Mostrando las entradas para la consulta marcas de canteiro ordenadas por relevancia. Ordenar por fecha Mostrar todas las entradas
Mostrando las entradas para la consulta marcas de canteiro ordenadas por relevancia. Ordenar por fecha Mostrar todas las entradas

viernes, 16 de octubre de 2020

Marcas de canteiro. Petróglifos na casa.

        

Marca de canteiro nunha casa de Cedeira. Foto: J. Migueles

        Estando na casa duns amigos en Cedeira reparei nunha marca na entrada á súa bodega. Pregunteilles contáronme que cando mercara o seu avó a casa xa tiña aquel gravado e supuñan que era unha marca de canteiro.


        Parecíame curiosa porque lembrábame a outro gravado atopado no Monte Mirallo (Monte Penide).


Petróglifo no Monte Mirallo. Foto: J. Migueles.


        Consultei ao arqueólogo Xurxo Constela e confirmoume que efectivamente as dúas son marcas de canteiro, pero se consideran petróglifos históricos. Así que xa sabedes se tedes unha marca de canteiro na vosa casa podedes presumir de que tedes unha vivenda con petróglifo.

        No mesmo monte tamén existe outra posible marca preto do Alto de San Vicente, baixo unha cruz de termo. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/11/as-cruces-de-linde-e-outras-cruces.html ). Neste caso trátase dun simple círculo.

 
Marca de canteiro no Alto de San Vicente. Foto: J. Migueles


        Ignacio P. Rey envioume a foto doutra marca de canteiro na Casa do Carballo, na rúa de Redondela de mesmo nome.

 

Marca de canteiro na Casa do Carballo. Foto: Ignacio P. Rey


        Agradeceríavos que compartades fotos destas marcas, sexan na casa ou no monte, porque quen sabe se en futuros traballos de investigación podería coñecerse se diferentes casas foron construídas pola mesma persoa ou realizar un catálogo de marcas de canteiros que traballaron na comarca. Seguro que aparecen moitas máis.


Autor: Juan Migueles


BIBLIOGRAFÍA

Aportes Xurxo Constela e Ignacio P. Rey.

 

 

martes, 11 de febrero de 2025

Inscricións en casas e muros.

 


Casa de Cabanas. Pedra 1. Foto: J. Migueles

       Neste apartado veremos inscricións antigas en casas e muros. Poderíamos engadir aquí a Cruz de Aviso á Súa Maxestade, en Cesantes, que xa conta co seu propio apartado (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2019/02/cruz-de-aviso-sua-maxestade-cesantes.html )

        Outros apartados que completarían esta entrada serían: As marcas apotropaicas e cruces (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/11/marcas-apotropaicas-e-cruces.html ) e As marcas de canteiro (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/search?q=marcas+de+canteiro ).


A Casa de Cabanas (Trasmañó)


           
           Existe unha casa na Estrada de Cabanas que para a súa construcción empregáronse pedras doutra construcción máis antiga. Na parte da fachada que da á rúa pódese observar, apesares da capa de pintura e o cemento, dúas pedras con inscricións. Unha está ubicada sobre unha das ventás e a outra a pouco máis dun metro do chan e facendo esquina no lado oposto.
        Coa dificultade que supón distinguir a escritura podemos ler o seguinte:
 
AVE MARIA
VALLERO Y _R
DEA ANO D
           
       
        Na outra pedra (os guións baixos son letras ilexibles):
 
VRISSIMA. JPH CA
NES DE LAGO: Y S: DESTA
78_
         
Pedra2. Foto: J. Migueles, 2018

 

        Semella que orixinalmente unha pedra estaría a carón da outra, polo que as dúas xuntas dirían algo como:

AVE MARIA PVRISSIMA. JPH CA
VALLERO Y _R__NES DE LAGO: Y S: DESTA
DEA ANO DE 178_
 
       

        Un posible nome a investigar sería: Joseph Cavallero y Arines de Lago.

        ¿Haberá máis pedras escritas na casa? Habería que inspeccionar as demais paredes exteriores, pero tamén as interiores para o que seguramente habería que picar as paredes, algo totalmente imposible ao tratarse dunha propiedade privada.

