Mostrando las entradas para la consulta Xan Carallás ordenadas por relevancia. Ordenar por fecha Mostrar todas las entradas
Mostrando las entradas para la consulta Xan Carallás ordenadas por relevancia. Ordenar por fecha Mostrar todas las entradas

domingo, 12 de abril de 2020

Xan Carallás

 
Debuxo de Castelao. El Soplete 1932

 

A orixe de Xan Carallás é pouco clara. Parece ser que realmente existiu un home con ese alcume en Ventosela, pero o que está claro é que non foi o fundador de Redondela nin moito menos. Outras teorías o sitúan en Cedeira, parroquia onde existen a Fonte de Carallás e a Poza de Carallás. Distantes unha de outra, o máis lóxico é pensar que foron feitas por alguén alcumado Carallás

Segundo Antonio Orge, sobre o 1900, no xornal “Vida Social” de Vigo aparece a lenda:

Aquí fas quen sempre fas,

aquí fas quen sempre vela,

aquí fas Xan

fundador de Redondela.


Fermín Alfaya afirmaría que estas verbas serían obra de Buenhijo Pérez Sobrino.


No Entroido de 1916 Xan Carallás desfila por primeira vez polas rúas de Redondela:

El miercoles, debido a la iniciativa del Centro Deportivo, se organizo mi llamado entierro de la sardina≫, que se bautizo con el nombre de ≪entierro de la cacheira≫. Para que la fiesta tuviese un aliciente mas, se anuncio. la llegada del fantastico fundador de este pueblo Xan Carallas, que por la tarde entro en este pueblo acompañado de su familia y cuerpo diplomatico.

Daba escolta a la carroza en que venia nuestro eximio fundador, varios ginetes y una coleccion de pollinos que montaban varios vecinos del Viso, con bonitos disfraces.

El cortejo resulto bastante bien y de noche recorrio las calles de esta villa. En el se veian numerosas farolas de variados colores.

Luego hubo el acostumbrado sermon, en que lucieron su oratoria varios convecinos. Uno de ellos, se dedico a hacer la biografia de Xan Carallas, salpicandola de bastantes chistes.

Para oir a los que hicieron uso de la palabra, se congregaron frente al Deportivo innumerables personas, que ocuparon aquellas inmediaciones, viendose tambien los balcones completamente abarrotados.

Despues, en la mentada seriedad, hubo un banquete en honor de Xan Carallas, en que se canto, con la solemnidad de rubrica, el himno oficial dedicado al mismo y cuya letra es la sigutente:

Cantemos himnos a la memoria

de que aquel guerrero trabajador;

que a Redondela ha dado gloria

y mostro siempre su gran valor.


Xan Carallás cuenta la historia

fue nuestro padre y fundador,

y a el debemos su gran notoria

fama probada de bebedor.


Hubo tambien los consiguientes discursos y termino la fiesta dentro del mayor orden.

 

             

En maio dese ano, aproveitando unha excursión á Festa do Carme en Nespereira, organizada polo Centro Científico Deportivo, volveron a pasear o Xan Carallás:

            A eso de las diez, se dijo entre los excursionistas, que llegaba por Sajamonde, el fundador de Redondela, nuestro Xan Carallás, y a esperarle fueron todos, acompañados tambien de la banda de musica de Cabeiro, que amenizaba la fiesta.

            Despues de aguardar un buen rato, llegó el obeso personaje con su guardapolvo al brazo, acompanado de la servidumbre palaciega. Se dieron entusiastas vivas y la musica, gaita y resto de la sinfónica batió la marcha real.

            Ya todos en marcha hacia la capilla a cuyos alrededores se celebraba la fiesta, las gentes de la aldea se arrodillaban al paso de nuestro historico Xan, que iban bajo «en paraguas de familia» de colasales dimensiones, los niños permanecían asombrados y las ovaciones se repetian incesantemente.

 

 

En xuño de 1924 aparece en Faro de Vigo a noticia do accidente sufrido polo barco “Xan Carallás” propiedade de Santiago Serín.


