jueves, 14 de febrero de 2019

Colectivos e Asociacións ata principios do S. XX

Asociación (Junta) de Beneficencia
         A primeira referencia que atopo é en febreiro de 1922 cando se celebra unha función teatral a prol deste colectivo.
         Despois do golpe de estado do xeneral Primo de Rivera volve a constituírse esta asociación en marzo de 1924: presidente honorario, José del Río Jorge; presidente, Avelino Giráldez Pazó; vicepresidente, Manuel Pereira Míguez; contador, Pedro Otero Milleiro; e depositario Saturno Cal Muíños. Outros presidentes desta asociación serían: Avelino Giráldez Pazó (1925, decembro), Pedro Otero Milleiro (1926), José Olimpio Giráldez (1932). En marzo do 1936 se elixiría como presidente ao recentemente reposto alcalde, Serafín Dacosta Paz, acompañado de Dolores Otero Sestelo, Carmen Otero, Domingo Fernández (Farrucacho) e Antonio Alfaya. Despois a asociación desaparecería dando paso a Auxilio Social.
Para acadar ingresos organizaban veladas teatrais ou colocaban unha tómbola nas festas da Coca, na que tamén se recollían doazóns. Co recadado axudaban ás familias máis necesitadas, contando tamén cun local con tres camas para atender aos enfermos. Coma sempre, cando se trataba de obras sociais, os emigrantes non se esquecían da súa vila natal, como en 1926 cando José Otero Lamas, comerciante en Pergamino (Arxentina), remitiu ao alcalde, Saturno Cal, 200 pesetas para a Asociación de Beneficencia.
Probablemente tiña delegacións nas parroquias se temos en conta esta noticia de finais de 1926: O temporal derrubou parte da humilde casa dunha pobre veciña do barrio de Saramagoso. O párroco lanzou a idea de que os seus fregueses acudan ao auxilio mediante unha subscrición. A Sociedade de Beneficencia que no Viso preside o filántropo Manuel J. Vidal, auxiliará seguramente esta obra de caridade.
Casa de Beneficencia. Foto: Saturno Cal. 1926, Vida Gallega
Asociación de Comerciantes de Redondela.
         Fundada en xaneiro de 1932.

Asociación de Dependientes. Delegación de Redondela.
         En xuño de 1913, constituíuse en Redondela un grupo dentro da “Asociación de Dependientes de Comercio de Vigo”, composto de quince dependentes daquela vila, sendo nomeado delegado do mesmo, Eduardo Cunha.

Asociación de Hijos de Redondela en Brasil.
Antes da creación desta asociación xa existía a de Hijos de Redondela residentes en Río de Janeiro, que en 1900 auxilia con 475 pesetas a Francisco Rodríguez, veciño da nosa vila que quedara na miseria por mor dun incendio.
A Asociación de Hijos de Redondela en Brasil, foi creada en Río de Janeiro (Brasil) o 17 de marzo de 1910 por emigrantes da vila: José Figueroa Montero, Presidente; Manuel Domínguez Suárez, vicepresidente; José Amoedo Míguez, secretario; Jesús Muíños, vice- secretario; Constantino Pereira, tesoureiro; Enrique Figueroa, vice- tesoureiro; Antonio Sotelino, José Lago Carrera, Eladio García Fernández e José Sequeiros da Riva, vocais. A este acto acudiu o tamén redondelán Plácido Isasi, presidente do Casino Español. Outros membros desta asociación eran: Manuel Amoedo, Jaime Serín, Victoriano Novas, Manuel Puga Rodríguez, Nemesio Sotelino, Jesús Soto, Abel Fontán, Ramón Suarez, Ángel Fontán, Rufo Domínguez, Lino Reguera e José Villanueva. Daquela querían construír un hospital en Redondela, pero o proxecto nunca se chegou a realizar. A súa maior contribución á vila foi a construción da Graduada Escola José Figueroa (actual centro da terceira idade sito na Xunqueira), na honra do que fora presidente fundador.

