lunes, 28 de septiembre de 2020

Instalacións Marítimas

 

Botadura do barco de José o Viudo, no estaleiro de Loureiro, en Cesantes. Foto cedida pola Sra. Sara-Obradoiro Fernando Monroy
Botadura do barco de José o Viudo, no estaleiro de Loureiro, en Cesantes. Foto cedida pola Sra. Sara-Obradoiro Fernando Monroy
 

Estaleiro.

Lugar onde se construían e reparaban os botes de pesca. En Redondela xa existía a Praza do Estaleiro antes de 1760, polo que o estaleiro estaría no tramo entre a Praza Constitución e a Rúa Reveriano Soutullo. Vendo a ampla costa deste tramo un pode identificala co seu antigo uso. Parece ser que se mantivo activo ata principios do s. XX. 

 Logo abriría no centro da praia de Cesantes no lugar coñecido aínda hoxe como os Astilleros, o Estaleiro de Loureiro, que hai poucos anos foi derruído para construír unha vivenda en primeira liña de praia. Esta carpintería de ribeira era propiedade de Manuel Loureiro Pintos e nel traballaron os seus fillos Manuel e José Loureiro Fernández. Comezou a súa actividade nos anos corenta do pasado século, construíndo traíñas a remo e máis tarde chalanas e gamelas, que co paso do tempo irían adaptando o motor, nun principio de gasolina e despois de gasóleo. O barco de maiores dimensións que construíron foi o Santa Eugenia” duns 15 metros de eslora e con popa de rabo de galo. O estaleiro pecharíase en 1989 despois de construír o barco Alelita” de 6 metros de quilla. 

  Na actualidade o porto de Cesantes conta co seu propio estaleiro.

O estaleiro de Loureiro Foto Antonio Cobián
O estaleiro de Loureiro Foto cedida por Antonio Cobián



Peiraos

Peirao de Redondela.

         Na 2ª metade do s. XIV o bispado de Santiago xa cobraba diezmo polo porto de Redondela. No s. XVI este porto comeza a gañar importancia grazas á captura de sardiña e pescada. Por documentos de principios do s. XVII o peirao do Cabo dos Fumeiros era considerado o peirao da vila de Redondela. Ademais tamén se fala do Peirao da Rúa Nova ou de Pedro de Romay.

1900 Cabo dos Fumeiros  inicios s.XX. Fototipia Thomas
Primeiro porto do que se conservan fotos. Cabo dos Fumeiros, inicios s.XX. Fototipia Thomas

 
          A mediados do s. XVIII xa estaba na Ribeira. Neste século o porto de Redondela cobra importancia por ser o punto de embarque do viño de Ribeiro que, facendo escala en A Coruña e Ferrol, era enviado a diferentes puntos de España. Como exemplo, en 1796 saíron para A Coruña 10 barcos cun total de 293 toneladas de viño. En 1804 a pesca ascende a 300 millares de sardiñas anuais. 

En agosto de 1899 o porto de Redondela foi “declarado de interés general”. Dous meses despois o Ministerio de Fomento abre expediente co fin de iniciar as obras de mellora do porto. En xaneiro de 1900 ten lugar a incautación polo Estado, representado polo enxeñeiro de Obras Públicas, Sr. Domecq, do peirao de Redondela, que foi entregado por unha comisión do Concello. 

1920 O Peirao da Ribeira Foto Redondela a través do tempo
Anos 20 do pasado século. O Peirao da Ribeira. Foto publicada en

Redondela a través do tempo. Jose Antonio Orge Quinteiro. Ed. Xunta de Galicia 2001.


Ademais de empregarse para a carga e descarga de todo tipo de mercadorías, ata a primeira metade do século XX tiña moita importancia a descarga do sal. Descargábase con palas en cestos que as mulleres levaban na cabeza ata o derradeiro alfolí que houbo en Redondela. Era da Peixiña estaba na rúa Ribeira, onde anos máis tarde abriría a tenda Pedales. Outro alfolí máis antigo estivo entre as rúas Reveriano Soutullo e Isidoro Queimaliños no solar onde se construíu o vello concello.

(Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/12/alfoli.html )

            En outubro de 1934 reclámase a colocación dunhas luces no peirao da Ribeira, como xa se fixera nun pequeno embarcadoiro de Chapela. Nesta mesma década, a construción dun primeiro peirao de Cesantes construído para a conserveira de José Otero González, sería a base para a posterior construción do porto. Isto provocaría o menor uso do peirao da Ribeira que sería convertido nunha rampla coa ampliación da canalización do río Alvedosa. Nos 60 completaríase a destrución cos recheos da Marisma para dotacións escolares, sanitarias e deportivas.

En Redondela a mediados do século XX había varios barcos de ardora. O de Gharracadelas tiña menos calado e desembarcaba nas escaleiras que hai un pouco máis adiante do Centro Recreativo e Cultural. Os demais chegaban ata o peirao da Ribeira: o de Calderilla, o de Sr. Tomás (pai de Carranco), o de Chico Gharín, o de Traghamares, o de Cu de Boi... 

 

O peirao da Ribeira. Arquivo J.A .Xesteira
O peirao da Ribeira. Sr. Xoán cargando area (sd). Arquivo J.A .Xesteira
 

         

Os embarcadoiros na estrada da praia.

Antigamente a comunicación entre Redondela aos barrios de San Pedro e Catapeixe de Cesantes realizábase polo que hoxe é coñecido como Camiño do Campo de Fútbol e cruzando a ponte de Esteiro. A necesidade de un rápido acceso á praia de Cesantes provocou o inicio da destrución da Marisma de Redondela coa construción dunha estrada que a atravesara e que co tempo e despois de múltiples recheos converteuse no que actualmente recibe o nome de Avenida Mendiño.

Esta obra da estrada de Redondela á praia foi adxudicada en 1910 a Manuel Vázquez Gil con un prazo de execución de en dous anos pola cantidade de 74.500 pesetas, sendo o presuposto de contrata de 86.150’15 pesetas. No BOE do 27 de xuño deste mesmo ano xa se publicaría a relación de propietarios afectados polas obras. O inicio das obras prolongouse ata outubro de 1911 despois do traballo de campo realizados polos Sres. Cachafeiro e Salgueiro baixo la dirección do enxeñeiro Sr. Rafael Muñoz, representante da administración con destino en Vigo. Isto provocou a solicitude dunha prorroga na entrega definitiva das obras, que non se producirá ata novembro de 1914.