Tamén fala Orge da existencia dun retrato feito ao óleo por Castelao e baseado nun bocexo anónimo de Xan Carallás. A partir deste cadro Pisquito faría un mural no desaparecido bar Mougás na rúa Cruceiro.

A Félix Cal a súa avoa Fermina contoulle que no café de señora Carme (a de Estrella) Castelao debuxou a figura de Xan Carallás.

O que sabemos de certo é que un grupo de amigos pedíronlle a Castelao, nunha das súas visitas a vila, un debuxo para formar unha peña. Pouco despois, a través do xornal Faro de Vigo, lograrían o ansiado debuxo, que foi publicado no ano 1930 coa inscrición xa por todos coñecida:

Aquí fas, quen sempre fas.

Aquí fas, quen sempre vela.

Aquí fas Xan Carallás

Fundador de Redondela


Este debuxo sería unha reprodución do orixinal que recibira Amador Pérez Sousa de mans de Castelao como agasallo.

 

Peña de Xan Carallás 

En 1946 os fundadores da Peña Xan Carallás foron: José (Sesé) Fervenza Núñez, Isidoro Pereira Otero (Campanero), Félix Fernández Núñez, Luis Alfonso Pereira Fernández “Militón”, os irmáns José “Sesé” e Benito Fernández Crespo, Cándido Corujeira Núñez, Alejandro Castro Pérez “Xaropo”, José Villaverde Figueroa, Manuel Rodríguez, Francisco Táboas Rodríguez “Paco Triscallo”, José Martínez Seoane, Andrés Figueroa Barros “Patatero” e Alfonso Otero Figueroa “Roche”.

Outros participantes das primeiras edicións serían: Jesús Boullosa “el Carnicero”, Celso González Sequeiros (dono do Bar Redondela en Bouzas), José Martínez Seoane “Cabeza de Plata” ou “Pepe de Arbitros”, Manolo García Casqueiro “Mirón”, Paco (tío de Alfonso Pereira), Padín (garda civil retirado), José García García (recadador da contribución), José Silvent, Juan Ipiña Otero, Aniceto Otero, Edmundo Villasanta, Eusebio Pereira (de Soutomaior), Casimiro Sánchez Otero “Mirito”, Urbano, José Pérez Rivero “Pepiño Lambido”, Manuel Muradás “Belorcio” e Manuel rodríguez Rodríguez “Reigosa”.

A parte dos anteriores, cada membro da peña podía levar invitados, polo que nas fotografías antigas pode aparecer máis xente.

 
Peña de Xan Carallás. Foto cedida familia Fernández Otero.
         
          A súa principal actividade era subir con gaitas, pandeiretas, cunchas de vieira e charrascos ao Carballo das Cen Polas (Reboreda). Alí, cociñeiros e camareiros os agardaban cunha gran comida, onde non faltaban marisco, viño e licores. Por suposto, como en calquera festa lanzaban bombas de palenque. A subida facíase en coches e a baixada era a pé e cada un como boamente podía.
A “mascota” da peña era a reprodución de Xan Carallás, feita en madeira, por Sesé Fernández. Esta, era literalmente atada ó capó do coche antigo propiedade de Manolo García. Unha vez en Reboreda, colgábanlle unha cunca de tinto á gorxa e púñanlle un cigarro na boca, para que tamén desfrutara da festa.
Cada vez que entraba un membro novo na peña, era bautizado con viño tinto pola persoa que o apadriñaba. Durante o resto do ano organizaban xantares, coma por exemplo no entroido, e excursións. Nalgunhas delas tamén participaban as súas mulleres e fillos.
Durante dous anos, foron os encargados da organización completa desta festa. Como curiosidade, dicir que a súa máxima contribución fíxoa Juan Ipiña, mecánico de profesión, quen no 1956 lle puxo un motor a Coca. Isto causou sensación na vila, porque era a primeira vez que a Coca andaba sin que ninguén a empuxara. Pero debeu de ter os seus detractores xa que nunca se repetiu a fazaña.

A talla de Sesé nunha postal antiga. Foto cedida por Ramón P. Muíños.
 
