domingo, 6 de diciembre de 2020

Empresas do Mar

Conservas JOB. Semanario El Español anos 50
Conservas JOB. Semanario El Español anos 50

Das fábricas de salgadura ás empresas conserveiras

         Na primeira metade do século XIX fomentadores cataláns chegan a Galicia e instalan as súas fábricas de salgadura, técnica de conservación do peixe. Esto trouxo consigo a introdución de novas técnicas de pesca e a dependencia do sector destas empresas. En 1861, outro catalán, Víctor Curbera abriu a primeira empresa conserveira de Galicia en Punta Cacharela (Teis-Vigo), con acceso dende a praia de Arealonga (Chapela). Isto supuxo unha nova revolución industrial, xa que ao mellorarse a técnica de conservación a salgadura pouco a pouco foi esmorecendo.

A Fábrica do Alemán / Conservas Boyé (Rande-Cedeira)

Esta empresa foi construída pola familia Carsí procedente de Vilanova i la Geltru (Barcelona). A primeira referencia atopada sería de 1836, cando Sebastián Carsí se atopaba realizando actividades de salga de peixes e carnes en Rande. Ese mesmo ano esta fábrica produciría 517 quintais de sardiña e parrocha. Na segunda metade do s. XIX a familia Carsí deixa o negocio alugando a empresa a diferentes fomentadores. Así, no 1868 era explotada por José Puig. Semella que despois a familia recuperou o control da salga, pois en 1910 é explotada baixo a firma "Juan Carsí y compañía". 

Fábrica do Alemán antes da súa musealización. Foto: J. Migueles

Xa en 1939 a fábrica é vendida a Ramón Cordero Martín, quen na primeira metade dos 40 realizaría obras de ampliación e mellora das instalacións. Sería en 1944 cando a empresa é mercada polo alemán asentado en Vigo, Otto Gerdtzen Boyé, que en 1948 adicaría parte das instalacións á produción conserveira baixo o nome comercial Conservas Boyé. En 1952 cesou a salga e 3 anos despois a fábrica pecharía definitivamente.

No 2008 a Asociación Cultural e Deportiva de Rande propuxo este lugar para albergar un museo da batalla de Rande, MEIRANDE. A pesares de atoparse en ruínas aínda conservaba restos do seu pasado como unha máquina de vapor Ruston, Proctor and Company, que podía empregarse como xerador eléctrico, tractor ou para mover maquinaria.

Salgadura de Norberto Velázquez Moreno (Chapela)

Norberto Velázquez Moreno naceu en Oretigosa de Cameros (Logroño), o 6-6-1768 e faleceu en Vigo o 12-10-1852. Estableceuse en Vigo, sendo dos primeiros en establecer unha fábrica de salgadura, que situou en Chapela, e outra de curtidos en Lavadores. Perfeccionou e deu impulso e protección á industria pesqueira e á cría de gando vacún. No 1832 levantou un teatro en Vigo, primeiro de Galicia. Ás súas expensas construíuse o Matadoiro de Vigo. Emprendendo logo a construción do lazareto na illa de San Simón.

Empregadas dunha conserveira. Foto cedida por Genoveva Loureiro
Empregadas dunha conserveira. Foto cedida por Genoveva Loureiro

Salgadura da Portela (A Portela-Cedeira)

Sociedade formada por Juan Ato. Thomé (de Viladebé) e Antonio Vidal (de Vilanova-Principado de Cataluña). Adicábanse á salgadura de sardiñas e outros peixes. Enriba dunha das portas da fábrica aínda se pode ler ano de 1728.

Salgadura da Portela. Foto: J. Migueles
Salgadura da Portela. Foto: J. Migueles

Salgadura da Regasenda (“A de Mañas”-Punta de Soutelo-Cedeira)

Nunha das entradas figura o ano de 1767. Na primeira metade do s. XIX pertencía a Ramón Abeleira veciño de Vigo. Comercializaba a sardiña salgada a nivel nacional, facéndose o transporte por mar. En 1840 a produción comercializada no exterior chegaría ós 598 quintais de sardiña, necesitando 299 fanegas de sal. Na segunda metade do XIX pasou a mans de Francisco Tapias y Hnos, que en 1863 empregaron 1.500 quintais de sal para a súa produción. Semella que a súa familia alugaría posteriormente a empresa.

Salgadura da Regasenda. Foto: Juan Migueles
Salgadura da Regasenda. Foto: Juan Migueles

Tralo falecemento en 1900 de Luis Pérez Reboredo, natural de Vilanova, a súa familia continuaría co negocio familiar da salga baixo o nome Viúda e hijos de Luis Pérez. Un dos fillos faríase cargo da fábrica primitiva en Vilanova, outro construiría outra tamén en Vilanova e un terceiro, Manuel Pérez, pasaría a dirixir esta da Regasenda que mercaran e estaban a piques de acondicionar. A partires de 1911 comezan a traballar o enlatado principalmente de escabeche. Un descendente desta saga abriría anos máis tarde Conservas Pimpinela en Chapela.

Anos despois esta fábrica volta a ser explotada pola familia Tapias, que nos anos 40 a vende a José Otero González (Mañas), dono de Conservas JOB, como veremos a continuación. O novo propietario realizou reformas e chegou a dar traballo a preto de 100 mulleres. Produciu sardiña salgada e bocarte ata o seu peche na década dos 60.

Outros Datos

Paropar, Vicente (Arealonga-Chapela)

Salgadura cara a 1900.

González, José (Chapela)

Propietario dunha salgadura en Chapela en 1910.