No proxecto recolléronse dúas pontes que permitiran a entrada e saída das mareas na marisma. As correntes baixo as mesmas creou zonas de maior profundidade a cada lado, polo que existían catro chamados pozos. O Pozo, digamos que principal, era o máis popular por ser un lugar onde se practicaba tanto a natación como o waterpolo, convertendo a Redondela nun pioneiro deste último deporte xunto ás cidades de Vigo e a Coruña (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/08/natacion-e-waterpolo.html). As pontes estaban unha preto do bar da Mouchiña e outra por onde baixa hoxe o Pexegueiro.

Entre as dúas pontes estaban As Escolleras que era onde desembarcaban os barcos que viñan con xente desde San Adrián cando estaba a marea alta, porque cando estaba baixa tan só podían achegarse ata a Portela.

Outro punto de desembarco estaría á altura de onde anos máis tarde se celebraría a feira do gando. Este pequeno embarcadoiro sería o coñecido como Muelle da Madeira, que era pouco máis que un muro de pedra na estrada que une Redondela con Cesantes (hoxe Avenida Mendiño). Nesta zona escavárase o fondo para que puideran achegarse as gabarras, barcos con pouco calado. Empregábase para o comercio de madeira de piñeiro que tanto traían por mar como a levaban para la zona de Morrazo. Os troncos que chegaban descargábanse a man, algo que tamén se facía no peirao da Ribeira. Preto de alí nun local nas inmediacións de onde hoxe está a administración de lotería, tiña o seu despacho o tratante da madeira que era coñecido como Sr. Mojenes. Baixo o viaduto, ás veces convertían os troncos en vigas cortando ao longo troncos de arredor dos dez metros, cortando dous operarios colocándose un enriba e outro debaixo. Os pobres aínda tiñan que aturar aos nenos cantándolles:

Serra, serra

ti para o mar,

eu para a terra.

            No Muelle da Madeira tamén se descargaba area que se sacaba do río coa marea baixa para ser empregada na construción cargándoa nunha gabarra. Quen se adicaba a esta actividade era un tal Varo que vivía na rúa Loureiro.

En 1961 inícianse os primeiros recheos para a construción do Grupo Escolar. A destrución da Marisma continuaría nas décadas seguintes pola necesidade de chan para instalacións médicas, educativas e deportivas.




Anos 60. Mucha co seu fillo Sé e a súa irmá Marina no "Peirao da Madeira". Foto: todocoleccion.net


As barras do Alvedosa.

 

As Barras. El Pueblo Gallego 1932
As Barras. El Pueblo Gallego 1932

En 1929 iniciase a construción das barras do Alvedosa. Eran dous diques que tentarían solucionar os problemas de calado do porto de Redondela. As pedras impedirían que os lodos invadiran a canle de navegación, que sería máis fácil de limpar. Como acabamos de ver, poucos anos despois as barras deixarían de cumprir co seu cometido pola desaparición do peirao.

Os traballos serían dirixidos polo enxeñeiro Eduardo Cabello. En 1932 as obras xa se atopaban rematadas. Pola súa banda, o señor Cabello continuaba dende 1908 á fronte dos traballos de modernización do porto de Vigo. Daquela contaba con 67 anos, polo que se vía na obriga de xubilarse. Os colectivos da cidade olívica solicitaban a prórroga por consideralo o máis apropiado para completar o proxecto. 

En 2018 a confraría de mariñeiros e mariscadoras de Cesantes propón a retirada das barras do Alvedosa para recuperar os bancos marisqueiros.

Peirao de Cesantes

A primeira nova dun peirao en Cesantes sería en xuño de 1912, cando se tentaba renovar os traballos a fin de ultimar o proxecto do porto de Redondela, que se construiría na praia por considerar o lugar con mellores condicións. Pero non sería ata principios dos 30, cando José Otero González “Mañas” constrúe un pequeno peirao en Cesantes para trasladar alí á súa conserveira. 

 

1945 Praia de Cesantes Foto Redondela a través do tempo
1945 Peirao de Mañas. Foto publicada en Redondela a través do tempo

 

En decembro de 1956 a Comisión Provincial de Servizos Técnicos aproba a construción da lonxa de Cesantes. No BOE do 24 de marzo de 1958 publícase a adxudicación da construción do Peirao de Cesantes a Construcciones Ramón Valverde S.A., cun presuposto de 3.129.993'41 pesetas. En 1963 inaugurábase o peirao de Cesantes e ao ano seguinte iniciábase a edificación da lonxa. En 1967 solicítase a instalación dun depósito de combustible.

 

Peirao de Cesantes
Peirao de Cesantes. Foto: J. Migueles

Antiga lonxa. Foto: J. Migueles, 2009
Antiga lonxa. Foto: J. Migueles, 2009

 

En 2014 inaugúrase a nova lonxa.


Outros peiraos.

No século. XVIII, fomentadores cataláns instalan unha fábrica de salga na Portela, enriba da porta aínda se pode ver a data de 1728, construíndo un peirao. A posterior instalación do cuartel dos Corpo de Carabineiros, que tiña a misión de controlar a entrada por mar de mercadorías a Redondela para evitar o contrabando, provocou que aínda hoxe sexa coñecido como Peirao dos Carabineiros. Este peirao tiña moita importancia polo pouco calado do de Redondela, facéndose nel o desembarco das mercadorías a barcos de menos calado. Deste xeito, a finais de 1898 por Real Orde e polo ministerio de Facenda, "habilítase á vila de Redondela para o embarque de madeiras, grans, viño, ovos e froitas da rexión e para o desembarque de pequenas cantidades de xéneros do reino ou do estranxeiro, agás tecidos que deban pasar pola aduana de Vigo, verificándose as operacións en embarcacións menores e polo punto da Portela, baixo a vixilancia das forzas do resgardo marítimo e terrestre que existe no mesmo punto".

Peirao A Portela
Peirao A Portela Foto: J. Migueles

 

Nun documento de 1750 atopamos varios peiraos: o do Arco (Cesantes), A Portela, Rande e Arealonga (Chapela). Noutro de 1785 cítase o “embarcadero de Siete Fuentes” no Viso e, en Cesantes, “embarcadero al pie de la dehesa de la Coba de la Sierpe”.

No século XIX un pequeno peirao na Regasenda unía este barrio con San Adrián.