        ¿De onde proceden as pedras? A frase “AVE MARÍA”, fainos pensar nunha construción de tipo relixioso. O máis lóxico sería pensar no priorato de Rande, do que xa nos deixa constancia o Catastro de Ensenada de 1752. Outro documento de 1768 o localiza no Castelo de Rande, como capela e priorato sendo atendida por un monxe de San Bernardo. Na primeira pedra aparece claramente o número 7, que podería facer referencia a unha data do século XVIII o que coincidiría coa época na que existiu o priorato. Outra construción relixiosa desaparecida e un pouco máis lonxe sería a Capela da Virxe da Encarnación, no coñecido como Alto da Encarnación, en Chapela.

        Isto serían tan só hipóteses que tan só unha investigación máis profunda (realización de calcos, busca de máis inscricións, entrevistas...) podería confirmar.

        A finais do 2017 o propietario comezou a picar a cal das pedras poñendo en grave perigo estas inscricións, aínda que nun principio semella que non resultaron moi danadas.

 

A inscrición na Casa da Alfóndega (R. Isidoro Queimaliños-Redondela)

        Na fachada lateral da Rúa Isidora Queimaliños da Casa da Alfóndega casa podemos ver escritas en espello as letras “RLxunto a un símbolo en forma de frecha. Para algúns trátase dun límite con Reboreda, xa que cando menos desde principios do s. XVII e ata 1890, esta rúa era chamada popularmente Rúa do Medio porque as casas pares dependían do cura de Reboreda e as impares a Redondela. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2021/11/de-cando-varias-ruas-de-redondela-eran.html ) Como explico no artigo anterior, ata os nosos días chegou o nome de Rúa do Medio de xeito popular, pero dado erroneamente á actual rúa Reveriano Soutullo, probablemente por chamarse así esta rúa no período da II República.

        Outra teoría podería ser que fora un antigo indicador do camiño de Santiago ao seu paso por Redondela.






A inscrición da Carambola (Reboreda)

        Nas súas anotacións Casto Sampedro escribiu:


Escudos:

-1 Carambola inscrición

            Non teño noticias de que esta inscrición chegara ata os nosos días, pero deixo aquí constancia agardando atopar máis información.




Inscrición na Calella de Don Basilio (Redondela)

        Catalogada en xaneiro de 2025 despois de ser descuberta por Telmo Crespo Tojeiro nun muro de contención. Na inscrición lese “A R” na liña superior e “D V” na inferior. Na ficha realizada polo arqueólogo Xurxo Constela, este especula coa posibilidade de que a liña superior completa poda ser “ARA” o que lle conferiría un hipotética orixe da época romana.

 

Pedra na Calella de Don Basilio. Foto: J. Migueles


Casa cunha inscrición baixo o lintel dunha xanela (Cño. do Souto-Saxamonde)

Non fun quen de ler o que pon, polo que queda pendente dun estudo en profundidade.

https://goo.gl/maps/ngTdnzxVo9jfA25P9

 

Inscrición no Camiño do Souto. Foto: J. Migueles


Virxe na Praza Constitución

Na fachada dunha casa da Praza Constitución hai unha virxe. Baixo ela, escrito en grande a palabra “LUZ”. Debaixo e nos laterais pódense apreciar máis letras, só lexibles desde o balcón.


Virxe na Praza Constitución. Foto: J. Migueles


Algunhas inscricións de datas antigas.

         É habitual ver datas nos linteis das portas das casas antigas. Algunhas destas pedras rematan sendo reutilizadas en muros. Deixamos aquí algúns exemplos como curiosidade:

 

Muro no Peirao da Portela

“1826”. Pedra dada volta nun muro, preto de onde estaba o posto dos carabineiros.

42.287939, -8.626384


Data de 1826. Foto: J. Migueles

Muro no Camiño do Souto (Saxamonde)

“ANO DE 1805”. Pedra reaproveitada nun muro.

Data 1805. Foto: X. Couñago
 

Muro no Camiño do Souto (Saxamonde)

“1767”. Pedra reaproveitada nun muro. Unha veciña comentou que pertencía a unha casa que se veu abaixo e puxeron a pedra no peche.


Data 1767. Foto. X. Couñago.




Autor: Juan Migueles


BIBLIOGRAFÍA

As vilas de Redondela nos tempos do Catastro de Ensenada: Xoán Miguel González Fernández. Ed. Concello de Redondela.

Deslinde parroquial de Santa María de Reboreda-Santiago de Redondela. Perito Agrónomo Industrial, Castor Míguez. 1890. Arquivo Alejandro Martínez Adán.

Arquivo Deputación de Pontevedra. MUSEO DE PONTEVEDRA. Fondo Casto Sampedro.

