lunes, 23 de noviembre de 2020

Sucesos. Finais do S. XIX

 

1862, maio. Faleceu en Redondela o inspector de ferrocarril José Barral. O cura de Redondela negoulle sepultura e dous días despois o corpo continuaba sen enterrar. O finado traballara durante moitos anos como cocheiro para os Marqueses de la Vega de Armijo.

1876, 18 de outubro. Polo Goberno da provincia de Pontevedra encárgase a detención de Josefa González Gómez, xove de 15 anos, que desapareceu da casa paterna en Redondela.

1881, 19 de novembro. En Redondela houbo un intento de roubo no que se cruzaron varios tiros.

1882, 06 de outubro. O arresto en Vigo do tenente da garda civil do posto de Redondela, D. Antonio Fernandez Rios, obedece á disposición dun comandante fiscal, sin prexuízo de que no xulgado de primeira instancia do mesmo distrito se lle instrúa tamén causa por agresión á muller do carabineiro Domingo Seoane Barros, á que sorprendeu roubando madeira na estación.

1885, 13 de agosto. Pola Garda Civil de Redondela foi detido e posto a disposición do xuíz, Manuel Ramiro, natural de Cabeiro, que tentou ferir cunha fouce á súa nai e ao cura de dita parroquia.

1888, 03 de maio. Na noite de antonte detiveron a uns rateiros no camiño que sirve de atallo entre Redondela e a estación. Asaltaron ao mozo que transbordaba as sacas da correspondencia, confundíndoo co peón que conducía un prego de valores declarados.

1888, 25 de agosto. En Pontevedra foron detidos dous mozos de entre 14 e 15 anos de idade, naturais de Redondela e Santiago respectivamente, que pretendían marchar en tren a Portugal. Ocupáronselle 56 duros e 3 pesetas, que lle roubaron a un veciño de Campañó.

1888, 28 de agosto. En Redondela un pirotécnico no momento de prender a dinamita, estoupoulle, esnaquizándolle unha man.

1889, 1 de outubro. O venres pola noite forzaron a porta da igrexa de Chapela. Os ladróns non puideron atopar nada de valor polas precaucións que toman agora os curas.

1891, 8 de decembro. En Redondela, Ceferino Miguez, se foi atacado polo seu veciño alcuñado “Patis”, que lle deu unha coitelada no costado. Por sorte, a ferida non é de gravidade.

1892, 10 de xullo. En Rande houbo un altercado entre carabineiros e veciños, no que resultou ferido unha persoa.

1892, 14 de xullo. Folga das mulleres da vila contra os consumos. O 23 e 24 folga en Pontevedra cun morto por baioneta e varios feridos de bala. Unha semana despois son as leiteiras as que se manifestan en Vigo, estando as de Chapela entre as máis exaltadas. Os disturbios chegarían a Ourense, morrendo un médico que presenciaba os sucesos dende un balcón.

1894, 6 de xuño. Roubaron na administración de consumos 1.500 pesetas, aparecendo a porta aberta sen ser violentada.

1895 Prohíbense as fiadas do liño, que congregaban moita xente, por mor das pelexas que se producían. O alcalde J. M. Otero Milleiro multou ás donas das casas de Cedeira onde se seguían a celebrar.

1895, 20 de xuño. Estando traballando en bombas Ramón Varela, fixo explosión unha delas, levándolle a única man que tiña.

1896, 13 de maio. Foi roubado por dous forasteiros o tendeiro de Cesantes Ángel Rodríguez. Tamén roubaron en Arcade.


1896, 5 de xuño. En Redondela foi roubado o Fielato Central, que existe nunha das dependencias da Praza de Abastos. Calcúlase que se roubaron 1.500 pesetas. Crese que o ladrón ou ladróns coñecían que alí se atopaban eses cartos que o Concello pensaba ingresar na provincia para atender aos seus débitos.

1896, 9 de outubro. En Quíntela foi detido por la benemérita o xove de catorce años Luís Piedras Camina, autor do roubo dun reloxo coa súa cadea ao párroco de dita parroquia.

1897, 15 de marzo. Aproveitaron a ausencia da veciña de Redondela Emilia Esteiro para roubar na súa casa algunhas xoias e 3.000 reais en metálico. Tamén roubaron en Reboreda, na casa de Antonia Vidal Bastos, de Otero, levándose nove onzas de ouro e varias xoias de bastante valor.

1897, 26 de xaneiro. Pola garda civil de Redondela foi detido José Álvarez Crespo, veciño de Negros, presunto autor do roubo de 8 puntóns de castaño ao seu veciño Manuel Pazos Álvarez.

1897, 19 de febreiro. Unha parella de Cabral foi atracada cun revólver á altura da granxa de Agrelo por un xove de 20 ou 22 anos que non puido ser identificado.

1897, 6 de agosto. Na Audiencia provincial ingresou onte o sumario de Redondela sobre roubo de 400 metros de arame e 10 postes da liña telegráfica.

1897, 24 de setembro. Unha parella da benemérita de Pontevedra conduciu un carro ata Redondela con obxectos roubados reclamados polo xulgado de Vigo. Nesta vila foron relevados polos gardas Onofre Vázquez e Marcelino Fojo que continuaron camiño. Preto da chamada "Taberna Nova" desbocáronse os cabalos, chocando nunha curva co coche de Miguel Iglesias. O carro dos gardas envorcou quedando debaixo o Sr. Vázquez que sufriu a fractura dun brazo e numerosas contusións. O Sr. Fojo levou un forte golpe na cabeza que o deixou inconsciente e o Sr. Iglesias tivo máis sorte saíndo ileso. Un inglés que viña en bicicleta trouxo a noticia á vila, presentándose no lugar o xuíz Sr. Serantes e o médico Sr. Queimaliños. Os feridos, pais de familias numerosas en Redondela, foron trasladados ás súas residencias.

1897, 14 de outubro. Forzaron a porta do restaurante da estación e roubaron setecentas e pico de pesetas e botellas entre outras cousas.

1899, 27 de marzo. Por unha “ela” tiveron un encontro dous rivais no adro da igrexa de Redondela. Dise que un é un “pai” e o outro un mozo que frecuenta o Concello, onde exerce un cargo dende hai tempo. Por mor da rivalidade soou o disparo dun revólver, que se converteu no tema de todas as conversacións. Felicitamos aos contrincantes por saíres ilesos da contenda.

 1899, 7 de abril. Roubaron na casa de José Gómez Cabaleiro, en Negros. Foron detidos Vicente (44 anos) e Antonio (36) Cabaleiro, e Manuel Fernández Álvarez (36), todos casados e veciños de Cabeiro.

1899, 8 de maio. Entraron a roubar na fábrica de curtidos do Sr. Ipiña, en Redondela, cruzándose varios tiros entre aquel e os ladróns.

1899, 19 de xuño. O día 8 roubáronlle a Eladia Muñiz, veciña de Redondela, cincuenta pesetas en metálica e varias prendas de roupa.

1899, 24 de xuño. En Saxamonde queimouse unha casa sen que houbera desgrazas persoais.

1899, 18 de xullo. En Sanxenxo foi detido pola Garda Civil o veciño de Dozón, Juan Antonio Castro, de 22 anos de idade que fuxiu da casa de Salustiano Méndez, onde servía coma criado, levándose os cartos que lle adiantara do seu salario.

189, 11 de agosto. O xuíz de Instrución interesa a busca e captura dos autores descoñecidos do roubo de roupa e carne, na casa de Benita Míguez Cabaleiro, veciña de Cesantes.

1899, 2 de novembro. A Garda civil de Redondela capturou a Manuel Otero Soto, María Benita Soto e Matías Soto Míguez, presuntos culpables do atentado cometido noites pasadas colocando dous cartuchos de dinamita na casa da súa veciña Vitoria Veiga, á consecuencia do cal, e pola explosión, quedou a casa convertida en ruínas, non perecendo por milagre a dona e un fillo dela que se achaban durmindo.



Autor: Juan Migueles


BIBLIOGRAFÍA

Arredor de nós. Historia da Policía Local 1863-2003. Gonzalo Amoedo López e Roberto Gil Moure. 2003.

Galeguismo e sociedade na Redondela da Segunda República. Lois Barros. Edicións do Castro.

En Galiciana-Biblioteca Digital de Galicia. Xunta de Galicia: http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es=> El Regional, El Pueblo Gallego, El Áncora, La Idea Moderna, El Progreso, Gaceta de Galicia, El Correo de Galicia, El Correo de Lugo, La Correspondencia Gallega...

Na Biblioteca Nacional de España: www.bne.es=> El Siglo Futuro, La Iberia, El Correo Español

La Voz de Galicia

http://www.lavozdegalicia.es/hemeroteca/

jueves, 19 de noviembre de 2020

Marcas apotropaicas e cruces.

Cruz no Muíño do Coxo

 

        As marcas apotropaicas son símbolos gravados coa crenza de que nos protexerán do mal e por extensión do demo. No Concello de Redondela principalmente atopamos cruces gravadas nas xambas e linteis dos muíños. Destas construcións dependían moitas familias. As colleitas de millo, trigo e, en mellor medida, centeo, moíanse para obter a fariña, que garantía o pan para todo o ano. O ter que moer de noite en lugares moitas veces afastados das casas explica os temores e medos dos muiñeiros. Tense recollido as referencias ao demo nas cantigas, lendas e contos das muiñadas e que, a maioría das veces, facía perder a honra ás mozas. Unha crenza que había era a de facer un círculo de fariña no chan e meterse dentro para estar protexido do demo. A influenza do cristianismo non se limita ao carácter das cruces, tamén divide o muíño en dúas partes: arriba onde se traballa, o ceo, e na parte baixa, o inferno.

 (Ver recompilación de Muíños https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/03/muinos.html )

(Ver referencias históricas https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2021/10/os-muinos-de-redondela-ao-longo-da.html )

Cruz no Muíño da Rata. Foto: Juan Migueles
Cruz no Muíño da Rata.

Cruz no Muíño da Xeringa. Foto: Juan Migueles
Cruz no Muíño da Xeringa.


 

 

 

 

 

        No noso Concello hai que destacar O Muíño Novo no Maceiras (ou Pugariño), en Chapela, pola gran cantidade de cruces que ten. Hainas de varios tipos, con peaña e sen ela, rodeada por un círculo... O máis curioso é que lle chamen Novo, cando estes gravados deberían indicar unha maior antigüidade. Hai que puntualizar aquí, que en Redondela temos referencias aos muíños dende o século XVI, pero ata un estudo máis profundo, tan só coñecemos a data da construción dos muíños que teñen gravado o ano, sendo os máis antigos do século XIX.



Algunhas das cuces do Muíño Novo (Chapela)

        Pero estas marcas non son exclusivas dos muíños, tamén poden aparecer en casas, igrexas ou mesmo en fontes. Este sería o caso da Casa da Torre, en Redondela (neste caso non podemos descartar que sexa un linde parroquial con Vilavella) ou a Fonte e Lavadoiro da Presa, no Viso.

 

Cruz na Casa da Torre

 

 

 

 

 

 Fonte e lavadoiro da Presa

 

        Outro símbolo protector, presente en muíños e casas, serían as coviñas que son habituais nos petróglifos prehistóricos e tamén podemos observalos vinculados a lindes. Curiosamente en Trasmañó atopamos un exemplo no Río Fondón co mesmo nome que o anterior, O Muíño Novo.

Coviña no lintel dunha casa en Pontesampaio. Foto: Juan Migueles
Coviña no lintel dunha casa en Pontesampaio (Pontevedra)


 
Coviña no Muíño Novo. Foto: Juan Migueles
Coviña no Muíño Novo (Trasmañó)
 


 

 

 

 

        Unha evolución da crenza da protección das cruces nas casas serían as cruces de canteiro colocadas nos linteis dos portais. Atopamos varios exemplos na nosa vila tanto en casas de certa importancia histórica, como a Alfóndega ou Casa Maruxa (Cedeira), ata outras máis modestas. 

 

Casa da Alfóndiga.
Casa en Chapela

Casa en Negros
 
Reitoral do Viso



 

 

 

 

 

         Como última curiosidade para rematar, comentar a existencia de cruces en pedras reutilizadas. Unha a atopamos no muro exterior do cemiterio dos Eidos e outra na escaleira de acceso ao adro da igrexa de Redondela.

Muro exterior do cemiterio dos Eidos.

Escaleira do Adro da Igrexa de Redondela.

 

Autor e fotos: Juan Migueles


BIBLIOGRAFÍA

Marcas apotropaicas en Pedra Vixía. Pablo Sanmartín. La Voz de Galicia.

Muíños nas terras de Redondela: Miguel Ángel Abraira Pérez.

Arquivo da Universidade de Santiago. USC.