Virzi, Francesco (Chapela)

Adicábase principalmente á salga e anchoas, en Laredo, cando menos en 1937.

Anuncio. El Pueblo Gallego
Anuncio. El Pueblo Gallego

Conserveira de Victor Curbera Puig (Chapela/Teis).

J R Curbera -logo-conservasdelatlantico com
J R Curbera -logo-conservasdelatlantico com

A familia Curbera, procedente de Cataluña, estableceuse en Vigo no 1780 para adicarse á industria da salgadura. Dise que o naufraxio dun veleiro francés cargado de conservas de sardiñas de Nantes despertou a curiosidade de Victor Curbera Puig. Deste xeito, puido no 1861 abrir en Punta Cacharela (Teis-Vigo) a primeira empresa conserveira de Galicia, con acceso dende a praia de Arealonga (Chapela). Conseguiuno importando de Francia a técnica conserveira coñecida como “estilo Nantes”.

Conservas Curbera. Faro de Vigo
Conservas Curbera. Faro de Vigo

En 1908 a conserveira sería trasladada ao Areal (Vigo). E anos despois, concretamente en 1930, construiríase outra nave na praia Arealonga que actualmente é empregado como almacén polo Grupo Oya Pérez S. L. Ademais da conserva de peixe, adicábase á conserva de carne, froita e leite. Curbera tamén comerciaba con coloniais, mantendo varios buques de liña regular a varios países americanos. Isto facilitou que en pouco tempo xa comezara a exportar produtos a Cuba. Esta empresa tería a súa continuación nas firmas José R. Curbera S. A. e Conservas del Atlántico S. L.

www.conservasdelatlantico.com

Conservas Curbera. Anuncio. ABC
Conservas Curbera. Anuncio. ABC

Conservas JOB.

José Otero González (Mañas). Naceu o 1 de abril de 1899 en Redondela. Foi un dos pioneiros da industria redondelá. O seu pai faleceu en setembro do 1921, deixándolle en herdanza unha pequena empresa de escabechado fundada en 1902 e sita na actual rúa Padre Crespo. A fábrica recibiu o nome de Sucesores de José Otero Bilbao. A finais dos anos 20 José Otero González propulsou o marisqueo na enseada de San Simón, principalmente de ameixa e berberecho, chegando a ser durante anos o único comprador. Abriu, deste xeito, o camiño aos compradores que virían principalmente de Vigo para darlle un novo empuxón ó sector. Elaboraba ademais longueirón, navalla, sardiña, bonito, palometa, anchoa... Pero por riba de todo, destacaba n futuros o mexillón en escabeche chegando a ser coñecido como “o rei do mexillón”. 

Conserveira de José Otero Bilbao
Conserveira de José Otero Bilbao

           Xa nos anos 30 mercou o antigo chiringuito da praia de Cesantes ás familias Otero e Borines, reformou o edificio e construíu un pequeno peirao para introducirse no mercado das conservas. Esta empresa era coñecida como Conservas JOB en memoria do seu pai José Otero Bilbao.

En plena Guerra Civil, en agosto de 1937, á fábrica de conservas José Otero Bilbao, foi sancionado polo Gobernador Civil con multa de 3.000 pesetas, por salarios de fame, facer traballar aos obreiros máis horas das permitidas e non retribuír diariamente as horas extraordinarias. 

Conservas Job en Cesantes. Arquivo Consuelo Lago
Conservas Job en Cesantes. Arquivo Consuelo Lago

Cos anos lanzaría a marca “Coca” que aínda hoxe se atopa no mercado comercializada por Rodríguez y Pascual. Máis tarde alugou, e logo mercou, a fábrica de salgadura da Regasenda da familia Tapias. Tamén comprou outra fábrica na praia de Francisco-Louro en Muros. Chegou a dar emprego a máis de 300 mulleres, ademais dos peóns e o persoal técnico e administrativo. En Cesantes, chegouse a crear unha escola para os fillos dos traballadores, impartindo as clases Rosario Cal. 

La Coca. todocoleccion.net
La Coca. todocoleccion.net

En 1942 adquiriu o que se convertería na súa maior paixón, o Convento de Vilavella, onde traballara como mandadeira a súa avoa. Realizou grandes modificacións estruturais no edificio, fixou alí a súa residencia e adaptou algunhas dependencias ás necesidades da súa empresa: oficinas, talleres... Entre 1942 e 1962 tamén comercializou pescado ao por maior. En 1952 desaparece Sucesores de José Otero Bilbao como marca, seguindo o grupo empresarial baixo a dirección de José Otero González. Xa nos 50 instalou un criadeiro de mexillón de 500 m2 fronte a fábrica da Regasenda para abastecer á conserveira. Falecería no convento de Vilavella o 18 de febreiro de 1968.

Brasón dos Prego de Montaos, logo de Conservas JOB e escudo de José Otero. Foto: Juan Migueles

A dirección da empresa, que daquela daba traballo a 83 traballadores en Cesantes e 21 na Regasenda, pasaría ao seu sobriño José Carlos Figueiral, quen por manter negocios noutros sectores decide vender a conserveira a principios dos 70 a Rodríguez y Pascual.

Conservas Manuel Otero Lago / Guimeráns / Rodríguez y Pascual.