Asociación de Maestros de Redondela (Junta local de Primera Enseñanza)
Constituída en maio de 1921, coa seguinte xunta directiva: presidente, José Gallego Martínez, director da graduada; vice, Manuel Palmeiro, mestre de Cedeira; secretario, Joaquín Pais, mestre de sección da graduada; vice, José Antonio Núñez, de Saxamonde; tesoureira, María Castro, directora da graduada; vice, Telesforo López, de Chapela; vocais: Sofía Rodríguez, de Vilavella, e os mestres de Mos, Fornelos, Pazos e Soutomaior.
           En marzo de 1923, nunha reunión da Asociación Provincial de Maestros, á que non asistiu José Gallego, considérase inexistente a de Redondela por non renovar a directiva e non satisfacer as cotas. Acórdase deixala sen representación ata que formalice a súa situación coa Provincial.
En outubro, baixo a presidencia de Antonio Magariños, director da graduada de Cambados e presidente da Federación provincial de Mestres, organizouse a sociedade dos mestres do partido de Redondela coa seguinte xunta directiva: presidente, Manuel Martínez Otero, mestre de Mos; vice, María Castro Lago, directora da graduada; tesoureiro, Telesforo López de Guereñu, mestre de Chapela; vocais: José Santos Fidalgo, de Fornelos; José María Orge, de Pazos; e Manuel Vidal, de Soutomaior.
           En novembro dese mesmo ano, o director da graduada e por acordo da xunta de mestres de Redondela, invitou a distinguidos persoeiros da localidade a unha serie de conferencias para adultos que se celebrarán unha vez por semana durante o curso actual. Outra decisión foi a de invitar ao cura párroco de Redoondela a dar clases de relixión na graduada.
Tralo golpe de estado de Primo de Rivera, volta a constituírse o 26 de marzo de 1924, por orde do delegado gobernativo, José Del Río.

Asociación de las vítimas del mar
            En 1886 o Bispo de Tui estableceu esta asociación para socorrer ás vítimas dos naufraxios nas costas do bispado. O proxecto baseábase en establecer catro centros, en Vigo, Bayona, La Guardia y Redondela, coas esmolas dos particulares e mariñeiros que se inscribiran na sociedade. Todos eles gozarían "de una porción de Indulgencia desde el momento en qne contribuyan á tan caritativo propósito, se atanderá al socorro de las victimas ó de sus familias, en la forma qae sea más prudente y equitativa".

Batallón infantil
            Creado en 1911 por mor das festas da Coca, En 1911, contaba con 50 nenos-as. Sería o paso previo á constitución do Corpo de exploradores.

Braceros del Mar, La Luz
Un xornal de outubro de 1903 informa que foi suspendida nas súas funcións a “Sociedad de Marineros de Redondela”. Suspensión que se fixo extensiva á sociedade que baixo o nome “Braceros del mar, La Luz”, ía a abrirse na casa de Manuel Montero Iglesias.

Casino.
            Esta sociedade foi unha gran dinamizadora da vida cultural e social de Redondela. Destacouse como organizadora de veladas, tanto musicais como teatrais, e de bailes no Entroido, Nadal... Moitas veces estas funcións tiñan carácter benéfico.
Atopo referencias a esta sociedade en 1896, tendo daquela o seu local na Rúa Alfonso XII, cando acordan colocar no salón de sesións o retrato do Xeneral Rubín. Tamén no seu salón houbo unha foto de Juan Manuel Pereira, ministro embaixador plenipotenciario en China e Siam, sobre un elefante branco. Outro persoeiro homenaxeado sería Alejandro Otero Fernández, quen sería nomeado presidente honorario desta sociedade a finais de 1926.
En abril de 1927 trasladouse ao primeiro andar da casa propiedade de Manuel Pereira Míguez na mesma Rúa Alfonso XII, onde hoxe se atopa a Farmacia de María Rita.
Entre outros estivo presidida por: Julio Salgado Trillo (1909, xuíz de 1ª instancia), Casto Castro (1912), Ventura Domínguez (1918), Eladio Martínez (1922), Otero Fernández (1923), Telmo Bernárdez Santomé (1926), Luis Pereira Míguez (1929), Olimpio Giráldez (1934), Francisco Cunqueiro Montenegro (1935), Antonio Criado Fontán (1946), Bernardo Alfaya García (1956), Ramón Amoedo Esteiro (1957)... A sociedade vai indo a menos, en parte pola competencia do Centro Recreativo, ata desaparecer nos anos 70 do pasado século.