 

Peirao da Regasenda
Peirao da Regasenda. Foto: J. Migueles

Xa no s. XX varias liñas de vapores unían Redondela e Chapela con outros puntos da Ría de Vigo e unha barcaza comunicaba Rande e Domaio. En 1910 Francisco García Lamas realizaba os transportes marítimos entre Redondela e Vigo. En 1915 inaugúrase a liña de vapores Cesantes - Vigo. Por R. O. 4-2-1924 habilítase un peirao en Rande para o embarque dos produtos dunha fábrica alí establecida.

En 1950 desde as páxinas de El Pueblo Gallego demándase a necesidade da construción dun peirao en Chapela xa que, apesares do aumento de pasaxeiros que unía esta parroquia con Domaio, o embarque realizábase desde as rochas de Punta Cubillón. Temos que pensar da importancia do transporte marítimo antes da construción da ponte de Rande e de que se estendera o uso do automóbil. Aínda na década dos 50, os equipos de fútbol de Vigo que debían xogar en Domaio tiñan que embarcar neste punto.

 

1950. Embarcando en Chapela. Foto: Bene-El Pueblo Gallego


A todos estes habería que engadir os embarcadoiros das diferentes empresas que se foron asentando na nosa costa e que veremos nos diferentes apartados adicados a estas. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/12/empresas-do-mar.html ) (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2021/08/cargadoiros-de-mineral-i-cargadoiro-de.html ) (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/12/serradoiros.html ) (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/12/industrias-quimicas-e-metalurxicas.html ) (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/12/outras-empresas-desaparecidas.html )

Autor: Juan Migueles


BIBLIOGRAFÍA

Sal, sardiñas e peiraos. Achega ao patrimonio marítimo na Enseada de San Simón. Alberte Román Losada. Ed. Asoc. Alén Nós 2009.

Caderniños do Instituto de Chapela. Coordenador: X. M. González Fdez.

Nº2. Naufraxios no mar de Vigo (1854-1964).

Redondela, crónica dun tempo pasado. A Segunda República e o primeiro franquismo. Gonzalo Amoedo e Roberto Gil. Edicións do Castro 2002.

As vilas de Redondela nos tempos do Catastro de Ensenada: Xoán Miguel González Fernández. Ed. Concello de Redondela.

Arredor de nós. Historia da Policía Local 1863-2003. Gonzalo Amoedo López e Roberto Gil Moure. 2003.

Historia de las Rías. (2 Volúmenes) J. A. Orge e Carlos Antuña entre outros. Ed. Faro de Vigo.

Fondo Casto Sampedro. Museo de Pontevedra. -Sampedro 65-10 Notas sobre rúas e lugares.

La Carpintería de Ribeira en Galicia(1940-2000). José María de Juan e García Aguado.

Universidade de A Coruña.

Censo de actividades 1905, 1910 e 1925. Publicado en www.todocoleccion.net

Faro de Vigo

La Voz de Galicia. http://www.lavozdegalicia.es/hemeroteca/

Ministerio de Cultura http://prensahistorica.mcu.es

Galiciana => El Pueblo Gallego, La Noche, La Correspondencia Gallega, El Correo de Galicia, Diario de Galicia, El Correo de Lugo, El Progreso.

Na Biblioteca Nacional de España: www.bne.es => La Correspondencia de España

Faro de Vigo

Deputación de Pontevedra: 1750 Visitas ás reais devesas e plantíos da antiga Provincia de Tui. Visitas ás reais devesas e plantíos da vila e xurisdición de Redondela. 1785.

Aportes Manuel Seijas, Ramón Piñeiro González e Manuel Migueles.




jueves, 10 de septiembre de 2020

Redondela Baixo Terra


Entrada á mina da Peneda
Entrada á mina da Peneda. Foto: J. Migueles

        En Redondela téñense documentados varios túneles polos que na maioría pasaba unha persoa de pé ou agachada. Isto espertou o maxín da xente, inventándose lendas en torno a eles. En realidade son conducións de auga. O mesmo sucedería nas parroquias coas minas de auga, xa que son galerías escavadas na terra que soen rondar os dez metros de longo.


A Peneda (O Viso)
Hai un túnel duns 9 metros. É unha mina de auga.
Lenda: Segundo as diferentes versións o túnel unía a Peneda co castelo de Soutomaior, con Soutoxusto ou coa Illa de San Simón.

Soutoxuste (O Viso)

Baixo un “caseto” de mariñeiro hai un pozo.

Lendas: É un túnel que comunica Soutoxuste coa Peneda. Neste pozo podes atopar o tesouro da moura, pero tamén podes atopar un veleno que te mate.

Caseto co pozo no seu interior. Foto: J. Migueles
 
Praza Ponteareas (Vilavella)

        Dous túneles. Un era a mina que levaba auga á fonte da praza. Foi destruído parcialmente pola construción das vivendas da praza. Ía en dirección cara ao viaduto dende a antiga localización da fonte. O outro bordeaba o perímetro do muro do convento pola banda da estrada de Redondela cara a Vigo. Probablemente recollía as augas pluviais da praza e / ou dos terreos do convento e a auga da fonte. Serían conducidas cara ao río.

Lendas: Un túnel unía o Convento de Vilavella co Pazo de Petán. Polo túnel as monxas de clausura saían do convento.


Convento de Torres Agrelo (Cesantes)

Cando os franciscanos da Illa de San Simón trasladáronse ao Convento de San Antonio de Vista Real de Agrel a finais do ano 1746, na descrición das novas instalación cóntase que: "dispón de capela, granxa, cemiterio, horta e unha importante captación de auga cunha galería de 200 metros".


Pazo Torres Agrelo (Cesantes)

Un túnel de condución de augas sae do pazo cara ao mar.

Lenda: O túnel era empregado polos alemáns durante a II Guerra Mundial.


A Telleira (Cesantes)

No monte da Telleira hai unha mina de auga cun túnel de varios metros.

 

Túnel do Cargadoiro de Mineral Foto: J. Migueles
Túnel do Cargadoiro de Mineral de Rande. Foto: J. Migueles


Rande (Cedeira)
        No camiño das Regateiras pode verse a entrada dun túnel que conducía a auga dende o regato ata o cargadoiro de mineral.
        Do outro cargadoiro, o de Coto Wagner, quedaron soterradas parte das súas instalacións.
 


        Tamén existe unha entrada tapiada na propiedade ocupada pola empresa Vieira S. A., na que anteriormente estivo a Compañía Azufrera del Noroeste.


Cedeira
        A mina da fonte do Conde xorde dun pequeno túnel.
 
Lenda: Dise que existe un túnel entre o Pazo de Torrecedeira e a finca de Monterraso. As dúas propiedades pertencían á mesma familia pero ata o de agora non puiden constatar a súa existencia.
 