 
Peña Os Fillos de Xan Carallás
Co decorrer dos anos e a entrada de novas xeracións na peña, perdeuse o espírito das primeiras edicións e, nos sesenta, desapareceu definitivamente. Mais, nesa mesma década, formarase a Peña os fillos de Xan Carallás, presidida por Sebastián Fernández Otero e constituída en gran parte por fillos dos integrantes da peña orixinal. Esta nova aventura ía durar ata principios dos oitenta. Logo, habería outros rexurdimentos pero xa con distinta xente.
O concello de Redondela, con Pedro Otero Rey como alcalde, alargou nos anos 60 a duración das Festas da Coca instaurando, durante varios anos, o día de Xan Carallás, celebrado por primeira vez en 1967. Este saía nun carro de bois, acompañado dun barril de viño, cedido polo dono do Restaurante Xan Carallás, e un bo feixe de rosquillas que se repartían entre os asistentes. Nas primeiras edicións ía a bordo dunha gamela chamada D’ostrás. 
 
Peña os Fillos de Xan Carallás. Foto cedida por Sebastián Fernández

Himno da Peña Xan Carallás, obra de Fernando Feijoo Martínez. Familia Fernández Otero.

Orde de Xan Carallás.
Coma alternativa fundouse a Orde de Xan Carallás no 1970, con Amado González Cardama (ex alcalde da vila) ao fronte. A organización da festa foi diferente, cómese nun restaurante e, en lugar dun grupo de amigos, é mais unha xuntanza de empresarios da vila con persoas ligadas á lenda de Xan Carallás. Os bautismos tamén son diferentes. O padriño, tomando ó Xan Carallás coma se fora unha espada, golpea ó novicio no ombreiro esquerdo, no dereito e na entreperna, recitando: Polo bo comer, polo bo beber e polo bo... Unha novidade é o obsequio a tódolos membros da orde dun diploma no que se lles acredita como tales.
Dentro da Orde e para amenizar as veladas, tanto Amado coma Pisquito (fillo), inventaron numerosas e fantasiosas historias, coma a súa relación con Pentagruel, logrando así manter viva a lenda de Xan Carallás. 

Diploma da Orde de Xan Carallás Foto cedida por Alejo Amoedo
Coplas de César Pazos Comesaña "Pisquito" para a Peña de Xan Carallás, 1965. Familia Fernández Otero


Escultura
No 2019 colócase na Alameda unha escultura de granito representando a Xan Carallás realizada por Juan Vázquez Pérez. Nos 60 José Fernández Crespo “Sesé”, fundador da Peña Xan Carallás, xa lle adicara unha de cemento para adornar a súa finca na Praza Ponteareas. 
 
Finca de Sesé nos 80. Foto familia Fernández Otero

Autor: Juan Migueles

BIBLIOGRAFÍA

Alcuños de Redondela. Francisco X. Sobral Crespo.

Galiciana- http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es => El Pueblo Gallego

Aportes Matilde Fernández e Gonzalo Amoedo.

Entrevista a Amado González Cardama e José Fernández Crespo.

Faro de Vigo

La Idea, El Soplete

 



miércoles, 6 de mayo de 2020

Cantigas de Tasca e Furancho (I)


Botando unha ollada ás letras das antigas cantigas de Redondela poderiamos dividilas basicamente en dous grandes grupos: as que exaltan as belezas da vila e as que critican sen piedade.


Tiene cosas Redondela,
son cuatro a pedir de boca
San Cristobal, los viaductos
San (no se dice) y la Coca

Unha nova de 1910 danos conta do veleno dalgunhas coplas:

Comisión Provincial. Informar á superioridade que procede desestimar o recurso interposto por Josefa Sánchez, Ramona Rodríguez, Carmen Rincón, Emilia López e María González, contra providencia da Alcaldía de Redondela que lles impuso a cada unha multa de 5 pesetas por cantar coplas ofensivas ás autoridades perturbando a orde e dando ocasión a loitas persoais. (19100800 La correspondencia gallega)