1752 Catastro de Ensenada de Cedeira

1768 España sagrada theatro geographico

Aportes Xosé Couñago

 

 

martes, 10 de noviembre de 2020

Marcos e Cruces de linde.

 

Cruz e coviñas na Pedra da Moura, no Viso. Foto: J. Migueles

 

        Nos montes do Concello de Redondela hai numerosas cruces, que nalgúns casos coinciden cos límites actuais entre parroquias e noutras sufriron variacións. A estas marcas hai que engadirlle as que dividen barrios ou simplemente propiedades. Entre as moitas teorías que xurdiron no seu estudo cabe citar a Jesús Ferro Couselo, que no seu traballo Los petroglifos de término y las insculturas ruprestes de Galicia, publicado en 1952, consideraba que todos os petróglifos eran marcas de termo. Hoxe en día considérase que en moitos casos pode haber coincidencias, porque para os lindes empregábanse marcos, fontes e ata casas, pero tamén rochas que destacaran na paisaxe polo que estas pedras podían ter gravados antigos. O que si está comprobado é o emprego de coviñas como marcas de linde e tanto estas como as cruces ou letras teñen a consideración de Bens de Interese Cultural (BIC). A continuación citaremos algunhas delas:


Lindes de Cesantes e O Viso.

Como podemos ver na entrada do enlace, a Bañeira da Moura e a Pedra da Moura eran lindes entre Cesantes e O Viso. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2019/02/a-baneira-da-moura-e-pedra-da-moura-o.html ). Ademais destas atopamos outra cruz nun muro no camiño que vai cara ao Cruceiro de Baltar ou do Galleiro, que está no cruce onde se inicia a subida ao Outeiro Grande. 

 

Cruz preto do cruceiro de Baltar. Foto: Xosé Couñago.


Cruces en Chapela.

Ata o de agora só atopei unha cruz de linde entre os barrios de Angorén e Laredo na praia de Cardona. Moi preto tamén podemos ver unha gran cova duns 12 cm. xunto a outras coviñas máis desgastadas.

 

Coviñas na praia de Cardona. Foto: J. Migueles

Cruz na praia de Cardona. Foto: J. Migueles.


Cruces no Monte Mirallo (Monte Penide)

        A primeira a atoparemos no miradoiro natural que hai na área de lecer da Poza da Lagoa, no Monte Penide. Trátase dunha cruz latina cunha coviña na súa parte superior esquerda. Marcaría o límite parroquial entre Trasmañó e Cedeira.

 

Cruz na poza da Lagoa. Foto: J. Migueles


        No mesmo monte, pero preto do Alto de San Vicente atopamos outra cruz latina pero de trazo máis fino e moi preto dela unha segunda cruz, que está unida por un dos estremos a unha cova con forma ovoide, e do outro lado ten gravado o número "2". Baixo esta e separado, hai tamén un círculo, que podería ser unha marca de canteiro.

 

Cruz 1 no Alto de San Vicente. Foto: J. Migueles

Cruz 2 no Alto de San Vicente. Foto: J. Migueles


        Un caso a parte merece a cruz de Chan da Cruz, que coroa un afloramento rochoso inzado de petróglifos. Tradicionalmente déuselle a explicación de empregarse para a cristianización dun lugar onde se realizaban ritos ancestrais, pero todo indica que pode tratarse dun linde parroquial máis recente do resto do conxunto. En canto a unha agrupación de cruces de menor tamaño, poderían ter o mesmo significado xa que no arquivo da Universidade de Santiago atopamos unha disputa polos lindes entre os veciños de Cedeira de Trasmañó que provoca que o xuíz mediador determine gravar "outras cruces" preto da Cruz de Penide para que non quede dúbida dos límites entre as dúas parroquias. 

 

Chan da Cruz. Foto: J. Migueles


        Outro exemplo de cruz gravada no Monte Penide sería o petróglifo Porteliñas 1, que ten unha coviña no centro da mesma e unhas medidas de 60 x 40 cm. Neste caso non está claro que se trate dun linde e podería ter outra explicación como lembrar un falecemento no lugar.

As Porteliñass 1. Foto: J. Migueles

 


Os lindes de Reboreda e Ventosela con Amoedo.


Como vimos no apartado adicado á riqueza arqueolóxica do monte Buxel (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2019/02/monte-buxel.html ), neste punto limitan as parroquias de Reboreda (Redondela) e Amoedo (Pazos de Borbén). O primeiro linde que atopamos está catalogado como Petróglifo de Coto Cepeda e está chea de coviñas coas letras PB dun lado e no oposto RD.