Fonte do Conde
Mina da Fonte do Conde. Foto: J. Migueles

Trasmañó

Antigas minas de auga preto do parque infantil.

Lendas: As covas conducen ao interior do monte Mirallo.


Rande e Reboreda

A todas estas poderíanse engadir dúas conducións de auga antigas realizadas en granito que foron catalogadas en Rande e en Reboreda.


Autor: Juan Migueles

 

BIBLIOGRAFÍA

Aportes orais.

Varios folletos turísticos do Concello de Redondela.

Visitas guiadas por Xurxo Constela, arqueólogo de A Citania S. L.

 https://sanvicentedetrasmano.wordpress.com/

 


domingo, 6 de septiembre de 2020

Varios deportes

BILLAR
A práctica do billar en Redondela remóntase ao século XIX. Na Matrícula Industrial de 1885-86 pódese ler: "Juegos públicos permitidos. Domínguez, Marcelino. Billar con una mesa. Alfonso XII." Na de 1896-97 consta Santos Lago como propietario dunha mesa na mesma rúa e, no de 1902, tamén nesa rúa Dolores Añón.
O primeiro campionato de billar do que teño constancia, celebrouse no Centro Republicano de Redondela onde, en agosto de 1934, realizou unha exhibición o campión vigués Palacios.
Na competición de Educación y Descanso, de agosto de 1958 participa un equipo de Redondela, xunto aos de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía.
Centro Recreativo y Cultural de Redondela. En 1969 José María Álvarez, vence no Torneo Intersocial e no Campionato Provincial de Terceira Categoría modalidade libre, celebrados en Vigo. Nese mesmo ano o CRC de Redondela celebrou o I Torneo de Navidad de Billar, no que Álvarez e Míguez se enfrontaron a membros da sociedade La Oliva de Vigo. En 1971 organizou o I Trofeo de Billar, que na segunda edición contaría con 14 participantes: Emilio Seco, Gonzalo Figueiral, Manuel Míguez (sub-campión na primeira edición), José Couñago, Argimiro Fuentes, José J. Acuña, Bernardino Docampo, Antonio Ferreira, Genaro Alonso, Manuel Alonso, J. Carlos Alonso, José González Gómez, Francisco Reboredo e Santiago Gómez.
           Circulo Cultural Recreativo de Chapela. Equipo creado en 1967, practicamente ao mesmo tempo que a sociedade. En 1968 participa no campionato rexional de segunda categoría con Luis Melón Álvarez e José María Álvarez Vázquez. En 1969 no campionato provincial de terceira categoría modalidade libre acada o quinto posto M. Baca. Nos anos 80, organiza competicións e acada varios campionatos provinciais por medio de xente como Carou, Salas... Despois dun tempo sen competir, a finais dos 90 comeza a organizar campionatos provinciais entre outras competicións. A partir do 2004 comeza a celebrar probas de máis categoría como Campionatos Galegos Absolutos. No seu palmarés conta con títulos a nivel galego tanto por equipos como individualmente, principalmente na modalidade de Tres Bandas. Entre os seus xogadores máis destacados podemos citar a José F. Lozano ou a Rogelio Fortes. Actualmente (2016) compiten no grupo B da Segunda División xunto ao Megarit de Madrid, Hervás de Cáceres, Valladolid e Círculo das Artes de Lugo.
          Na modalidade Billar Pool o equipo Na Lúa vencería no 2019 no Campionato Galego de 2ªcategoría.

BillarPool-Na Lúa. Cto. Galego2019, 2ªcategoría. Facebook

CAMPIONATOS MILITARES
            Anteriormente xa demos conta das participacións de redondeláns en campionatos militares en disciplinas como atletismo, boxeo, fútbol ou natación. Ademais destas existen outras modalidades máis propias da disciplina militar. Poderiamos citar aquí a Gustavo Saavedra, campión de España de lanzamento de granada nos anos 90, ou a Javier Díaz Rodríguez, que no campionato provincial de tiro na modalidade de pistola 9mm.-Sénior, rematou 2º no 2016 e 17; e 3º no 2015.


DEPORTE DISCAPACITADOS
            No 2005 fundouse o Racing Club Chapela, coa finalidade de fomentar o deporte de disminuídos psíquicos. No 2008 xa acadara o campionato de Galicia en deportes tan diversos como o baloncesto, natación ou tenis de mesa, sendo finalista en outras disciplinas. Na actualidade seguen aumentando o seu palmarés con campionatos de España en diferentes modalidades. Destacan os nadadores Loira Fernández e Mauro Rodríguez, que ademais de vencer en varias probas dos campionatos de España, participaron por primeira vez nun Mundial no 2014.
No centro Mauro Rodríguez e Loira Fernandez, 2014. Foto Faro de Vigo
             Pola súa banda os membros da Asociación Lenda, xa venceron en tres ocasións na súa liga de fútbol sala. Ademais practican outros deportes como natación, tenis, tenis de mesa ou running.
Tamén citar a Aarón García Parente que forma parte do equipo de fútbol Celta Integra que no 2019 se proclamou campión da Liga Genuine.
Asociación Lenda futbol Sala 2016. Facebookk

DEPORTES DE PRAIA

          A Enseada de San Simón é ideal para a práctica do Wind Surf. Ademais de disputarse varias probas, contamos cun equipo, o Catapeixe Windsurf Team. Nos últimos anos tamén está gañando adeptos o Kite-Surf, celebrándose no 2012 o I Encontro Kitesurf.
          No 2012 fundouse o club de Balonmán-Praia feminino BMP Espartanas.
A estes deportes habería que engadir a organización na Praia da Punta e na de Arealonga de campionatos doutras modalidades como Volei-Praia, Fútbol-Praia ou Fut-Volei.
BMP Espartanas 2016 Facebook

HOCKEY HERBA

En marzo de 1959 da inicio o campionato de España que se celebraría nos campos de Vista Alegre, en Vigo, e o de Santa Mariña, en Redondela. No noso Concello os primeiros partidos serían R. C. Polo de Barcelona contra Real Tenis de Santander, e Alerta de Vigo fronte ao Almirante de Burgos. Campionato curioso aquel se temos en conta que o noso non tiña herba.