Centro Científico Deportivo
Esta asociación foi constituída en 1908 a partires do primeiro club de fútbol da vila, o Redondela F. C. Era, por dicilo de algunha maneira, a competencia do Casino.
Entre as súas actividades destacaban os bailes e a organización de festivais musicais e teatrais que en moitas ocasións eran a prol dos máis necesitados. Case sempre se celebraban en locais como o Salón Míguez ou o Café América. Contaba cun cadro de declamación da vila, formado cara a 1909. O 6 de xuño dese mesmo ano, organizou o primeiro campionato de fútbol que se celebrou en Redondela, participando catro equipos vigueses: Vigo, Athletic, Progreso e Industriosa.
Nun principio ocupou unha casa propiedade de José Castilla na actual rúa Padre Crespo. En febreiro de 1910 chegouse a un acordo co propietario dunha casa en Alfonso XII para que a ampliara cara a Xunqueira co fin de instalarse nela.
En novembro de 1915 celebrouse unha función a prol dos máis pobres, na que actuaron o orfeón e a orquestra do barco. a tripulación do transatlántico alemán Goeben, fondeado na Regasenda dende o inicio da I Guerra Mundial, agradecendo a boa acollida dispensada polos veciños de Redondela.
Entre os seus presidentes estiveron: Olimpio Pereira (1912) e Saturno Cal (1916). A actividade desta sociedade foi decaendo e probablemente desaparecería pouco despois de 1917.

Centro de Hijos de Redondela en Montevideo (Uruguai)
            Fundada en 1913, estaba xestionado pola seguinte directiva: presidente, Andrés Toucedo; vicepresidente, Antonio Alfaya; secretario, Benito Soutullo; pro, Ramón Domínguez; interventor, Juan Fernández; depositario, Juan Lamas; vocais: Ramón Núñez, Vicente Domínguez e Vicente Lamas.

Centro Obrero
            Constituído en Redondela cara a 1910. En 1928 daría unha conferencia o secretario da sección da Construcción da Unión General de Trabajadores (UGT), Anastasio Gracia.

Centro de Redondela y su distrito (Argentina)
Rafael Fontenla Camiña, presidente da sociedade en 1932. Foto: Vida Gallega
No Nadal de 1908 os emigrantes de Redondela en Buenos Aires envían a cantidade de mil pesetas para repartir entre os pobres.
En agosto de 1909 créase en Bos Aires a Unión Provincial de Residentes de Pontevedra. Na súa directiva e como representante de Redondela estaba Enrique Martínez.
En abril de 1913 créase en Bos Aires, Hijos de Redondela, coa seguinte directiva: José Fernández, presidente; Crisanto Bula, vicepresidente; Jesús Prego, secretario; Genaro Rivas, vicesecretario; Juan Míguez, tesoureiro; Luciano Crespo, vicetesoureiro. Vocais: J. David Rivas, Isidoro Otero, Fernando Docampo, Leodegario Bujones e David Cortizas. Revisadores de contas: Manuel Muíños, Francisco Martínez e Luis Esteiro.
En xuño de 1930: “Para as familias dos náufragos dos vapores pesqueiros, recibíronse 2.570 pesetas enviadas desde Bos Aires, polo Centro de Redondela en Arxentina e o seu distrito”.
O 10 de xaneiro de 1932 este centro organiza unha festa campestre no recreo “Los Álamos”, sendo amenizada pola orquestra Apolo. O 29 de maio celebran a Festa da Coca cun festival no que se representou a revista “Redondela enxebre”. En xullo dese mesmo ano este centro doará 1.000 pesetas para material escolar, avisando que enviarán 2.000 máis.

Círculo Mercantil e Industrial
           Constituída en novembro de 1926 polos comerciantes de Redondela. A primeira directiva a formaban: presidente, Joaquín Cardalda Feijoo; vice, José Reboredo Blanco; secretario, Miguel Villar Sánchez; vicesecretario, León de la Rosa Escobar; tesoureiro, Cecilio Reboredo Blanco; e contador, Manuel Suárez Iglesias.
No seu local organizaban bailes entre outras actividades.
En 1927 despois da inauguración do teléfono en Redondela, que aínda contaba con poucos abonados, esta asociación dirixiuse ao Concello para solicitar a conexión da liña telefónica con Vigo e Pontevedra. En xullo dese ano tamén solicita á compañía telefónica que considere Redondela como do centro urbano de Vigo, para evitar que as comunicacións con aquela cidade sexan consideradas conferencias.
           En outubro de 1929 xa desaparecera esta sociedade aínda que se seguían a empregar os seus salóns para diferentes actos.

Círculo Recreativo de Arte y Cultura de Redondela.
            En xaneiro 1916, a maior parte dos socios da extinta Círculo Católico de Obreros reuníronse para crear esta nova sociedade. Nesta sociedade organizáronse conferencias, bailes e funcións teatrais, contando co seu propio cadro de declamación e orfeón.
En 1922 foi nomeado presidente honorario Avelino Giráldez Pazó. Entre outros estivo presidida por: Manuel Martínez (1922), Enrique Figueroa Montero (1923) ou Buenhijo Pérez Sobrino (1923). Probablemente desapareceu no 1924.