O Viso. A construción dunha paisaxe cultural. Xurxo Constela Doce, A Citania S. L. Sociedade Cultural do Viso, 2020.

Visitas guiadas por Xurxo Constela, arqueólogo de A Citania S. L.

 


lunes, 16 de noviembre de 2020

Crónicas do tranvía

Desacarrilamento dun tranvia na Av. de Vigo. Publicada en:

Chapela de onte a hoxe. Gonzalo Mencía Castro

 

1912, 6 de setembro. Ao baixar do tranvía en Lourizán, a veciña de Salcedo Carmen Pereira Blanco, foi alcanzada polo automóbil de D. Manuel Amoedo, de Redondela. Trasladada á Cruz Roja, practicóuselle unha primeira cura, sendo despois trasladada en angarellas á súa casa.


1915, 14 de agosto. No alto do Toural, en Vigo, foi atropelada polo tranvía a veciña de Chapela María Fernández. Na Casa de Socorro aprecióuselle unha contusión na cadeira e outra na rexión fronto-auricular esquerda, con hemorraxia. O prognóstico é reservado. María ten preto de setenta anos e vive da caridade pública.


1917, 2 de maio. O día 18 Paulina Pérez Lourido ía pola Calzada de Teis levando un cesto na cabeza, cando ao tentar cruzar a vía foi atropelada por un tranvía. Recibiu un forte golpe na rexión occipital sendo recollida sen sentido. Trasladada á súa casa da Bouza (Chapela), antonte faleceu sen chegar a articular palabra. Ordenouse á Garda Civil pescudar o número do tranvía para proceder á detención do condutor e telegrafouse ao xulgado de Redondela para que se lle practique a autopsia ao cadáver.


1925, 22 de febreiro. Ás cinco do serán, pouco antes de chegar ás cocheiras de Chapela, ao tranvía da liña Vigo-Berducido rompeulle un eixo. O condutor tentaba frear o vehículo cando un coche que viña en dirección contraria obrigouno a realizar unha viraxe. O outro eixo tamén partiu e o tranvía envorcou. Por sorte tan só unha muller resultou ferida cunha contusión leve.

1934, 20 de outubro. En Vigo unha camioneta que ía con peixe cara a Redondela e na que ían varias mulleres ao chegar ao Areal atopouse nunha curva co tranvía de Chapela. Dolores López Fernández, de 56 anos, viúva e veciña de Redondela, crendo que ían chocar saltou da camioneta coa mala sorte de caer nas vías, sendo collida pola tranvía que lle seccionou a cabeza.

1950, 18 de outubro. Félix González Mosquera, domiciliado en Santa Tegra, caeu do tranvía en Chapela, sufrindo varias contusións e erosións.

1950, decembro. Os usuarios da liña de Chapela quéixanse do exceso de pasaxeiros polo que moitos deben viaxar na plataforma, da falta de alumeado no apeadoiro e da necesidade dunha dobre vía.

1958, 9 de novembro. Un camión sufriu unha avaría e quedou parado na vía do tranvía no preciso momento en que chegaba un destes vehículos, que fan o servizo de Cabral a Vigo, e que ía cheo de viaxeiros. O choque foi moi violento. Resultaron con feridas graves Benigno Collazo Alvarez, de 35 anos, veciño de Puente Cabra; Ramón Villar Iglesias, de 50, de Cabral; Manuel Crespo Creso, de 52. de Cabeiro-Redondela; Jesús Lamas Domínguez, condutor do tranvía, veciño de Teis; Eduardo Raujo Vila, de 44 anos, de Barradero, e Gerardo Jorge Villa-, de 40, da mesma veciñanza que o anterior. Tamén hai once feridos de prognóstico reservado e outros doce con lesións de escasa consideración.

1959, 9 de maio. En Laredo (Chapela), un turismo adiantou ao tranvía cando en dirección contraria viña un camión cargado de madeira, conducido por Benedicto Cabaleiro Villanueva. O camioneiro tentou pasar entre os dous vehículos pero non puido evitar chocar co tranvía, que quedou apoiado contra un poste eléctrico. Por sorte ta só resultou ferido leve nunha perna, o viaxeiro Benigno Torrado Hermo.


Autor: Juan Migueles


BIBLIOGRAFÍA

Galiciana- http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es => Diario de Pontevedra, El Eco de Galicia, El Pueblo Gallego, Galicia diario de Vigo, El Compostelano, La Integridad diario católico, El Correo de Galicia



Crónicas do aire.

