mazás chegaron a venderse en Santiago con denominación de orixe propia e cunha boa calidade, aínda que as boas críticas cambiaron totalmente ao ano seguinte noutro xornal. En 1962 fálase da gran cantidade de mazás nunca vista no mercado. Isto provocou a caída de prezos e que se puideran mercar cestos a cinco duros: As mazás máis prezadas eran “tabardilla parda”, “tabardilla real”, “deliciosa” e “sanroquera”. Non tanto a “redondela” que hai en abundancia e outras de escaso valor. Tamén se da conta da intención de varios empresarios de comercializar mazá francesa precisamente o ano de máis colleita. Esta apertura ás importacións pode ser a causa do abandono das colleitas de mazás no noso Concello.


Autor: Juan Migueles


BIBLIOGRAFÍA

Galiciana- http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es =>El Correo de Gallego, La Noche

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario