Arquivo Municipal
Mediante un convenio do Ministerio de Cultura co INEM en 1983
procédese a unha reorganización do arquivo municipal. Ata aquel
momento gran parte da documentación gardábase baixo o tellado
municipal, polo que a humidade fixera estragos en moitos expedientes.
O traballo sería realizado por un equipo de tres persoas (unha
licenciada en Historia, unha profesora de EXB e un administrativo),
baixo a dirección de Pedro López, do Arquivo Histórico Provincial.
Auditorio
En maio de 1990 abriuse o primeiro auditorio de Redondela no
edificio José Figueroa. A súa pouca capacidade unida a apertura dun
novo auditorio no Multiusos da Xunqueira fixo que fora cedido ao
centro da terceira idade que ocupaba o resto do edificio. O terceiro
auditorio sería o do Multiusos do Piñeiral do Crego, en Chapela.
Alamedas
En
1915 inícianse as obras de canalización do río Alvedosa e no 1924
comezan os traballos de recheo que darán lugar ao Paseo da Xunqueira
e a Alameda. Recibiu
en 1.937 o nome de Paseo del Glorioso
General Franco.
 |
Primeiro deseño da Alameda de Redondela, inicios dos 40. Postal.
|
En febreiro de 1988
foi nomeada Alameda Daniel Rodríguez
Castelao. Este
nome foi recuperado no 2018, ao mesmo tempo que á de Chapela se lle
deu
o nome de Alameda
Rosalía de Castro.
Este último paseo fora construído no solar que ocuparan as
cocheiras do tranvía.
 |
Alameda. Postal AlardeNº8- Arquivo José Luis Rodríguez Figueroa
|
Biblioteca
Para
falar dunha primeira biblioteca pública debemos irnos ao ámbito
escolar. O 22 de novembro de 1871, sendo director da escola de
instrución primaria de Redondela, Lorenzo Carballo Otero, a
Dirección Xeral de Instrución Pública concede unha colección de
libros, formada por 155 obras, para a creación dunha biblioteca
popular neste centro.
A
principios do século XX, contan con bibliotecas asociacións como o
Centro Republicano, Casino...
En marzo de
1932 a corporación municipal acordou adquirir unha biblioteca
pública. En 1934 a pesares de contar cuns 2.000 libros, a biblioteca
e moi pouco consultada, así como a da escola graduada.
 |
Instalacións da biblioteca Valle Inclán no baixo do Concello. Arquivo Audiovisual do Concello de Redondela
|
As
instalacións da biblioteca municipal de Redondela foron inauguradas
en agosto de 1967 no
baixo do Concello co
nome de Valle Inclán. En xaneiro do ano seguinte se dotaría con
libros na espera dun bibliotecario. E, por fin, o 18 de xullo, día
do Alzamento Nacional, é inaugurada polo Gobernador
Civil. A mediados dos 80, trasladouse á Casa da Cultura, na Praza
José Figueroa (antigo cárcere), ocupando a sala infantil o
baixo e a de adultos o
segundo andar,
quedando o primeiro
para exposicións. Actualmente, atópase no Multiusos da Xunqueira.
A outra biblioteca
municipal abriu as súas portas no 2005. Atópase no Multiusos
Piñeiral do Crego en Chapela. No 2018 recibiu o nome da poetisa e
tradutora Xela Arias, quen exercera como mestra nesta parroquia,
sendo esta opción a elixida entre as propostas da veciñanza.
Cárcere
Antes das celas que a
Policía Local tiña no edificio do Concello, a antiga Casa da
Cultura e actual sede de Radio Redondela (Praza Figueroa), era o
cárcere da vila. Estaba composta por dúas celas para homes e unha
para mulleres. Ademais contaba con vivenda para o funcionario ao
cargo e a súa familia.
 |
Antigo cárcere de Redondela. Foto: J. Migueles
|
Esta
cárcere substituíra ao chamado “cuarto de la cal”, creado
en 1918 na antiga Praza de Abastos. Pequena cela onde os
detidos estaban á vista da xente.
