Mostrando las entradas para la consulta coca mulleres ordenadas por relevancia. Ordenar por fecha Mostrar todas las entradas
Mostrando las entradas para la consulta coca mulleres ordenadas por relevancia. Ordenar por fecha Mostrar todas las entradas

domingo, 12 de abril de 2020

Festas da Coca

Festa da Coca 2009. Foto: J. Migueles
Festa da Coca 2009. Foto: J. Migueles

 

A Festa de Corpus Christi foi instituída polo papa Urbano IV no 1264. A primeira referencia que se coñece en Galicia é no 1437 en Ourense. Non sabemos cando se comeza a celebrar en Redondela, mais consérvase documentación escrita da súa existencia no século XVI. Ao longo dos séculos a celebración do Corpus ora evolucionando independentemente en cada vila por toda Europa. A de Redondela é probablemente a que conserva máis elementos tradicionais de toda Galicia: a Coca ou Tarasca, a danza das espadas, o baile das penlas e os xigantes e cabezudos. Isto conseguiuse coa invención dunha lenda que veremos máis adiante.

A mistura do pagán co relixioso provoca que en Redondela sexa máis coñecida como Festa da Coca, popularizándose na vila a frase: “Pola Santa Coca perdín o demo da misa”.

A principios do século XX ás Festas da Coca acudía tanta xente que saían trens especiais dende os concellos próximos: Vigo, Pontevedra, Ponteareas... Como exemplo dicir que en 1901 vendéronse en Vigo 1.496 billetes de ida e volta. En 1934, durante a II República, varios concelleiros quixeron suprimir as festas, o que provocou unha manifestación diante do concello (daquela na Casa da Torre). ao final se celebraron as festas e César Pisquito o celebrou coa copla:

Ensaya las Penlas, Bichoca,

que este año fiesta tenemos

prepara la Coca, Quirico

que se acabaron los demos.

También bailará la Danza

Cascorro, Lilo y o da Nuna

y romperán los corazones formando

el Sol, las estrellas y la Luna.


Xa en 1981, o goberno central decide que o Corpus Christi deixe de ser festivo nacional. Enviáronse telegramas de protestas ao presidente e a varios ministros, mais non serviu de nada. Isto restou visitantes ao xoves da Coca.

A principios do S. XXI é declarada de interese turístico autonómico. En marzo de 2009 o Concello acorda solicitar a declaración de interese turístico nacional e, en 2016, o goberno local intenta que sexa declarada pola UNESCO Patrimonio Cultural Inmaterial, fracasando as dúas iniciativas.



A lenda da Coca.


Máis ou menos esta sería a lenda da Coca, xa que a mesma sufriu moitas variacións: A illa de San Simón era un monte no medio dun val ao que chegou unha muller que por mal de amores choraba e choraba. Tanto chorou que as súas bágoas anegaron o val formando a Ría de Vigo e convertendo o monte nunha illa. De tanto chorar a súa pel secouse converténdose nun dragón, a Coca. Un día mirando cara a praia viu a as nenas rindo e morta de envexa da súa felicidade secuestrounas para que foran as súas criadas. Está situación repetiuse ano tras ano, ata que os mariñeiros, fartos da situación, armáronse con espadas e mataron á Coca. As mulleres colleron as mozas rescatadas e levantáronas por riba das súas cabezas para celebrar a súa ledicia.

Existen outras lendas que serían as seguintes:


Lenda da Coca e a Gabacha.

Durante as Festas do Corpus a procesión saíu de Vilavella en dirección á Igrexa de Redondela. Ao chegar á Farola apareceu a Coca baixando de Reboreda e toda a xente botou a correr asustada. A imaxe da Virxe da Gabacha ficou no chan. A Coca ao mirala acercouse, parou fronte dela e inclinouse facendo unha reverencia. Logo, deu volta e marchou por onde vira.


Lenda do nacemento do Alvedosa e da Coca.

O río Alvedosa xurdiu dos choros dunha moza doente de amores e arrepentimentos. De tanto chorimiquear saíronlle dúas ás e mais unha enorme e pesada cola, así como boca de réptil. Converteuse así na Coca de Redondela, que foi arrastrada ao mar polo río formado polas súas propias bágoas.


A Coca, 2010. Foto: Juan Migueles

A Coca.

A figura da Coca podería provir do mito de San Xurxo e o dragón, celebrado en Cataluña como San Jordi. Outra teoría da súa orixe, faría referencia á lenda da vitoria de Santa Marta sobre o monstro na localidade francesa de Tarascón. De aí que tamén sexa coñecida como Tarasca. O certo é que hai referencia da celebración do combate da Coca con San Xurxo diante do Convento de Vilavella. A vila máis próxima no que se mantén esta tradición é a de Monçao, no norte de Portugal.