Comisión de Abastos.
         En xullo do 1933 o seu presidente José Vidal Ramón, acompañado da garda municipal, fixo unha inspección do peso do pan, tratando de incautar o que non cumpría o peso, provocando a protesta de varias veciñas que se atopaban na praza.

Comisión recaudadora para el Aguinaldo del Soldado.
          Acadaba fondos para os soldados de Redondela que estaban loitando en África. En 1921 formouse por iniciativa de Mari Conde, esposa do director da escola graduada de Redondela. Formaban a comisión Josefina Trasande, Rita Bula, Josefa Fernández, María Criado, María Feijoo e María Mandado.
Ademais contaron coa axuda do sacerdote Manuel Martínez e o procurador Generoso Muíños que organizaron un festival para recadar fondos. Celebrouse no Círculo Recreativo e actuaron o cadro de declamación e un novo orfeón dirixido polo propio Manuel Martínez.

Comisión para la postulación para los soldados heridos y enfermos de las campañas de Cuba y Filipinas.
En xaneiro de 1897 verificouse unha postulación a prol dos soldados enfermos e feridos que regresan de Cuba e Filipinas. A comisión precedida pola banda municipal, estaba formada polo alcalde, Luciano Fernández Gándara; o abade párroco de Redondela, Bernardino Couñago; o vicario de Vilavella, Francisco Alonso; o concelleiro, Olimpio Táboas; o secretario do Concello, Paulino Otero García; e o escribinte do Concello, Casto Castro.

Comité local de Autonomía de Galicia.
       Quedou constituído en xuño de 1936 por: presidente, o alcalde Serafín Dacosta Paz; secretario, Jesús Olimpio Giráldez, polo Partido Galeguista; vocais, José Pereira Míguez, polo Partido Socialista; Luis Telmo Bernárdez, por Izquierda Republicana; Sabino Villanueva, pola Federación Agraria do término; Domingo Fernández, polo Partido Comunista; e José Darrosa, pola Unión General de Trabajadores. Este comité instalou as súas oficinas na Casa Consistorial, para informar a quen o desexase. O próximo domingo celebrará na Casa Consistorial unha xunta xeral con delegados de todas as organizacións da provincia. 



Corpo de Exploradores de Redondela.
Comité do Corpo de Exploradores, 1918 Vida Gallega.
En outubro de 1917 constituíuse en Redondela o Consello local de Exploradores, formado por: Presidente, Claudio Contreras Valiñas, deputado provincial. Vicepresidentes: Jose María Sanmartín Catoira, párroco de Redondela; José Sátiro Redondo Cal, párroco de Vilavella; e Pedro Otero Milleiro, alcalde. Tesoureiro, Justo Miguel Tojeiro, depositario do Concello. Contador, Ricardo Contreras Valiñas, recadador de contribucións. Secretario, Buenhijo Pérez Sobrino, director de “La Idea”. Vocais: Antonio Ocampo Fraga, médico municipal; Avelino Giráldez Pazó, Juan Suárez Iglesias, Juan López Fragueiro; e Laureano Lago Núñez, concelleiros; Celso Milleiro Seoane, secretario do Concello; José Reboredo Blanco e Isaac Cortiza Baz, comerciantes; Antonio Rodríguez Lamas, propietario; e Tomás Lago Garrido, practicante de cirurxía. Xefe de tropa, Generoso Muíños Arines, procurador dos tribunais. Instrutor, Joaquín Fernández Álvarez, sarxento da Garda Civil retirado.
Chegou a estar formado por 80 rapaces. O uniforme estaba composto por unha camisa caqui, un pantalón corto de pana, botas e pano anoado no pescozo. Contaba cunha banda de cornetas e tambores e gañaron o primeiro premio nun concurso provincial celebrado en Pontevedra.
A chegada ao goberno de Primo de Rivera supón un novo pulo para os corpos de exploradores que vivirán os seus anos de maior actividade. En Redondela, en marzo de 1924 por iniciativa do Delegado do Goberno, José del Río Jorge, realizouse unha reunión para reorganizar esta asociación que apenas tivera actividade nos derradeiros dous anos. Pouco despois o presidente do corpo, Pedro Otero Milleiro, sería substituído por Avelino Giráldez Pazó (a súa filla Sara Giráldez Fernández exercía de madriña). O xefe da tropa Generoso Muíños, sería a súa vez substituído por un tal García e posteriormente por José Gallego Martínez, director da graduada de Redondela. O cargo de instrutor sería desempeñado daquela por Paulino García e Manuel Piñeiro, e posteriormente por Antonio Lesmes.
Corpo de Exploradores. 1918, Vida Gallega
En abril de 1924 o Redondela FC arrendou como campo de fútbol a finca de Petán, onde unha casa que pasou a ser empregada como local dos Exploradores e Somaténs.
Os domingos e festivos ían realizar excursións a montes e vilas veciños. O acto máis importante que celebraban todos os corpos era o xuramento. Tamén participaban coas tropas veciñas (Vigo, Pontevedra, Porriño e Marín) en marchas, festas, homenaxes...
Como exemplo, enumero a continuación algunhas das actividades máis importantes que realizaron:
En xullo de 1924 encabezan coa banda de tambores e cornetas o recibimento dado ao xeneral Primo de Rivera na súa visita a Redondela.
En 1926 na vila de Porriño, xunto cos exploradores de Porriño e Pontevedra, asistiron ao funeral de Ramón González benefactor daquela vila.
En 1926 durante as festas da Coca realizaron a promesa presididos por Avelino Giráldez Pazó.
En outubro de 1927 desfilaron en Pontevedra ante o rei Alfonso XIII e a raíña Victoria.
Sereis para ser buenos
mejores cada día
con este faro y guía
cumplir nuestro deber...