Anteriormente,
no século XVIII existía un rolo (que deu nome á rúa Picota) onde
se expuñan á vergoña pública aos delincuentes e aos responsables
das obras gremiais mal feitas. Consistía nunha rexa e alta columna
cilíndrica montada sobre dous ou tres escanos anchos con 3 testas e
7 brazos, que representaban respectivamente o saber e o poder.
En
marzo de 1910 ten lugar unha curiosa historia de amor. Unha parella
de noivos naturais de Vigo dáse á fuga. Ao chegar a Redondela son
detidos pola policía e a peripecia dos namorados remata en voda, que
sería celebrada no propio cárcere da vila.
A
principios dos anos 30 do século pasado son continuas as denuncias
polo mal estado do cárcere de Redondela. En abril de 1932 o deputado
a Cortes, Sr. López Varela, explica ao Ministro da Gobernación
como en 12 metros cadrados convivían 7 homes, 3 deles enfermos aos
que o médico tiña que tratar na porta por falla de luz no interior.
Víanse obrigados a durmir vestidos por non haber mantas e os
xergóns estaban rotos e con pouca palla, ademais
tiñan que deitarse
xunto ao retrete. Por todo isto solicita o traslado inmediata mentres
se constrúe
outra.
En
maio de 1934 o cárcere seguía presentando un estado lamentable e
nunha cela destinada a acoller a dous ou tres presos, convivían doce
ou trece. Ademais os menores de idade non dispuñan dunha cela
aparte. Agardábase a construción dun novo edificio e no seu lugar
decretouse que o cárcere fora suprimido por non cumprir unhas
condicións hixiénicas mínimas. Apesares disto o inicio da Guerra
Civil en 1936 provocaría á súa reapertura.
Na
posguerra seguiuse empregando ata o seu peche definitivo quedando o
edificio abandonado.
Casa
da Cultura
A
Casa da Cultura foi inaugurada o 14 de decembro de 1985 coa
exposición antolóxica do pintor Pedro Solveira, que ocupaba os
tres andares
do antigo cárcere. Pouco despois trasladouse a este edificio a
biblioteca municipal Valle-Inclán.
 |
Sala infantil da biblioteca Valle Inclán na Casa da Cultura. Arquivo Audiovisual do Concello de Redondela
|
Coa apertura do Multiusos da Xunqueira a biblioteca abandonou este
espazo adicándose este inmoble para a celebración de conferencias e
outros actos culturais, ademais de servir de sede á Radio Municipal.
Casa
del Mar
En
abril de 1975 faise pública a resolución
do Instituto
Social de la Marina del Ministerio de Trabajo
pola que se anuncia o concurso-poxa
para contratación da Casa del Mar de Redondela,
licitándose
en 14.950.000 pesetas. Sería inaugurada oficialmente en xullo de
1976, coincidindo cunha visita dos Reis a Galicia. Esta edificación
acollería ao ano seguinte o centro de saúde pública e,
posteriormente as comisarías de policía nacional e municipal.
Cemiterio.
Cemiterios de
Redondela.
Antigamente,
os enterros realizábanse tanto no interior como no exterior das
igrexas. No lousado das igrexas pódense observar nas sepulturas
(algunhas numeradas) unhas fendeduras para facilitar a extracción. Na
capela de San Sebastián da Igrexa Parroquial de Redondela existe un
sarcófago cunha estatua xacente e un brasón. Encostados
aos muros das igrexas de Reboreda, Ventosela e Vilar tamén podemos
observar sartegos.
Por outra banda, o
Convento de Vilavella tiña o seu propio cemiterio. Nos anos 40, os
restos dos exteriores das Igrexas Parroquiais de Redondela e
Vilavella trasladáronse ao Cemiterio dos Eidos, do que xa falamos noutro artigo. Construído en 1833,
nel podemos observar numerosas tumbas do século XIX. En maio de 1936
derrubouse un muro que separaba a parte civil da católica. Quedaría
en desuso en 1988, cinco anos despois de que se inaugurara o
cemiterio de Mañó en Quintela.
 |
Cemiterio de Ventosela. Foto: J. Migueles
|
Outros Cemiterios.
