martes, 12 de agosto de 2025

Casas destacadas en Cesantes

Casa das Cunchas. Foto: J. Migueles

A Casa das Cunchas

        No acceso ao Peiro de Cesantes. Chamada así polo emprego de cunchas de vieira na ornamentación da súa fachada. Por aportes orais sabemos que a primeira propietaria era a nai dun médico de Lugo e hoxe en día (2025), segue a pertencer á mesma familia.


 A Casa da Torre

        Casa desaparecida na estrada de Catapeixe da que queda constancia na toponimia, A Torre. Por aportes orais sabemos que deste lugar sacáronse moitas pedras. Esta casa tiña o escudo da familia Montenegro que hoxe se conserva nunha casa nas proximidades. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/03/escudos-e-brasons.html ) e que xa fora recollido por Casto Sampedro como “escudo de la Casa da Torre”. De momento a única referencia que atopei a este apelido en Cesantes sería Francisco Sanjurjo e Montenegro, como abade da freguesía de San Pedro de Cesantes en 1656


O escudo xa estaba nun muro a principios do S. XX. Foto: Manfred Schneider 

Casa en Torre de Calle

Casa con dous escudos moi alterada.

(Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/03/escudos-e-brasons.html )

 O topónimo "Torre de Calle" fai referencia a unha casa con torre que pertenceu á familia de apelido Calle. A primeira referencia que atopo deste apelido en Redondela será o preito seguido pola herdanza de María de Calle en 1522. Máis concretamente, como veciños de Cesantes cítanse en 1576 aos labregos Pedro de Calle e o seu fillo Lorenzo.


Casa en Torre de Calle. Google Maps

Casa do Sobral ou Torre de Calle (Cño. Torre de Calle-Cesantes).

Casa construída en 1796, probablemente polo tenente Benito Fernández Bouzón, casado con Benita Fernández de las Piedras, que en 1792 mercou varias parcelas no lugar de Sobral. En 1872 o político Manuel Uhagón merca a finca ou granxa do Sobral, que probablemente sería o nome que recibía naquel tempo. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2021/04/uhagon-y-hurgado-de-corcuera-manuel.html ). En 1883 certifícanse os danos producidos pola construción do ferrocarril na “granxa de recreo, denominada Torre-calle”. En 1907 expediuse un certificado de taxación de leiras da Sra. viúva do Sr. Uhagón no Sobral, o que indicaría que por esta época a familia poría estas propiedades á venda.

A casa divídese en planta baixa de 335m2 e primeira planta de 215m2. A totalidade da propiedade ten 40.500m2 con 550 construídos. No 2018 sería posto á venda por 2.800.000€.

 

Casa Sobral. Foto publicada en Idealista.


Conxunto de casas do Camiño do Esteiro.

Este camiño era o antigo acceso principal de Redondela a Cesantes, estando incluído no percorrido do Camiño de Santiago. A pouco que nos fixemos veremos un escudo eclesiástico nun muro de peche (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/03/escudos-e-brasons.html ) e antigas casas de pedra (reformadas ou non) entre as que cabe destacar unha en estado de abandono (2025) cunhas columnas que puideron ser reaproveitadas dunha construción anterior. Na parte baixa do camiño tamén atoparemos un interesante hórreo de pedra con reloxo de sol (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2019/02/canastros.html ) (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2019/02/reloxos-de-sol.html ) e completa o conxunto o recentemente recuperado cruceiro e peto de ánimas do Esteiro (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2019/02/cruceiros-esmoleiros-e-petos-de-animas.html ) e a ponte do Esteiro. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/03/pontes.html )

 



Algunhas das casas do Camiño Esteiro. Google Maps


Casa O Bosque

        Casa de gran porte e tamaño de planta cadrada, situada nunha gran parcela. Chama a atención polo aproveitamento do espacio baixo o tellado.

 

Casa O Bosque. Google Maps

 


Casa de José Manuel Táboas López

        Emigrante retornado que construíu no barrio da Pantalla unha casa de estilo Bahiano, típico do estado de Bahía en Brasil. O deseño sería obra de Emilio Bugallo Orozco en 1956.



