martes, 21 de junio de 2022

Emigración. De Redondela a Brasil

 

Anos 70. Redondeláns en Río de Janeiro. Cedida por Ramón Pérez Muíños
Anos 70. Redondeláns en Río de Janeiro. Cedida por Ramón Pérez Muíños

        A finais do século XIX Brasil converteuse xunto a Arxentina nun dos principais destinos da emigración para os habitantes de Redondela e os galegos en xeral. Os nosos paisanos instálanse principalmente en Río de Janeiro e Bahía. Recollemos aquí algunhas referencias da colectividade redondelá naquel país e unha breve historia dalgúns dos que alá marcharon.


Asociacións

        No mes de outubro de 1900 a colectividade de fillos de Redondela en Rio de Janeiro envía 475 pesetas ao veciño de Redondela Francisco Rodríguez que por mor dun incendio que o levou a un estado de miseria.

        Nesta década creouse en Brasil o grupo de gaitas Los Cuarentas, formado por José Figueroa (bombo), José Amoedo (tambor), Enrique Figueroa (ferriños), Américo Amoedo (clarinete) e Alfredo Pérez (gaita). (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/05/musica-e-baile-tradicional-historia.html )

        O xornal “La Región” do 21 de abril de 1910 traslada nas súas noticias outra publicada desde São Paulo (Brasil) polo xornal “La Voz de España”: “Dáse conta da segunda reunión celebrada polos redondeláns alí residentes para dotar á vila dos viadutos dun hospital e e dunha ou máis escolas, segundo o permitan os recursos de que chegue a dispor a nacente institución. A sesión realizouse nos amplos salóns do Casino Español, galantemente cedidos pola súa Xunta Directiva, comparecendo a case totalidade dos fillos de Redondela estabelecidos na capital federal. Por aclamación, presidiu o acto D. Plácido Isasi, presidente do Casino, quen exhortou con frases entusiastas aos redondeláns a apoiar sen reservas de ningunha clase humanitaria e patriótica iniciativa dos señores D. Jesús Muíños, D. José Figueroa e D. José Amoedo, creando a Asociación de los Hijos de Redondela. Despois de falar varios participantes procedeuse á elección da xunta directiva, que quedou constituída na seguinte forma: Presidente: José Figueroa Montero; Vice-Presidente: Manuel Domínguez Suárez; Secretario: José Amoedo Miguez; Vice-Secretario: Jesús Muíños; 1º Tesoureiro: Constantino Pereira; 2º Tesoureiro: Enrique Figueroa Montero; Vogais: José Sequeiros da Riba, Antonio Sotelino, José Lago Carrera e M. Eladio García Fernández

 

José Figueroa Montero.  XornalNova Galicia.
José Figueroa Montero.  Xornal Nova Galicia.

 