Na entrada do
cemiterio de Cedeira lese “Año de 1901” e no de Ventosela
“Año de 1909. Aquí termina la gloria del Mundo.”
En sesión celebrada
pola Xunta provincial de Sanidade o 23 de novembro de 1926, acordouse
non autorizar a apertura do cemiterio de Cabeiro, ata que se constrúa
un cemiterio civil, unha capela e unha sala de autopsia, que debe
levarse a efecto no prazo de 4 meses.
En 1945 edifícase o
cemiterio de Reboreda.
No cruceiro do
cemiterio de Trasmañó lese o ano de “1948”.
Na década dos 50
trasladáronse os restos do arredor da igrexa de Quintela, ao novo
cemiterio parroquial.
O
cemiterio de Vilar inaugurouse en
1966.
Centro
médico
En 1977 os servizos
médicos trasladáronse a parte das instalacións da Casa do Mar
ata a construción do centro actual.
En 1981 a presión veciñal consegue a cesión
dunha casa expropiada pola autoestrada en 1978. Conséguese a así
para Chapela a primeira unidade docente de Medicina
Familiar y Comunitaria, o
que hoxe se coñece como centro de atención primaria. Un
dos primeiros problemas cos que se enfrontou sería o das febres
tifoideas que despois dun estudo se solucionou evitando filtracións
dos pozos negros ás fontes de auga.
 |
Manuel Martin e médicos residentes diante do antigo centro médico de Chapela. Foto cedida por M. Martín para cronicasmarchitas.blogspot.es
|
Clube de xubilados.
Atopábase na
rúa Ribeira no local que fora ocupado pola Sociedade de Mariñeiros
baixo o nome Hogar de la Tercera Edad General Rubín. A principios dos 90, trasladouse ao antigo Grupo Escolar José Figueroa no Paseo da Xunqueira. (Ver Grupo
Escolar)
 |
Hogar de la Tercera Edad General Rubín, 1984. Faro de Vigo
|
Casa
do Concello.
No século XVI, e
poida que no XV, o concello atopábase na Porta da Vila, que
se pode corresponder co actual cruce das rúas Cruceiro, Telmo
Bernárdez e Isidoro Queimaliños. Nos séculos XVII e XVIII,
non existe un edificio se empregue como concello de forma permanente.
Probablemente se empregasen casas propiedade do concello ou se
alugaran vivendas privadas, eran denominadas: Casas de
Ayuntamiento, Casa que sirve al Ayuntamiento, Casa que sirve de
Consistorio, Casas Capitulares... No século XVII tamén se
celebraban “concejos abertos”, ou sexa, plenos ós que
podían asistir todos os veciños interesados. O lugar empregado para
este fin era un campo cun gran carballo que deu nome á rúa
Carballo.
En
1788 iniciouse a construción do primeiro concello de Redondela, nun
solar onde estaba o antigo alfolí (estanco ou almacén
de sal). A obra rematouse 1789. O edificio é o actual nº 2 da Rúa
Reveriano Soutullo. Nos anos 80 e 90 foi empregado como conservatorio.
 |
Antigo Concello. Foto: J. Migueles
|
En
1911 o concello aluga por 1.400 pesetas a Casa da Torre a José
Contreras González. O motivo do cambio é a clausura da escola de
nenos por non reunir as condicións mínimas, xa que por falta de
local se instalara no baixo do Concello. A todo isto sumábase a
falla de espacio xa que as dependencias municipais compartían o
primeiro
andar co xulgado. Nun
principio trasládanse ao
baixo do novo edificio
as oficinas municipais e o xulgado de primeira instancia e
instrución, e destínase o
primeiro andar
para a escola pública de nenos. En 1918 a escola abandona
o edificio e en 1935 o xulgado fai o propio, quedando a Casa da Torre
totalmente ocupada polas dependencias municipais do Concello.