Sobre a procedencia do nome de Coca tamén hai varias teorías: segundo Clodio González, viría do latín tardío cocatrix (cocodrilo); Gerardo Sacau cre que a orixe sería coco (verme / monstro infantil); e Joaquín Caridad a identifica co xigante tricéfalo Caco, fillo do deus Vulcano.

Da Coca que pasea hoxe en día polas rúas de Redondela, só a testa se conserva tal e como aparece nas fotos dos anos 20. De antigo son os choqueiros ou centulos os encargados de turrar polo monstro. Pouco antes da Guerra Civil tiña un mecanismo que lle permitía estirar ou encoller a gorxa. Na actualidade, conserva os movementos de abrir a boca e mover o pescozo á esquerda e dereita. En 1935 trócanlle a pel sen modificar nin a forma nin a cor. No 1956 Juan Ipiña, da Peña Xan Carallás, púxolle un motor para que andara soa, pero ao ano seguinte volveuse a puxar dela. Agás esta variación, a Coca non se modificou dende 1946 ata o 2006, ano en que o grupo de monicreques Tanxarina realizou unha reparación case total da mesma.

Nenas e nenos soen introducirse no interior do armazón para mover o pescozo e a boca da Coca. Deste xeito asustan aos veciños que, se os rapaces teñen sorte, danlle caramelos e lambetadas ao monstro.

En 2016 recuperouse a figura dos diaños “Choqueiro” e “Centulo” que acompañan á Coca.

 Ver tamén:

O roubo da Coca (1921).

https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/o-roubo-da-coca.html

 


Danza das espada 2009. Foto: Juan Migueles

A danza das espadas e as penlas.


A danza das espadas está ligada ao gremio dos mareantes. En Redondela báilase durante as festas do Corpus ou da Coca cando menos dende o século XVI. Está formada por 25 homes: 1 Maestro ou Xefe (faixa verde), 4 Rabelas ou Rabelos (faixa azul) 4 Primeiros ou Guías e 16 Espadas (ambos faixa vermella). Ademais os acompaña a música tocada, polo menos, por un gaiteiro e un tamborileiro. Realizan diferentes figuras cada unha das cales ten a súa propia simboloxía, estas serían: reverencia ao Santísimo, pase liso ou en cadea, camiño de Santiago, oito, estrela, papoula, áncora, R (inicial de Redondela) e volta á praza. O momento máis especial do baile é cando o Xefe abandona o grupo e danza só diante de Santísimo e a Virxe da Gabacha.

Consérvanse outras danzas parecidas noutras vilas galegas como Marín ou Betanzos. En Redondela os danzantes levaban espadas de metal ata 1834, ano no que se produzo unha liorta que acabou con varios feridos e coa imaxe de San Xoán no río Alvedosa, sendo substituídas por espadas de madeira. En 1904 a nosa danza formada por 34 mariñeiros e dirixida por Juan Puertas Fervenza, derrotou á de Marín nun certame musical celebrado na Praza de Touros de Pontevedra, gañando un premio de 250 pesetas como grupo que mellor bailaba a danza das espadas. Sospéitase que Casto Sampedro tivo moito que ver no resultado polo que os de Marín negáronse a recibir o seu premio. En 1926 foron contratados para actuar nas festas do Apóstolo en Santiago. Nos anos sesenta pola falta de acordo monetario entre os mozos e o Concello, faise cargo da danza o grupo de Coros y Danzas. Isto provoca que por primeira vez haxa mulleres que bailen a danza das espadas, entre 1969 e 1977. (Anteriormente, as mulleres de Coros y Danzas xa representaran a danza nunha ocasión co mestre Ley III nun festival celebrado no teatro García Barbón de Vigo).

En 1978 o alcalde Amado González Cardama decide volver ao baile masculino, sendo organizado pola Orden de Xan Carallás e ao ano seguinte se organiza a danza propiamente dita que continuará ata os nosos días.

En 2022 volve a bailar unha muller, Marta Míguez.

Ver tamén:

O Certame musical de 1904.

https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/06/a-danza-das-espadas-o-certame-musical.html

Mestres da danza das espadas

https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/mestres-da-danza-das-espadas.html

 

As Penlas

Penla e Burra. Foto: Juan Migueles, 2010
 

O baile das penlas acompaña á danza das espadas. As penlas son dúas nenas que bailan nos ombros de dúas mulleres chamadas burras. Simbolizan o baile das nais coas nenas salvadas polos mariñeiros que mataron á Coca. Pertencían ao gremio de forneiros e muiñeiros. O motivo é ben sinxelo. Se buscamos penla no diccionario da Real Academia Galega atopamos: Cada unha das pas cóncavas que forman o rodicio do muíño. O rodicio é a peza circular de metal que xira pola forza da auga. Esta peza move á moa por estar unido a un eixe de madeira que tamén recibe o nome de burra. Sería polo tanto un baile que tería a súa orixe na celebración das muiñadas, isto explica os xiros do baile. Teñamos tamén en conta que o termo muiñeira, débese a que este tipo de música ten a súa base rítmica no ruído que fai o muíño ao moer. Neste baile ao xirar as mulleres as súas saias ínchanse lembrando ao rodicio dando voltas. No caso das penlas ao bailar as nenas sobre as mulleres as saias non producían este efecto por iso as saias dos vestidos evolucionaron aos actuais.