Fábrica de escabeche propiedade de Manuel Otero Lago (1870-1950) sacristán do Convento de Vilavella. Estaba moi preto da conserveira de José Otero Bilbao na rúa Francisco de Federico, hoxe Padre Crespo. Na parte dianteira tiña vivenda e tasca. Era unha empresa de carácter familiar que producía a marca “Ría de Redondela”. Antes da Guerra Civil producía 5 toneladas de mexillón en escabeche, 1 de ameixa ao natural, 3 de navalla ao natural e 1 de navalla en escabeche. Despois da guerra esta produción reduciríase por mor da perda dos mercados de Barcelona e Madrid.

Conserveiras de Manuel Otero Lago e José Otero Bilbao. Foto:Sal sardiñas e peiraos. Alberte Román

Cando se xubilou en 1941 vendeu o negocio, co dereito a explotar a marca, e alugou as instalacións á empresa Sucesor de Guimeráns y Compañía, pasando a empresa a chamarse Conservas Guimeráns. Os donos eran os vigueses Pedro Guimeráns Carreras e Alfonso Viñas Núñez. Este último despois de facerse co negocio cedeullo ós seus fillos. Como a empresa non ía ben un deixou o negocio e o outro fíxose cargo da fábrica con dous novos socios. Pouco despois Viñas deixaría a sociedade.

A finais dos anos 60, baixo o nome de Conservas Rodríguez y Pascual, dado polos novos socios, a conserveira abandonaría as instalacións de Vilavella e outras de Arcade (a fábrica que fora Conservas Sueiro) para trasladar o negocio ao peirao de Cesantes, facéndose coa empresa Conservas JOB e os dereitos para explotar a marca “Coca”. Hoxe en día é a única conserveira en activo de Redondela.

Rodríguez Pascual. Foto: Juan Migueles
                                  Rodríguez Pascual. Foto: Juan Migueles

Conservas Peña. (Chapela)

En maio de 1944 o conserveiro José Peña Oubiña merca a Ricardo Costa Moreno a fábrica que cara a 1930 construíra José Curbera. As primeiras marcas envasadas por esta empresa serían: Atalaya, Gigante, Peña e El Borro. Posteriormente construiría no mesmo lugar unha fábrica maior.

Conservas Peña, anteriormente de Curbera. Foto: Juan Migueles
Conservas Peña, anteriormente de Curbera. Foto: Juan Migueles

A mediados dos 40 posuía empresas en Cambados e Chapela, ademais de participar en dúas máis en Raxó e Santoña. Tamén posuía tres embarcacións: Pepita, Caramuxo e Obdulia; unha delas con base en Chapela.

Á fronte da factoría de Chapela poría como encargado a Vicente Vila, que ao abandonar a empresa sería substituído polo fillo maior do dono, José Peña Domínguez.

Na década dos 50 consegue a concesión de 15 bateas, sete delas na Ría de Vigo, destinando a fábrica de Chapela ao envase de mexillón. Entre 1951 e 1957, José Peña ocuparía o cargo de alcalde de Cambados, onde instaurou a Festa do Albariño.

Tralo falecemento do patriarca e o posterior abandono da dirección por parte de José Peña Domínguez a factoría de Chapela véndese a Conservas Carballo.

Conservas Peña todocoleccion.net
Conservas Peña todocoleccion.net

Conservas Pimpinela (Chapela)

Despois da disolución da empresa conserveira Hermanos Pérez Lafuente, un deles, Luis Pérez Lafuente, merca unha propiedade en Chapela que herdara o seu irmán Juan. Alí estableceu unha fábrica que entrou en funcionamento en xuño de 1963 baixo o nome Pimpinela, que xa empregara en Portugal para a exportación de anchoa. O edificio era coñecido en Chapela como a Fábrica Nueva. Lamentablemente faleceu tan só ano e medio despois, pasando a dirixir o negocio o seu fillo Luis Pérez Leiro, quen en 1966 acometeu obras de ampliación.

Por Orden do 28 de outubro de 1966, autorízase a Luis Pérez Leiro e ás súas irmás: María de la Paz, María Teresa, María Guadalupe e Pilar a modificación e ampliación da concesión que lles foi otorgada por Orden Ministerial o 2 de marzo de 1963 para construir un muro e recheo con destino á ampliación dunha fábrica de conservas en Arealonga.

En 1973 unha grave doenza obriga a Luis Pérez Leiro a vender a empresa a Conservas Carballo.

Conservas Carballo S. A. (Arealonga-Chapela)

A empresa disolveuse en 1992. Despois de quedar en desuso a nave converteuse no local do Clube de Remo Chapela. No 2009 proxectouse a construción dunha piscina pública, na que se contempla un espacio para o club anteriormente citado.

Conseras Carballo Foto J. Deus
Conseras Carballo Foto J. Deus

Outras Conserveiras

Ramón Palan (Laredo-Chapela)

Conserveira cara a 1906-1907.

Feiz. Francisco y Compañía (Chapela)

Conserveira cara a 1904-1905.

Conservas de Amalia Pazos / Herdeiros de Maximino Crespo (Vilavella)

A única referencia de esta conserveira a atopamos nun xornal de 1917 no que se da conta do roubo de 31 quilos de chumbo, aparecendo cos dous nomes dependendo do xornal.

Outras industrias do mar

Factoría Copiba (Chapela)

Copiba. En construción. Foto:vigoe.es
Copiba. En construción. Foto:vigoe.es

Os traballos de construción iniciáronse en 1940 na Caleta do Muíño e remataron en 1944. Naceu para a comercialización de bacallau. A súa razón social era Madrid, máis era en Chapela onde tiña a súa base e factoría. En 1960 contaba con 4 barcos: “Federico Heredia”, Puerto de la Bonaigua”, “Puerto de Fonte Fría” e “Puerto de Navacerrada”. A empresa sería mercada en febreiro de 1964 por Pescanova, que se adica tamén aos produtos do mar, apesares do cal seguiría mantendo o nome de Copiba durante un tempo.