 |
| 1948, procesión co alcalde Ulpiano Rodríguez diante da Casa da Torre, daquela Concello. Foto cedida pola familia de Dula Reboredo. |
En
maio de 1941 as malas condicións do edificio fan que se afunda un
piso que cae na zona de oficinas onde se atopan naquel momento unhas
trinta persoas. Resultaron todos feridos de diversa consideración,
os máis graves serían catro que sufriron fracturas nas extremidades
ou nas costelas. Este suceso provoca a decisión da corporación de
construír un novo edificio. En sesión do 11 de xaneiro de 1943
acórdase encargar os planos ao arquitecto Emilio Bugallo Orozco,
quen xa presentara un anteproxecto en marzo de 1942. Despois de
numerosos atrasos adxudícase a primeira fase das obras o 4 de
outubro de 1952 e a segunda o 28 de xullo de 1954. O único licitador
sería o contratista residente en Redondela, Domingo Fernández
Dominguez. As obras rematarían a mediados de 1955 e o traslado das
oficinas remataríase a principios de 1956. O 6 de xullo de 1956,
xunto á escola de Ventosela e a Praza de Abastos, inaugúrase o
edificio, baixo a presidencia do gobernador civil. Ese día asisten
moitos veciños, mais cando os falanxistas comezan a cantar o
“Cara
al sol” prodúcese unha gran desbandada.
 |
Concello de Redondela, 1956. El Pueblo Gallego
|
Correos
e Telégrafos.
O
29 de abril de 1876 abre ao público a estación telegráfica de
Redondela. A referencia máis antiga que atopo do servizo de
Correos en Redondela é de 1880, cando había queixas porque o correo
de Castilla chegaba ás 6 da tarde e non se entregaba ata as 8 da
mañá do día seguinte.
En
marzo de 1897 noméase un carteiro
coa obriga de verificar o reparto nas parroquias de Cesantes e o
Viso, sendo estas as primeiras parroquias, despois de Redondela, en
desfrutar
deste servizo.
A
principios do século XX, Correos estaba na Praza Constitución. En
novembro de 1910 trasladábase á unha casa propiedade de Nicolasa
Mos na actual rúa Reveriano Soutullo.
 |
Buzón na fachada da antiga oficina na rúa Meixón Frío. Foto: J. Migueles
|
Trala
instalación do teléfono, téntase suprimir a estación telegráfica
de Redondela, desestimándose en abril de 1933. No 1935 Telégrafos
atopábase na rúa Fermín Galán (actual Alfonso XII).
En
1964 instálanse por primeira vez xuntos os dous servizos na rúa
Meixón Frío, no baixo do edificio no que o xulgado ocupaba o
primeiro andar. Permaneceu neste local ata os anos 90, cando as malas
condicións hixiénicas obrigan ao traslado da atención ao público
ao Paseo da Xunqueira e da loxística
á Rúa Hospital.
Feiras
e Mercados (Praza de Abastos)
Nas Ordenanzas
Municipais de 1605 se establecía que os cereais se almacenarán e
distribuirán na alfóndega para a súa posterior venda ao por menor
por mercadores e tendeiros.
No
Catastro de Ensenada de 1752 atopamos o seguinte: “...un
Mercado que se hace el Jueves de cada semana de todo género de cosas
vendibles y además de ello una Feria que se hace en el primer día
de cada mes en el sitio y Campo llamado del Hospital”.
Descripción
económica del Reyno de Galicia, 1804: “En Redondela hay un
mercado semanal los jueves, de granos, cerdos, gallinas, carneros,
pollos, manteca y otros comestibles. En el sitio de Portela hay una
feria mensual el 24 a donde concurre ganado”.
Por Real Orde de
16 de novembro de 1838 concédese autorización para celebrar unha
feira en Redondela o 21 de cada mes.
En novembro de
1855 o Concello anuncia a creación dunha feira en Reboreda o 14 de
cada mes. Realizarase nas inmediacións da igrexa, para a venda de
gando e produtos agrícolas e industriais.