Non atopo máis noticias deste corpo trala proclamación da I República en 1931.

Foto: publicada en "Redondela crónica gráfica"
Delegación da Caixa de Crédito Foral no distrito de Redondela
         A principios de 1924, polo Gobernador civil foron nomeados Vocais da Delegación da Caixa de Crédito Foral no distrito de Redondela: Avelino Giráldez Pazó, Saturno Cal Muíños, Pedro O. Milleiro, Manuel Pereira Míguez, Manuel Elías Martínez e Felipe Hermida Pérez.

Federación Obrera de Chapela
        A finais do 1900 o xulgado de Redondela instruía sumario sobre abusos cometidos pola Federación Obrera de Chapela, que impuxera multas a varios veciños sen ter atribucións para facelo.

Fogar Méndez Núñez.
Ver Illa de San Simón

Gremios.
         Asociacións corporativas formadas por traballadores dun determinado oficio artesanal: xastres, zapateiros, toneleiros... Antes do Catastro de Ensenada (1752) xa aparecen carniceiros e panadeiros. Entre as súas tarefas estaban a de fixar os prezos dos produtos, controlar a calidade, vixiar a distribución da materia prima e sancionar a competencia desleal. Dentro de cada oficio existía unha diferenciación dos traballadores en mestres (propietarios dos obradoiros), oficiais e aprendices.

Grupo Masónico Alvar Fáñez nº 145.

Creado en 1894 e sendo promovido polo mestre de escola José Arca Villar, quen xa pertencera a unha loxa de Vigo.

En 1911 falece: Jesús Rivas Solla (simb.-. Robespierre)^ g""-'- 32> Presidente del Resp.'. Triáng.-. El Ibérico, nú-mero 59, de los Wall.", de Túy (Pontevedra), Miembro activo del Sob.-. Cap.*. Esperanza, núm. 8, y de la Sub.'. Cám.'. de Kadosch, Igualdad, núm. I.

Fora da nosa vila tamén foi masón o xeneral Rubín.

Xa no s. XX, Saturno Cal, que se fixera masón durante a súa estancia en Porto, e Antonio Orellana, natural de Soutomaior e masón antes de chegar a Redondela, reorganizaron a masonería en Redondela. Nesta segunda etapa participaron: Telmo Bernárdez Santomé, José Enrique Pereira Míguez, José Figueroa Montero, Saturno Cal Muíños, Juan Amoedo Seoane e Nicolás Salmerón, todos eles compoñentes de Los Jóvenes Turcos, ademais de: Manuel Rey Soto, Ismael Gómez, Narciso Martínez, Víctor García, Ricardo Mariolo, Julio Bouzas Gallego, Juan Santos García Rodríguez, Manuel Moreira Portela, Leopoldo Otero Otero (Pesquerello), Julián González Lemos, Jesús Bernárdez Gómez, Enrique Sánchez Cadavieco, Edmundo Villasanta Pérez e Alejandro Otero Fernández.

Outro redondelán citado como masón sería Amado Ricón Villar.


