lunes, 27 de febrero de 2023

Sucesos (1950-1979)

 

1951, setembro. O Xeneral Franco pasa por Redondela en dirección a Porriño. Un vehículo da súa comitiva sofreu un accidente na ponte de Quintela, co resultado de varios feridos, entre eles un alto mando da Garda Civil.


1952, 2 de febreiro. A veciña de Negros, Elvira Crespo Rodríguez, denunciou que dun local a carón da súa casa fóronlle roubados media cabeza de porco, dous lacóns, un pedazo de costela e outro de touciño, valorado todo en 400 pesetas.


1953, xaneiro. Ao saír da taberna “La Concha”, en Quintela, discutiron varios veciños de Reboreda, resultando gravemente ferido Claudio Mouriño Lago, de 45 anos. Semella que o agresor foi José Campos Campos, de 30 anos de idade, completando o grupo José Mouriño, parente do ferido, Severino Vidal e dous máis.


1953, 1 de febreiro. Foron detidos Álvaro Alonso Couto, de Vigo; Valentín Craveiro de Jesús “Catito”, de Redondela; e José Antela Bugarín, domiciliado en Fozara (Ponteareas), que se declararon autores de 21 roubos. En Redondela: No establecemento de Nieves Boullosa, en Trasmañó, dúas veces, a primeira artigos por valor de 1.250 pesetas e a segunda 2.600 en metálico e 900 en prendas de vestir. No domicilio de Manuel Cabaleiro, en Rande, unha caldeira de cobre valorada en 3.500 pesetas. Tentaron entrar nun comercio de Cedeira, barrenando a porta, pero fuxiron ao ser descubertos. No comercio de Rosendo Álvarez, en Cabanas (Trasmañó) levaron cartos en metálico. No comercio de Natividad Bastos, en Vilavella, levaron obxectos por valor de 1.500 pesetas. No comercio de Carmen González, en Trasmañó, levaron parte dun porco, valorado en 800 pesetas. Nunha romaría de Cedeira, Antela levaba 15.000 pesetas, sendo atacado polas costas por Valentín para roubarlle, o que non conseguiu ao non perder o coñecemento o primeiro.


1953, 14 de marzo. A veciña de Redondela denunciou onte que ao baixar do autobús na rúa Alfonso XII, notou a falta dun paquete con 18 camisas valoradas en 800 pesetas.


1954, 8 de xullo. Na vila chocaron dous coches e outro con exceso de velocidade provocou danos no toldo do señor Moreno.


1955, 4 de maio. Foi instruído atestado contra Arturo Rodríguez Couñago, que manobrando un camión cargado de madeira falláronlle os freos, indo contra unha casa inmediata, ocasionando danos por valor de 3.000 pesetas.


1955, 10 de maio. No alto da Encarnación o ciclista Enrique Froeces Míguez, de 19 anos, de Redondela, foi atropelado por un camión causándolle graves feridas que exisiron o seu internamento nun sanatorio.


1955, 18 de maio. Cando traballaban no derribo duns barracón da Xunta de Obras do Porto de Vigo, derrubouse unha viga metálica sobre a que estaban os peóns Guillermo Domínguez Acuña, de 29 anos, casado e veciño de Teis, e José Mouriño, de 41 anos, casado e veciño de Redondela. O primeiro sufriu fractura das extremidades inferiores e un brazo e lesións na cara e cabeza de prognóstico grave. O segundo fractura dos dous pulsos, epístase, e numerosas feridas en cabeza e rostro de prognóstico grave.


1955, 14 de xuño. Foi detido en Redondela pola Garda Civil, Moisés R. G., quen nunha discusión co seu pai, Moisés R. B., deulle unha puñada que lle provocou unha fractura da mandíbula inferior.


1956, 12 de setembro. Cando circulaba pola parroquia de Cesantes un carro de bois levando enriba ao neno de 3 anos Casimiro Crespo Bouzón, este caeu rozándolle a cabeza unha das rodas. Trasladado a esta vila foi atendido polo doutor Antonio Ocampo Otero, quen lle apreciou ferida con racho en rexio occipital con perda de coiro cabeludo, prognóstico reservado. Hai pouco un irmán deste neno tamén sufriu un accidente que lle provocou a morte.