Os xornais de
1891, dannos conta de feiras de gandos moi animadas con moitas
transaccións. A industria avícola gaña importancia e calcúlase
que do distrito de Redondela envíanse a Madrid unhas 12.000 galiñas
ao ano, o que supón unhas 28.800 pesetas.
En agosto de 1910,
a dirección xeneral de Agricultura
concedeu unha subvención ao concello de Redondela para a celebración
dunha feira de gandos.
 |
Feira de gando a principios do s. XX. Foto Joaquim Morelló i Nart
|
En 1921 unha
comisión de comerciantes de Redondela pediulle ao Gobernador Civil
que permitise a apertura dos seus comercios os domingos pola mañá,
por celebrarse mercado na vila. A petición foi desestimada por
incumprir a lei de descanso dominical.
O 30 de maio de
1923 concédese a Redondela mercado todos os domingos e feira o 6 e
21 de cada mes. Nesta época xa se celebraba tamén a feira en
Chapela, os días 14 e 28.
En 1925 o
xornalista italiano Renzo Massarani describía así á nosa feira:
“En Redondela hai un mercado animadísimo no que se move un
xentío de mulleres vestidas de negro. Sobre a estrada, pouco antes
do triángulo de herba na que está o mercado, hai unha fila duns
sete ou oito desgraciados que mostran as pernas tortas e as caras
desfiguradas pola lepra ou por non sei que enfermidade: Non se vira
xamais espectáculo tan triste”.
 |
1941, feira. El Pueblo Gallego
|
En 1931 a feira
segue a ser o 6 e 21, pero o mercado celébrase todos os xoves e
domingos.
En maio de 1939 o
alcalde e un concelleiro foron sancionados porque as peixeiras aínda
non empregaban básculas.
Na actualidade a
feira segue a celebrarse os días 6 e 21 de cada mes. E en Chapela os
días 2 e 16 de cada mes.
Praza de Abastos de Redondela.
A
construción da primeira Praza de Abastos acordouse o 7-11-1886, en
sesión presidida polo daquela alcalde Juan Rodríguez Bouzón. As
obras foron concedidas ao contratista da vila, José García Vidal,
comezando o 3-4-1887 e rematando o 24-3-1888. Prodúcese daquela a
reclamación dos 3 médicos da vila por taparse 7 dos 15 ollos da
ponte de Lima e impedir a entrada das mareas, non contando o proxecto
con estudos técnicos ao respecto
e padecer numerosos defectos lexislativos. Isto provoca o atraso
da súa inauguración ata o 25 de xullo de 1891, sendo alcalde Ramón
F. Pardo. A construción consistía nun tellado de zinc sostido por
24 columnas de ferro e estaba situada
no solar onde hoxe se atopa o Concello. No centro desta praza creouse
en 1918 o “cuarto de la cal”,
que era onde se encerraba ós que infrinxían a lei para escarnio
público. Naquela época cara a banda do río había varias
carnicerías: a da señora Marcelina, a da señora Elisa, a de
Bernardo Biquillos
e a de Venancio. Tamén estaba a casa da Vilas vendendo fruta e
caramelos e as Porriñesas
con grandes bolas de pan que traían en cabalerías. Cando chovía
durante as Festas da Coca, as bandas ou grupos tocaban debaixo do
tellado da Praza.
 |
1950 Mercado municipal . Arquivo Deputación de Pontevedra
|
Na primeira metade
do s. XX na praza da Alfóndiga existía un tellado con tella do país
e estrutura de madeira. Debaixo se montaban os postos de venta de
millo, palla... Do mesmo xeito, a rúa Isidoro Queimaliños era
coñecida popularmente como Rúa da Herba porque nela tamén se
vendían produtos derivados da agricultura. A Praza do Peixe, antes
dos recheos atopábase no peirao da Ribeira. Nos anos 50 as
instalacións contaban con dous quioscos, nun vendían pan “as
Marconas” e o outro era unha tenda de lambonadas onde triunfaban
uns caramelos con cancións no envoltorio. Outros puntos de venta
serían a praza da Leña e a do Leite.