Porta con símbolos Masónicos, 2011. Foto: J Migueles
Junta de Protección a la Infancia
 
Directiva da Junta cos mestres de Redondela, 1928. Vida Gallega


 
Liceo de Artesanos.
            Creada en xaneiro de 1897 era presidida por José Fernández Ferreira, sendo depositario Manuel Pérez Rivas e secretario Buenhijo Pérez Sobrino. Ese mesmo ano, organizou bailes os tres días de entroido, ademais de formar unha comparsa. En marzo de 1899, a Dirección General de Instrucción Pública concédelle unha “biblioteca popular”.

Liga de Contribuyentes.
           Organización involucrada na vida política da vila. No 1892 conformouse a primeira directiva con Manuel Pérez Albán, Presidente (seguía no cargo en 1897) e vicepresidentes: Manuel Amoedo Acuña (presidente en 1900) e Demetrio Paz. Pertenceron a esta asociación: Juan Manuel Otero Milleiro, Pedro Otero Milleiro, Manuel Pérez Rivas... En contra da opinión do seu presidente, deixaron de criticar ao Partido Liberal a cambio de nomear concelleiros a varios membros da Liga.

Liga Popular.
          A principios dos anos 20, xunto ao Círculo Recreativo era a asociación cultural máis importante da vila. Probablemente, era a continuación do que fora centro Científico Deportivo. No 1923 era presidente Francisco Cunqueiro Montenegro. Ademáis de organizar conferencias, bailes...; contaba cun equipo de fútbol de igual nome. En febreiro de 1924 desaparece esta asociación, constituíndose no mesmo local unha nova sociedade de recreo e deportes, chamada Redondela.

Liga de Propietarios
           En agosto de 1926, o gobernador civil provincial aprobou o reglamento desta nova sociedade. Creouse co fin de evitar e perseguir os danos que viñan sendo causados polo gando que entraba nas propiedades e os repetidos furtos de froitos e productos forestais. En 1928 estaba presidida por Avelino Giráldez Pazó.

Patronato de Animales y Árboles
A mediados de 1928 elevouse á superioridade a proposta da seguinte directiva: Presidente, Saturno Cal, alcalde; vocais: José Sátiro Redondo (párroco de Vilavella) e María Castro, mestra; Pedro Otero, farmacéutico, e José Pereira, médico, en calidade de veciños.

Recreo Artístico de Redondela
        Atopo unha referencia a esta asociación en 1876.

Redondela Football Club
          Primeiro club de fútbol da vila, formado en 1907, por iniciativa de Saturno Cal Muíños, e fundado oficialmente en xaneiro de 1908. Tivo o seu primeiro local en Vilavella, no primeiro piso da casa de Isaac Reboredo Fernández (veterinario xubilado, pasando máis tarde á de Emilia Táboas, na rúa Alfonso XII. Logo integraríase no Centro Científico Deportivo, na mesma rúa, nas casas de Fernando Fernández Esteiro (procurador) e Luis Pereira Míguez (farmacéutico).

Redondela Football Club
            Sociedade cultural e deportiva nada en febreiro de 1924 a partires da Liga Popular. Entre as primeiras medidas que asumiu foi a reorganización do equipo de futbol, que pasou a chamarse Redondela F. C., e o arrendamento e construción do campo de Petán. No seu local organizábanse conferencias, bailes e representacións teatrais. A primeira directiva estaba composta por: presidente, Pedro Otero Sestelo; vicepresidente, Bernárdez Fernández; secretario, Avelino Cal; vicesecretario, Aurelio Adán; bibliotecario, Paulino García; administrador, José Lago Otero; vocais: José Méndez, Antonio Lago e Arturo Campuzano.
           En 1925 organiza durante catro días bailes de entroido, un deles infantil. A mediados dese ano esta asociación debe abandonar as súas instalacións porque o propietario quería reformar a casa. A finais deste ano a sociedade vai á deriva, segue sen novo local e na directiva non se cobren as baixas.
En 1928 elixiuse como xunta directiva a: presidente, Antonio Ocampo; vice, José Orge; secretario, Heliodoro Rivas; vice, Aurelio Adán; administrador, Joaquín Cardalda; vocais: Manuel Barros, Claudio Rodríguez, David Cortinas e Bernardo Castro.
É difícil saber cando se disolveu a sociedade pero o equipo seguiu competindo cando menos ata 1941.

Salón Circo de Artesanos
           En xuño de 1893 a Xunta de Defensa acordou presentar unha querella criminal contra o xuíz de instrución e o inspector xefe de policía, por ordenar e executar, respectivamente, a clausura do Salón Circo de Artesanos.

