![]() |
| Entrega de cadeira de rodas a Manuel Martínez Barreiro, 1964. Foto Fotsca. Cedida por José Antonio Martínez Fernández. |
Agora que a Sanidade Pública está sendo maltratada polos nosos gobernantes para favorecer os intereses privados, non está de máis lembrar outros tempos onde non estaban cubertas nin as necesidades sanitarias básicas da cidadanía. Hoxe en día, calquera español que perde a capacidade de camiñar tan só ten que acercarse ao seu centro médico e solicitar unha cadeira de rodas. Isto que agora nos parece normal, non sucedía hai pouco máis de cincuenta anos.
Antes da chegada do actual sistema democrático a cobertura médica era moi limitada. As persoas non tiñan acceso a unha cadeira de rodas gratuitamente e moitos quedaban encamados. As limitacións médicas da época co engadido das sucesivas guerras, as malas condicións laborais e accidentes de todo tipo, provocaban que fora moito máis habitual ver a persoas con algún membro amputado ademais dos impedidos por enfermidade, que moitas veces son asociadas coa vellez. No caso da amputación dunha perna os que tiñan forzas nos brazos, aínda tiñan a posibilidade de moverse con muletas, xa que as próteses eran de madeira e de moita peor calidade, polo que moitos preferían non usala. Cando era necesario o uso da cadeira de rodas o que non tiña os recursos suficientes, dependía das iniciativas veciñais ou dalgún colectivo.
Neste último caso, podemos citar á Confraría de Pescadores San Xoán de Redondela que en xaneiro de 1964, con motivo das festas do Nadal, facilitoulle unha cadeira de rodas a un neno veciño de Cesantes, chamado Manuel Martínez Barreiro. Á entrega asistiron: Mauro Martínez Martínez, en representación da Confraría de Pescadores e concelleiro de Redondela; Juan Muíños Iglesias, alcalde; Arsenio Nicanor Río Pena, axudante Militar de Mariña, Fernando Rivas Araújo, concelleiro por Cesantes, Juan Pérez Bastos, alcalde de Barrio; e Amado González Cardama, correspondente de La Noche. Ademais a confraría repartiría 68 doazóns de 200 pesetas cada unha entre a xente máis necesitada.
![]() |
| Manuel Martínez Barreiro cos seus amigos, 1964. Foto Fotsca.Publicada en La Noche. |
Chegado San Xoán, patrón da Confraría de Pescadores, axudan a un mariñeiro que “levaba dous anos impedido”. Nesta ocasión a doazón consistira nunha pequena embarcación, de nome “San Juan”, coa que poder subsistir.
Naquel mesmo ano, tamén sairía na prensa Narciso Rodríguez Couñago. Era estudante no Seminario de Ourense cando o agravamento dunha enfermidade deixouno impedido das dúas pernas. Sen posibilidade para chegar a sacerdote e despois dun tempo tratando de aceptar a súa nova situación, descubriu o centro de educación a distancia de Barcelona “Auxilia” dirixido a persoas enfermas. Unha vez rematado o curso e acadado o título, A profesora, Montserrat Gramunt, interesouse polo seu estado e acadou os cartos necesarios para que puidera mercar unha cadeira de rodas.
![]() |
| Narciso Rodríguez charlando con Amado González, correspondente de La Noche. Foto Fotsca. |
Anos despois, o veciño de Redondela, Alejo Martínez Ramírez, perdeu as dúas pernas nun accidente laboral. Podería volver a camiñar grazas a unhas próteses e, en agosto 1973, a Mutualidad de la Construcción, proporcionoulle un coche adaptado.
![]() |
| Entrega do coche a Alejo Martínez. Fotos: Fernando Otero. El Pueblo Gallego |
Autor: Juan Migueles
BIBLIOGRAFÍA
El Pueblo, La Noche.
Aportes: José Antonio Martínez.





No hay comentarios:
Publicar un comentario