Coto Cepeda, á dereita as letras PB. Foto: J. Migueles.

 

        Despois de xirar cara o norte no grupo de pedras catalogadas como Petróglifo de Amoedo 1-2, atopamos outro marco cunha cruz e as letras PB e R.

Petróglifo de Amoedo 1-2. Foto: J. Migueles

 

        Seguindo cara o val do río Alvedosa atopamos un grupo de coviñas formando un círculo. E despois outra rocha cun par de coviñas.

Rocha cun par de coviñas. Foto: J. Migueles

Grupo de coviñas formando un círculo. Foto: J. Migueles

 

        Cruzando o val pasamos á parroquia de Ventosela e seguen aparecendo marcos, desta volta a silueta dunha cruz. 

Cruz en Ventosela. Foto: Xelah Dos

 

        Subimos monte arriba e na Ruta das Pedras atopamos o petróglifo do Pedroso, agrupación de coviñas rodeadas por un círculo do que sae unha liña. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/10/ruta-das-pedras-e-petroglifos-de.html )

        Despois dunha leve baixada subimos a outro coto, onde atopamos un novo marco coas letras PBA e R.


Linde coas iniciais de Pazos de Borbén e Amoedo. Foto: J. Migueles

 


        Por último citar tamén a gran cruz gravada en Amoedo, pola súa proximidade á parroquia de Ventosela e tamén por ter semellanzas en canto a tamaño coa que citamos como Porteliñas 1, no monte Mirallo.

 

Cruz en Amoedo. Foto: J. Migueles


Lindes nos petróglifos da Moscalleira (Reboreda).

Como vimos ao falar destes petróglifos (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2025/02/petroglifos-da-moscalleira.html ) aquí atopamos dous lindes, pero de propiedades, en forma de cruz e en forma de coviñas.


Cruz no conxunto da Moscalleira. Foto: J. Migueles


Autor: J. Migueles


BIBLIOGRAFÍA

Aportes Xurxo Constela e Xosé Couñago.

Visita á Ruta das Pedras realizada pola Asociación de Veciños de Ventosela (2010)

USC>Clero>Mitra1758> Mayordomía de Redondela

Los petroglifos de término y las insculturas ruprestes de Galicia. Jesús Ferro Couselo, 1952.

 

viernes, 3 de abril de 2020

Toponimia: TRASMAÑÓ


Vistas desde Coto da Aguia. Foto: J. Migueles

TRASMAÑÓ (San Vicente): Pode proceder do preindoeuropeo mun-n/mun-d (monte). Outra teoría sería que tal como aparece en 1528 baixo o nome Tras Mañoo, o significado sería “detrás de Mañoo”, sendo Mañoo unha fortaleza ou castelo que se atoparía entre Trasmañó e Cedeira.


Barrios

Cabanas: De capanna (casa pequena, cabana). No Rueiro (2005) Estrada de Cabanas, trazado da N-552.

Cabanas. No Diccionario Madoz (1850) lugar de Cabanas. No Catastro actual, Cabanas.

Praia de Cabanas (Cabanas). Toponimia da Costa. No Rueiro (2005) Baixada á Praia de Cabanas.

Igrexa: Hai máis de 600 localidades co nome de Iglesia, case todas en Galicia, seguramente serían modernizacións oficiais.

Trasmañó. No Rueiro (2005), Estrada de San Vicente de Trasmañó e tamén Estrada Cabeiro a Trasmañó.


Toponimia menor

As Albagueiras. No Censo de montes baldíos, realengos e de dono non coñecido que se atopan no Partido Xudicial de Redondela (1845) recollido como monte, Alboqueira. No Catastro actual, Albagueiras. No Rueiro (2005) Camiño da Albagueira.

Coto de Albagueira.

Fonte Albagueira

Matos de Albagueiras. No Catastro actual.

NOTA: Lobagueira. Preto deste lugar atopamos un marco da Real Dehesa da Lobagueira citada en Visitas ás reais devesas e plantíos na provincia de Tui da xurisdición do Partido Valle de Fragoso (1785)

O Arieiro. No Catastro actual (2020), Arceiro.

O Aveleiro

Barros, As de. No Catastro actual (2020), Las de Barros.

Camiño de Barros.

A Barxa

Baxeiras, as. No Catastro actual (2020).

A Bellota

Besada, a. No Catastro actual (2020).

Bico o Burro. No Catastro actual (2020).