        No mes de xuño de 1910 a colonia de redondeláns residentes en Río de Janeiro empezan a traballar activamente para promover a construción dun hospital en Redondela. Á invitación dirixida á colonia apareceu asinada polos seguintes: José Figueroa, José Amoedo, Jesús Muíños, Manuel Suárez, Antonio Sotelino, Jaime Serín, Enrique Figueroa, José Lago Carrera, Victoriano Novás, Manuel Puga Rodríguez, Eladio García Fernández, Nemesio Sotelino, Jesús Soto, Abel Fontán, Ramón Suárez, Ángel Fontán, Constantino Pereira, Rufo Domínguez, Lino Reguera e Jesús Villanueva. O xornal “Vida Gallega” transcribe a circular enviada á colonia redondelán: “Convencidos da benfeitora influencia que nos pobos da Galiza exerce a concentración da vontade e esforzos dos moitos fillos daquela rexión residentes en América, os cales esforzos foron até agora felizmente empregados, postos que deron resultados prácticos e beneficiosos en pro da educación e adianto de milleiros dos nosos irmáns de alén do Atlántico, aos que a fatalidade e a inquria dos gobernos non permitiu aínda gozar dun benestar e tranquilidade, sequera relativos, a que son acredores polas súas aptitudes de homes traballo; e visto o gran desamparo na que se atopa nese punto o noso partido de Redondela con relación a outros que actualmente gozan os beneficios a que acabamos de referirnos, debido á iniciativa, resolución e enerxía dos seus fillos espallados polos diversos pobos de América, cuxos paisanos, cal acontece cos que residen na Arxentina, Uruguai, México, Cuba, etc. constitúen asociacións protectoras como as “Pro Val Miñor”, “Fillos de Lalín”, “Fillos de Viveiro”, “Residentes de Calo”, etc, os que subscribimos, fortalecidos co asentimento e cooperación que están dispostos a prestarnos moitos outros redondeláns a quen expuxemos o noso pensamento, concebimos a idea de fundar no Brasil unha asociación dos fillos do partido de Redondela que tiña por fin de remediar e aminorar en canto sexa posíbel as múltiples calamidades a que se ven arrastrados moitos dos nosos conterráneos polo xeral estado de pobreza aos que os condenan os inventariados vicios daquelas administracións e o desafecto e esquecemento de quen deberían, sequera por humanidade, atender tales desgrazas”.

        Tralo falecemento do seu presidente e a imposibilidade de construír o hospital, contribúen á construción do grupo escolar de Redondela ao que se lle da o nome de José Figueroa, así como a unha céntrica praza da vila. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/09/edificios-e-espazos-publicos.html )


En setembro de 1913 a Sociedade de Agricultores do Viso recibía dos seus veciños residentes en Rio de Janeiro 1.025.000 Reis Brasileiros, repartidos do seguinte xeito: 50.000 reais por Manuel Vidal, Antonio Sotelino, Jesús Bouzón, Perfecto Vidal, Manuel Bouzón, José López, Nemesio Sotelino, Jesús Soto, Manuel Soto, Manuel Martínez, Enrique Martínez, Juan Iglesias, Francisco Alján, Polivio Vidal, Manuel Bouzón Vidal, Constantino Sequeiros e José Pereira. 10.000 reis por José Vidal, Cándido Iglesias, José Barzal, Juan González, Claudio V. Barral, José Miguez e José Cavadavella. Con 20.000 reis Maximino Bouzón, Enrique Blanco e Manuel Ricón. Con 30.000 reis José Martínez e 15.000 reis Lino Reguera.



Os Correspondentes

        En 1910 o xornal de Redondela, La Idea Semanario Independiente, conta cos seguintes correspondentes en Brasil: En Río de Janeiro, José Figueroa Montero; en Pará, Manuel García Martínez e Severo Oliveira Crespo; en Manaos, Manuel Joaquín Garrido; en Santos, Faustino Figueroa; en Bahía, Francisco Cavadas Rocha. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/xornais-de-redondela.html )

Emigrantes en Brasil. Finais SXIX-Inicios SXX

        A continuación citarei algúns redondeláns establecidos en Brasil a finais do século XIX e principios do século XX:


Manuel Alonso Pérez. Acreditado comerciante casou en Bahía en 1935 coa tamén redondelá Pilar Bas Puga.

Voda Manuel Alonso e Pilar Bas. Vida Gallega
Voda Manuel Alonso e Pilar Bas. Vida Gallega

José Amoedo Miguez. Regresou do Brasil a Redondela en decembro de 1912, sendo rico propietario. 

 

José Baqueiro Martínez. Este xove estudante saíu para Bahía en novembro de 1934 coa intención de poñerse á fronte dun comercio daquela localidade.

David José Borines Sobrino. Veciño de Río de Janeiro en 1902.


Manuel Cabaleiro Martínez (O Viso/Río de Janeiro, 1932). Mozo falecido en Río.