JIU-JIUTSU
         Sergio Pérez Couñago proclamouse sub-campión de Europa de Jiu Jitsu Brasileiro no 2015. Anteriormente vencera na Supercopa de España e acadara a prata no II Open Stockmma Internacional. Pertence ao club local Pressa Team, fundado no 2013 e filial do canario Gil Catarino, adestra no ximnasio Do-Yang. 
2015 Sergio Pérez Couñago subcampión de Europa de Jiu Jitsu Brasileiro,2015. Facebook do deportista
 

JUDO-KÁRATE-AIKIDO
O primeiro redondelán en practicar estes deportes probablemente sería José Manuel Barbosa Suárez, do Viso, quen nunha entrevista en 1973 anunciando a súa candidatura a Consejero Local del Movimiento de Vigo, cidade na que residía, afirmaba ter practicado judo, kárate e aikido, ademais de boxeo e fútbol.


KICK-BOXING
No 2017, Alonso Fernández Rodríguez, de 9 anos, acadou dúas medallas de ouro no nacional de kick boxing, polo que temos futuro nesta disciplina.

LOITA LIBRE E GRECO-ROMANA
Nos seus inicios a S.A.R., fundada no 1963, tivo equipo de loita libre.
Dentro do programa das Festas da Coca de 1971 celebráronse dous combates de loita Greco-romana. Plumas: Amadeo Vilas-Enrique Fernández. Lixeiros: Manuel Roca-José R. Blanco.

MONTAÑISMO
         Como en todos os deportes individuais é difícil atopar información dos escaladores e os seus logros establecendo o seu lugar de nacemento. Destacaremos neste apartado a Jose Carlos Lorenzo Caeiro, que no 2010 alcanzou o cume do pico Lenin de 7.134 metros acompañado da súa parella, a viguesa Ana Rodríguez Pedrido, que se converteu na primeira muller en conseguilo. Tamén escalaron o Mont Blanc e o Aconcagua. Os dous pertencen ao Club Montañeros Celtas.
 
Montañismo Ana Rodríguez Pedrido y José Carlos Lorenzo Caeiro. Foto: pedrodeben.blogspot

MOTOCICLISMO
        
    En xullo de 1952 unha carreira de motocicletas con saída e chegada a Vigo, daquela este novo deporte en Galicia, pasaba por Redondela entre outras vilas.
En 1988 catro ou cinco afeccionados fundaron o Motoclub Redondela, que en pouco tempo contaría con 180 socios. Ese mesmo ano celebrará o I Trial Indoor no campo de fútbol de Santa Mariña, no que participarían os principais pilotos galegos. Despois de organizar varias probas do campionato galego, nos anos 90 celebrarían unha proba do Campionato de España de Trial, no que os afeccionados puideron seguir ao campión mundial Jordi Tarrés. 
Máis recentemente teñen xurdido novos colectivos de afeccionados ás motos como Custom Moto Club ou Los Vespartanos.
Entre os pilotos afeccionados citar a Rafael Abeijón Broullón "Tiriti", falecido no 2014 ao sufrir unha caída cando se atopaba escalando o Aneto. Fundou T.T. Rande, asociación que creou unha plataforma reivindicando a construción dun circuíto en Galicia.
            Actualmente contamos co equipo Redomoto, que en xuño do 2018, cos pilotos Dani Rodríguez Amoedo, José Luis Rodríguez Veiga e Manuel Figueiredo "Gorras"; acadaron a segunda posición na carreira de resistencia de motos clásicas Old School Galician Country.
            O futuro do motocross ten nome de nena, Alba Fernández, iniciouse con 8 anos e tres anos despois, no 2017, debutou no Campionato Nacional de Portugal e nunha proba do Europeo. Na seguinte tempada rematou na cuarta posición no nacional portugués.
 
Alba Fernández 2019 Facebook

No 2020 sería Theo Gourdon Rafael, con 15 anos, quen se clasificaría en Xerez como o terceiro mellor piloto na categoría Promo3 do Campionato de España ESBK. O seu irmán, Álex Gourdon Rafael, tamén na mesma categoría, entrou no Top 10 do campionato. Entre os dous gañaron 7 probas das 10 posibles. 

Theo & Alex Gourdon. Facebook
Theo & Alex Gourdon. Facebook

 

MOTONÁUTICA
           Na modalidade de embarcacións PR-550, Juan Carlos Solla e Jose David Álvarez, do Club Pereira Racing Team con sede en Chapela, acadaron o 2º posto no Campionato Mundial do 2007 e gañaron o Campionato Galego no 2008 e 2010. Xa como piloto, Jose David Álvarez formando parella con José Francisco Álvarez, acadaron no 2011 o 3º posto no Mundial e no Cto. de España co equipo ADC Rande. No 2014 venceron no Cto. Galego. Ese mesmo ano José David Álvarez impúxose na World Series de motonáutica.
David Álvarez, Corea- Gran Premio de Incheon 2014. Foto: Faro de Vigo

Sergio Pereira terceiro en Italia, 2015 Foto Massimo Ciuchi
         Pola súa banda, Sergio Pereira Millos, natural de Chapela, comezou tamén en PR-550 no Club Pereira Racing Team. Proclamouse campión galego no 2007 con Francisco José Pereira. Formando parella con David Pereira acadou o 3º posto nos Campionatos Galegos de 2010 e 2011. No 2014 con Javier Quintas repite o 3º posto no Cto. Galego. No 2015 acompañando como copiloto ao catalán Josep María Izquierdo no equipo do Club Nàutic Garraf, Sergio Pereira venceu no Campionato de Europa na modalidade Endurance Class B. En xullo dese mesmo ano rozaron o podio cun 4º posto no Mundial celebrado en Venecia.
            Por último citar que no 2012 celebrouse na Enseada de San Simón a II Proba Trofeo Galicia-Norte de Portugal nas categorías de motos de auga, rally-jet e pneumáticas PR-550.


ORIENTACIÓN

           No 2008, máis de 60 equipos de toda España participaron no Gran Premio Concello de Redondela, 4ª etapa da Boomerang Orientaventura, despois das celebradas en Navarra, Jaén e Salamanca. A proba consistiu en sumar o máximo número de puntos acudindo coa axuda dun mapa é unha brúxula a diferentes postos de control para lanzarse en tirolina, correr en bicicleta de montaña ou navegar en canoa. Dende 2015 organízase a Carreira de Orientación Concello de Redondela.


PÁDEL
           Nos derradeiros anos foi aumentando o número de veciños de Redondela que acudían a Soutomaior a practicar este deporte. A demanda de instalacións provocou o inicio da construción no 2015 de pistas de pádel no entorno da Marisma. No 2018 organízase a primeira Liga Social de Pádel. Contamos co Club de Tenis e Pádel Redondela e, en marzo de 2019, fórmase o Club Pádel Centro Recreativo de Redondela.
 