Boqueiriño da Auga. No Catastro actual (2020) Bocadiña de Auga.

Burro, o. Chamado polos mariñeiros ao punto da costa onde se asentou a empresa Aucosa.

Cabadexa, a. No Catastro actual Carbadexa. No Rueiro (2005) Camiño da Cabadesa. Antes do 2005 Camiño da Moradita.

Cabadiñas, as. No Catastro actual Cabadiñas. No Rueiro (2005) Camiño das Cabadiñas.

Cabo da Pedra: Accidente xeográfico. É de supoñer que habería unha gran rocha pero na actualidade a costa está moi alterada polos recheos da empresa Aucosa. Aparece no Catastro de Ensenada (1752), O Cabo da Pedra, como límite de Trasmañó e Chapela. No Rueiro (2005) Camiño Cabo da Pedra.

Camiño das Cabras / Camiño das Fraguas

Campo Darriba. No Catastro actual (2020).

Campo Ghutierres, o. No Catastro actual Campo Gutierrez.

O Campo do Medio

Campo San Vicente. No Catastro actual (2020).

Canteira do Cuco (Monte Mirallo).

Carrascal / As Minas.

Castiñeira. No Catastro actual (2020).

A Cavada

Alto das Cavadas

Cemiterio Protestante

O Cerrado

Chan da Cruz (Cedeira/Negros/Trasmañó): Debe o seu nome a unha gran cruz gravada nunha rocha onde hai un conxunto de petróglifos. Algúns investigadores a databan na Idade Media co fin de cristianizar o lugar, outros defenden que é un motivo máis do grupo de petróglifos. Hai poucos anos con motivo dun xuízo promovido pola Comunidade de Montes de Man Común de Trasmañó ditaminouse que o linde entre Cedeira e Trasmañó sería esta cruz.

Chan de Humberto, a

Chan do Rato /A Castellana

Chan Redondo. No Catastro actual (2020).

Chan Redonda Darriba (Monte Mirallo).

Chan Redonda Dabaixo.

O Cocho. No Catastro actual (2020) Cochos.

Muíño dos Cochos

Cocho do Lago. No Catastro actual (2020).

Cocho do Rei. No Catastro actual (2020).

Cortes. No Catastro actual (2020).

Coruta. No Catastro actual (2020).

Cotarel (Cabanas). É un diminutivo de coto, pequena prominencia, monte de pouca altura e de forma cónica. Nun documento de 1562 aparece Lugar de Cotarel. Non documento de 1749, lugar do Cotarel. No Catastro actual Cotarel. No Rueiro (2005) Camiño do Cotarelo.

Coto Barolo, o

Coto da Aguia

Coto da Cavada Nova (Monte Mirallo).

Coto da Rola

Coto Ladrón

Coto Ferreira

Coto Formiga

Coto Grande. No Catastro actual (2020).

Coto da María.

Coto Rachán

Coutada do Pexego. Recollido como Coutada dos Pexegos. No Catastro actual (2020) Coutada do Pexego.

Coutiño, o

O Cristo

A Cuchilla

Cuco, o. No Catastro actual Pinar do Cuco e Quinta do Cuco. No Rueiro (2005) Camiño do Cuco.

Devesa do Cuco

A Curuta

Detrás da Lagoa

A Devesa de Candeán de Abaixo

Devesa de Candeán Darriba.

Devesa do Rei.

Eido dos Barrabás

Eido do Castaño (Chapela/Trasmañó). No Catastro actual (2020).

Falucho. No Catastro actual (2020).

Ferreira. No Catastro actual (2020).

Fondonciño. No Catastro actual (2020).

Fonte das Bouzas. No Catastro actual (2020).

Fonte dos Eidos

O Fondón

Río Fondón

NOTA: Olmo do Fondón. Citado no Catastro de Ensenada como linde entre Trasmañó e Chapela.

Fontiña. No Catastro actual Fontiña.

Camiño da Fontiña. No Rueiro (2005) Camiño da Fontiña.

Fuerte do Tío Benigno

Igrexa Vella. Lugar onde se atopaba a antiga igrexa evanxelista. No Catastro actual Iglesia Vella. No Rueiro (2005) Camiño da Igrexa Vella.

Laceiras. No Catastro actual (2020).

Lagoa do Río, a

Lagoa Grande

Lamosa, a. No Rueiro (2005) Estrada da Lamosa.

Chan da Lamosa

O Costal de Lamosa

Eira da Lamosa.