Mulleres na fábrica.Ano 1958. Chapela de onte a hoxe
Mulleres na fábrica.Ano 1958. Chapela de onte a hoxe

Portalón de entrada a Copiba. 1942. Chapela de onte a hoxe
Portalón de entrada a Copiba. 1942. Chapela de onte a hoxe

NOTA: Efemérides del Puerto de Vigo. Copiba

https://es.calameo.com/read/0023953586f3b74f272ce?fbclid=IwAR3rEzaHJx0QjnKz-3laOlGrlcVHF_GDpzrU9aSuoKC_IxvTc_cEEdR6_3w

Pescanova anos 60.Faro de Vigo
Pescanova anos 60.Faro de Vigo

Secadoiro de bacallau (R. San Xoán de Arcal-Redondela)

Atopábase na pronunciada curva da rúa San Xoán de Arcal nos anos 40-50. Era propiedade de dous irmáns nados en Castela e coñecidos como Jose María O Feo e Cabeza de Lavadouro. As instalacións consistían nuns paus con cordas das que colgaban os bacallaus que logo repartían nunha furgoneta.

Estaleiro de Loureiro (Cesantes)

Ver Instalación marítimas

Estaleiro de Loureiro Foto cedida por Ladrillo
Estaleiro de Loureiro Foto cedida por Ladrillo

Instalacións de engorde de marisco na praia Punta do Cabo (Cesantes)

Nos 40 era propiedade de Narciso García. Eran empregadas para o engorde de diferentes moluscos, entre eles a ostra.

Viveiro na Punta. Foto: Juan Migueles
Viveiro na Punta. Foto: Juan Migueles

Viveiro de Ostras en Fontán (Soutoxuste-O Viso)

O xerente da empresa era Juan “do Pazo” (o alcume fai referencia ao Pazo de Soutoxuste).

O Cable inglés.

Na 2ª metade do s. XIX, The Eastern Telegraph Company, compañía inglesa encargada da instalación do cable necesario para a comunicación telegráfica estableceuse en Vigo. O consignatario Estanislao e hijo foi o responsable da contratación de persoal para os buques do cable. Os traballadores da área metropolitana de Vigo chegaron a representar o 70% do persoal de toda a frota da empresa, sendo a meirande parte de Cesantes, Rande, Chapela e Redondela. 

Anos 60. Traballadores do cable en Gibraltar. Foto cedida por Antonio Cobián
Anos 60. Traballadores do cable en Gibraltar. Foto cedida por Antonio Cobián

Autor: Juan Migueles

BIBLIOGRAFÍA

Doctor en Medicina y Cirugía. Bodas de Oro (1939-1989) Antonio Ocampo Otero.

Arredor de nós. Historia da Policía Local 1863-2003. Gonzalo Amoedo López e Roberto Gil Moure. 2003

Galeguismo e sociedade na Redondela da Segunda República. Lois Barros. Edicións do Castro

As vilas de Redondela nos tempos do Catastro de Ensenada: Xoán Miguel González Fernández. Ed. Concello de Redondela.

Chapela de onte a hoxe. Gonzalo Mencía Castro. Ed. Xunta de Galicia.

Redondela, crónica dun tempo pasado. A Segunda República e o primeiro franquismo. Gonzalo Amoedo e Roberto Gil. Edicións do Castro 2002.

Sal, sardiñas e peiraos. Achega ao patrimonio marítimo na Enseada de San Simón. Alberte Román Losada. Ed. Asoc. Alén Nós 2009.

Historias de Galicia (Serie da TVG).

Arquitectura Industrial en la provincia de Pontevedra. Iria Sobrino Fagilde y Rai Iglesias. Proyecto Coag./Vigo. Patrimonio arquitectónico moderno y contemporáneo en Galicia, 2008.

Patrimonio Industrial da Ría de Vigo. www.entremosnapanificadora.com

Aportes: Gonzalo Amoedo, Manuel Migueles, Matilde Fernández, Nanato Lago Amoedo e Jesús Queimaliños.

SEREN

Nº2. Facendo camiño en Cedeira. Dolores Míguez Montes.

Nº3. Os Eidos: “A vila dos mortos”. J. A. Orge Quinteiro.

Arquivo do Concello de Redondela: Matrícula Industrial: 1885-86, 1886-87,1887-88, 1889-90, 1890-91, 1891-92, 1892-93, 1893-94, 1899-1900, 1893-94, 1896-97, 1897-98, 1898-99, 1899-1900, 1900-1914.

Las familias de la conserva. El sector de las conservas del pescado a través de sus sagas familiares. Xoán Carmona Badía (Coord.). Ed. ANFACO

P.E.B.S.A. Autor: Fernando Souto Balado

ABC: http://www.abc.es/hemeroteca

El Correo Gallego: http://www.elcorreogallego.es/index.php?idMenu=130

Vigometropolitano: http://www.vigometropolitano.com/

La Vanguardia (dende 1881): www.lavanguardia.es/hemeroteca

El País: www.elpais.com

El Noroeste (Hemeroteca)

http://www.csbg.net/

www.hemerotecadigital.bne.es

Anuario del comercio, de la industria, de la magistratura y de la administración: 1879-1884, Revista de geografía comercial...