 

Mercedes Corominas subindo en globo. Foto:lamasdono.blogspot.com

Aterraxe forzosa.

            O día 3 de outubro de 1909, os mariñeiros de Chapela víronse sorprendidos pola caída ao mar dun globo aerostático. Ao auxiliar ao tripulante nas súas barcas descubriron algo máis sorprendente, a nave era guiada por unha muller. Tratábase de Mercedes Corominas, aeronauta barcelonesa casada co tamén célebre aeronauta Sr. Montero, natural de Lisboa, que andaba a facer unha exhibición en Vigo.

            Era a segunda vez que visitaba a cidade olívica, sendo en agosto de 1908, cando se converteu na primeira muller en sobrevoar Vigo. Chegara procedente de Lisboa, onde fora alcumada a “Raíña do aire”, invitada polo Vigo Foot-Ball Club. No seu primeiro voo, o día 25, sairía do campo do citado club e veríase obrigada a arroxar case todo o lastre para remontar o monte Galiñeiro, tomando terra en Arruidos, Gondomar. O día 30 repítese a experiencia, nesta ocasión acompañada polo deportista vigués Manuel Ocaña, que finalmente debe baixarse por falta de presión no globo. Finalmente Mercedes Corominas en solitario chegaría a ascender ata os 3.800 metros, pero ao chegar a Valadares é recibida imprudentemente con foguetes e bombas. Ante o inminente perigo vese na obriga de desviarse e aterrar en Zamáns.

            Despois destas peripecias, marcharía a Coruña onde tamén pasa apuros. Naquela cidade o forte vento empúxaa cara o mar polo que se desvía, tomando terra en Meirás.


Conflito por un aviador.

Leoncio Garnier. Foto: Mundo Gráfico
Leoncio Garnier. Foto: Mundo Gráfico
 

            No verán de 1911, o aviador francés Leoncio Garnier foi contratado para facer unha exhibición en Vigo. Cando chegou a estación de ferrocarril de Redondela o agardaba o oficial Sr. Varela acompañado de dous policías coa orde do Gobernador Civil, José Boente, de trasladalo a Pontevedra para que fixera alí a súa demostración. Apesares da oposición do aviador que quería cumprir o seu contrato foi obrigado a voar na Xunqueira, durante as festas de Pontevedra.

            A Cámara de Comercio de Vigo fixo chegar as súas queixa ao goberno central, miles de persoas saíron as rúas para pedir a dimisión do gobernador, saíron a relucir todas as diferenzas entre Vigo e Pontevedra, a corporación viguesa co seu alcalde tivo que dimitir por permitir a afronta...

            O Gobernador lonxe de asumir o seu erro ordenou pechar durante un mes o xornal “El Noticiero de Vigo” por “... publicar conceptos que inducen a la rebelión.” Outra das súas medidas foi ordenar á Garda Civil de Vigo a vixilancia da liña férrea ata Redondela ante a posibilidade do corte do tráfico de trens cara a Pontevedra. Mais a presión exercida por Vigo, con comisión desprazada a Madrid onde permaneceu negociando máis dun mes, rematou por provocar o traslado de José Boente a Zaragoza o 21 de decembro de 1911.

            En Vigo, para resarcirse, en setembro dese mesmo ano sobrevoa a cidade o célebre aviador francés Jules Védrines que non tivo ningún contratempo cando chegou á estación de Redondela. O Noticiero de Vigo destacaría as súas cualidades engadindo: “Por aí, por unhas e outras cidades, coincidindo coas súas mellores festas anuais, andan outros aviadores, por outra parte moi estimables pero discípulos aínda, ensaiando voos cortos e realizando <<raids>> tímidos.”

 

Jules Védrines en Balaidos. Foto publicada en La Voz de Galicia


Accidente en Peinador

            O único accidente grave ocorrido en Peinador tivo lugar en 1994 cando un DC-9 de Aviaco procedente de Madrid tomou terra 75 metros antes de chegar á pista. Por sorte os ocupantes puideron abandonar a nave antes de que un incendio calcinara o aparato. O balance final sería de 14 feridos leves, entre os que se atopaba Antonio Gutiérrez, daquela líder sindical de Comisiones Obreras (CCOO), que rompeu unha perna ao lanzarse pola rampla de emerxencia. Tamén viñan no avión o daquela Senador e alcalde de Redondela, Xaime Rey e a súa esposa Fita Villaverde. Por aquela época tiveran outro accidente, desta volta de tráfico, nun desprazamento a Madrid, cando o condutor do coche oficial municipal bateu contra un cervo. Nos dous accidentes resultarían ilesos.