Fonte da Lamosa. No Catastro de Ensenada (1752) aparece a Fonte da Lamosa como límite de Trasmañó e Chapela.

Laranxo

A Leira do Muíño. No Catastro actual Leiras do Muíño. No Rueiro (2005) Camiño Leira do Muíño.

Lugar do Muíño. No Catastro actual (2020).

Longarela. No Catastro actual Congarela. No Rueiro (2005) Camiño da Longarela.

Lugar das Cortes

A Martaraña

A Millada. No Catastro actual (2020) Millada.

A Mina.

Monte Mirallo (Cabeiro/Cedeira/Chapela/Trasmañó): Pode definirse como un sinónimo de mirador, lugar con boas vistas, xa que o sufixo -allo podería actuar co significado de ‘resultado dunha acción’. Nun documento da Deputación de Pontevedra de 1845, Penide ou Mirallo. Penide sería unha pequena cota do Monte Mirallo, que é o conxunto montañoso que abrangue as parroquias de Cedeira, Trasmañó, Cabeiro e Chapela. Hai unhas décadas, na posta en valor dos restos arqueolóxicos da zona (mámoas, petróglifos...) citouse o nome de Monte Penide en varias publicacións, polo que hoxe segue a empregarse este termo errado nos estudos que se fan sobre a zona.

Mirallo. Citado no Catastro de Ensenada (1752) como linde entre Trasmañó, Chapela e Candeán.

Coto da Moradiña

Muíños do Fondón ou dos Achado x2 (O Fondón/ Trasmañó): Dous muíños de canle. O de arriba ten na entrada unha cruz protectora no lintel, outras 3 nunha pedra do lado dereito e enriba de estas o que parecen marcas de canteiro. O que está máis abaixo, ten acaroado unha corte para o porco feita de ladrillo. ( 42°16'12.17"N, 8°39'25.23"O)( 42°16'11.96"N, 8°39'25.71"O)

Muíño dos da Quinta (O Fondón/ Trasmañó): Muíño de cubo cadrado con entrada en diagonal. Preto dos anteriores e dentro dunha propiedade privada pechada cun muro. (42.270146, -8.656789)

Muíño de tía Carme (Trasmañó): Muíño de canle do que apenas se conserva o buraco de entrada da auga e o inferno. ( 42°16'10.26"N, 8°39'22.04"O)

Muíños do Coto x2 (Campo Ghutierres/ Trasmañó): Son dous muíños de canle. Sen tellado e en risco de desaparición polas árbores que medran no seu interior. (42.269475, -8.653679)



Muíño de Baltasar (Pazón/ Trasmañó): (42.268520, -8.651758 ): Muíño de canle, sen tellado.

Muíño de Alfonso de Lagho (Albagheira/ Trasmañó): Muíño de canle, sen tellado. (42.268777, -8.649102)

Muíño da tía Adelaida (Albagheira/ Trasmañó): Muíño con vivenda. Tan só conserva as paredes. Ten unha cruz protectora na entrada. (42.268546, -8.648918)

Muíño Pequeno (Albagheira/ Trasmañó): Muíño de canle, como o seu nome indica de reducidas dimensións. (42.268198, -8.648809)

Muíño Novo (Albagheira/ Trasmañó): Consérvase unha pontella de acceso formada por unha gran lousa. Presenta unha especie de cazoleta enriba da porta que semella para encaixar unha peza de madeira. Tamén ten unha pequena cruz protectora. (42.268229, -8.648609)

Muíños da Panasqueira x3 (Veigha do Muíño-Albagheira/ Trasmañó): Tres muíños pasando a auga dun ao seguinte. O da parte alta moi alterado e reformado sendo empregado como galpón. Os dous seguintes sen tellado. O do medio presenta a inscrición "1941". O da parte baixa ten dúas portas a de entrada e a que daba acceso a un pequeno almacén. (42.267266, -8.648057)

Muíño de Antonio do Bicho ou dos Cochos (Albagheira/ Trasmañó): Presenta a inscrición: “Año 1878” baixo unha cruz. A boca do inferno está tapada cun metálico porque nel caeu unha muller que pereceu afogada. (42.265788, -8.646730)

Muíño do tío Ramón ou do Cacharello (Albagheira/ Trasmañó): Muíño sobre o que se construíu unha vivenda. En 2021 atópase en obras de reconstrución e ampliación, apesares do cal aparentemente segue a conservarse o muíño. (42.265428, -8.645986)

Muíños do Remixo x2 (Albagheira/ Trasmañó): Son dous muíños de canle, pasando a auga dun a outro. O da parte alta ten acaroado o que debía ser un almacén ao que se accede desde o exterior por unha fiestra. (42.265271, -8.644130)

O Outeiral. No Catastro actual Outeiral. No Rueiro (2005) Camiño do Outeiral. Antes do 2005 Camiño do Eiteiral.