Casa de José Manuel Táboas-Centro de Documentación e Arquivo da UDC.

Casa na Avenida Mendiño

Trátase dunha casa de estilo rexionalista que permanece abandonada (2025) despois do falecemento dos seus dous primeiros propietarios, o que espertou as superstición entre a veciñanza. 

 

Casa na Avenida Mendiño. Arquivo Concello de Redondela

 



Autor: Juan Migueles


BIBLIOGRAFÍA

Arquivo Deputación de Pontevedra. Documentación da finca Sobral (Redondela, San Pedro de Cesantes).

Aportes C. Milleiro, X. Moreira Docampo, Xosé Couñago e Jose Antonio Martínez Fernández.

www.idealista.com

SEREN Nº7. Redondela: Emigración e arquitectura (1850-1950). Xose María Ramón Iglesias Veiga

Galiciana- http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es => Construción da casa de José Táboas López no Viso (Redondela) (1956-1959). Centro de Documentación e Arquivo da UDC. Justo Fernández Fandiño





NOTA Casa Sobral

Escritura de compra da terceira parte do lugar de Sobral, 1788. - Redención de censo por D. Benito Fernández Bouzón do lugar de Sobral, 1792. - Escritura (17) de compras de parcelas por D. Benito Fernández Bouzón, no lugar de Sobral, 1791-1819. - Escritura de venta a favor de Manuel María Uhagón, 1872. - Testamento? de Manuel Uhagón y Hurgado de Corcuera, 1882. Certificado de danos producidos pola construción do ferrocarril na granxa de recreo, denominada Torre-calle, en Cesantes, 1883.- Correspondencia de Eulogio Padín, 1901.- Carta de Eulogio Padín (procurador), 1903.-Cesión de poderes de Manuel Barreiro García a varios procuradores, 1907. - Certificado de taxación de leiras da Sra. viúva do Sr. Uhagón no Sobral, 1907. -

NOTA2

- Benito Fernández Bouzón, Tenente de Infantería, c.c. Benita Fernández de las Piedras

1. Josefa Fernández Fernández c.c. José Barbeito Varela, tiveron un fillo en 1805 (Aportes C. Milleiro e X. Moreira Docampo)


 

 

viernes, 11 de julio de 2025

Ruta das Pedras e petróglifos de Ventosela.

 

Ruta das Pedras. Mapa proporcionado pola Asociación de Veciños de Ventosela

A Ruta das Pedras.

        Sendeiro circular de 10 quilómetros e dificultade media con impresionantes vistas á Ría de Vigo. Atópase na parroquia de Ventosela e preto da igrexa xa podemos ver as primeiras indicacións do camiño.


Máis información: http://acitania.com/ventosela/


Nesta ruta atoparemos curiosas formacións rochosas ligadas a diferentes lendas:


  1. As Pedras Agudas. Grupo de rochas afiadas das que se conta que por debaixo pasaba un río que se podía oír.

    Pedras Agudas. Foto: J. Migueles

     

    Miradoiro das Pedras Agudas onde se instalou unha escultura amnistiada do ArteLixo. Foto: J. Migueles

     

  2. Laxe das Abellas. Cóntase que nela había moitas abellas, polo que se chegou a poñer colmeas para recoller o mel.

    Laxe das Abellas. Foto: J. Migueles

     

  3. A Pedra Taió. Ligada ás lendas dos mouros e os seus tesouros.

    A Pedra Taió. Foto: J. Migueles

     

  4. Pedra Erosionada. A auga, o vento e o frío configuraron esta rocha dándolle curiosas formas.

    Pedra Erosionada. Foto: J. Migueles

     

  5. Pedra que Fala. Forma unha pequena cova na que a nosa voz produce reverberacións.

    A Pedra que Fala. Foto: J. Migueles

     

    O outro gran atractivo desta ruta son os petróglifos, que están agrupados en dous grandes grupos: Petróglifos do Eido do Vento e Petróglifos da Pedreira.


Petróglifos do Eido do Vento

Petróglifo Eido do Vento 1.