1957, 9 de maio. Nas Catro Pontes, límite de Chapela e Teis, bateron de fronte o coche conducido polo comerciante estabelecido en Lisboa, Arlindo Cal Corujeira, acompañado polo seu fillo de sete anos, co camión cargado de bocois de viño procedente de Redondela, conducido por Manuel Diz Montáns. Os feridos serían trasladados á Casa de Socorro e de alí á clínica do Dr. Troncoso. Arlindo Cal sufre fractura de esterno con forte contusión torácica e hemotórax, ferida contusa na fronte e múltiples erosións con forte schock traumático de prognóstico grave. O seu fillo, ferida inciso-contusa no xeonllo dereito, outra no queixo e outra no frontal, fractura dos ósos do nariz, conmoción cerebral e schock traumático e varias erosións de prognóstico reservado.


1958, 7 de setembro. En termos de Redondela, unha moto con dous ocupantes veciños da Cañiza, atropelou a un can que resultou morto. O condutor perdeu o control chocando cunha bicicleta con motor que viña en sentido contrario, conducida por Rafael Luca de Tena Lazo, farmacéutico veciño de Redondela. Resultou ferido de consideración o Sr. Luca de Tena e de menos importancia os ocupantes da motocicleta.

1959, 21 de maio. Ás 2 da madrugada incendiouse unha casa en Laredo (Chapela), quedando destruída na súa totalidade. Semella que foi debido a un descoido do único inquilino da vivenda, José González Gómez, quen pouco antes de durmirse caeulle a cinza dun cigarro nunha cama preto da súa, espertando coa casa en chamas. Era de planta baixa e propiedade de José Martínez Fernández.


1960, 12 de xaneiro. A Garda civil de Vigo rexistrou unha casa no Coto (Cesantes), atopando: 365 caixas de tabaco rubio (182.500 paquetes), 208 despertadores de mesa, 55 transistores, 140 pilas, 120 camisas de nylon e 36 pistóns para coche. En total 5.640 kg. valorados en 2.100.000 pesetas.


1960, 26 de agosto. Por funcionarios da Brigada de Investigación Criminal desta Xefatura Superior de Policía, foi detido na madrugada do pasado mércores, o habitual delincuente contra a propiedade, Gonzalo Currás Fonseca, de 29 anos de idade, alias “O Gorila”, natural e con residencia habitual en Vigo, como autor de varios roubos en Vigo, Redondela e A Coruña.

1961, 21 de outubro. O Tenente do Exército do Aire, don Juan Gagane, que procedía de Salamanca, pilotando unha avioneta, non puido entrar no aeródromo de Peinador a causa da falta de visibilidade. Voou despois sobre Redondela e intentou tomar terra na estrada de Reboreda, pero cando ía a facelo pasou por alí un camión e obrigouno a aterrar nun campo de millo. Unha das ás da avioneta bateu contra un cable do tendido do alumeado eléctrico, e fíxolle capotar. O piloto resultou con feridas na cabeza e a fractura dun brazo. Saíu á estrada polo seu propio pé e nun coche foi trasladado a Vigo, onde foi hospitalizado.


1964, 06 de setembro. Ás sete da mañá declarouse un violento incendio na fábrica de Copiba. O lume orixinouse ao entrar en funcionamento unha das novas cámaras frigoríficas que se están a instalar. Axiña acudiron os tres coches do corpo de bombeiros e os equipos anti- lumes do buque-factoría “Galicia” e da empresa Hijos de J. Barreras. Os traballos de extinción prolongaríanse ao longo do día. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/12/empresas-do-mar.html )


1966, 7 de xaneiro. En Redondela foi detido o veciño daquel termo J. B. R., como autor do roubo de 3.200 pesetas ao veciño do Viso, Manuel Martínez Barral.


1966, 21 de setembro. En Redondela foi alcanzado por un camión José Maquieira López. Resultou con diversas lesións polo que foi trasladado a un sanatorio pontevedrés.


1966, 15 de decembro. Un camión conducido polo veciño de Redondela, Manuel Pérez Rodríguez, chocou na estrada de Fornelos de Montes cunha moto, resultando o condutor con feridas de gravidade.