BOE > www.boe.es

Doctor Jordi Nadal: la industrialització i el desenvolupament econòmic d'Espanya. Editado por Albert Carreras,Miquel Gutiérrez (Google Books)

Censo de actividades 1905, 1910 e 1925. Publicado en www.todocoleccion.net

www.mcu.es:=> Varios xornais

Documentación de Manuel Otero Lago. Arquivo do autor.

Galiciana-Biblioteca Digital de Galicia. Xunta de Galicia: http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es => La Integridad, El Pueblo Gallego, Hoja Oficial del Lunes, El Progreso, El Lucense, La Correspondencia Gallega, Gaceta de Galicia, Diario de Galicia, La Noche, Vida Gallega...

La Idea

sábado, 5 de diciembre de 2020

Historia Industrial de Redondela

Regojo nos seus inicios. Vida Gallega
Regojo nos seus inicios. Foto: Vida Gallega
       
           No século XVIII o sector económico máis importante de Redondela era a pesca e en Vilavella os artesáns, gañando a agricultura máis importancia cara ao interior. A principios deste século chegan mercadores asturianos que se fan cos principais negocios da vila: venta de sal, aparellos de pesca, produtos téxtiles... Xa a mediados do XVIII son principalmente cataláns os que impoñen a salga, consistente en conservar o peixe con sal, e converten a pesca nunha empresa capitalista, impoñendo un arte de pesca de arrastre moi depredador, desprazando as tradicionais dornas do xeito.

Na 2ª metade do s. XIX, The Eastern Telegraph Company, compañía inglesa encargada da instalación do cable necesario para a comunicación telegráfica estableceuse en Vigo. Isto abriría a porta á contratación na nosa contorna de numerosos tripulantes para os seus buques ata os anos 60 do pasado século.

No 1861 Victor Curbera abre en Chapela a primeira conserveira de Galicia. Esta nova forma de preservar o peixe revolucionaría o sector, obrigando ás fábricas de salgadura a transformarse ou desaparecer.

            A principios do s. XX seguirían a abrir máis conserveiras que vivían unha época de esplendor, pero tamén chegaban novas industrias vinculadas aos minerais como o cargadoiro de mineral de Rande, a IME, a Vidriera ou a Azufrera. Dúas pequenas empresas terían un gran crecemento favorecidas pola Guerra Civil, a fábricas de cepillos EIMA e a Fábrica de camisas Regojo. Ao quedar os seus competidores na zona republicana, subministrarían cos seus produtos ao exército nacional. Regojo seguiría a crecer nas seguintes décadas levando todo o peso da economía do Concello de Redondela, polo que a súa quebra a principios dos 80, supuxo un duro golpe para a veciñanza. Este peche daría paso á coñecida como industria téxtil mergullada, baseada nos traballos dende casa sen apenas cotizar e que decaeu a finais dos 90.

            Outra empresa fundamental sería Pescanova, fundada en 1960 como continuadora de Copiba, e que supuxo o bum demográfico de Chapela e que provocou un caótico crecemento urbanístico que esta parroquia segue a padecer. Tamén se instalaría en Rande outra empresa empresa importante, Vieira S. A., e preto dela outro cargadoiro de mineral, Minero Siderúrgica de Ponferrada S.A..

            A entrada no século XXI ven marcada pola dependencia do noso Concello do sector automobilístico, coa fábrica de Citroën en Vigo como motor económico de todo o sur de Galicia.

Autor: Juan Migueles

BIBLIOGRAFÍA

Doctor en Medicina y Cirugía. Bodas de Oro (1939-1989) Antonio Ocampo Otero.

Apuntamentos sobre o mosteiro de Vilavella (Redondela). Amado González Cardama. Separata de estudios provinciais Nº15/2000 – ISSN: 0211-5530

Arredor de nós. Historia da Policía Local 1863-2003. Gonzalo Amoedo López e Roberto Gil Moure. 2003

Galeguismo e sociedade na Redondela da Segunda República. Lois Barros. Edicións do Castro

As vilas de Redondela nos tempos do Catastro de Ensenada: Xoán Miguel González Fernández. Ed. Concello de Redondela.

Recuerdos de mi vida 1990. José Regojo Rodríguez

Redondela, crónica dun tempo pasado. A Segunda República e o primeiro franquismo. Gonzalo Amoedo e Roberto Gil. Edicións do Castro 2002.

Sal, sardiñas e peiraos. Achega ao patrimonio marítimo na Enseada de San Simón. Alberte Román Losada. Ed. Asoc. Alén Nós 2009.

Historias de Galicia (Serie da TVG).

Aportes: Gonzalo Amoedo, Manuel Migueles, Matilde Fernández, Nanato Lago Amoedo e Jesús Queimaliños.

SEREN

Nº2. Facendo camiño en Cedeira. Dolores Míguez Montes.

Nº3. Os Eidos: “A vila dos mortos”. J. A. Orge Quinteiro.

Arquivo do Concello de Redondela: Matrícula Industrial: 1885-86, 1886-87,1887-88, 1889-90, 1890-91, 1891-92, 1892-93, 1893-94, 1899-1900, 1893-94, 1896-97, 1897-98, 1898-99, 1899-1900, 1900-1914.

Las familias de la conserva. El sector de las conservas del pescado a través de sus sagas familiares. Xoán Carmona Badía (Coord.). Ed. ANFACO

Arquitectura Industrial en la provincia de Pontevedra. Iria Sobrino Fagilde y Rai Iglesias. Proyecto Coag./Vigo. Patrimonio arquitectónico moderno y contemporáneo en Galicia, 2008.