 

Estado no que quedou o avión. Foto: Atlántico Diario
Estado no que quedou o avión. Foto: Atlántico Diario

Autor: Juan Migueles


BIBLIOGRAFÍA

La voz de Galicia

Faro de Vigo

Atlántico Diario

Galiciana => El Correo de Galicia, El Noticiero de Vigo, Diario de Galicia, Diario de Pontevedra, El Eco de Galicia, El Pueblo Gallego



Crónicas do autobús

 

Accidente en Cans. Foto: Siorty-El Pueblo Gallego

 

1910, 12 de setembro. Sufriu un accidente o automóbil que fai o servizo Vigo-A Garda, cando volvía desta. Preto de Rande rompéuselle a dirección e foi a montarse sobre un muro onde quedaron as rodas dianteiras. Viña cheo de viaxeiros pero tan só o condutor resultou con lixeiras contusións.

1912, 11 de maio. Foille imposta unha multa por infracción do Regulamento de Carruaxes a José Fernández Lago, por conducir un coche con exceso de viaxeiros de Redondela a Porriño.

1925, 25 de febreiro. Un autobús da liña Vigo-Coruña ao seu paso por Redondela atropelou a unha muller que cruzaba a rúa. A pesares de ir a pouca velocidade non puido evitar o accidente. A vítima atópase en estado grave.

1927, 18 de xaneiro. Un auto da empresa Castromil estivo a piques de sufrir un serio accidente e con el o s seus ocupantes. Ao pasar por Cesantes caeu un poste da liña eléctrica que estaban a colocar uns obreiros, golpeando na parte dianteira do vehículo.

1927, xaneiro. Na curva de entrada á Travesía, fronte a casa do establecemento de José Reboredo Blanco, chocou o coche de turismo de La Emprendedora cunha furgoneta da Compañía de Teléfonos. Saíu esta co eixo e o radiador rotos sen que, por fortuna, sucederan desgrazas persoais.

1927, 24 de decembro. A José Táboas Acuña de Cesantes, roubáronlle a carteira que contiña 600 pesetas en Soutomaior, mentres agardaba no coche de liña a que este arrancara.

1928, 08 de novembro. O ómnibus da liña de Castromil que pasa por Redondela as seis da tarde cara a Vigo, envorcou en Cabanas (Trasmañó). Afortunadamente non houbo desgrazas persoais.

1934, 10 de xullo. Dende Redondela foi trasladado á Casa de Socorro de Vigo José Ramón Bargiela, ao que atropelou un autobús causándolle unha ferida contusa de tres centímetros na rexión occipital e fractura de ilíaco. O seu estado foi cualificado de reservado.

1955, 26 de febreiro. A empresa de Pé de Pote sufriu un grave accidente en Cans (Porriño) no que faleceron 31 persoas e 8 resultaron feridas. Na lista das vítimas varias de Redondela. Florinda Couñago Filgueira viúva de 38 anos e a súa filla Florinda López de 10, veciñas do Coto-Cesantes; Nicolás Álvarez Carro de 47 anos de Astorga, traballador de Correos, e esposa, Lucía Puga Fernández, de 39 de Redondela e que residían na nosa vila; María Vidal Montero, de 20 de Cesantes e que servía ao matrimonio anterior; e Carmen Alonso Veiga, de 22 solteira de Saxamonde. Tamén faleceu Carmen Martínez Vila, de 54 anos casada de Vilar e que deixa 10 fillos; e a súa parente Carmen Vila Martínez, tamén casada e de Vilar que despois de estar nun sanatorio de Vigo faleceu na súa casa. Entre os superviventes: Jesusa Oitavén, de 36 anos, solteira de Redondela; e o condutor Antonio González Cabaleiro.

 

Accidente en Cans. Foto: Siorty-El Pueblo Gallego


 

1961, setembro. Incendio do autobús da liña Vigo-Redondela. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2023/02/incendio-dun-autobus.html )


1973, 1 de abril. No concello de Redondela na estrada que une esta vila con Fornelos, dous ómnibus que circulaban en dirección contraria chocaron nunha curva. Non hai que rexistrar feridos.