Torneo Padel Redondela-Deputación Pontevedra, 2017. Facebook Diesemm Eventos

PARACAIDISMO

Carlos Aula Foto: Jordi Belver
Carlos Aula Cabaleiro, nado en Redondela en 1951 e destacado informático de profesión, foi fundador e presidente da sección de paracaidismo do Aeroclub Barcelona-Sabadell, e campión de Cataluña de paracaidismo en saltos de precisión e figuras en caída libre.






PATINAXE ARTÍSTICO
             O éxito do equipo de hóckey a patíns levou á SAR a crear unha escola de patinaxe para nenas e nenos en decembro de 1969.
             A pesares destes esperanzadores inicios teríamos que agardar ata ao cambio de século para o relanzamento deste deporte na vila coa creación do C. P. Bolboreta. Entre os seus primeiros éxitos citar o segundo posto acadado no XV Trofeo Latina de Grupos Show, celebrado en Madrid no 2012. Tamén citar o traballo de canteira realizado coa organización de equipos en diferentes centros escolares. 
Bolboreta 2012 Foto Facebook Ocio Redondela
             No 2019 Nerea Estévez Fernández (Chapela) acadou a Copa de Prata do Campionato de Europa en Grupos Show celebrada en Reggio (Italia). Ese mesmo ano como adestradora e xestora crea na súa parroquia un novo club o CPA Arealonga con mais de 50 licenzas.


PIRAGÜISMO
            É moi difícil atopar datos desta disciplina porque nunca se practicou no río Alvedosa pero si no río Verdugo, polo que non é descartable que algún redondelán o practicara. Como xa citei no apartado adicado ao atletismo, Víctor Lores, natural de Vigo e establecido en Redondela, competiu en piragüismo en 1935 na categoría por parellas.


RALLY
Adolfo Queimaliños Rías Baixas 2010. Facebook

           A primeira referencia atopada foi a celebración dun Rally en Redondela en 1971. En 1974 atopo a José Sobral participando no IV Rally de Vigo para minusválidos conducindo un Seat 850. Nesta década a nosa vila xa aparece no itinerario do Rally Rías Baixas. En canto aos pilotos é máis difícil atopar datos. En 1981 Alonso, de Redondela, quedou 3º na proba de auto-cross I Trofeo Lombreda, na categoría de menos de 1.000 cc.
           Tamén nos anos 80 formouse o primeiro club da vila, Pantalla Sport. No 94 o cadete Víctor Figueroa acadou varios triunfos na categoría kart de 80 cc. e Miguel Taboada Vázquez facía o propio en 125cc. Naquel ano a escudería contaba con R. Míguez e J. I. Amoedo que competían cun Talbot 1.200; e con A. Martínez e V. Ruíz que o facían cun Seat Marbella.
En Chapela, nos 80, o humor e o motor ían da man, coa celebración do Parida-Car, organizado polo Altamira Club.
Foron moitos os que de xeito afeccionado practicaron este deporte, nos derradeiros anos podemos citar aos seguintes:
Carlos Martínez “Kali”. No 2009 este piloto e os seus amigos posaron espidos para un calendario co que acadar fondos para o seu coche.
Adolfo Queimaliños. No 2015 volta as carreiras, retomando un proxecto que abandoou despois do Rally Rías Baixas do 2010.
Diana Alonso. No 2016 participaou na Copa Suzuki Swift, como copiloto de Javier Andrade, aínda que tamén ten competido ao volante.
Diana Alonso. Facebook
 Manuel Lorenzo. No 2019 participou no Rally Rías Baixas.
Outra escudería da vila é TRC (Trasmañó Racing Competición). No 2013 organizaron a I Ginkana de Trasmañó, na que participaron pilotos de diferentes categorías: tracción dianteira e traseira, todoterrenos 4×4, quads, motos e kart cross. No 2015 xa ía pola quinta edición.

RUGBY
          En decembro de 1960 anúnciase o inicio da Liga Galega de Rugby con tan só 3 participantes: Celta de Vigo; Universitario de Santiago e Choco de Redondela. Tal equipo non existía e tan só se trataba dunha estratexia para forzar a súa creación. Días despois reuníase o preparador físico nacional coa directiva do C. D. Choco, pero o proxecto foi rechazado polo alto custe que lle suporía ao club.

SKATE
          Nos anos 90 ante a demanda dos afeccionados, o Concello construíu unha pista de skate de madeira. Primeiro foi situada no campo da feira a carón do viaduto e posteriormente trasladada ao aparcamento da Avenida Mendiño, onde foi deteriorándose ata que foi retirada polo seu mal estado. Nunha segunda vida desta modalidade, os mozos tomaron o espazo de diante da Casa da Torre para practicar este deporte o que levou á presentación, en marzo de 2017, do proxecto da construción de novas instalacións nas inmediacións do novo pavillón.

TAEKWONDO
           Este deporte despuntou na nosa vila cando o cinto negro Francisco Tilve abriu en Vilavella o ximnasio Do-yang. Entre os seus alumnos destacaron, nos anos 90, Manuel Varela e Juan Nogueira, este último participou en 12 campionatos galegos, acadando 7 podios. Máis recentemente, Eric Benito Martínez, veciño de Redondela, 10º no Cto. Do Mundo 2005. Sub-campión de España 2007. 2º Copa Daedo (México). Tamén contamos con varios colexiados nacionais e ata internacionais, sendo Conchi Martínez Carballo, nos anos 90, a primeira colexiada federada de Redondela.
Nos derradeiros anos na Asociación Deportiva Do-yang, destacan as fillas de Fran:
Nazareth (Vigo, 1982) e Ruth Tilve Costas (Vigo, 1997), habituais nos podios galegos e españois, Nazareth proclamouse campiona de Europa no 2018. O futuro vén da man de Elena González Rodríguez e Yago Bernárdez Conde.
 Nazareth Tilve. C. Europa2018 Facebook