Sociedad de Canteros
           En marzo de 1920 estivo representada polo seu presidente, José Bouzas, nunha reunión no Concello para tratar que o tranvía chegara a Redondela.
En 1926 esta sociedade declarouse en folga por negarse os patróns a aceptar o aumento de salario dunha peseta diaria. O alcalde Saturno Cal reuniuse con ámbalas partes chegándose ao acordo de aumentar 50 céntimos o un de agosto e outros 50 a primeiros de ano. A sociedade de Canteiros desconvocou a folga e deulle un voto de grazas ao alcalde pola súa xestión.
En 1927 estaba presidida por Manuel Rey Soto e en 1929 por Manuel González Narciso.
Sociedad de Carpinteros y oficios varios “La Razón”
En outubro de 1926 acordan pedir un aumento de xornal aos patróns. En 1932 estaba presidida por Serafín Dacosta.

Sociedad de Caza y Pesca
Constituida o 15 de setembro de 1929, despois da lectura do regulamento elixiuse por unanimidade a seguinte xunta directiva: presidente, Antonio Ocampo Fraga; vicepresidente, Francisco Cunqueiro Montenegro; tesoureiro, José Sobrado y Sobrado; contador, Amador Pérez Sousa; secretario, Heliodoro Rivas Rivas; vice, Manuel Moreira Portela; vocais Enrique Vilas Alonso, Bernardo Graña Pérez e Benito Casas y Casas. En abril de 1930 foille concedido o aproveitamento da caza nos montes deste termo municipal.

Sociedad Fénix
           O Fénix F. C. foi un club de fútbol nado ao desligarse a sección deportiva do Centro Científico Deportivo. Debeuse constituír tamén como sociedade cultural, xa que nunha nova de 1916, aparece Bernardo Fernández como representante da Sociedad Fénix e membro da comisión pro-náufragos do barco Oquendo.

Sociedad Juventud de Chapela
         Sociedade de Chapela que en 1924, presidida por Antonio Collazo, organizou a Festa do Santo Cristo das Maravillas e a Purísima Concepción. Ao ano seguinte a comisión desta festa estaba composta por Basilio Riveiro, Antonio Collazo, Ventura Lago e Jesús Lago. Foi amenizada por un grupo de gaitas e as bandas de Cabeiro e do Rexemento de Murcia. Contaba cun pirotécnico de Lavadores, xigantes e cabezudos, iluminación eléctrica e servizo especial de tranvías.

Sociedad de Marineros de Chapela

Sociedad de Marineros de Redondela
Antes da súa formación os mariñeiros de Redondela e de Santa Mariña (daquela pertencente a Cesantes), xa estaban agrupados no Gremio do Mar, que tiña por patrón a San Xoán. No 1730 este gremio pedíalle ao comerciante asturiano Alonso Vitoreo Calunga un empréstito de 600 pesos para axudar ás familias dos mariñeiros que son destinados ese ano ó exército. No 1751 preitean contra os mariñeiros de Cangas para que deixaran de empregar a “manjarda y trabuquete”.
A Sociedade de Mariñeiros de San Juan naceu como unha organización mariñeira no ámbito da Confederación Regional Galaica (CRG) de tendencia anarquista. Nun principio o patrón maior era elixido polo alcalde. Na década dos 30 estaba na órbita do sindicalismo socialista, sendo presidida en 1930 por Valentín Rodríguez Chamorro. En 1932 contaba con 1000 afiliados. Despois da Guerra Civil as Sociedades Mariñeiras foron convertidas en Confrarías.
Reunidos xa como colectivo, no 1890 alugaron un local na avenida de Santa Mariña. En 1910 estaban instalados na rúa Ribeira. A finais da década dos 70 trasladou a súa sede á avenida Mendiño ó edificio coñecido como Casa do Mar.
Nos inicios do século XX, cando había un naufraxio organizaba bailes ou funcións de teatro ou música co fin de recadar cartos para as familias. Tamén celebraba bailes os días de festa (entroido, Nadal...), moitas veces a beneficio dos máis necesitados. Noutras ocasións os motivos eran especiais, como en xuño de 1917, cando o xeneral Antero Rubín y Homent, presidente honorario da sociedade, foi nomeado Capitán General de Galicia.
No Nadal de 1927 os redondeláns emigrados en Norteamérica doan cartos a esta sociedade para que os reparta en especies e en metálico entre os máis necesitados da vila. Esta iniciativa repetiríase cada ano cando menos ata 1930.
Sociedade de Mariñeiros de Redondela. Sen data. Foto: "Redondela crónica gráfica"

Sociedad de Marineros de Redondela en Montevideo (Uruguay).
En maio de 1916, envíanlle a cantidade de 450 pesos ouro á Sociedade de Mariñeiros de Redondela para obras no seu local social.