Atopado por Antonio M. Verdeal durante unha visita guiada dirixida por A Citania en 2019. Está nunha rocha na continuación cara o monte do camiño que sube á igrexa, o que provoca que estea moi desgastada. Está a ras de chan, con medidas de 1,50 x 1,30 m. Combinación circular de 32 cm de diámetro con coviña central e varios círculos concéntricos moi desgastados.

Localización: x:534277, y:4683250

 

Eido do Vento 1. Foto: J. Migueles

        Os 3 seguintes petróglifos serían catalogados tamén en 2019 por membros de A Citania S. L., empresa que organizaba visitas guiadas polo arqueólogo Xurxo Constela.


Petróglifo Eido do Vento 2.

Nunha rocha a ras de chan, de forma triangular de 1,80 m. de lado, con

moitas diáclases fracturando o soporte, aparecen repartidas polas superficie

ata 6 cazoletas de 3 cm de diámetro.

Localización: x:534276, y:4683286.

 

Eido do Vento 2. Foto: J. Migueles

Eido do Vento 2. Fotogrametría Xosé Couñago


Petróglifo Eido do Vento 3.

Nunha rocha a ras de chan, de forma rectangular de 2,50 x 1,30 m (eixos

leste-oeste e norte–sur respectivamente) aparecen repartidas polas superficie

gran número de cazoletas de entorno a 3 cm de diámetro medio. Entre as

cazoletas vense trazos sinuosos con dirección norte-sur.

Localización: x:534367, y:4683293

 

Eido do Vento 3. Foto: J. Migueles

Eido do Vento 3. Foto: J. Migueles

Petróglifo Eido do Vento 4.

Rocha duns 40 cm. de altura, de forma irregular de 4 x 3 m. con moitas diáclases fracturando o soporte, na que atopamos diferentes motivos de difícil lectura e percepción. O máis claro está formado por sucos sinuosos pechando un gravado de 30 x

30 cm. con forma indeterminada. Nos extremos oeste e norte do aparecen coviñas de pequeno tamaño

dimensións.

Localización: x:534360, y:4683281

 

Petróglifo Eido do Vento 4. Foto: Xosé Covelo.



Petróglifos da Pedreira.

Petróglifos da Pedreira 1. Conxunto de 7 rochas que presenta petróglifos con escenas ecuestres, coviñas e grandes círculos concéntricos. Imaxes de cabalos hai en varios puntos de Galicia, o que fai especiais a estes gravados son as escenas de monta, que non son tan frecuentes. Moi recomendable a visita nocturna por seres os petróglifos máis espectaculares do Concello de Redondela. O máis curioso é que isto tan só é unha parte do que debeu haber porque gran parte das rochas foron cortadas polos canteiros. Por aportes orais sabemos que a parte que falta da rocha principal era moi empinada polo que era chamada Pedra Escorregadoira, xa que a rapazada a empregaba para lanzarse por ela.

 

Petróglifos da Pedreira 1. Panel A Citania S. L.-Concello de Redondela

Petróglifo da Pedreira 1.1. Fotogrametría Xosé Couñago
 

Petróglifo da Pedreira 1.1. Foto: J. Migueles
Petróglifo da Pedreira 1.2. Foto: J. Migueles                       


Petróglifo da Pedreira 1.2. Fotogrametría Xosé Couñago

Petróglifo da Pedreira 1.3. Foto: J. Migueles

 

 

Petróglifo da Pedreira 1.4. Foto: J. Migueles

 

 

Petróglifo da Pedreira 1.6. Foto: J. Migueles

 


Petróglifo da Pedreira 1.7. Foto: J. Migueles




Petróglifos da Pedreira 2. Combinacións circulares e coviñas de gran tamaño.


Petróglifo da Pedreira 2. Foto: J. Migueles

Petróglifos da Pedreira 3. Rocha cortada polos canteiros. A parte superior (a uns 70 cm. de altura) na que se sitúan os gravados ten uns 0,78 m (N-S) x 1,22 m (L-O). Os motivos representados son dúas combinacións circulares de 9 e 12 cm. de diámetro, formadas por dous círculos e coviña central. Están rodeadas por varias coviñas, algunhas delas poderían ser o centro de combinacións circulares moi desgastadas.