 |
Antiga Praza de Abastos. Postal.
|
A
decisión de construír
o actual Concello no solar ocupado pola Praza de Abastos provoca a
necesidade dunha nova construción. O mesmo arquitecto, Emilio
Bugallo deseña
as dúas edificacións. O 21 de marzo de 1944 firma os primeiros
planos, que serán actualizados en abril de 1952. Este ano comezou a
construírse a
Praza de Abastos na actual rúa Ernestina Otero, localización
que sería moi criticada. A finais de setembro de 1953 as obras
quedan paralizadas por rescindírselle a adxudicación das mesmas a
Miguel Martíns Fernández por incumprimento dos prazos e das
indicacións da dirección técnica. O 17 de outubro de 1953
contrátase a José Fernández Pereira que remata a praza o 15 de
maio de 1954. A inauguración oficial tería lugar, xunto a da escola
de Ventosela e a Casa do Concello, o 6 de xullo de 1956.
Posteriormente este edificio sería reformado e ampliado.
Praza de Abastos de Chapela.
Tralo
inicio da guerra civil incautouse a sede da Sociedad
Agraria de Chapela “La Progresiva”,
que se converterá
no Mercado desta parroquia en 1951.
Matadoiro.
Nas Ordenanzas
de 1605 establecíase que debía haber un lugar específico para o
sacrificio das reses.
A
principios do s. XX, estaba na Ribeira. En xaneiro de 1926 a
construción dun novo matadoiro é adxudicada a Juan López Fragueiro
en 33.787 pesetas. O 30 de outubro de 1926 o Xefe de Gobierno,
acompañado do Ministro de Fomento, inaugura o matadoiro municipal na
actual Avenida Mendiño, no solar onde hoxe se atopa o centro médico.
A
Comisión Provincial de Servizos Técnicos, en
decembro de 1956, rexeita unha proposta do Concello de Redondela,
para construír
un estercolero onde
aproveitar os residuos do matadoiro.
O
matadoiro sería pechado en 1984, por non cumprir as medidas
hixiénicas básicas.
Fortes
e Cuarteis.
A
primeira construción en Redondela para acoller tropas sería a
fortaleza de Castricán construída
no século XV no monte de A Peneda (O Viso). Pouco tempo despois
sería destruída
por Pedro Madruga.
A
fortaleza de Rande xa se atopaba en ruínas cando se empregou durante
a Batalla de Rande en 1702. Tamén no s. XVIII, se construíu
un pequeno
cuartel na Portela, no
que estivo destinado
John O'Dogherty, un dos heroes da batalla de Pontesampaio.
Máis recentemente
tamén se empregou como cuartel a casa que fai esquina entre a Rúa
Telmo Bernárdez e a R. dos Eidos.
 |
Antigo cuartel. Foto: J. Migueles
|
A
principios do s. XX, construíuse
a Casa Cuartel da Garda Civil na Subida á Estación. Nos noventa a
Garda Civil reduce os seus efectivos en Redondela, pasando a ocupar
parte das instalacións da Casa do Mar,
que compartiría logo coa Policía Nacional. Este corpo ata daquela
tan só tiña presencia na vila cando había feira e un día a semana
para tramitar os DNI nun despacho do Concello. En 2008 a Garda Civil
deixaría de ter efectivos en Redondela. As súas estancias serían
ocupadas en maio do 2009 pola Policía Municipal que anteriormente
tiña as súas dependencias no Concello. A outra metade do edificio sería ocupada pola Policía Nacional, que abandonaría as instalacións en 2019.
Grupo
Escolar
En setembro de
1907 exhíbese nas oficinas municipais o proxecto do grupo escolar
realizado polo arquitecto Sr. Borrajo. Para esta obra o Estado
concedera daquela 28.610´15 pesetas pero en 1911 suspéndese esta
subvención polo que non chega a realizarse.
 |
1920, Grupo escolar Figueroa. Vida Gallega
|
A
falta de local, en abril daquel ano, decídese instalar
provisionalmente a escola pública de nenos nos baixos do Concello, o
que provoca a súa clausura dous meses despois por non cumprir as
condicións mínimas. Pouco tempo despois a situación mellora cando
o Concello e o xulgado trasládanse á Casa da Torre, establecéndose
a escola pública de nenos no primeiro andar.