Penlas e burra. Foto: J. Migueles
Penlas e burra. Foto: J. Migueles

As alfombras.

Hai constancia de que en 1950 xa se alfombraban con espadanas as rúas polas que transitaba a procesión de Corpus e lanzábanse pétalos ao paso do Santísimo. As alfombras artísticas comezarían a realizarse no 1965. Sería un home de Ponteareas (descoñécese o nome) o que ensinaría aos redondeláns a confeccionalas. Isto non fixera moita gracia na vila veciña, pois esta era unha tradición propia daquelas terras, e ademais daquela as festas de Redondela tiñan máis visitantes que as súas.

A Ponteareas a tradición a trouxo un xuíz que estivera destinado en Canarias onde se realiza con area tinguida de cores. A dificultade de reproducilo coa terra de aquí levou a realizar as alfombras con frores. Actualmente, as alfombras realízanse en varias vilas galegas. 

 


Alfombra. Foto: Juan Migueles, 2009.

Xigantes e cabezudos.

Os xigantes e cabezudos acompañan á Coca no seu percorrido polas rúas da vila. Os xigantes son unha parella coñecida popularmente como os abuelitos”, este nome pode ser unha variante dos nomes que recibían nos anos 30; Bolita e Bolito”. Se ben foron reparados numerosas veces e trocadas as roupas, son os mesmos dende principios do século XX, cando substituíron a outros que eran anteriores ao século XIX. Os cabezudos, por contra, foron renovados máis a miúdo. 
 
Foto: Juan Migueles, 2009


As procesións.

Despois da Guerra Civil chegaron a saír en procesión cerca de 40 imaxes (S. Lois, S. Telmo, S. Xusta...), procedentes da capela de Santa Mariña e das igrexas de Redondela e Vilavella. Estas imaxes eran os patróns dos diferentes gremios que pagaban polo transportes das mesmas.

A máis popular, San Cristobo, era tan alta coma os xigantes. Os nenos enfermos pasaban por debaixo do seu manto para curarse. No 2008 o Concello tratou de recuperar esta tradición, mais o párroco de Redondela non se mostrou colaborador.

Na actualidade tan só sae o Santísimo e a Virxe da Gabacha de Vilavella. Outras que desapareceron da procesión son as cruces das 14 parroquias (13 máis Vilavella) saíndo actualmente tan só a parroquial de Redondela.



 
1919 San Cristovo en Vilavella. Foto: Pelais Mas.



Na festa da Coca
o que non colle mozo ou moza
despois non o atopa.

 
Autor: Juan Migueles

BIBLIOGRAFÍA

Caderniños do Instituto de Chapela. Coordinador: X. M. González Fdez. Nº1. As festas do Corpus en Redondela (1875-1975).

Guía didáctica para escolares:

  • Nº0. As penlas e a danza das espadas. Clodio González Pérez.

  • Nº6. A Coca. Clodio González Pérez. 1987

A Coca de Redondela en 1.000 imaxes. Ed. Concello de Redondela e varios comercios.

A Coca e o mito do dragón. Clodio González Pérez. 1993. Ed. Ir Indo.

A festa da Coca de Redondela. O Corpus Christi e as súas manifestacións. José Martínez Crespo. Ed. Concello de Redondela. 2013.

A festa da Coca de Redondela. O Corpus Christi e as súas manifestacións. José Martínez Crespo. Ed. Concello de Redondela. (2ªEdición)

O Corpus de Redondela vístese de historia. Vestiarios e óleos realizados por Margot Araujo. Ed. Xunta de Galicia.

Muíños nas terras de Redondela: Miguel Ángel Abraira Pérez

Programas da Festa do Corpus ou da Coca de 1948

La fiesta del Corpus en Redondela. Por Julio I. Gzlez. Montañés.

Círculo Internacional dos Amigos dos Xigantes. O Corpus, a Coca e os Xigantes e Cabezudos.

Galiciana- http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es => El Pueblo Gallego, La Noche, Vida Gallega

 

viernes, 17 de abril de 2020

O programa das Festas da Coca ao longo da historia.

 
Praza de touros. Foto de José Bellver Álvarez
Praza de touros. Foto de José Bellver Álvarez
 
    As programacións das festas teñen acollido competicións deportivas (fútbol, traíñas, balonmán...), cucañas, feiras de gando con premios, certames de gaitas, baile e cantos populares... Tamén en varias edicións deslucidas pola choiva celebrouse a “Recoca”, na que as festas tiñan continuidade no fin de semana seguinte. Outras actividades serían:

As Montaxes Artísticas.
A principios do século XX, os bares e restaurantes da vila realizaban montaxes artísticas durante a Festa do Corpus ou da Coca. Esta iniciativa era un atractivo máis para a xente que viña a Redondela nesas datas.
 