Sociedad de Vidrieros y similares de Rande
Cando menos en 1924 recollería aos traballadores da Vidriera Gallega.

Sociedad General de Autores
En agosto de 1908 foi nomeado representante para Redondela Eulogio Padín Padín.
En outubro de 1932 é reelixido como delegado desta sociedade, Jesús Sánchez Otero.

Sociedad Obrera y de oficios varios "La Razón"
En febreiro de 1906 acordase non admitir a rapaces menores de 14 anos e que non saiban ler nin escribir. Antes de 1910 a súa sede atopábase na actual Padre Crespo.
O programa da festa do Traballo para o 1 de maio de 1910 é o seguinte: As 7 da mañá bombas de palenque e Banda Municipal. Ás 10 mitin na sociedade, despois se levarán as conclusións ao Concello. Ás 2 paseo dos traballadores a Reboreda e ás 10 falarán varios oradores na Sociedade.
En 1911 foi nomeado presidente Guillermo González e vicepresidente José Villaverde Abelleira.
En maio de 1912, con motivo de celebrarse a Festa do Traballo, nesta sociedade falaron varios oradores de Vigo.
            En marzo de 1920 estivo representada polo seu presidente, José María Crespo, nunha reunión no Concello para tratar que o tranvía chegara a Redondela. En 1926 pola iniciativa desta sociedade, o Concello acorda poñerlle á rúa Cruceiro o nome de Pablo Iglesias. Mais non será ata 1930, cando se lle da á actual R. Telmo Bernárdez o nome do fundador do partido socialista.

Socorro Rojo Internacional.
         Constituído de forma legal en Vigo en outubro de 1931. En Redondela, na época de posguerra encargábase de recoller roupa ou diñeiro para asistir aos presos na Illa de San Simón, así como para facer de contacto cos seus familiares. Tamén asistían as familias con menos recursos dos perseguidos. O centro de operacións era a farmacia de Luis Pereira Míguez (marido de Ernestina Otero) e despois da súa filla Gemma, xa que era un local no que a entrada de xente non levantaba sospeitas. As mulleres e homes que se atrevían a levar o recollido á illa sufrían, as veces, violacións e vexacións, elas, e malleiras, eles.

Unión Redondelana.
          Sociedade que en 1880 ofrecía actuacións teatrais.

Autor: J. Migueles


BIBLIOGRAFÍA

BIBLIOGRAFÍA

SEREN

Nº3. Os Eidos: “A vila dos mortos”. J. A. Orge Quinteiro.

Arredor de nós. Historia da Policía Local 1863-2003. Gonzalo Amoedo López e Roberto Gil Moure. 2003.

Ernestina Otero Sestelo. Pedagoga. Manuel Puga. Ed. do Castro, 1992.

Redondela, crónica dun tempo pasado. A Segunda República e o primeiro franquismo. Gonzalo Amoedo e Roberto Gil. Edicións do Castro 2002.

Galeguismo e sociedade na Redondela da Segunda República. Lois Barros. Edicións do Castro.

As vilas de Redondela nos tempos do Catastro de Ensenada: Xoán Miguel González Fernández. Ed. Concello de Redondela.

A prensa en Redondela. Aproximación histórica 1883-1933. Gonzalo Amoedo e Roberto Gil.

La Vanguardia (dende 1881): www.lavanguardia.es/hemeroteca

Tierra Gallega (Uruguay)

Galiciana- http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es => El Pueblo Gallego, El Ideal Gallego, Diario de Galicia (Santiago), La correspondencia gallega, El Eco de Galicia, Boletín Oficial del Colegio Provincial de Médicos de Pontevedra, El Correo de Galicia, La Idea, El Noticiero de Vigo, La Integridad, El Progreso, El Diario de Pontevedra, Gaceta de Galicia, El Heraldo Gallego, Céltiga, El Regional…

Biblioteca Nacional de España www.hemerotecadigital.bne.es=> El Sol (Madrid), El Correo Militar, El Liberal, La Correspondencia de España.

Faro de Vigo

ABC: http://www.abc.es/hemeroteca

http://www.csbg.net/ :

www.egu.es

Libros de poemas de Félix Fernández:

  • Poemas.

  • Poemas de una vida.

  • Historias do meu pobo.

Aportes: Gonzalo Amoedo

Boletín oficial del Gran Oriente Español.


No hay comentarios:

Publicar un comentario