Lousas numeradas. Foto: J. Migueles |
Antigamente os cadáveres recibían sepultura dentro das igrexas. Na igrexa parroquial de Santiago de Redondela, apesares de ter boa parte do seu chan tapado por unha tarima, podemos observar como algunhas lousas están numeradas. Isto non é máis que un sistema de ordenación das tumbas que alí houbo. No centro da nave preto do altar nunha das pedras lemos a data de 1826. Entre as lousas tamén chaman a atención unhas fendas hoxe tapadas que realizaban a función de ventilación que permitía a descomposición dos corpos. Isto provocaba mal cheiro dentro dos templos o que explica o emprego do incenso durante os actos litúrxicos.
Lousa coa data de 1826. Foto: J. Migueles |
Fendas tapadas. Foto: J. Migueles |
Na capela de San Sebastián existe un sarcófago de pedra con estatua xacente con vestidura talar. Polos escudos que conserva crese que a tumba podería corresponder a D. Vasco Machado. No momento da miña visita este conxunto estaba sendo empregado como apoio de varias táboas e un órgano, o que amosa un certo desprezo por un elemento patrimonial que debería ser resaltado como un dos grandes atractivos desta igrexa. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/03/escudos-e-brasons.html )
Sartego na igrexa de Redondela. Foto: J. Migueles |
No Concilio de Auxerre, no ano 585, prohibiu o enterro nos baptisterios. Sería o primeiro intento por rematar con esta práctica ante os problemas sanitarios que provocaba, pero non sería ata a promulgación das Reais Cédulas de Carlos III, en 1787, cando se prohibe os enterramentos nas igrexas e se promove a construción de cemiterios afastados da poboación. Na práctica esta medida sanitaria provocada polas pestes iríase aplicando en cidades e vilas ao longo do século XIX.
Ante o limitado espazo dentro das igrexas os cemiterios creáronse nos adros. En Redondela construíuse o cemiterio dos Eidos en 1855, (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/os-antigos-cemiterios.html ) trasladándose a aquel espazo as tumbas que había no exterior da igrexa. Isto non se fixo de xeito inmediato, porque aínda nos anos 50 do pasado século desmantelouse a parte onde se construiría a edificación de Acción Católica. No adro poden observarse pedras con diferentes gravados, algunhas poden ser lousas reutilizadas do cemiterio pero a meirande parte semellan letras escritas en época recente.
Posible lousa reutilizada. Foto: J. Migueles |
Gravado recente. Foto: J. Migueles |
Na parroquia Vilavella tamén se daba sepultura na igrexa e podemos apreciar as mesmas fendas de ventilación no chan. Apesares de non existir ningún sartego nin tumba destacable, sabemos que no interior da igrexa foi enterrado o seu fundador, García Prego de Montaos. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/03/garcia-prego-de-montaos-y-sotomayor.html ). O cemiterio tamén estaba no adro da igrexa, pero ademais existía outro lugar de enterramento nos xardíns do convento, onde recibían sepultura as monxas do mesmo. O traslado destes restos provocaría a ampliación do cemiterio dos Eidos en 1878.
Autor: Juan Migueles
BIBLIOGRAFÍA
Os Eidos: A vila dos mortos. José Antonio Orge Quinteiro. SEREN Nº3. 2007
O cemiterio dos Eidos da vila de Redondela. Xosé Manuel Moreira Docampo. Concello de Redondela, 2022.
No hay comentarios:
Publicar un comentario