1907, Montaxe artística. Foto: Saturno Cal
1907, Montaxe artística. Foto: Saturno Cal

 ¿Touros en Redondela?
        En 1952, durante as Festas do Corpus ou da Coca, celebráronse por primeira vez na nosa vila corridas de touros baixo o nome de “Redondel de Redondela”. A praza situouse na rúa da Ribeira, mais ou menos onde agora está o parque infantil. 

Praza de touros1952-Foto cedida por la familia Fernández Otero
      
           Entre o xoves e o domingo lidáronse 8 novelos da gandería de Cipriano Martín. Pero o prato forte ofreceuse o venres, despois dun desfile polas rúas e unha velada de boxeo, coa celebración da becerrada, na que as cuadrillas de afeccionados, dous de Vigo (Peña Taurina e Bar Ligero) e unha de Redondela atrevéronse con algúns xatos. A cuadrilla de Redondela, chamada “Os Choqueiros”, estaba composta por: matador, Gabriel Sánchez “Er Niño Grande”; sobresaínte, Tomás López “El Camisolas”; peón 1º, Augusto Torrado “Pincha Uvas”; peón 2º, Manuel Rodríguez “El Bacalao”; banderilleiro 1º, Santiago R. Salinas “Cepillo Grande”; banderilleiro 2º, Severo Fernández “Cepillo Chico”; picador, Jaime Carrera “El Cabritero”; monosabios, Félix Casal Escámez “El Miraguano”, e Llan “El Cantaor”. Tamén houbo actuacións cómicas e, ata un concurso de corte de leña do Frente de Xuventudes. Neste ano, tras o toque de cornetas, o primeiro en saltar ó rodo foi Amador Pérez que subido a un cabalo de cartón, cedido por un fotógrafo, arrincou as risas do público empuñando unha vasoira. 
 
Amador. Foto cedida por Pepe Álvaro
 
Aproveitando que a praza estaba instaladaorganizouse un espectáculo cómico taurino o 18 de xullo dentro dos actos que celebraban o aniversario do Alzamiento Nacional. Voltou a haber outra becerrada o día 25 de xullo, con motivo da Festa de Santiago Apóstolo, organizada pola Hermandad Sindical de Agricultores y Ganaderos. Nesta ocasión foron lidadas catro reses por cuadrillas de Vigo, Porriño e dúas de Redondela. Estas últimas formadas por: Primeira: matador, “Llan el Cantaor”; banderilleiros, “El Atrevido” e “El Ingeniero”; peóns, Pichi “El Castizo” e Tino “El Galeno”. Segunda: matador, Gabi “Er Extremeño”; banderilleiros, “Rivitas” e “Er Decidido”; peóns, “Picho III” e Carlos “El Estudiante”.

            Nas Festas da Coca de 1956 volveron a aparecer os touros no programa.
Por terceira vez houbo corridas de touros nas Festas da Coca de 1971. A praza instalouse daquela na Marisma, celebrándose o xoves: “Gran novillada, con intervención de notables espadas y la rejoneadora brasileña Lolita Muñoz”, o sábado velada de boxeo e loita grecorromana e o domingo remataba a festa co “Gran Festival cómico-musical-taurino”.
 
Publico durante unha corrida. Foto cedida pola familia Docampo
Publico durante unha corrida. Foto cedida pola familia Docampo


 
A derradeira corrida foi en 1985 pero non nas festas da Coca. Nesta última, montouse a praza xunto o Colexio de E. X. B. de Redondela. Só se tourearon xatos pero unha tarde de touros non está completa se non salta un espontáneo. Este non foi outro que o gran Benito Cascallo. Lanzouse ó tendido cunha colcha de flores por capote (digo lanzouse porque o saltar caeu con evidentes síntomas de embriaguez). Esquivou ó becerro unha vez pero á segunda mallouno. Os toureiros sacáronlle o animal de enriba, ergueuse... e volta a tourear. Cada vez que tiraba con el, aí escapaba dos organizadores para volver a intentar dar un pase. As mulleres berraban, os homes e os nenos rachaban a rir. Quitábanlle a manta e ía sen ela. O final ata lle rompeu o pantalón. Pouco faltou para que aquel día a Coca quedara sen guía. Non sei se esa corrida será lembrada no mundo taurino pola súa espectacularidade. O que si é certo e que entrou na historia de Redondela coma unha das tardes máis divertidas que houbo na vila. 
 