1973, 2 de xuño. Un autobús da liña Vigo-Redondela foi apedrado, calculándose os danos en 104.385 pesetas.

1976, 21de decembro. No alto de Cesantes un Castromil sufriu a rotura da ballesta dianteira ao iniciar a baixada. O condutor perdeu o control do vehículo batendo contra outro autobús, este da empresa "Gómez Castro". Resultaron feridas 26 persoas, cinco delas graves.

1977, 2 de maio. Unha das rodas dianteiras dun autobús que transportaba once escolares, desprendeuse do seu engrenaxe, cando o vehículo circulaba na estrada denominada de Os Valos. Non se rexistraron desgracias persoais, mais os escolares resultaron con lixeiras contusións.


Autor: Juan Migueles


BIBLIOGRAFÍA

Censo de actividades do partido de Redondela: 1905, 1910 e 1925.

Galiciana => La correspondencia gallega, El Correo de Galicia, El noticiero de Vigo, El pueblo gallego, La Noche, El Progreso

La Voz de Galicia.

http://www.lavozdegalicia.es/hemeroteca/

 

 

jueves, 12 de noviembre de 2020

Galería. Viaduto de Ourense

Finais do S.XIX excursionistas no viaduto Ourense.Foto: todocoleccion.net
Finais do S.XIX excursionistas no viaduto Ourense.Foto: todocoleccion.ne

Finais do S.XIX. Viaduto Ourense.Foto: todocoleccion.net
Finais do S.XIX. Viaduto Ourense.Foto: todocoleccion.net

1874 Viaduto de Ourense en construción. Foto: Redondela a través do tempo. Jose Antonio Orge Quinteiro
1874 Viaduto de Ourense en construción. Foto: Redondela a través do tempo. Jose Antonio Orge Quinteiro

1890 Viaduto Litografía Hauser y Menet. BNE
1890 Viaduto Litografía Hauser y Menet. BNE

1892 Redondela entrada del pueblo Foto: Hauser y Menet-BNE
1892 Redondela entrada del pueblo Foto: Hauser y Menet-BNE

1897 viaduto de Ourense. Galicia Moderna
1897 viaduto de Ourense. Galicia Moderna

1905 Viaduto de Ourense.  Redondela a través do tempo. Jose Antonio Orge Quinteiro
1905 Viaduto de Ourense.

Redondela a través do tempo. Jose Antonio Orge Quinteiro


 

Autor: Juan Migueles

 

miércoles, 11 de noviembre de 2020

Galería. Escolas de Cedeira, Chapela, Quintela e Trasmañó.

 

Escola de Trasmañó sen data. Foto: Redondela crónica gráfica
Escola de Trasmañó sen data. Foto: Redondela crónica gráfica

Escola de nenas de Cedeira. Anos 40. Fª familia Alonso Acosta
Escola de nenas de Cedeira. Anos 40. Foto cedida pola familia Alonso Acosta

Cara a 1960. Escola Quintela, Rosita a de Rivada (ou a de Triscallo). Foto: Luz Marcos Buján
Cara a 1960. Escola Quintela, Rosita a de Rivada (ou a de Triscallo). Foto: Luz Marcos Buján

Cara a 1960. Escola Quintela, Rosita a de Rivada (ou a de Triscallo). Foto: Luz Marcos Buján
Cara a 1960. Escola Quintela, Rosita a de Rivada (ou a de Triscallo). Foto: Luz Marcos Buján

1945 cara a. Leonor escola na Ponte Quintela.FªMari Carmen Teles
Cara a 1945. Leonor na Ponte, Quintela. Foto cedida por Mari Carmen Teles

1938 Escola de DªConcha (Concepción Barrera) Laredo-Chapela Foto Chapela de onte a hox
1938 Escola de DªConcha (Concepción Barrera) Laredo-Chapela Foto Chapela de onte a hox

Anos 40 Escola de Purita Zendón. Arquivo JMigueles
Anos 40 Escola de Purita Zendón. Arquivo JMigueles

Autor; Juan Migueles

BIBLIOGRAFÍA

Redondela. Crónica gráfica dun pasado recente. María A. Leboreiro Amaro.

 Chapela de onte a hoxe. Gonzalo Mencía Castro. Ed. Xunta de Galicia.