TIRO

A finais dos 80, Manuel Barciela Barciela e o seu fillo Manuel Barciela Castro comezaron a competir no club Sotivo. Nos anos seguintes ámbolos dous serían habituais dos campionatos provinciais e galegos nas modalidades de tiro olímpico e tiro con armas antigas. Como curiosidade dicir que en 1996 pai e fillo ocuparon o primeiro e segundo posto no autonómico na modalidade Kuchenreuter.
TIRO AO PRATO
         Nos anos 40, o C. D. Redondela tiña equipo nesta disciplina.
Nas Festas da Coca de 1962, organizado pola Sociedade de Caza La Redondelana, celebrouse na Marisma o Gran Premio Redondela. A proba consistiu nunha tirada de 12 pratos a 12 metros, participando deportistas de diferentes vilas da nosa provincia. Tamén se disputou outra competición reservada a tiradores locais e unha terceira de consolación. Nese mesmo ano organizou outra tirada nas Festas das Angustias. En setembro de 1964 esta sociedade organizou outra tirada sendo primeiro Constante Rodríguez, de Saxamonde, e segundo Olegario Rubín Amoedo, de Cesantes.
A S. A. R. formou unha sección de tiro en 1969. Un dos primeiros inscritos foi “Chicho” Pérez Pereira que ese mesmo ano vencera nas tiradas celebradas nas festas da Peregrina en Pontevedra. Este equipo coincidindo coas Festas da Coca de 1970, organizou en Cesantes o I Trofeo Tiro al Plato con participantes de toda Galicia. Os primeiros tiradores locais clasificados serían Amador Pérez Sousa, Carballido e Senra. En colaboración coa Delegación de Juventudes, tamén organizarían o Trofeo Juvenil de Tiro con Carabina de Aire Comprimido. Nesta proba vencería Fermoselle seguido por José Cebral, empatando no terceiro posto José Antonio e Jorge. Este club seguiría organizando tiradas na festa da Coca ata finais dos 70.
Tamén en 1970 nun campionato celebrado en Portonovo participaron os redondeláns: José Carlos Figueiral, gañador da terceira categoría, e Manuel Movilla.
Nos anos 80 o Club Xan Carallás mantivo operativas á carón do campo de fútbol de Reboreda unhas instalacións de tiro ao prato. Alí se celebraría en 1982 o I Trofeo Festas da Coca.
Aspecto das abandonadas instalacións de tiro ao prato en Reboreda, 2018. Foto: J. Migueles

TIRO CON ARCO
            Nesta disciplina contamos co club Meigarco de Chapela. Entre os seus primeiros logros destacar o 2º e 3º posto no Campionato de España 2007 masculino con arco tradicional long bow e o 4º posto no Campionato de España 2006 feminino con arco recurvado tradicional. Sería o inicio dun longo palmarés que segue a incrementarse ano tras ano con campionatos galegos e nacionais. Forman o equipo: Óscar Casal, Eugenio Casal, Ángela Antón, Alicia Alvarado, Iñaki Fariña, Brian Álvarez, Verónica González, Mel Sanjorge...

V Campeonato de España en Sala Les Franqueses 2012. Facebook
             O outro club da vila é Cazarco, que compite na modalidade de caza con arco sen morte e que xa ten celebrado os seus primeiros éxitos.
No 2018 Dolores Bugarín proclamouse 2ª no Campionato de España de Recorridos de caza con arco.

VELA
             Na Ría de Vigo téñense celebrado numerosas competicións de vela e, as veces, os percorridos das mesmas chegan ata Chapela ou ata a mesma illa de San Simón. Un exemplo disto foi en 1979 a celebración da primeira edición da Regata Internacional San Simón-Vigo na categoría outrigger a-8 e organizada polo Clube Náutico de Vigo. En 1981 a néboa provocou que a liña de saída desta proba se situara en Chapela.
             En 1990 Gustavo Cuntín, Serafín Fernández e Ignacio Villanueva constrúen en Reboreda o primeiro cuarto tonelada integramente galego. O propósito era presentalo ao campionato de España clasificable para o mundial daquel ano que partiría dende Baiona.
Felipe Regojo, fillo do industrial José Regojo, capitaneou barcos en probas como a Rías Baixas-Martín Codax do 2007. Estes barcos eran patrocinados por unha das empresas da familia Regojo, Quebramar.
O futuro nesta modalidade está asegurado con Eduardo Reguera Fernández quen, apesares da súa xuventude, está a acadar os seus primeiros éxitos nesta disciplina, tanto nacionais como internacionais, en equipos como o Aceites Abril.
 
Aceites Abril, Corinthian J70 European Champion 2019 Foto: J70Italian Class

VOLEIBOL
          As primeira referencia deste deporte na nosa vila sería a formación de equipos escolares a principios dos anos 70.
         Nos anos 80 un grupo de mozos dirixidos por Roberto, mestre de educación física da escola de E. X. B. de Redondela, formaron un equipo de voleibol. Tanto en cadetes como en xuvenís chegaron a disputar o Sector, pero a desidia da corporación municipal levou á desaparición do club por falta de medios cando os seus compoñentes pasaron á categoría sénior.
          O segundo intento por formar un club neste deporte realizaríase en 1990, co I.F.P. Redondela disputando unha Segunda División feminina pouco competitiva por estar formada por tan só catro equipos.


XADREZ
          Nos anos 40 o C. D. Redondela tiña equipo nesta disciplina.
          Na competición de Educación y Descanso, de agosto de 1958 participa un equipo de Redondela, xunto aos de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía.
En 1967, no Centro Recreativo e Cultural de Redondela, celebrouse o I Campionato Social de Xadrez, con quince participantes, resultando os catro primeiros: Secundino Orge Martínez, Argimiro Fuentes Cabaleiro, Francisco Soto Muíños e Jorge Docampo Núñez. Sería a plataforma para formar o equipo C. R. C. de Redondela, que en 1969, formado por Secundino Orge, Argimiro Fuentes, Docampo e Figueiral; gañou o campionato de Terceira Categoría da Zona Sur, título que revalidou ao ano seguinte competindo co Círculo Mercantil de Vigo e o Cultural de Riomao. Tamén en 1969 Secundino Orge foi un dos 4 xogadores que lograron derrotar a Prada, mestre nacional de xadrez nunha exhibición en Vigo na que se enfrentou a 30 participantes. Este mesmo xogador loitaba en decembro no torneo provincial por ascender á primeira categoría, mentres o campionato social de terceira categoría estaba encabezado por Sito Orge, Docampo, Bas e Virulegio.
          En 1970 iniciouse a tempada celebrando un torneo co fin de formar o equipo que participaría no campionato oficial. As partidas simultáneas estiveron a cargo de Secundino Orge e Argimiro Fuentes que xogaron contra catro xadrecistas cada un. Entregáronse trofeos aos primeiros clasificados do torneo que foron Jose Antonio Bas Puga, Narciso Orge Martínez e Sebastián Muíños Lamas. Este club segue competindo na actualidade.
 En 1968, a S. A. R. forma un equipo de xadrez. Ademais de celebrar competicións dentro da Semana da SAR., en setembro de 1972 organiza a I Miniolimpiada de Xadrez. Na que a clasificación final sería en Infantís: José Luis Tornero, Manuel Pereira, Francisco Lago, Fernando Docampo, Ramón Álvarez, Argimiro Fuentes, Emilio Otero e Constantino Rodríguez. E en Alevíns: Jaime Tornero, Jacinto Cal, Francisco Buján, Miguel Borines, Isidro Viruleg, Antonio López, Francisco Otero e Constantino Porto.
1972, El Pueblo Gallego-I Miniolimpiada de Ajedrez-SAR
Tamén se teñen celebrado campionatos de xadrez no Circulo Cultural e Recreativo de Chapela. En xuño de 1968 unha proba sería vencida por Rogelio Fortes, tendo como finalista a Agustín Reguera.
Outras datas a destacar serían a celebración no 2006 do I Torneo Aberto de Xadrez Concello de Redondela e, no 2014, o campión mundial Gari Kasparov colabora coa Xunta de Galicia e o Concello de Redondela nun proxecto para introducir o xadrez no primeiro ensino.