 

Emilio (Bernardo) Cal Fernández “Guaraní”. Directivo do equipo de fútbol Galicia S. C. en Salvador de Bahía. Nunha visita a Redondela quixo fichar aos xogadores Talladas e José Álvarez Pierla”, pero este último negouse porque estaba a piques de casarse. Finalmente o 4 de marzo de 1936 saíu do porto de Vigo acompañado de José Túnel “Talladas” e Francisco Pazos González “Macoco”, dous futbolistas consolidados que xa xogaran en equipos como o Celta. O inicio da Guerra Civil poucos meses despois animounos a demorar a súa estadía en Brasil. Macoco viviría o resto da súa vida en Bahía. Aos ingresos como futbolista engadiulle a de vendedor de bebidas. Logo casaría con Aída Piva e formarían unha familia numerosa. En canto a Talladas tivo unha longa traxectoria en Brasil onde chegou a triunfar co Flamengo. Volvería a Redondela onde traballou de carniceiro. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/07/futbol-os-precursores-futbolistas-da.html )

Emilio Cal tamén regresaría a Redondela onde abriría a empresa Espumosos Guaraní. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/12/fabricas-de-gaseosas.html )


José Carpintero Simóns. Comerciante. Vicecónsul de España en Maceio (Brasil) cando menos desde 1927, ano en que casa en Reboreda con Blanca Criado Fontán. Seguía no cargo en outubro de 1933.


Crisanto Couto Albán. Chegou a Bahía en 1910 “para trabalhar nos secos e molhados com um irmao”. Alí se estableceu creando a “Crisanto Albán e Companhia Ltda.” empresa fabricante das augardentes Jacaré e Saborosa. En 1975 foi con Regojo o principal colaborador para dotar de vestiario á coral Santiago Apóstolo. En 1977 aparece nun xornal de Brasil, aos seus 85 anos, como o máis vello da colonia española en Bahía. Relataba que todos os anos volvía á súa terra pero “Quando estou lá quero voltar pra cá, quando estou aquí quero ir lá e assim vou vivendo muito feliz”. En 1993, acompañado pola súa esposa Pilar Rodríguez Guerra, celebrou que cumpría 100 anos cunha cea-baile no Gran Hotel da Toxa.


Crisanto Couto Albán 1977. Jornal do Brasil
Crisanto Couto Albán 1977. Jornal do Brasil

Manuel Domínguez Suárez naceu sobre 1869 en Redondela, fillo de José Domínguez Lamas e Dolores Suárez Docampo. Casou con Fermina Puertas Miguez, sendo veciños ambos en 1922 da rúa Afonso XII.


Apolinar Escariz Fernández. En 1923 casou en Vilavella con María Muíños Blanco, trasladándose a Brasil aos poucos meses.


Jacinto Figueroa. Natural de Redondela, faleceu en Santos (Brasil) en 1917.


Enrique Figueroa Montero (Redondela, 1889-1923). Irmán do citado José e coma el fixo fortuna en Brasil. Casou en 1920 en Vilavella con Ramona Fernández Míguez “a do Cairo”. En 1923 sería elixido presidente do Círculo Recreativo de Redondela.


Voda de Enrique Figueroa e Ramona Míguez. Vida Gallega
Voda de Enrique Figueroa e Ramona Míguez. Vida Gallega

José Figueroa Montero (Redondela, 1880-Vigo, 1912). Fillo de Jacinto Figueroa Besada e Estrella Montero Miguez. Moi novo emigrou a Brasil o 20 de maio de 1894, onde fixo fortuna, o 3 de agosto de 1912 casou con Carmen Membiela, falecendo ás poucas semanas. Foi socio fundador do Centro Galego de Rio de Janeiro e Director do Casino Español. Déronlle o seu nome á escola e a unha praza de Redondela. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/03/figueroa-montero-jose-redondela-11-07.html )

Eladio García Fernández (Cedeira). Atopábase entre os emigrantes que promovían a construción dun hospital en Redondela. Faleceu en Río de Janeiro en 1927, dándose a circunstancia de que uns meses antes visitara o noso Concello coa súa familia.