Alto do Outeiro (Cabanas). No Rueiro (2005) Camiño do Outeiro. Antes do 2005 Subida do Correo. Tamén no Rueiro (2005) Camiño Tras do Outeiro.

Panasco

Paus Cruzados (Monte Mirallo).

Pazón. No Catastro actual Pasón. No Rueiro (2006) Camiño do Pazón.

Pé da Raposa. No Catastro actual (2020).

Pedra da Facha (Monte Mirallo).

A Pedra do Couto.

Pedra do Moucho (Monte Mirallo).

Pedriñas, as. No Rueiro (2005) Camiño das Pedriñas. Antes de 2005 tramo da Estrada das Pedriñas, Camiño do Alto e tramo do Camiño das Laxes.

Penas, as. No Catastro actual (2020).

Monte Penide (Cedeira/Trasmañó): No Arquivo da Deputación de Pontevedra: Penide (1562), monte Penide (1785) e Penide ou Mirallo (1845). Hoxe en día aparece en varios visores e mapas como Couto de San Vicente.

Cruz de Penide (Couto de San Vicente): No Couto de San Vicente. Límite histórico de Cedeira, Trasmañó e Cabeiro. Aparece A Laxe de Penide de siesttreira (1581), Cruz da laxe de Pinede (1586). No Catastro de Ensenada (1752) aparece a Cruz de Pinide como limite de Trasmañó, Cabeiro e Cedeira. Hoxe en día aínda podemos ver unha cruz e preto dela outra acompañada do número 2.

As tres fontes de Penide Como linde de Cedeira e Trasmañó (1586) e (1752).

O Pico Burro Dabaixo

O Pico Burro Darriba

Portela Do Rabicho

Porteliñas

Pouso da Merda (Monte Mirallo).

A Poza da Lagoa (Monte Mirallo). Ao largo do tempo vai variando o seu nome: Lagoa de Xidreiro (límite de Cedeira, 1562), Lagoa dos seus Leiros ou Lagoa de Zedreiros (1586), Lagoa de Judreiros que hoy llaman Marco da Lagoa (1697). Como límite parroquial aparece no Catastro de Ensenada (1752) de Cedeira como Laguna de los Ollera e no de Trasmañó, Lagoa de Solleiro. No Rueiro (2005) Camiño da Poza da Lagoa.

Marco da Lagoa (Monte Mirallo): Límite histórico de Cedeira e Trasmañó que como acabamos de ver é citado en 1697. Trátase dunha cruz gravada nunha rocha que serve de miradoiro natural e que pola súa forma recibe nomes como O Cocodrilo ou O Dragón.

Poza da Pazón

Poza Darriba (Monte Mirallo).

Poza da Talisca

Poza Samperes

Queimado, o

A Quinta

O Rabicho

Estreito de Rande (Cabanas)

Cargadoiro de Rande (Cabanas)

Castelo de Rande (Cabanas). Forte defensivo do que podemos observar as ruínas baixo a Ponte de Rande. No Catastro actual Castillo. No Rueiro (2005), Camiño do Castelo. Antes do 2006 Camiño do Castillo. En realidade o camiño conduce ao Cargadoiro de Rande.

Cruz de Rande (Cabanas). Desaparecida. Aparece recollida no Catastro de Ensenada (1752). Estaría na Praia de Rande e serviría de linde entre Trasmañó e Cedeira.

Ponte de Rande (Cabanas)

Praia de Rande (Cabanas/Rande-Cedeira). Nela desemboca o Río Maior, que serve de linde entre Trasmañó e Cedeira. No Rueiro (2005) Camiño Praia de Rande.

Punta de Rande (Cabanas)

Rego das Cabras ou Río Maior (Cabanas-Trasmañó/Cedeira). Regato que desemboca na praia de Rande chamado Rego das Cabras no curso alto e Río Maior preto da desembocadura. Nun documento de 1586 aparece Río Maior e noutro de 1697 cítase Río de Rande que llaman Río Maior. No Catastro de Ensenada (1752), Río Maior e Río mayor de abajo. No Rueiro (2005) Camiño do Río Maior.