 

Concursos

Durante os anos 60 do pasado século o programa adoitaba contar con algún tipo de concurso. Podemos citar como exemplo: concurso de destreza mariñeira (1965), concurso xornalístico (1967), concurso de debuxo infantil (1968) ou concurso de balcóns e ventás. Para completar tanta competición non podían faltar os concursos de beleza nomeando á raíña das festas. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/concursos-de-beleza.html )



Entrega de premios do Concurso Xornalístico, 1967. Foto Fotsca-La Noche
Entrega de premios do Concurso Xornalístico, 1967. Foto Fotsca-La Noche


Recreación histórica
Dende a supresión do Corpus como festivo nacional, a festa da Coca foi perdendo visitantes. Para paliar isto no 2008 incorporouse a “Recreación histórica”. Deste xeito Redondela subiuse ó carro da ambientación medieval tan de moda nestes tempos cun mercado e actuacións (bufóns, loitas de espada, espectáculos con fogo...). Si ben tivo os seus detractores, o caso é que a afluencia de persoas á festa lembrou tempos pasados. No 2011 o novo governo local decidiu nun celebrala polo seu alto custe.
 
2009. Foto: Juan Migueles

Autor: Juan Migueles
 

BIBLIOGRAFÍA:
Antonio Ocampo Otero. Doctor en Medicina y Cirugía. Bodas de Oro(1939-1989)
Caderniños do Instituto de Chapela. Nº1. As festas do Corpus en Redondela (1875-1975). Coordenador: X.M.González Fdez.
Galiciana- http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es => La Noche, El Pueblo Gallego
Redondela. Crónica gráfica dun pasado recente. María A. Leboreiro Amaro.
 

domingo, 10 de enero de 2021

A Coca na Senda Mitolóxica

 

A Coca na Senda Mitolóxica. Foto cedida por Mati Alonso

En decembro de 2020 o concello de Santiago de Compostela abre ao público á Senda Mitolóxica no Monte Viso. No percorrido o visitante pode ver a reprodución a tamaño real de dez seres míticos galegos. As figuras foron deseñadas e reproducidas polo creador artístico José Manuel Méndez. Preténdese así, dotar de interese turístico un monte cunhas vistas privilexiadas que carece de árbores e que o século pasado estivo a piques de ser unha explotación mineira de anfibolita. 

A Moura na Senda Mitolóxica. Concello de Santiago

 As dez personaxes mitolóxicas que podemos atopar son: os Mouros, que viven baixo terra e agochan fabulosos tesouros; as Mouras, mulleres fermosas que soen aparecer en fonte e ríos; o Nubeiro, xigante que vive nas nubes dirixindo tormentas e lóstregos e creando os tronos cos seus zocos; o Tardo, duende pequeno de cor verde e grandes ollos que provoca os pesadelos ás persoas durmidas; a Llanta, monstro metade muller e metade serpente que vive en covas preto de regatos e fontes; o Gatipedro, gato máxico cun corno na fronte que provoca que os meniños mexen na cama; Breogán, mítico rei galego que en Brigantia levantou unha gran torre dende a que se podía ver Irlanda; a Maga, coñecedora da maxia e artes ocultas; e os Biosbardos, que saen de noite en montes e lugares afastados.

A Coca na Senda Mitolóxica. Foto cedida por Mati Alonso
 

O décimo ser mitolóxico representado é a nosa Coca de Redondela. O proxecto ten os seus defensores e os seus detractores (impacto ecolóxico, seres elexidos e a súa descrición...), pero o importante para o noso Concello é a súa proxección na capital galega, dando a coñecer a nosa principal lenda e promovendo as festas da Coca, un dos atractivos turísticos cos que conta Redondela.


Autor: Juan Migueles


BIBLIOGRAFÍA

El Correo Gallego

La Voz de Galicia

El Español

sábado, 23 de mayo de 2020

Música e Baile tradicional. Historia.

Gaiteiro na estación de Redondela. todocolección.net
Gaiteiros e outros
 
        No “Cancionero Musical de Galicia” recóllense 28 cantigas de Redondela, das cales 24 foron recollidas por Casto Sampedro. Entre outros colaboradores da nosa vila para este traballo contou con tres gaiteiros: Xaquín (de Vilar de Infesta, segundo me contan era coñecido como Vilar “O Jaiteiro” e un tataraneto seu seguiu a tradición tocando a gaita no grupo Os Quintela), Parada o Vello (de Negros) e Parada o Xoven (tamén de Negros, fillo do anterior e de segundo apelido García). Ademais destes, nunha anotación Sampedro fala de gaiteiros en Santo Paio, O Viso e A Portela.

        O grupo de gaitas Los Cuarentas, estaba formado por membros da Asociación de Hijos de Redondela, fundada en Río de Janeiro (Brasil) en 1910. Os compoñentes eran José Figueroa (bombo), José Amoedo (tambor), Enrique Figueroa (ferriños), Américo Amoedo (clarinete) e Alfredo Pérez (gaita). Destacar que a José Figueroa dálle nome á Praza Figueroa e ao auditorio do centro da 3ª idade da Xunqueira. O grupo debeuse crear antes que a asociación porque o escritor redondelán Ernesto Padín adicoulles en 1909 o seguinte poema:

Pra gaiteiros os Cuarentas,
nativos d'a miña terra,
d'aquela vila fermosa,
que se chama Redondela.