Poucos anos despois as coplas volven a ser noticia. Claudio Contreras Valiñas, coñecido como O Chato, era un avogado implicado na causa agraria, participando en varios mítins antiforais e chegando a presentarse en 1911 a deputado provincial. Chegan entón as eleccións municipais de 1912 co resultado de 10 concelleiros agrarios por 9 rietristas. Claudio Contreras decide daquela trocar de partido, o que lle permite ser nomeado alcalde como rietrista. Catro anos despois deixa a alcaldía por ser nomeado Deputado provincial. Sendo xa considerado o cacique de Redondela, acada o control total da vila co nomeamento en 1918 como alcalde en funcións do seu irmán Ricardo, quen xa ocupara varios cargos como o de recadador de contribucións ou o de mestre habilitado. Todo isto provocou que lle adicaran unha canción coa música do daquela popular “Vals de los Apaches”, co estribillo:
Traidor, traidor,
pillo, granuja e malvado,
si te hicieron diputado
fue porque has vendido tu honor.

Esta cantiga sería incluída no índice de obras prohibidas polo alcalde de Redondela. Os que a cantaban eran encarceados e os gardas municipais prestaban especial atención ao lavadoiro, onde as mulleres amosaban predilección por dito vals. Para compensar os partidarios do cacique tamén lle adicaron unha cantiga a Gregorio Espino, quen se enfrontara a Raimundo Riestra nas eleccións a deputado a cortes por Redondela.

A continuación e para rematar, reproducimos unha recompilación de antigas cantigas de Redondela ou nas que se cita á nosa vila. Algunhas son moi populares e seguen a cantarse e outras son vellas cancións que case ninguén lembra e que se oían nas tabernas, no entroido, nos furanchos ou nas festas, polo que poden aparecer incompletas.

O POLORRI
Cantiga que aparece en distintas vilas galegas, adaptándose a letra á cada lugar. A versión redondelana é a seguinte:

Polo río Alvedosa baixaba unha ghamela,
Xan Carallás, Carallás.
(bis)
cheíña de borrachos todos de Redondela
Xan Carallás mariñeiro, Xan Carallás borrachón.
(bis)

Redondela e tan pequena que non sae no mapa,
Xan Carallás, Carallás.
(bis)
pero bebendo viño coñecenos o Papa
Xan Carallás mariñeiro, Xan Carallás borrachón.
(bis)

Redondela é unha vila con dúas pontes no medio,
Xan Carallás, Carallás.
(bis)
na entrada unha capilla á saída un convento.
Xan Carallás mariñeiro, Xan Carallás borrachón.
(bis)


A CANCIÓN DE FAUSTINO (OU DA PORTELA)
Composta por Arximiro Fuentes Pérez, quen empezou a traballar como garda municipal da vila en 1928, tamén exerceu como bedel do Casino de Redondela.

¡Hay que ver! ¡Hay que ver!
Redondela como ha prosperado,
que dicen van a hacer
a la Portela una carretera.

Y si esto es verdad,
Faustino nos hará un merendero.
¿Con qué?

Con vino de lo mejor,
ribeiro, Sotomayor,
de merluzas habrá un vivero.

También tenemos artistas
en este pueblo, en este pueblo.
Que se fueron de turistas
y ahora vuelven llenos de miedo.

(bis)


COPLA ÁS TRABALLADORAS DE REGOJO. Escrita por Xosé Fontenla Cal “Pescuecitos”

A inundación que hubo en Vilavella,
non foi por causa do río ó desbordar.

Foi porque todas, as da camisería,
marcharon todas xuntas a mexar ó Salgueiral.


CANCIÓN DO OSO DA RABADEIRA

En febreiro do 1934 apareceron as pegadas dun oso na Rabadeira. Este feito causou tanta expectación que se popularizou a frase: “Non vaias a Rabadeira que che pode aparecer o oso”.
Fuimos a la Rabadeira
a ver si estaba el oso
y nos hemos encontrado
con las bromas de un gracioso.

Dichoso oso que no aparece
ni con luces de candil
en los rincones más apartados
señalados por “Pení”.

Y “Faneco” sofocado
nos dijo entristecido
yo me subí al balado
que hay al lado del camino.