Fernando González Gómez "Rey Chiquito" (Tolosa 25-3-1868 / Redondela 22-12-1947)

Pasou a súa infancia en Redondela para emigrar aos trece anos a Bos Aires. Colaborou e dirixiu xornais en Brasil, México, Arxentina... Ademais foi vicecónsul de España no estado de Pará (Brasil). Xornalista e cabo do exército na guerra de Cuba onde foi ferido. De volta en Redondela abriu unha escola e seguiu publicando en varios xornais. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2022/01/fernando-gonzalez-gomez-rey-chiquito.html)


González Gómez, Antonio e Carmen. Irmáns do anterior. Antonio era comerciante en Río de Janeiro a principios dos anos 30 do pasado século. Carmen falecería naquela cidade en 1937.


Francisco A. González Sequeiros. Comezou a traballar con 11 anos nunha panadería de Redondela e con 18 marchou a Brasil. Naquel país especializouse como óptico. Escribiu un libro sobre a súa especialidade en colaboración cun colega alemán. En 1981 foi nomeado presidente da Sociedad Española de Beneficiencia, da que se fixera socio 52 anos antes. Este colectivo xestiona o Hospital Español, en Río de Janeiro.


José Iglesias Cabaleiro. En Bahía en 1923. Visitou Redondela embarcando en Vigo novamente para Bahía (Brasil) en maio de 1927.


Isidro Míguez. Rico comerciante de Brasil,chega a Redondela en 1898 co propósito de permanecer unha larga tempada.


Mauro Míguez Lamas. Nado en 1875, en 1913 marchou ao Brasil cun irmán


José María Milleiro Queimaliños. En Río de Janeiro en 1877.


Agapito Benigno Monroy Lago. Residía en Pará en 1856.


Casimiro Movilla Rodríguez (O Viso). Despois de emigrar a Portugal marchou a Brasil, sendo en 1911 Vicecónsul de España en Maceió e alcalde de Redondela en dúas ocasións. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/03/movilla-rodriguez-casimiro-o-viso.html )


Jesús Muíños “Choqueiro”. Anteriormente citado como un dos propulsores da “Asociación de Hijos de Redondela”. Participa nunha obra de teatro en 1925 en Río de Janeiro a favor do Centro Gallego. 

 

Eladio Padín Lorenzo (Redondela). En 1926, secretario do Centro Galaico de Pará.


Eladio Padín. Vida Gallega
Eladio Padín. Vida Gallega

Juan Ramón Padín Montero. En Río de Janeiro en 1861 coa súa dona Hilaria Alonso.


Domingo Queimaliños Castro. Marchou a Brasil solteiro e nunca tivo descendencia.


José Puga Rodríguez. Rico propietario que regresaba de Brasil a Redondela en decembro de 1912.


Juan Rodríguez. Tralo seu falecemento deixou en Brasil un capital considerable para la beneficencia.

Manuel Santos Rivas (Redondela, 1900). Emigraría a Brasil de neno converténdose nun prestixioso barman. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/manuel-santos-rivas-un-barman.html )


Constantino Sequeiros da Riba (O Viso). A principios do século XX, sería presidente da Cruz Vermella en Brasil e, en Río de Janeiro, do Casino Español e do Centro Gallego (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/sequeiros-da-riba-constantino-o-viso.html )


Antonio Sotelino Táboas (O Viso). (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/sotelino-taboas-antonio-o-viso-emigrante.html )

 

Daniel Táboas Moreira. Vicecónsul en Río de Janeiro. Faleceu en Reboreda en 1888.

 

Joaquín Táboas Sotelino. Industrial.

 

José Vidal Sotelino (O Viso). Comerciante en Río de Janeiro. En 1917 formaba parte da directiva do Centro Galego en Río como sub-contador. En 1929 casou no Viso con Balbina Táboas López. Os irmáns desta, Josefa e José Manuel Táboas López, tamén marcharían a Brasil. José Manuel construiría unha moderna vivenda na Pantalla (Cesantes) que na actualidade é adicada á hostalaría.