Son eles tan arriesgados
qu'hastr'os mares atravesan
dand'á conocer mui lonxe,
nosa gaita feiticeira.

Benditos eles qu'o tempo
d'a nosa múseca, levan
membranzas par'a os paisanos
que pol'a vida pelexan.
 
Los Cuarentas,  1907. Arquivo J.A. Xesteira

No Viso tocaban:
Daniña - Manuel Vidal. Faleceu na década dos 20 do século pasado, sendo xa ancián. Exerceu o oficio de canteiro de labra fina. Son obra súa o cemiterio do Viso (zona vella) e as sepulturas e tampas esculpidas que se expoñen no adro da igrexa parroquial. Foi un virtuoso da gaita e do clarinete, aínda que era máis famoso como gaiteiro. Chegou a tocar na Banda de Arcade, e contan que viñan a chamalo de tódolos sitios para amenizar festas. A súa dona faleceu sendo nova e quedou ao cargo dunha chea de fillos, un deles eivado. Esta descendencia é aínda coñecida como “Os do Gaiteiro”.
En varias parroquias repítese o alcume Jaiteiro que poden provir de antigos gaiteiros, mais tampouco puiden acadar máis información.
Paíño - Canteiro e tamén gaiteiro que viviu en Saramagoso (O Viso). Casado coa "Pita".
Chuco – En 1924 os veciños de Saramagoso e Alxán (Soutomaior) organizan un baile o día anterior á Epifanía na que toca a frauta. Tamén actuaría a banda de Arcade.

Manuel Vidal Daniña rodeado de varios dos seus fillos e netos. Foto cedida por J.L. Cofán

Nunha foto de 1924 da recepción na estación de Redondela a Miguel Primo de Rivera, vemos a un gaiteiro e un tamboril, polo de agora sen identificar..
En xaneiro de 1949, por mor da celebración das Festas de San Isidro, en Pontevedra, celébrase un concurso de gaitas, vencendo os Irmáns Figueroa, de Redondela.

Outros dos que nos chegan referencias son Os Xirico, de Reboreda. Un membro desta familia sería Ernesto Xirico que tocaba o bombo na Murga de Quintela.

 

Chegada de Miguel Primo de Rivera a Redondela. Foto: S.Cal, 1924 El Pueblo Gallego
 
Acompañamento da Danza das Espadas

Como xa comentamos no apartado adicado ás Festas da Coca, a danza das espadas xa se bailaba en Redondela cando menos dende o século XVI.

Dende 1857 toca a caixa Manuel Mosquera quen acompañou sucesivamente aos gaiteiros Andrés Parada (de San Estevo de Negros, un dos informantes de Casto Sampedro), Joaquín Figueroa (de Vilar de Infesta, tamén informante de Casto) e Manuel Figueroa. En 1904 cando a danza participou nun certame celebrado na praza de touros de Pontevedra, estaba acompañada polo gaiteiro de Vilar de Infesta, Francisco Figueroa (1854-1930) e o tamborileiro Antonio Figueroa. No SEREN nº7 Olimpio Giráldez Río opina que Francisco Figueroa e Joaquín Figueroa son a mesma persoa. Nos últimos anos que actuou, Francisco sería acompañado coa caixa polo seu neto Ángel.

En 1917 comeza a tocar un novo gaiteiro do Muro, Sabino Figueroa Otero, acompañado coa caixa polo xa citado Manuel Mosquera, que xa fixera o propio cos anteriores durante 60 anos.

Nos 50 "Os Martas" acompañaban á danza, coa que actuaron na inauguración da rúa Redondela en Ribadavia en 1952. Tratábase de Avelino Figueroa de la Iglesia "O Marta", fillo de Sabino, e do seu curmán Agustín Dacosta de la Iglesia. Este grupo aínda actuou nas Festas da Coca de 1964, aínda que nesta década Avelino era ás veces acompañado á gaita por Ismael Durán González "Gorecho".

No 1967 debuta o gaiteiro Francisco López Blanco "Paco Flauta", que sería acompañado unhas veces por Avelino e outras polo seu fillo Manuel Figueroa Pintos "Manolo Gaiteiro". Este gaiteiro seguiría ata 1990, ano en que foi substituído por Olimpio Giráldez Río, manténdose Manuel Figueroa. Entre medias, no período 1969-1971, no que a Sección Femenina faise cargo da danza, levan o seu propio acompañamento "Os Gorechos", tocando Ismael Durán con algún dos seus fillos.

Entre 1991 e 2001 continúa Olimpio Giráldez, acompañado polo seu irmán Pablo Giráldez, agás en 1993, no que toca a caixa outro irmán, Andrés Giráldez.