En 1918 a escola de
nenos de Redondela trasladouse ao Paseo da Xunqueira, pasando a
chamarse Grupo Escolar José Figueroa. En 1920 pasa a estar
composto por dúas escolas graduadas (nenos e nenas), divididas en
tres seccións cada unha. Recibe o nome de José Figueroa Montero,
quen presidira a Asociación de Hijos de Redondela en Brasil,
colectivo que cedeu este edificio.
Na
actualidade o edificio Figueroa é empregado como centro da terceira
idade.
Habilitación
do Maxisterio.
En abril de 1923
trasladouse á praza Figueroa.
Hospital.
O hospital
atopábase no solar ocupado, dende hai anos, polo cemiterio dos
Eidos. Construído para dar asistencia aos peregrinos do Camiño
Portugués. Existen referencias a este hospital do 1502. Mentres que
o relato do peregrino alemán Xerónimo Münzer, que chega en 1494 e
tense que albergar na casa dun compatriota por falta de albergue,
demostra que aínda non entrara en funcionamento.
Era
xestionado polo Concello, que llo cedeu ao bispo de Tui en 1741. A
finais do século XVIII queda en desuso, empregándose a principios
do XIX como escola.
Posteriores
proxectos de construír un hospital na nosa vila fracasaron. Foi o
caso da iniciativa de José Figueroa,
que remataría trala súa morte coa construción do Grupo escolar
que levaría o seu nome, obra máis modesta. Outro intento se daría
en xuño de 1911, cando Juan Rodríguez, veciño de Nespereira.
deixou toda a súa fortuna, calculada entre as 400.000 e 500.000
pesetas, en usufruto a unha veciña. Á súa morte estes cartos
deberían ser empregados para a construción dun hospital en
Redondela ou, en caso de non realizarse en catro anos, para repartir
entre os pobres.
Museo
Etnográfico
Proposta
de Alén Nós en 1997. Esta asociación realizou a recollida de
ferramentas antigas e diferentes materiais como o reloxo da igrexa de
Redondela, que permanecen agardando un lugar onde ser expostos.
Máis
recentemente realizouse
a presentación dun novo proxecto baixo o nome Mudhar, solicitándose
a cesión das casas dos mestres de Redondela.
Oficina
de Información Turística
Abriuse
por primeira vez durante o verán
de 1967 nas dependencias do Concello. En xullo dese ano convócase un
concurso de fotografía co que poder facer unha exposición no local
con imaxes de Redondela.
Despois
de moitos anos ocupando unha caseta de madeira na Alameda, en 2020
trasladouse ao Concello, despois dun breve período na casa do antigo
Concello na rúa Reveriano Soutullo.
Oficina
de Recadación de Contribucións
A
mediados dos anos 40 do pasado século estaba situada
na rúa Juan Manuel Pereira. Logo situouse
na Casa do Concello, e trala privatización do servizo, na rúa
Ernestina Otero.
Parque
Canino
En 2016 inaugurase o primeiro parque canino de Redondela na avenida
Mendiño.
Teléfonos.
En novembro de 1926
inaugurouse a central de teléfonos en Redondela. Os invitados e
autoridades foron recibidas polo alcalde, Saturno Cal, e os señores
Avelino Giráldez, Manuel Elías Barros Martínez, José Novas e
Heliodoro Rivas. A estación foi bendicida polo coadxutor de
Redondela, Rufino Fernández.
As
oficinas instaláronse no primeiro piso da casa que os herdeiros de
Justo M. Tojeiro, posuían na rúa Alfonso XII, enriba do Café
Royalty. A primeira encargada foi Teresita Rúa. Alí traballaron
Nenola, Teruca, Mari Carmen...