Novos deportes
          A todas estas disciplinas habería que engadir os deportes de mantemento practicados tanto en ximnasios como en centros culturais: Aeróbic, Ioga, Tai-chi, Fitness, Pilates… A apertura de novos ximnasios (Luce Sport, Crossfit Norte e Miguel Rodriguez) e a maior oferta dos existentes (Serviocio e Omnihum) provoca que continuamente aumente o número de deportes practicados na nosa vila: Kick-boxing, Gap, Move Fitness, Ciclo Indoor, Spinning, Full Contact, Crossfit, Aerozumba, Aerobox, BodyPump, Gimnasia Abdominal Hipopresiva… Destacar aquí ao equipo Crossfit Norte que no 2018 acadou a clasificación para os Crossfit Games. Ademáis no 2019 se clasificaron por primeira vez para o campionato galego de halterofilia dous membros deste clube.
         Dende a Concellería de Deportes e a Deputación tamén se fomenta a práctica de novos deportes, coa construción de novas instalacións (pistas de pádel) e a celebración de probas ou exhibicións doutros deportes, as máis das veces, porque son practicados por algún redondelán ou pola fundación de clubs en concellos próximos: Judo, Kundo, Esgrima antiga, Mushing...
Por último citar o papel das escolas no fomento do deporte tanto nas horas lectivas como nas actividades extraescolares. Promóvense, nalgúns casos, deportes que aínda non citamos, como sería o caso do bádminton, especialidade na que o CEIP de Porto Cabeiro participou no campionato provincial escolar do 2018.


Deporte veterano
         Na actualidade ao fenómeno de máis variedade de deportes súmase á de maior lonxevidade deportiva. Se a finais do século XX aínda era minoritario o número de persoas que continuaban a practicar deporte máis alá dos 30, agora hai unha maior preocupación por manterse en forma. Os deportistas prolongan a súa carreira e moita xente comeza a practicar deporte a idade avanzada. Xoga aquí un papel fundamental a ximnasia de mantemento e, a nivel máis exixente, a popularización do running e a bicicleta de montaña. Algo similar sucede cos deportes colectivos, deixando de ser a categoría veterano unha exclusividade do fútbol, formándose equipos de balonmán ou traíñas e aparecendo os primeiros femininos, como sería o caso das Sarillas, formado no 2018 por ex-xogadoras da SAR. 

Autor: Juan Migueles

BIBLIOGRAFÍA
SEREN
Nº0-A Sociedade Atlética Redondela (S.A.R). Miguel López Docampo.
Antonio Ocampo Otero. Doctor en Medicina y Cirugía. Bodas de Oro(1939-1989)
Caderniños do Instituto de Chapela. Coordenador: X.M.González Fdez.
  • Nº1. As festas do Corpus en Redondela (1875-1975).
  • Nº3. O deporte no sur da provincia de Pontevedra.
El Mundo Deportivo (dende 1906)
La Vanguardia (dende 1881)
La Vozde Galicia
Faro de Vigo
Atlántico Diario
En Galiciana-Biblioteca Digital de Galicia. Xunta de Galicia: http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es => El Pueblo Gallego, Hoja Oficial del Lunes, La Noche, El Correo de Galicia
Aportes datos: Sebastián Fernández, Joaquín González, Pablo Muíños, Daniel Pérez, Víctor Lores, Manuel Outerelo, Carlos Couñago e Alfonso Míguez.
Páxinas dos clubes e Facebook



 


sábado, 5 de septiembre de 2020

Deporte con Animais.

DEPORTE CANINO

Gonzalo Figueroa e U-La
        Cada vez son máis os redondeláns que compiten coas súas mascotas. No 2015 celebrouse o I Mushing Concello de Redondela.
        Destacaremos neste apartado a:
Gonzalo Figueroa Couñago, natural de Ventosela e establecido en Mostoles (Madrid). Coa súa cadela U-La, practican o deporte chamado Obediencia FCI aínda que en España coñécese polas siglas OCI. Foron Campións da Copa de España 3 veces, nos anos 2009, 2011 e 2012 e Subcampións neste ano 2015. Neses mesmos anos representaron a España no Campionato do Mundo, sendo en 2009 e 2011 os únicos españois participantes. No ano 2012 en Salzburgo, acadaron a súa mellor clasificación, o posto 38 de 100 participantes. Gañaron tamén en Portugal o Trofeo Fernando Galhoz de Obediencia FCI nos anos 2012 e 2013, quedando 2º no 2011. Ademais, Gonzalo é Xuíz e Comisario, organizando e impartindo cursos e seminarios deste deporte. 

HÍPICA

Como antecedente atopo que nas festas de Vilagarcía de 1980 celebrouse un concurso hípico no que cabalos e xinetes do concello de Redondela participaron en probas de velocidade e trote. Na actualidade contamos con varios clubs hípicos.


HORSEBALL
Horseball La Muralla. Foto: Atlántico Diario
          O Club Hipico La Muralla é un dos referentes de Galicia nesta modalidade. Nas súas instalacións téñense celebradas probas da Liga galega. No 2020 conta con 4 equipos masculinos e femininos disputando a 2ª división.

Autor: Juan Migueles

BIBLIOGRAFÍA
La Vozde Galicia
Faro de Vigo
Atlántico Diario
Aportes datos: Gonzalo Figueroa