Relaçoes entre Portugal e a Galicia nos séculos XIV e XV. Humberto Baquero Moreno.

P.E.B.S.A. Autor: Fernando Souto Balado

ABC: http://www.abc.es/hemeroteca

El Correo Gallego: http://www.elcorreogallego.es/index.php?idMenu=130

Vigometropolitano: http://www.vigometropolitano.com/

La Vanguardia (dende 1881): www.lavanguardia.es/hemeroteca

La Opinión de Zamora: www.laopiniondezamora.es

El País: www.elpais.com

El Noroeste (Hemeroteca)

http://www.csbg.net/

www.hemerotecadigital.bne.es

Anuario del comercio, de la industria, de la magistratura y de la administración: 1879-1884, Revista de geografía comercial...

BOE > www.boe.es

Doctor Jordi Nadal: la industrialització i el desenvolupament econòmic d'Espanya. Editado por Albert Carreras,Miquel Gutiérrez (Google Books)

Tierra y Tecnología. La minería y el patrimonio minero en Galicia. Manuel Lara Coira.

Censo de actividades 1905, 1910 e 1925. Publicado en www.todocoleccion.net

www.mcu.es:=> Varios xornais

Documentación de Manuel Otero Lago. Arquivo do autor.

Galiciana-Biblioteca Digital de Galicia. Xunta de Galicia: http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es => La Integridad, El Pueblo Gallego, Hoja Oficial del Lunes, El Progreso, El Lucense, La Correspondencia Gallega, Gaceta de Galicia, Diario de Galicia, La Noche, Vida Gallega...

Biblioteca Nacional. www.hemerotecadigital.bne.es => Mediterráneo

viernes, 4 de diciembre de 2020

Fábricas de cepillos

Fábrica de cepillos EIMA. Semanario El Español anos 50
Fábrica de cepillos EIMA. Semanario El Español anos 50

E. I. M. A. ou Fábrica de Brochería y Cepillería S. A. (“A de Ferrín”ou “La Negrera”).

Empresa establecida en Redondela en 1934, por Bautista Ferrín Lorenzo, natural de Zamora. Colaboraban na dirección os seus fillos Jeremías e Julián Ferrín Belandas. Co tempo, faríase cargo do negocio o sucesor, Julián Bautista Ferrín Vázquez. Nos anos 60 era propiedade de José Álvarez Campos.

Empregadas de EIMA, 1927. Foto cedida por Genoveva  Loureiro
Empregadas de EIMA, 1927. Foto cedida por Genoveva  Loureiro

          Como Regojo esta fábrica veuse favorecida pola Guerra Civil confeccionando cepillos de dentes, de calzado, de roupa..., para os soldados do bando nacional. Nos anos 50 chegou a producir 5 millóns de cepillos ao ano, distribuíndo a súa produción por todo o territorio nacional. Este rápido crecemento levou á construción en 1939 dun moderno edificio situado na estrada de Vigo, próximo á estación do ferrocarril. A principios dos 50 tamén contaba cunha sucursal en Vigo especializada nos aglomerados de madeira.

1927-35 Ferrín (sombreiro) e varios empregados. Foto cedida por Genoveva Loureiro
1927-35 Ferrín (sombreiro) e varios empregados. Foto cedida por Genoveva Loureiro

             A historia desta empresa está marcada polos incendios. O 31 de marzo de 1941 un incendio nuns almacéns alugados preto da empresa saldouse con varios mortos. En agosto de 1964 sería o propio edificio central o que ardeu provocando perdas millonarias pero, desta volta, sen vítimas mortais apesares de atoparse nas instalacións máis de cen traballadores. En febreiro de 1975 a negativa da dirección a subir os soldos provocou un conflito laboral cos seus 75 empregados que, coa mediación dun letrado sindical, rematou cun aumento de 35 pesetas sobre o salario base. A empresa pecharía definitivamente a principios dos anos 80.

Incendio en EIMA 1964. Fotos Arjones-El pueblo gallego
Incendio en EIMA 1964. Fotos Arjones-El pueblo gallego

Estado das instalacións de EIMA en 1993. Foto IPAIVC.
Estado das instalacións de EIMA en 1993. Foto IPAIVC.

         Na actualidade as instalacións son empregadas por varios negocios comerciais.

Cepillería Gallega.

Fábrica de cepillos, brochas e pinceis situada na Xunqueira, fundada por Bienvenido Míguez Lago e Manuel Leirós Fernández “Machaquito”. Co tempo pasaría a ser totalmente de Manuel Leirós, cando menos dende 1948, limitándose Bienvenido a cobrar o aluguer do inmoble que era da súa propiedade. En xullo de 1960 esta empresa sufriría un gran incendio que a reduciu ás cinzas, así como ao anexo garaxe de Bienvenido. Por sorte non houbo vítimas mais a destrución foi tal que se afundiron paredes e teitos. Normalmente no garaxe se gardaban cinco camións e unha DKW, pero por nese intre tan só había un camión que puido ser sacado a tempo. As malas linguas afirman que o lume fora provocado para cobrar do seguro.

Incendio da Cepillería Gallega Foto cedida por Isabel Martínez
Incendio da Cepillería Gallega, 1960. Foto cedida por Isabel Martínez

Incendio da Cepillería Gallega, 1960. Fotos: Fotsca-La Noche
Incendio da Cepillería Gallega, 1960. Fotos: Fotsca-La Noche

Outras Fábricas de cepillos

Fábrica de Cepillos de Saavedra (o 43).