1968, 21 de setembro. Pola Garda Civil do posto de Bouzas foi detido, despois de laboriosas pescudas, Ramón Carro Navia, de 37 anos, natural de Vilagarcía, que se facía pasar por oficial da Mariña Mercante. Descubriuse que este individuo roubou un día unha maleta na estación marítima de Vigo que correspondía, efectivamente, a un oficial da Mariña Mercante e que contiña dous uniformes, un branco e outro negro, que empregaba segundo as circunstancias. Foi detido na estación de Redondela cando se dirixía en tren a Vilagarcía. No seu domicilio foron encontrados numerosos obxectos procedentes dos seus roubos. Con este mesmo truco contraeu matrimonio nesta mesma provincia, simulando no seu fogar que os obxectos subtraídos eran regalos á sua volta de viaxes por mar, que non facía. Calcúlase que os obxectos roubados sobrepasan en valor as 200.000 pesetas.


1969, 18 de xaneiro. En Redondela inundáronse algunhas rúas de Vilavella, e tamén a estrada xeral de Vigo a Pontevedra, impedindo o paso dos vehículos lixeiros, por chegar a auga á altura dos tubos de escape. Entre os inmobles afectados está a Central de Teléfonos, na que a auga chegou a alcanzar unha altura de 30 a 35 centímetros. En ningún momento quedou interrompida a comunicación telefónica, ó ser retirados os equipos a lugares máis altos, evitando así que foran deteriorados polas aguas.


1969, 13 de agosto. Sete mil piñeiros que poboaban máis de cinco hectáreas de terreo arderon como consecuencia dun incendio que se declarou no monte Mirallo, propiedade do Patrimonio Forestal do Estado, na parroquia de Negros.


1969, 3 de setembro. Nun incendio no monte "Mirallo", en Redondela, arderon 1.500 pinos de tres anos de plantación, que foron valorados en cincuenta mil pesetas.

 

1970, 27 de xuño. No domicilio do veciño de Redondela, Ramón Hernández Ramírez, produciuse un incendio, orixinado por un escape de gas na cociña. Os danos orixinados polo sinistro, foron valorados en 60.000 pesetas.


1974, 12 de xuño O veciño de Pontevedra, Angel González López, foi condenado á pena dun mes e un día de arresto maior, á privación do carné de conducir por tres meses e un día, e ao abono dunha indemnización de 508.500 pesetas, como autor dun delito de imprudencia. Conducindo un automóbil, atropelou en Redondela a José Costoya Amoedo, que sufriu feridas diversas, quedándolle varias secuelas permanentes.


1974, 9 de agosto. Manuel Martínez Rodríguez, de 15 anos, foi atropelado por un automóbil, ao tentar cruzar correndo na estrada do Viso. Trasladado ao Hospital Provincial, apreciáronselle feridas diversas, diagnosticadas de graves.


1974, 9 de setembro. O grupo escolar de Redondela, disposto para 32 unidades e que leva en funcionamento dous anos e medio, tivo que ser desaloxado. O curso non puido comezar, porque repisou cedendo de vigas e aparecendo gretas de gran tamaño, o que fixo que se considere perigosa a estancia dentro do recinto. Dáse a circunstancia de que o arquitecto que planeou a obra faleceu e ninguén quere asumir a responsabilidade de ditaminar cal pode ser o futuro do edificio. Ademais dos defectos de construción, un dos motivos puido ser que o edificio se construíra sobre pilotes no que antes fora una marisma.


1976, 24 de agosto. Tormenta en Redondela. Unha chispa eléctrica arrasou as instalacións do servizo telefónico. A avaría afecta a unha ampla zona do sur de Pontevedra. Diversos técnicos e persoal de servizos especializados, traballan intensamente para solucionar este grave problema.


1977, 22 de abril. Por culpa da compra dunha vaca recibiu un corte cun coitelo nunha man, o inválido de Saxamonde, Afasto Martínez Bernárdez, labrador inválido de Saxamonde comprara no mercado de Santiago unha vaca en 35.000 pesetas, deixando de sinal 2.000. Pero cando chegou a Redondela decatouse de que andaban tras a compra da citada vaca tres carniceiros da vila. Tiveron unha discusión e o Afasto recibiu un corte na man con coitelo. Foi atendido nun sanatorio de Pontevedra e tivéronlle que dar máis de 30 puntos.


