martes, 14 de septiembre de 2021

As campás das igrexas do centro urbano de Redondela

 

Campanario da Igrexa de Redondela. Foto: www.turismoredondela.es
Campanario da Igrexa de Redondela. Foto: www.turismoredondela.es

Antes os rapaces axudaban á misa porque era unha pequena fonte de ingresos en épocas de máis necesidade, grazas ás propinas que daban os padriños en bautizos e vodas e a posterior loita no “a pelón” (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/tradicions-e-festas-desaparecidas-ou_93.html ). Os máis afortunados tamén recibían un “soldo” do cura, pero isto xa dependía de quen estivera á fronte da parroquia. Cartos aparte o máis gratificante do traballo era (e segue sendo para algúns) poder tocar as campás.

 

Cando se tocaba a defuntos era común que a xente se achegase a preguntar a gritos quen falecera. Debemos ter en conta que antes era unha vila onde todos se coñecían e non se poñían as necrolóxicas polas rúas nin estaba xeneralizado publicalas nos xornais. Por este motivo, nas etapas nas que houbo xornais locais, estes adoitaban publicar os movementos no rexistro civil (nacementos, matrimonios e falecementos). (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/xornais-de-redondela.html )

Outra función dos campanarios era mobilizar aos veciños ante un desastre tocando a fogo, toque desordenado tentando facer o máximo balbordo posible (incendio, asolagamento...) ou unha inxustiza. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/mar-libre.html )

A continuación engado algunhas notas do que puiden descubrir sobre as campás e os campaneiros.



As campás da Igrexa Santiago de Redondela.

Na igrexa Santiago Apóstolo de Redondela hai catro campás, pero chegou a haber cinco, se contamos a campá do reloxo que coroaba o campanario e que foi retirado a mediados dos anos 90 do pasado século. O reloxo, datado en 1860, sería salvado da chatarra polo colectivo Alén Nós coa idea de crear un museo etnográfico no que poder expoñelo. O reloxo quedou gardado no local de Acción Católica que na actualidade emprega Cáritas. En 2010 catro persoas entraron no edificio e roubaron a campá. Os ladróns serían detidos pero a campá nunca se recuperou. Como as desgrazas nunca veñen sóas a colocación dun novo reloxo levou consigo a rotura de parte da varanda do campanario como se aprecia na imaxe anterior.

Recuperación do reloxo por Alén Nós. Faro de Vigo

 

    Grazas a Luis Pereda Canal descubrimos que tres campás foron fundidas en Salamanca e subidas ao campanario o 6 de novembro de 1917. O acto da colocación estaba presidido polo cura párroco José María Gerardo Sanmartín Catoira e as madriñas e padriños de cada campá que recibiron os nomes de “Santa Rita”, “Santiago Apostol” e “Jesús, María e José”.

    Antes de subilas houbo que baixar outra datada en 1822 coa inscrición “Santiago,ora pro nobis”, porque estaba rota. Segundo un redactor do xornal local “La Idea”: “Esta campana, que fue costeada por el Ayuntamiento, presumimos que fue la que se designo siempre como “campana de la justicia”. Segundo o propio Luis Pereda “este nome de “campá da xustiza” correspondería a unha vella tradición medieval segundo a cal podida tocala calquera persoa que sufrirá algunha acción inxusta ou que se lle negara algún dereito que lle correspondía, para que se fixera xustiza”.

    Na recollida de información das campás galegas que están a realizar (setembro de 2021) Estanislao Fdez. de la Cigoña e Xosé Troiano Carril recollen que tan só existe unha campá fundida en Salamanca por José Cabrillo Mayor que tería a data de 1917. As outras serían: A grande datada en 1850. A mediana despois da maior é obra de Juan Ocampo, en Arcos da Condesa (Caldas de Reis) en 1954. E a menor con data de 1861.

    Os nomes dados ás campás enseguida foron esquecidos polos rapaces encargados de tocalas e cando menos desde os anos 40 do pasado século foron chamadas polo son que emitían: “DAN, DEN, DIN, DON”, a estas engadíase a do reloxo, chamada “DUN”. DAN e DIN tiñan as cordas unidas, así podíanse tocar as dúas cunha man. Do contrario necesitaríase un segundo mozo para encargarse de DON. A DEN era tocada desde afora por un terceiro rapaz, pero era empregada en contadas ocasións, principalmente procesións.

Igrexa co reloxo Foto María Lago Barreiro
Igrexa co reloxo. Foto: María Lago Barreiro

 

    A música variaba segundo cada ocasión: a misa, a defunto, festa... Na función de ánimas tocábase cunha soa campá e era o último toque que había na igrexa xa entrada a noite. Cando se tocaba a defuntos empregábanse dúas campás e facíanse uns sinais: 4-1 se o finado era home, 3-1 se era muller e 2-1 se era nena ou neno.