        No plano inclinado da rocha poden observarse:

No lado esquerdo un grupo formado por 3 coviñas.

No lado dereito dúas combinacións, unha de dous círculos e coviña central e outra dun único círculo con coviña central. Sobre eles hai a figura dun cabalo. Apréciase algunha coviña mais (pode que rodeada dun círculo) e no extemo dereito unha coviña de gran tamaño.

Petróglifo da Pedreira 3. Foto: J. Migueles

Petróglifo da Pedreira 3. Fotogrametría Xosé Couñago

Petróglifo da Pedreira 3B. Preto da Pedreira 3, na compaña de Xosé Couñago, en 2025 atopamos unha rocha sen catalogar a ras de chan cun único motivo formado por dous círculos con coviñas no interior unidos por unha liña.

 



Petróglifos da Pedreira 4. Rocha a ras de chan (1,75 x 2,60 m.) cunha gran suco duns 50 cm. rematada nos estremos por 2 profundas coviñas de 4,5 cm., pode confundirse cunha cruz xa que o centro é cruzado por unha depresión natural da rocha.

        No resto da superficie pódense observar unhas 11 cruces latinas de diferentes tamaños, estando algunhas delas rematadas tamén nos extremos con coviñas. O conxunto vai acompañado por abundantes coviñas duns 3-4 cm. e unha profundidade aproximada de 1,80 cm Baixo tres destas coviñas que están aliñadas aparecen as letras “RS”, polo que podemos atoparnos ante un antigo linde de Redondela e Soutomaior.


Petróglifo da Pedreira 4. Foto: J. Migueles



Petróglifo da Pedreira 5. Petróglifo realizado cun obxecto de metal polo que os sucos son máis finos que os dos grabados realizados con pedra nunha rocha de orientación sur a ras de chan duns 2 x 1 m. Aparecen dous motivos de difícil interpretación, o máis grande de forma lanceolada (30 x 20 cm.) e o outro de forma triangular de 10 cm. de lado. Podería ser a representación dunha edificación cunha construción anexa.

A escasos metros cara o sur, nunha pedra do mesmo afloramento aparecen dúas coviñas.


Petróglifo da Pedreira 5: Foto: J. Migueles

Pedreira 5. Fotogrametría Xosé Couñago


Os dous seguintes petróglifos serían atopados en febreiro de 2019 por Xosé Couñago nunha busca na que ía acompañado polo arqueólogo Xurxo Constela:


Petróglifo da Pedreira 6.

Nunha rocha cadrada a ras de chan, de 1,20 x 1,50 m, aparecen catro sucos sinuosos que se desenvolven, máis ou menos, de norte a sur do penedo. Son gravados bastante profundos cicelados con perfil en forma de “V”. O máis longo ten 1 m de longo. (Recollido no PXOM como Eido do Vento 6)

Localización: x:534364, y:4683591

 

Petróglifo do Vento 6. Foto: A Citania S. L.


Petróglifo da Pedreira 7.

Gran rocha en pendente cunhas dimensións de 6 x 4 m. (eixos norte-sur e leste

oeste respectivamente) e sobresae a penas 40 cm do solo. No centro da parte superior e como motivo principal temos unha combinación circular con 5 círculos concéntricos (o maior de 28 cm de diámetro) e cazoleta central desde a que parte un apéndice que sae en dirección norte-sur. A ambos lados deste gravado vemos outros motivos. Ao seu carón leste aparece outro pequeno círculo, de 17 cm de diámetro do que parte un apéndice que o une a 2 ou 3 círculos concéntricos moi desgastados. No lado oeste da primeira combinación aparece outra combinación de dous círculos concéntricos, de 15 cm. con coviña central da que parte un apéndice que a une ao borde exterior dun círculo con coviña central. Semella que pode haber máis motivos moi desgastados cara o borde da rocha.