1977, 2 de maio. Unha das rodas dianteiras dun autobús que transportaba once escolares, desprendeuse do seu engrenaxe, cando o vehículo circulaba na estrada denominada de Os Valos. Non se rexistraron desgracias persoais, mais os escolares resultaron con lixeiras contusións.


1979, 28 de xaneiro. Ingresou nun sanatorio de Pontevedra a veciña de Redondela Peregrina Rodríguez Paz, atropelada por un turismo na súa localidade de residencia. As lesións son consideradas pouco graves.


Autor: Juan Migueles



BIBLIOGRAFÍA

Arredor de nós. Historia da Policía Local 1863-2003. Gonzalo Amoedo López e Roberto Gil Moure. 2003.

Galeguismo e sociedade na Redondela da Segunda República. Lois Barros. Edicións do Castro.

En Galiciana-Biblioteca Digital de Galicia. Xunta de Galicia: http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es=> El Regional, El Pueblo Gallego, El Áncora, La Idea Moderna, El Progreso, Gaceta de Galicia, El Correo de Galicia, El Correo de Lugo, La Correspondencia Gallega...

Na Biblioteca Nacional de España: www.bne.es=> El Siglo Futuro, La Iberia, El Correo Español

La Voz de Galicia

http://www.lavozdegalicia.es/hemeroteca/

 

Incendio dun autobús.

 

Algunhas das feridas. El Pueblo gallego-Foto: Siorty

 En setembro de 1961 iniciouse un incendio no autobús da liña Vigo-Redondela á altura das Catro Pontes. A causa atribuíuse a un fallo no funcionamento do tubo que leva o combustible ao motor. O condutor, José Cuervo, detivo o autobús en canto advertiu as lapas saíndo do motor. Apresares de que os pasaxeiros abandonaron axiña o vehículo tanto polas portas como rompendo os cristais, houbo sete feridos. Os veciños acudiron a socorrer os pasaxeiros e a extinguir o lume, que xa estaba apagado cando chegaron os bombeiros.

 

Unha das accidentadas. El Pueblo gallego-Foto: Siorty

 

Na Casa de Socorro da rúa Uruguai, de Vigo, foron asistidos Dorinda Lorenzo Lorenzo, de 60 anos, con domicilio en Soutomaior; Digna Lameiro Alonso,de 73, veciña de Rande; María del Carmen González Lourido, de 10, de Soutomaior; Gloria Pereira Alján, de 49, veciña do Viso; María Denis, de 30, veciña de Rande; Isolina Cobián Fernández, de 54, de Soutomaior; e José Acebedo Hermo, de 49, con domicilio no Viso. Este último foi o único dos feridos cualificado como leve, o resto dos accidentados sofren feridas de prognostico reservado. A máis preocupante é a nena con queimaduras graves en cabeza, costas e mans. Tanto ela como Dorinda Lorenzo e Isolina Cobián foron ingresadas no Hospital Municipal de Vigo e o resto de feridos por diferentes centros sanitarios de dita cidade.


Autor: J. Migueles


BIBLIOGRAFÍA

En Galiciana-Biblioteca Digital de Galicia. Xunta de Galicia: http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es=> El Pueblo Gallego


 

jueves, 23 de febrero de 2023

O Piscolabis

 


O Piscolabis é un licor de augardente con froitas típico de Redondela. Coma sempre, cada casa tiña a súa propia receita con pequenas variacións segundo o gusto de cada quen. A clave do asunto é remexer e deixar repousar unha e outra vez durante varios días. Receita para un garrafón:


8 litros de augardente

2 quilos de azucre

2 gramos de vainilla

2 ramas de canela

15 gramos de anises estrelados (pícanse)

15 gramos de anises comúns

15 gramos noz moscada.

1 landra da india (picada)

15 gramos de herba luisa

Cacao tres culleres de sopa, a falta de cacao 3 pastillas de chocolate (raiado)

20 gramos de café en gran

A monda de 1 laranxa

3 mazás camoesas





Autor: Juan Migueles


BIBLIOGRAFÍA

Aportes orais





 

miércoles, 15 de febrero de 2023

Xogos infantís.

 

 

Xogando na Xunqueira. Publicado en "As Lavandeiras" María Vega Cerqueiro..

Recompilación dos xogos a que xogaban os nenos e nenas de Redondela a mediados do S. XX.


As Chuletas.