 

1921. As Penlas co acompañamento na casa de Avelino Giráldez Pazó, quen está acompañado por con JuanM. Pereira, de Soutomaior. Foto cedida por Olimpio Giráldez Río.

Acompañamento dos Xigantes e Cabezudos
         Outro momento de protagonismo das gaitas na Festa da Coca é o acompañamento dos Xigantes e Cabezudos. Aínda non investiguei en profundidade este punto e sirva coma apunte algúns datos que comecei a recompilar:

1979-1993 Os Tranquilos
2000 Grupo de Gaitas do Centro Cultural de Cedeira
2002 Grupo de Gaitas da Asociación Cultural de O Viso
2005 Os Alegres
2010 Os Alegres de Redondela
2014 Os Xuveniles de Chapela
2019 O Carballo das Cen Pólas de Reboreda
 
1985. Arquivo J. A. Xesteira. Arquivo Audiovisual do Concello de Redondela

As gaitas na Festa da Coca

Os gaiteiros foron perdendo cos anos relevancia nas festas de Redondela. A principios do s. XX na Festa da Coca actuaban gaiteiros de Reboreda, Oitabén, Coiro.... Na maioría dos programas desta e outras festas da época e nas noticias dos xornais fálase de “grupos de gaitas” sen especificar máis.
Na festa do Corpus de 1902 organizouse un certame de gaitas, cantos e bailes populares. O certame celebrouse na Xunqueira e os premios serían: 80 pesetas ao gaiteiro que mellor toque a Alborada, en gaita sen chaves nin barquín, e unha peza de libre elección, acompañado soamente dun tamborileiro. 40 pesetas ao segundo mellor gaiteiro. 40 pesetas á parella que, vestida con traxe típico do país, baile mellor a Muiñeira. 20 pesetas á parella que, sen o traxe esixido, a baile mellor. 25 pesetas á comparsa de 6 ou máis persoas que mellor cante o Alalá. 10 pesetas á segunda mellor comparsa.
En 1903 actuou na nosa vila o famoso Gaiteiro de Ventosela e os non menos coñecidos Trintas de Póvoa de Trives, que repetirían varias veces nas seguintes edicións. En 1905 tamén se contrata ao gaiteiro de Xeve, Pepe Poceiro, que viña de ser moi aplaudido en Madrid. En 1906 tivo moito éxito o espectáculo cómico “Gaita infernal de Povoa” (Portugal). En 1912 contrátase ás gaitas de Arcade e Areas (Ponteareas). Cando menos nas festas da Coca de 1927 e 1928 tocan as gaitas de Vilar e Saxamonde, ademáis das de Calvos e Coiro. Na edición de 1930 as gaitas de Vilar e dúas de Negros. En 1943 gaitas de Reboreda.
 
Trintas, de Póvoa de Trives. Foto: La Voz

Nos anos 60 soían tocar “Os Gorechos”, tamén chamados “Os Ismaeles”, grupo de acompañamento da “Sección Femenina”. Entre os recoñecementos que recibiron podemos citar o primeiro premio no Concurso Rexional de Gaitas de Ponteareas en 1970. Tamén soían tocar nesta época "Os Alegres", de Vilar de Infesta, e os vigueses “Los Tranquilos”.



As gaitas noutras festas

Nas Festas do Santo Cristo das Maravillas e a Purísima Concepción, en Chapela, en 1924, actúan os gaiteiros “Os Tornillos”, de Tirán. Nas festas de San Antonio, no Viso en 1926, os gaiteiros de Arbo. Nas festas da Asunción, de Reboreda, de 1931 "Aires d’a terra", da Artística de Vigo, e en 1942 os “Gaiteiros de Reboreda”.
Nas festas da Ascensión do Señor celebradas en Quintela en 1958, tocan “Los Terribles”. Ao ano seguinte nas da Virxe do Carme, en Cesantes, "Los Celestes", de Ponteareas.

Grupos de Baile
En xullo de 1932 unha agrupación de bailaríns de Redondela participou en Santiago na “Cabalgata Histórica”. Nesta ocasión bailaron na Praza do Hospital, e na “Festa de Galicia”, na que actuaron na Praza da Quintana xunto a un grupo de Betanzos, os coros “La Artística” de Pontevedra e “Queixumes dos pinos” de Vigo, e a Banda Municipal de Santiago. Podería tratarse da citada danza das espadas, pero aínda non confirmei este punto.