Estaba na Portela, entre a Fedora e a estación.

Fábrica de Cepillos de José Araújo Vázquez

Na rúa Espírito Santo nos anos 50-60.

Veiga y Tojeiro.

Fábrica de cepillos e brochas na rúa Prata nos anos 50-60. Especializada en cepillos industriais.

Anuncio 1954

Cándido Bouzas Puerta

A mediados dos 60, na rúa Juan Manuel Pereira.

Sanver

A finais dos 60 na rúa Eidos.

Autor: Juan Migueles

BIBLIOGRAFÍA

Doctor en Medicina y Cirugía. Bodas de Oro (1939-1989) Antonio Ocampo Otero.

Arredor de nós. Historia da Policía Local 1863-2003. Gonzalo Amoedo López e Roberto Gil Moure. 2003

Galeguismo e sociedade na Redondela da Segunda República. Lois Barros. Edicións do Castro

Redondela, crónica dun tempo pasado. A Segunda República e o primeiro franquismo. Gonzalo Amoedo e Roberto Gil. Edicións do Castro 2002.

Arquitectura Industrial en Vigo. Proyecto COAG/Vigo. Patrimonio Arquitectónico Moderno y Contemporáneo en Galicia. Iria Sobrino Fagilde

Patrimonio Industrial da Ría de Vigo. www.entremosnapanificadora.com

Aportes: Gonzalo Amoedo, Manuel Migueles, Matilde Fernández, Nanato Lago Amoedo e Jesús Queimaliños.

Arquivo do Concello de Redondela: Matrícula Industrial: 1885-86, 1886-87,1887-88, 1889-90, 1890-91, 1891-92, 1892-93, 1893-94, 1899-1900, 1893-94, 1896-97, 1897-98, 1898-99, 1899-1900, 1900-1914.

ABC: http://www.abc.es/hemeroteca

El Correo Gallego: http://www.elcorreogallego.es/index.php?idMenu=130

La Vanguardia (dende 1881): www.lavanguardia.es/hemeroteca

http://www.csbg.net/

www.hemerotecadigital.bne.es

Anuario del comercio, de la industria, de la magistratura y de la administración: 1879-1884, Revista de geografía comercial...

BOE > www.boe.es

Doctor Jordi Nadal: la industrialització i el desenvolupament econòmic d'Espanya. Editado por Albert Carreras,Miquel Gutiérrez (Google Books)

www.mcu.es:=> Varios xornais

Documentación de Manuel Otero Lago.

Galiciana-Biblioteca Digital de Galicia. Xunta de Galicia: http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es => La Integridad, El Pueblo Gallego, Hoja Oficial del Lunes, El Progreso, El Lucense, La Correspondencia Gallega, Gaceta de Galicia, Diario de Galicia, La Noche, Vida Gallega...

Biblioteca Nacional. www.hemerotecadigital.bne.es => Mediterráneo

Programa Festas da Coca. Varios anos.

Aportes. Manuel Seijas e Manuel Migueles.

Fábricas de gaseosas

Espumosos Guaraní. Anuncio Festas da Coca 1948.

            Houbo un tempo en que non existían as bebidas enerxéticas, nin os refrescos de cola e sabores e nin sequera os zumes envasados. Cando comezaron a comercializarse eran produtos de consumo en bares e que só se mercaban para casa en contadas ocasións. Na compra semanal o que non faltaba era a gaseosa, que era a bebida doce que consumía a rapazada e tamén, porque non dicilo, servía para mellorar viños difíciles de inxerir. Nos anos 80 do pasado século, o mercado estaba copado por Gaseosas La Pitusa, pero anteriormente fabricábanse gaseosas en case todas as vilas e os seus envases son agora cobizados por coleccionistas. Redondela non é unha excepción e na nosa vila existiron varias.

            Ollando os censos de actividades é curioso que non se recollen ás fábricas de gaseosas a finais do século XIX, cando temos referencias da súa existencia. A primeira recollida sería propiedade de Antonio Garrido, cando menos entre 1901 e 1904. Neste último ano tamén aparece a fábrica de Adolfo Abalo, que é a única rexistrada en 1908. Dous anos despois, en 1910, as fábricas do propio Abalo, Jesús Collazo e Antonio Silva y compañía. En 1932, Eduardo Sánchez Cerqueiro e Domingo Blanco Pérez.

            Outros datos que atopo serían os seguintes:

Gaseosas “La Primavera”

O seu dono era Ramón Feijoo Fernández, quen lla traspasou en 1891 a Constante Gregorio.

Gaseosas ¿?

            Propiedade de Antonio Garrido Otero en 1900, na praza da Constitución. En 1902 vendeulla a Adolfo Abalo, que a instalou nos baixos da casa da señorita Juana Sestelo.

Gaseosas “La Esperanza”

            O seu dono chamábase Domingo Blanco Pérez e tiña a fábrica de gaseosas no baixo da súa casa en Vilavella, na actual R. Padre Crespo constando xa no censo de 1932. Tanto el como a súa muller eran coñecidos como “os da Gaseosa”, pero o alcume que herdou a familia foi o das súas fillas, “as Gaseoseras”. Os maiores aínda lembran como recollían auga na fonte de Vilavella para elaborar a gaseosa. Trala morte do propietario a fábrica de gaseosas aínda continuou na década dos 50, baixo o nome "Vda. e Hijos de D. Blanco".

             A finais dos 40 tamén distribuía a cervexa Damm e, nos anos 60, o refresco de laranxa Citrania.