    Como curiosidade engadir que un dos rapaces que tocaba foi alcumado “Campanero” e o alcume pasou á familia chegando ata os nosos días.


As campás da Igrexa Santiago de Vilavella.

    A igrexa de Vilavella está unida ao convento de Vilavella. A súa construción data de 1554 (substituíndo a unha igrexa máis antiga) e en 1574 estableceuse a orde de clausura de San Lorenzo Justiniano. Dende aquela eran as monxas as encargadas de tocar as campás. Isto cambiaría coa decisión do Bispado de Tui de que as monxas abandonaran o edificio en 1932. O convento, despois dun tempo alugado, sería vendido en 1942 ao empresario conserveiro José Otero González “Mañas”. Este industrial chegaría ao acordo de ceder o coro, desde onde as relixiosas asistían aos oficios relixiosos e que daba acceso ao campanario, a cambio de construírse un palco para que a súa familia puidera acceder ao templo desde o convento. A hora da verdade este palco nunca sería empregado porque a súa dona colocaría unha cadeira e un reclinatorio a carón da pía bautismal para acudir á misa co resto dos veciños. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2019/02/o-convento-de-vilavella.html )

Igrexa e convento de Vilavella antes da reconstrución deste último.
O campanario da igrexa e o convento de Vilavella antes da reconstrución deste último.

 

    No campanario de Vilavella había 3 campás, pero a unha delas rompéralle o soporte de madeira e xacía abandonada no chan cando menos desde os anos 70. A maior data de 1884 e saiu da fundición viguesa de Antonio Sanjurjo Badía. Unha cuarta campá é coñecida como “o Esquilón”. Emprégase para a última chamada a misa cinco minutos antes do inicio e está fóra do campanario, preto da sacristía.

    Dos que tocaban as campás nos anos 50-70 podemos citar a: Jesús Calvo “Suso”, propietario dun taller mecánico na Praza Ponteareas, e os irmáns Martín “Tintorro” e Sebastián “Tián” Fernández. O que mellor tocaba dos tres era Martín, que nas festas da Coca era quen de tocar a Danza das Espadas coas campás.

    Nas seguintes décadas foise complicando o de conseguir quen tocara ben os días de festa por falta de relevo encargándose Francisco Crespo Santos “Tócalle o Bombo”, xefe da Policía Municipal xubilado, e Manuel Migueles "Repolo"ou "Gharín".

Vista do campanario. Foto: Juan Migueles 2009
Vista do campanario. Foto: Juan Migueles 2009

 

Como anécdota, nunha ocasión nos anos 80, as campás comezaron a soar a fogo e Octavio, o cura, asustado mandou ir ver quen subira a tocar coma un tolo. Cal non sería a sorpresa ao atopar no campanario a un veciño xa ancián, quen se xustificou dicindo que o desexo de toda a súa vida fora tocar aquelas campás.

Por último, comentar que o primeiro cuarto do actual século sentoulle mal a este campanario. Primeiro unha cruz de metal que a coroaba caeu durante unha treboada e nunca máis se soubo dela e, segundo, colocouse un reloxo que, como no caso da igrexa de Redondela, levou consigo o corte de parte da estrutura do campanario. Por sorte o reloxo estivo pouco tempo en funcionamento, porque o seu son era similar ao toque a defunto para desesperación dos veciños.


As campás da Capela de Santa Mariña.

Capela de Santa Mariña. Foto: J. Migueles, 2008
Capela de Santa Mariña coa cruz no campanario. Foto: J. Migueles, 2008

 

A Capela de Santa Mariña ten dúas campás. A menor data de 1862, sendo obra de José Cabrillo Mayor, fundidor de Salamanca do que xa falamos no apartado adicado á igrexa Santiago de Redondela. E a maior foi fundida en Braga na segunda metade do século XX por Serafím da Silva Jerónimo. O acceso ao campanario é tan pequeno que tan só os rapaces pequenos e fracos poden subir a tocar sentados, porque non hai espazo para erguerse. 

Serafim da Silva Jerónimo. Arquivo Campaners de la Catedral de València

 

O campanario estaba coroado por unha cruz de metal que foi derrubada polo vento durante unha treboada, o mesmo que sucedeu, como acabo de comentar, na igrexa de Vilavella.





Autor: Juan Migueles



BIBLIOGRAFÍA

Apuntamentos sobre o mosteiro de Vilavella (Redondela): Amado González Cardama. Separata de estudios provinciais Nº15/2000 – ISSN: 0211-5530

Recompilación das campás galegas (Pendente de publicación). Estanislao Fdez. de la Cigoña e Xosé Troiano Carril.

La Idea 1917

En Galiciana-Biblioteca Digital de Galicia. Xunta de Galicia: http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es => 19171107 El Progreso

Faro de Vigo

Aportes Luis Pereda Canal, Alberto Vilas, Manuel Migueles e Antonio Ricón.

 

 


No hay comentarios:

Publicar un comentario