Froles Mareliñas (Chapela)
          Fundada en 1957 como coral mixta dentro da obra sindical de Educación y Descanso e que ese mesmo ano xa actuou nas Festas da Coca. En febreiro de 1959 inaugura novo local social, sendo daquela dirixido por Juan García Irradia. O delegado provincial de Sindicatos asistiu ao acto, que foi apadriñado polo presidente da agrupación, Alfonso Santos e Fita Costas.
          En marzo de 1961 preséntase o Grupo de Danza Regional Froles Mareliñas, nado a partires do coro xa desaparecido. Estaba composto por seis parellas de adultos e unha infantil (Mariloli Ferreira e Alejandro González), acompañados dun grupo de gaitas e percusión e dirixidos por Miguel Martínez Salomón.
          En 1964 xunto á Coral Polifónica de Porriño realiza unha xira pola Bretaña Francesa. En 1969 estaba dirixida por Ángel Cabaleiro Lago e xa tiña bailado en: Lisboa (no Teatro Nacional e na Televisión Portuguesa), Oporto, Braga, Coimbra, Barcelona, Madrid, Bilbao, San Sebastián e A Coruña. Esta agrupación aínda segue existindo na actualidade.
 
1977 Froles Mareliñas en Madrid Alameda de Osuna. Foto de Anton Cabaleiro Millares
 
 Grupo Folklórico de la Sección Femenina de Redondela
           Grupo folklórico creado en xaneiro de 1968 e dirixido polo vigués Wenceslao Cabezas del Toro “Polo”, que tamén tocaba a pandereta e cantaba. O acompañamento corría a cargo de “Os Gorechos”, tamén coñecidos como “Os Ismaeles”, grupo formado por Ismael á gaita, natural de Moraña, e os seus fillos: Manolo, tambor; Paco, gaita; e Luis, bombo. En 1972 serían substituídos por: Avelino Figueroa, gaita; Manolo “Gaiteiro”, tambor; José Couñago “Pepe Marta”, bombo; Francisco López, gaita: e José Barros “Pepe Gorello”, bombo.
 
Os Ismaeles. Foto: Vega
          
          Entre 1969 e 1977, este grupo baila a Danza das espadas na Festa da Coca, sendo a primeira vez que danzaban mulleres.
En 1972 esta agrupación deu un salto de calidade ao gañar o Campionato Provincial e ser finalista (elixíanse 10 grupos non se proclamaban gañadores) no Campeonato Nacional de Coros y Danzas, o que lles valeu actuar en Madrid ante os Príncipes D. Juan Carlos e Da. Sofía. Tamén en 1972 actuaron a modo de exhibición no I Festival de la Oti, celebrado en Madrid en 1972, e no que representou a España Marisol que acadaría o terceiro posto.
            En 1973 no Campionato Galego conseguiron as medallas de ouro ao mellor grupo folclórico, mellor grupo de gaitas e mellor parella de baile.
            En 1975 gañan o Campionato Provincial, o que lles leva a ser de novo finalistas do Campeonato Nacional de Coros y Danzas.
            Compoñentes: Aurora Bastos, Merchi Iglesias, Marivina Reboredo, Lola Acuña, Ana Alén, Marisa González, Malena Reboredo, Concha Pérez, Eladio Ramonet, Juan José Muíños, Juan José Panejo, José Garrido “Xirelo”, Gerardo Pérez “Chicho Rollo”, Manuel Soto “Sotiño”, Serafín...
 
Agrupación Folklórica de Redondela Foto: Carátula documental de Fernando "Cuchi" Carreira.
 
Grupo Tradicional da Ponte de Rande.
         Formado en 1975, baixo a dirección de Ramón González Covelo, era un grupo duns 24 bailaríns con idades comprendidas entre os 8 e 16 anos, cun acompañamento formado por músicos veteranos. A xunta directiva estaba presidida por Agustín Otero Lage, con Vicente Bar como secretario e Francisco Cabaleiro como tesoureiro. 
 
Grupo Tradicional da Ponte de Rande (1978)-tirapuxa.blogspot.com
 
Outros Grupos de Baile.

Nos anos 60 do pasado século contábamos ademais cos grupos: Airiños Gallegos (Quintela), Los Chavales, Escuela de Villar e Sociedad Atlética Redondela (S.A.R.). E nos 80 con: Novas Promesas (Saxamonde).


 Autor: Juan Migueles


BIBLIOGRAFÍA
Casto Sampedro Arqueoloxía e memoria. 75 aniversario do seu pasamento. Varios autores, 2013
Ernesto Casto Padín Lorenzo. Un poeta redondelán. Carlos Antuña e Lola Míguez. Ed. Coordenadora de equipos de normalización lingüistica dos centros educativos de Redondela.
SEREN nº6. Notas dispersas sobre Isidoro Queimaliños Queimaliños. Amado Ricón Viruleg
SEREN nº7. A danza de espadas de Redondela. Apuntamentos sobre a música e os músicos. Olimpio Giráldez Río.
Aportes: José Luis Cofán, Olimpio Giráldez e Cándido
En Galiciana-Biblioteca Digital de Galicia. Xunta de Galicia: http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es=> El noticiero de Vigo, La Noche, El Pueblo Gallego, Galicia diario de Vigo, El Correo de Galicia