Gaseosas La Esperanza. Anuncio Festas da Coca 1948.

Espumosos Guaraní

            Entre os anos 40 e 60. Propiedade de Emilio Cal Fernández, quen abriu o negocio ao volver de Brasil, de aí o nome da marca. Era un refresco de gaseosa con sabor a froitas que se envasaba en distintos tamaños.

Espumosos Guaraní. Foto:todocoleccion.net

Gaseosas Franco

            En Chapela. Anunciábase con “manantial propio”. No que debeu ser unha segunda etapa aparece embotellada en Vilar de Infesta.

Gaseosas Franco. Foto: todocoleccion.net

Autor: Juan Migueles

BIBLIOGRAFÍA

Arquivo do Concello de Redondela: Matrícula Industrial: 1885-86, 1886-87,1887-88, 1889-90, 1890-91, 1891-92, 1892-93, 1893-94, 1899-1900, 1893-94, 1896-97, 1897-98, 1898-99, 1899-1900, 1900-1914.

www.hemerotecadigital.bne.es

Anuario del comercio, de la industria, de la magistratura y de la administración: 1879-1884, Revista de geografía comercial...

Censo de actividades 1905, 1910 e 1925. Publicado en www.todocoleccion.net

www.mcu.es:=> Varios xornais

Galiciana-Biblioteca Digital de Galicia. Xunta de Galicia: http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es => La Integridad, El Pueblo Gallego, Hoja Oficial del Lunes, El Progreso, El Lucense, La Correspondencia Gallega, Gaceta de Galicia, Diario de Galicia, La Noche, Vida Gallega...

La Idea

Aportes: Juan Carlos Villar (Gaseosas de Galicia), María Rosa Cal Pérez e Matilde Fernández.

miércoles, 2 de diciembre de 2020

Cargadoiros de mineral (II). Cargadoiro de mineral de “Minero Siderúrgica de Ponferrada S.A.” (Rande-Cedeira)

Cargadoiro de Minero Siderúrgica de Ponferrada S.A., estado actual. Foto: J. Migueles
Cargadoiro de Minero Siderúrgica de Ponferrada S.A., estado actual. Foto: J. Migueles

En 1960 iníciase a construción deste cargadoiro máis moderno que o que vimos anteriormente. A obra correu a cargo de Entrecanales y Távora S. A., encargándose da estrutura metálica Factorías Vulcano, empresa de Vigo moi vinculada a Redondela, onde casara o seu propietario Enrique Lorenzo.

O cargadeiro en construción. Foto Pacheco
O cargadeiro en construción. Foto Pacheco
 
Cargadoiro en construcción Arquivo ARPE
Cargadeiro en construcción. Arquivo ARPE
 
Está formado por tres plataformas metálicas unidas a terra por unha estrutura que dispuña dunha cinta transportadora. A proximidade das vías do tren permitía que os vagóns envorcaban o mineral na explanada onde se atopa o cargadoiro. Pertencía á empresa “Minero Siderúrgica de Ponferrada, S.A.” e empregábase para embarcar ferro, que chegaba por tren procedente de Coto Wagner (en Ponferrada), e carbón, das minas de Larciana e o Bierzo. Estes minerais eran exportados a outros países, como Inglaterra e Alemaña. 

O cargadeiro cos carteis das empresas construtoras. Foto: vigoe.es
O cargadeiro cos carteis das empresas construtoras. Foto: vigoe.es

 A principios de 1966 ultimábase o seu acondicionamento e 30.550 toneladas de carbón agardaban para ser cargadas. Como exemplo citar que en 1976 se exportaron 252.728 toneladas de ferro a Alemaña, saíndo todo este mineral por este cargadoiro. En 1984 embarcáronse 55.000 toneladas de carbón procedente de Ponferrada e con destino a Carboneras (Almería).

Momento da carga. Foto: Museo Nacional de la Energía-Ponferrada
Momento da carga. Foto: Museo Nacional de la Energía-Ponferrada

As instalacións quedaron abandonadas tralo seu peche. Ademais da estrutura metálica, que é a parte máis visible e moi recoñecible dentro da paisaxe da Ría de Vigo, conserva un túnel, resultado de tapar a cinta transportadora.

En 2020 o Porto de Vigo pretende desmantelar o cargadoiro aducindo o perigo do seu estado, para realizar recheos e unir a explanada co peirao de Vieira S. A. O proxecto contempla a almacenaxe de contedores e a posibilidade de atracar neste punto os barcos para despezar.

Autor: Juan Migueles

BIBLIOGRAFÍA

Arredor de nós. Historia da Policía Local 1863-2003. Gonzalo Amoedo López e Roberto Gil Moure. 2003

Galeguismo e sociedade na Redondela da Segunda República. Lois Barros. Edicións do Castro

Redondela, crónica dun tempo pasado. A Segunda República e o primeiro franquismo. Gonzalo Amoedo e Roberto Gil. Edicións do Castro 2002.

Sal, sardiñas e peiraos. Achega ao patrimonio marítimo na Enseada de San Simón. Alberte Román Losada. Ed. Asoc. Alén Nós 2009.

Arquitectura Industrial en Vigo. Proyecto COAG/Vigo. Patrimonio Arquitectónico Moderno y Contemporáneo en Galicia. Iria Sobrino Fagilde

Patrimonio Industrial da Ría de Vigo. www.entremosnapanificadora.com

Aportes: Gonzalo Amoedo

Visitas guiadas polo arqueólogo Xurxo Constela, de A Citania S. L.