Vertedoiro
Para queimar os desperdicios de Redondela habilitouse un vertedoiro
nunha propiedade do monte de Reboreda entre 1968 e 1990.
 |
1990 fin do Vertedoiro de Reboreda. Foto cedida por A.CouñagoLaxe
|
Logo
enterraríase o lixo na Marisma aproveitando as obras de recheo.
Finalmente
queimaríanse os desperdicios nun vertedoiro situado
nos
propios recheos da
Marisma. As protestas veciñais, entre as que podemos destacar a
creación do Arte Lixo e o Lixo Rock, rematarían co peche do
vertedoiro.
Xulgados
A
principios, do século XX as oficinas do xulgado están situadas
na Casa do Concello.
En
1911 o concello aluga por 1.400 pesetas a Casa da Torre. Nun
principio trasládanse as oficinas municipais, o xulgado de primeira
instancia e instrución, e destínase o
primeiro andar para
escola pública de nenos.
En
1935 o xulgado foi trasladado á rúa Fermín Galán (actual Alfonso
XII), no segundo piso da casa onde se atopaba Telégrafos.
O
5 de novembro de 1951, procédese á inauguración de novas
instalacións do xulgado, na Praza Constitución.
Nos
anos 60 atopábase
na rúa Meixón Frío, no edificio no que en 1964 se estableceu no
baixo o servizo
de Correos e Telégrafos.
A
finais dos anos 60 trasladarase ao Paseo da Xunqueira á Residencia
Santo Domingo Savio coñecida como Casa
dos Enanitos
por haber sido empregada polo Fogar
Méndez Núñez, institución que
acollía aos
orfos dos mariñeiros e de familias pouco favorecidas e que
anteriormente ocupara a
Illa de San Simón.
Nos
anos 90, este edificio sería derrubado para construír as
instalacións actuais.
 |
Xulgados. Foto: J. Migueles
|
Autor: Juan Migueles
BIBLIOGRAFÍA
As vilas de
Redondela nos tempos do Catastro de Ensenada: Xoán Miguel
González Fernández. Ed. Concello de Redondela.
Redondela, crónica
dun tempo pasado. A Segunda República e o primeiro franquismo.
Gonzalo Amoedo e Roberto Gil. Edicións do Castro 2002.
Arredor de nós. Historia da Policía Local 1863-2003. Gonzalo
Amoedo López e Roberto Gil Moure. 2003.
SEREN
Nº3.
Os Eidos: “A vila dos mortos”. J. A. Orge Quinteiro.
Nº5.
Xardinería pública en Redondela; a Alameda Redondelá. Rosa
Mª González Carballás e J. Luis Míguez Acuña.
Nº6.
Arquitectura rexionalista no Concello de Redondela. José
Ramón Iglesias Veiga.
Descripción
económica del reyno de Galicia. Escrito
por José Lucas Labrada, 1804
Bibliotecas
de Redondela: http://bibliotecasredondela.blogspot.com
O que lembro do vivido. Andrés Couñago Laxe.
ABC
http://www.abc.es/hemeroteca
La Vanguardia
(dende 1881)
www.lavanguardia.es/hemeroteca
La Voz de Galicia.
http://www.lavozdegalicia.es/hemeroteca/
Faro de Vigo
https://cronicasmarchitas.blogspot.com/
En
Galiciana-Biblioteca Digital de Galicia.
Xunta de Galicia:
http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es
Hoja
Oficial del Lunes (Vigo), El Compostelano (Santiago), El Correo de
Galicia (Bos Aires), La Correspondencia Gallega, Diario de Galicia
(Santiago), El Eco de Galicia (Coruña), La Idea, La Integridad
(Tui), La Libertad (Pontevedra), La Noche, El Noticiero Gallego
(Pontevedra), La Opinión (Pontevedra), El Progreso (Pontevedra), El
Pueblo Gallego (Vigo), Vida Gallega...
Biblioteca
Nacional de España: www.hemerotecadigital.bne.es
Boletín
Oficial del Estado: www.boe.es