Moitos xogaron a finais do século XX a este xogo que consiste en saltar sobre o neno que poucha de dez formas diferentes (1ª sin tocar en ella, 2ª culada que te hunda, 3ª lo que se quiera, 4ª palo que te parta, 5ºespiga, 6ºarenas movedizas...), perdendo o que non o facía do xeito correcto.

Na época da posguerra xa se xogaba a este xogo, pero dun xeito un pouco diferente. As figuras eran doce e na derradeira despois de saltar había que recitar unha cantiga sen trabucarse:

1ª Tocando en ella

2ª Culada que te hunda

3ª La rodilla

4ª Rayo que te parta

5ª Escribiremos la tinta

6ª Cantaremos los reis

7ª Plantaré mi real carapuchete

8ª Me lo robo

9ª Atraca la burra y bebe

10ª Al revés

11ª Pica el conde

12ª Le responde / que quiere usted señor conde / conde de Inglaterra / que me mandó pelar esa perra / con tijeritas de palo / que cortan más que el diablo / a rubín a rubín / por aquel monte subín / aquel monte tiña un pino / aquel pino tiña un nido / aquel nido tiña tres juevos / blanco, negro y encarnado / ao coller o blanco quedei coxo, manco e torto / ao coller o encarnado quedei, coxo, manco, torto e todo escalabrado.


A Pampana.

Nenos dobran as costas e únense metendo a cabeza entre as pernas do de diante agarrándose forte. Os do outro equipo teñen que saltar enriba e manterse porque de caír perden. Similar ao Huevo-Pico-Araña, que tiña versión máis complicada, o Huevo-Pico-Pala-Araña, no que o primeiro do equipo de arriba forma unha destas figuras e os de abaixo teñen que adiviñar cal é.


Arreou ó burro.

Grítábase ao subirse de cabaliño doutro neno por sorpresa.


Arriba las manos.

Coller entre varios a un neno e atarlle as mans a un poste.


Este queixo...

Consiste en tocarlle ao outro as diferentes partes da cara ao son dunha cantiga que remata cun tironciño do pelo.

Este queixo, queixerete.

Esta boca pide pan.

Este nariz, naricete.

Tíralle polo capitán.

Outras versións:

Este queixo , queixo Lan,

está boca pide pan,

este naris narisete,

estes ollos de chosquete,

está testa , testa dura,

truca, truca, truca, Truca.


Este queixo, queixolán.

Esta boca pide pan.

Este nariz, naricete.

Estes ollos de pisquete.

Esta frente, reluciente.

Este cabelo de ouro.

Bule, bule que te estouro.

 

Palma repalma.

Palma, repalma

chica morena

¿Cómo la quieres

grande o pequeña?

Fanse círculos cun dedo na palma da man do outro. Se a resposta é grande dáse unha palmada forte e se é pequeña faise unha caricia.


O Espiche.

Cun coitelo ou ferro que pinche debúxase un cadrado e divídese en tantas partes como xogadores hai. Por turnos cada un desde o seu territorio lanza o coitelo e tenta cravalo na zona doutro participante. Se crava, traza unha liña partindo a parte do contrario en dúas. Este elixe coa que queda e o que lanzou une a outra ao seu territorio. Cando o cacho sexa tan pequeno que non entre o teu pé perdes a partida.


Cantiga para saltar á comba.

Un, dos, patatas con arroz

ventana, balcón, galería, mirador.


Teresa pon la mesa.

Isabel, pon el mantel.

Margarita los cubiertos.

¡Señoritas a comer!


Charlot no tiene gana,

Charlot se va a morir,

porque le ha salido un grano

en la punta de la nariz.


Cantiga para saltar á comba 2.

En el bosque de la India

una china se perdió

y como yo era chinita

nos encontramos las dos.


Una, dos tres.

Era de noche

y la chinita, tenía miedo

tenía miedo a estar solita.


Anduvo un poco y se cansó.

Adiós chinita, adiós chinita del corazón.


A todos estes xogos habería que engadir outros tan coñecidos como os trompos, as bolas ou o aro.


Co aro na Alameda. Publicado en

Redondela. Crónica gráfica dun pasado recente. María A. Leboreiro Amaro.



(Ver tamén https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/08/deporte-xogos-tradicionais.html )


Autor: Juan Migueles


BIBLIOGRAFÍA

Aportes orais