A Regueira(Rande (Cedeira)/Cabanas (Trasmañó)).

As Regueiras. Recollido As Regueiras. No Rueiro (2005) Camiño das Regueiras.

O Regueiro. No Rueiro (2005) Camiño do Regueiro. Antes do 2005 Camiño do Cuco.

Remixo, o. No Catastro actual Muíño de Remixio.

Santos, de. No Catastro actual (2020).

A Sapenta

Senras. No Catastro actual (2020).

Sobreira. No Catastro actual (2020).

Sobreira Martarán (Chapela/Trasmañó). No Catastro actual (2020).

Sobreiro. Tamén recollido como Os Sobreiros. No Rueiro (2006) Camiño do Sobreiro.

Campo Sobreiro

Teixugueiras (Monte Mirallo).

A Tol

Trigueira. No Catastro actual (2020).

Veiga da Fonte. No Catastro actual (2020).

Veiga do Muíño, a

Veiga do Río

As Viragallas. No Catastro actual (2020) Viragava.

As Xabreiras / Camiño dos Carros (Monte Mirallo). No Rueiro (2005) Camiño das Xabreiras.

Xan Pérez. No Catastro actual (2020).

Xestal. No Catastro actual Xestal. No Rueiro 2006 Camiño do Xestal.


Outros Rueiro (2005)


Camiño do Bosque de Cabanas (Cabanas). Antes do 2006 Camiño subida do Correo.

Can Branco, Cño. do (Cabanas): En “Eladio Rodríguez González (1958-1961): Diccionario enciclopédico gallego-castellano, Galaxia, Vigo” recóllese: Can branco, fantástica visión que aparece de noche en las aldeas y en los caminos, y que mira tristemente a las personas con quienes se encuentra. Creen nuestras gentes sencillas que esta aparición augura buenas nuevas.

Cañizo, Cño. do

Chans, Cño. das

Coruta, Cño. da

Costa da Igrexa, Cño.: Ver máis abaixo Igrexa Vella.

Cotiño, Cño. do (Cabanas).

Eido da Vella, Cño.: Antes do 2005 Camiño núm. 55.

Figueiras, Cño. das

Fondiño, Sendeiro do

Fragua, Camiño da

Laxes, Cño. das

Minada, Cño. da: Antes do 2005 Camiño do Berete.

Monte, Cño. do: Antes do 2005 Camiño do Depósito.

Moradiña, Cño. da:

Pereira, Cño. da:

Pereiras, Cño. das:




Outros. Toponimia histórica


S.XVI

Fonte do Credo, Fonte do Castro, Porto dos Peróns, fonte de Sudreiros, (1586)

(USC>Clero>Mitra1758> Mayordomía de Redondela> Páx. 118-124)


Toponimia recollida no Catastro de Ensenada (1752)


Couto (marco) => limita Trasmañó-Candeán-Cabeiro (1752)

Cuncheiras, as => limita Trasmañó-Chapela (1752)

Piedra do Loureiro => limita Trasmañó-Chapela (1752)

Toxo, o => limita Trasmañó-Chapela (1752)

Río da Vagueira => (1752)



Chan das Teixeiras

O luns día 26 celebrouse sesión ordinaria do Concello, presidida polo alcalde Sr. Dacosta: autorizar ao veciño de Trasmañó, José López Veiga para construir unha casa nunha finca da súa propiedade. Do mesmo xeito, autorizalo previo pago de arbitrio por extracción de canteira de 8 metros cúbicos de perpiaño no monte Penide, no lugar “Chan das Teixeiras”. (19330630 El pueblo gallego)



Para saber máis.

Concello-SNL. Buscador: https://toponimia.redondela.gal/index.php


Concello-SNL. Libros: https://toponimia.redondela.gal/libros.php


Deputación de Pontevedra. Galicia Nomeada: https://galicianomeada.xunta.gal/sixtop/inicio


Autor: Juan Migueles


BIBLIOGRAFÍA

Guía didáctica para escolares: Nº5. Aproximación á toponimia do Concello de Redondela. Álvaro Iriarte Sanromán

Os Nomes da Ría de Vigo II. Gerardo Sacau Rodríguez. Instituto de Estudios Vigueses (Fundación Provigo).2000.

Catastro de Ensenada de Trasmañó

Diccionario Madoz

(USC>Clero>Mitra1758> Mayordomía de Redondela)

Aportes Xurxo Constela.