Voda de José Vidal e Balbina Táboas. Vida Gallega
Voda de José Vidal e Balbina Táboas. Vida Gallega


Manuel Joaquín Vidal (O Viso). En 1925 volveu a O Viso despois de 35 anos en Brasil. Presidiu a Sociedad de Beneficencia da parroquia.


Emigrantes en Brasil a mediados do S. XX.

        A partires do golpe de estado militar de 1936, iniciouse novamente unha forte emigración con Brasil e Arxentina como principais destinos. Nun principio serían exiliados os que fuxiron a aquelas terras e despois moitos máis fuxirían dos duros anos da posguerra na busca de oportunidades. Ata viaxar era difícil e moitos eran enganados, chegándose a estafar a xente do interior embarcándoos cara a Cangas. Moitos outros ían co billete pago e unha vez alá debían traballar para pagar a débeda que nunca se esgotaba porque se engadían abusivos gastos de estancia, deste xeito uns galegos eran explotados por outros galegos.

        Entre algúns dos que marcharon a Brasil nesta época xa citei no blog a un destacado político e un notable restaurador:


Francisco Javier Ulpiano Alfaya Rodríguez

(Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/03/alfaya-rodriguez-francisco-javier.html )


Ángel Barros Montero

(Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/03/barros-montero-angel-redondela-1935.html )


Sería moi difícil enumerar a todos os que emigraron a Brasil nestas décadas. Sirva como homenaxe a todos eles unha breve lista, na que habería que engadir en moitos casos ás esposas e fillos-as. Algúns regresarían e outros, no mellor dos casos, tan só volverían de vacaccións:

José e Justo Abelleira Blanco; Antonio Amoedo Amil; Salvador Carnero Castellano; Manuel Escariz Muíños; Mario Fernández Lago; Serafín López Hortas; Basilio Martínez Martínez (Cesantes); José "Chapitelo", Prudencio, Ricardo e Manuel Migueles Esteiro; Bienvenido e Jacinto Míguez Figueroa; José Palmeiro Fernández; Manuel Pena Crespo; Rosa Pérez Míguez (Cesantes); Ramón Pérez Muíños; Severo Rivas Tojeiro; Raúl Rodríguez Alonso (Cedeira); Bernardo e Domingo Tojeiro Esteiro; Enrique Tuche Crespo...


1956 Río de Janeiro. Severo Rivas “Pedales”, Benedicto Fogeteiro, BernardoTojeiro "Gecho" e Ramón Pérez “Moncho Bola”. Cedida por Ramón.

1956 Río de Janeiro. Severo Rivas “Pedales”, Benedicto Fogeteiro, BernardoTojeiro "Gecho" e Ramón Pérez “Moncho Bola”. Cedida por Ramón.



Autor: Juan Migueles


BIBLIOGRAFÍA

A emigración redondelá ás Américas. Introdución. Celso Milleiro.

En Galiciana-Biblioteca Digital de Galicia. Xunta de Galicia: http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es=> Vida Gallega, El correo de Galicia (ARX), El Pueblo Gallego, La Integridad, El Ideal Gallego, La Noche, Galicia, Gaceta de Galicia, El Censor...

La Voz de España

19771229 Jornal do Brasil

Ernesto Casto Padín Lorenzo. Un poeta redondelán. Carlos Antuña e Lola Míguez. Ed. Coordenadora de equipos de normalización lingüistica dos centros educativos de Redondela.

La Voz de Galicia

El aporte de los "Indianos" a la instrucción pública y al progreso en general de España y su historia Castillo Sagredo, Benito Oviedo : s.n.], 1926 : Tipografía "Región"-Biblioteca Virtual del Principado de Asturias.

Faro de Vigo

Xornais locais => La Idea, Tramancazos

Aportes Xosé Couñago.



No hay comentarios:

Publicar un comentario