No centro da rocha atopamos outra pequena combinación de 2 círculos de 12 cm con cazoleta e apéndice central. (Recollido no PXOM como Eido do Vento 7)

O PXOM de Redondela tamén recolle: Ao norte deste penedo aparece outra rocha, a ras do chan de 1,50 x 0,90 m. (eixes norte-sur e leste–oeste respectivamente) onde atopamos unha cruz grega de 12 x 12 cm gravada con instrumento metálico, polo que podemos deducir que se poida tratar dun gravado de termo”. Omite dicir que a pedra está chea de picadas de canteiro e que a cruz non amosa un trazado limpo, polo que persoalmente (como afeccionado que son) dubido que esteamos ante unha cruz de termo.

Localización: x:534327, y:4683458

 

Petróglifo da Pedreira 7. Fotogrametría Xosé Couñago


Outros petróglifos cos que podemos atoparnos durante a ruta serían:

Petróglifo do Pedroso. Combinacións de círculos e cazoletas. Seguindo a interpretación dada por Ferro Couselo podería tratarse dun antigo linde entre Ventosela e Amoedo, ou sexa, entre os concellos de Redondela e Pazos de Borbén, 

 

Petróglifo do Pedroso. Foto: J. Migueles


Antigo linde. Silueta dunha cruz que en tempos marcaría tamén o límite entre Ventosela e Amoedo.

Cruz de Linde. Foto: Xelah Dos



Petróglifo da Canteira. Descuberto en outubro de 2020, aínda sen catalogar, volve a acharse un novo gravado nunha canteira abandonada. Trátase de combinacións circulares. A un lado desta rocha hai unha con dúas coviñas e ao outro unha con unha coviña.

42.29585,-8.56861

 

Petróglifo da Canteira, sen catalogar. Foto: J. Migueles

Petróglifo da Canteira. Fotogrametría Xosé Couñago


Outros petróglifos de Ventosela

Dentro da parroquia de Ventosela e próximo a esta ruta atopamos outro grupo de gravados, os Petróglifos do Campelo:


Petróglifo do Campelo 1: Rocha de 4,50 m (N-S) e 3,60 m (L-O) na cal se poden apreciar unhas 8 combinacións circulares. As máis grandes están formadas por 5 círculos concéntricos con coviña central. 42°18'4.00"N, 8°34'30.28"O

 

Petróglifo do Campelo 1. Foto: J. Migueles


Petróglifo do Campelo 2: A vexetación impediu a observación dos mtivos nas visitas realizadas. Rocha de 3,10 m (N-S) e 2,10 m (L-O) con dous círculos concéntricos de dúas liñas e cazoleta central.

42°18'4.00"N, 8°34'30.28"O. (535028, -4683315)


Outros Gravados sen catalogar. Probablemente máis recentes que os anteriores. Trátase de dúas rochas separadas uns 30 metros cun único motivo, un rectángulo dividido por dúas liñas en 4 partes iguais. Pode tratarse de lindes dunha propiedade se consideramos que as dúas liñas forman unha cruz e están aliñadas. Outra posibilidade sería que foran marcas de canteiro, tendo en conta que estamos nun lugar onde se extraeu moita pedra. Unha terceira opción, menos probable, sería a de un taboleiro de xogo medieval.

42°18'03.1"N 8°34'31.1"W

42°18'02.3"N 8°34'32.2"W


Sen catalogar 1. Foto: J. Migueles

 
Sen catalogar 2. Foto: J. Migueles

 

Mapa co patrimonio arqueolóxico de Redondela

https://www.google.com/maps/d/edit?mid=1H4p5MqFehMbWImfzqYxL5yz042_xedYd&usp=sharing



Autor: J. Migueles



BIBLIOGRAFÍA

La estación de grabados rupestres de A Pedreira-Ventosela (Redondela). Patiño Gómez, Ramón. 21 pp. Ilustraciones. Separata facticia de El Museo de Pontevedra. Tomo XXXVI. Pontevedra, 1982."

Visitas guiadas realizadas pola Asociación de Veciños de Ventosela (2010) e por Xurxo Constela (A Citania) (2018-19).

http://patrimoniogalego.net - Óscar Franco

PXOM. Redondela.