Y he visto y no lo digo
que el oso es un animal
que enfurecido no respeta
ni las barbas de Don Juan.

(Bis estribillo)


CANCIÓN A PORFIRIO

Esta cantiga adicoulla César Pazos Pisquito ó seu amigo Porfirio. Resultado: Porfirio pasou anos sen falarlle.

O señor de don Porfirio
Ten unha moza en Borbén.
Según din as malas lenguas
dis que tira máis que o tren.

Dis que tira, dis que tira, dis que tira,
dis que tira de verdad.
Dis que tira, dis que tira, dis que tira,
Porfirio mais Soledad.

Moito porco, moito porco
moito hueso de Xoán
e Porfirio agradecido
non fai mais que meter man.

(bis estribillo)


AI, LÁ

A Peneda está nun alto
Redondela nun baixiño.
La-laralalá-lalá
(bis)
Pero no medio do pueblo
está o pelexo do viño.

Ai lá-laralalá-lalá
Ai lá-laralalá-lalá
Ai lá-laralalá-lalaaaa
Ai...lalaralala-lalá

Si queres mozas bonitas
non perdas tempo en buscalas.
La-laralalá-lalá.
(bis)
Ven buscar unha choqueira
porque aquí todas son guapas.

(bis estribillo)


COPLA nº 1

Por ir ó baile
da Ramallosa,
por ir ó baile morena,
perdín a moza.

Perdín a moza,
quedei sin ela,
por ir o baile
de Redondela.


COPLA nº 2 (Cantar a dúas voces)

Cuando voy a la Junquera a pasear
que tranquilo y que sereno es el rumor.
Y al oír tu grato acento murmurar
yo latir con fuerza siento el corazón.

Niña despierta y abre tus alas,
que tus miradas hacia mi derechas van
y la esperanza en ti se cifra
tu eres mi dicha, mi dicha y mi loco afán.


COPLA nº3 (Incompleta)

Gaitero de Redondela
ofrecícheme unha tunda
e agora veño a por ela.


OUTRAS COPLAS DA PEÑA XAN CARALLÄS

Foi Xan Carallás
Fundador de Redondela
o primer borracho
sen haber taberna

A Coca de Redondela
esperaba no camiño
a que Xan Carallás
lle dera un pouco de viño

COPLA nº4
Esta copla a parece noutros puntos de Galicia trocando o topónimo. Esta é a nosa versión:

O Carballo das Cen Polas
ten as follas reviradas,
que llas revirou o vento
nunha mañá de xiada.

RECOPILACIÓN DE COPLAS
Coplas recollidas en Colección de cantares galegos. José Casal Lois. Consello da Cultura Galega.

1
Pola mar abaixo vai,
pola mar de Redondela,
pola mar abaixo vai
quen no corazón me leva.

2
A túa honra, meniña,
xa pasou Redondela,
si me pagas con diñeiro,
eu che direi quen a leva.
3
Fun pola Peregrina
á vila de Pontevedra,
por San Roque fun a Vigo,
por Corpus a Redondela.

4
Namoreime en Redondela
é vin xantar en Padrón,
merendei en Paradela,
e vin cear a Corcubión
5
Este cantarciño novo,
quen o traería a esta terra,
unha miniña pequena,
da vila de Redondela.

VEXO VIGO
(Recollida en www.fillos.org/galicia)

Vexo Vigo, vexo Vigo
Tamén vexo Redondela
vexo a ponte de Sampayo,
camiño da miña terra.

Ó subila i-ó baixala
a costa de Reboredo
ó subila i-ó baixala
perdín a cinta do pelo.

Canto máis alto, máis alto,
nenas de Vilamaior,
canto máis alto, máis alto,
canto máis alto, millor.

Para mulas, Monterroso;
para vacas Guimarei,
e, para nenas arrogantes
terras donde m’eu criei.

As mociñas de Melide
choran e teñen razón
porque ningunha se casa
de presumidas que son.

Indo por Campos abaixo
n’encontrei senón ortigas ;
indo por Melide arriba
ai qué lindas raparigas!

Eu fun á Boente de riba
afiar o meu puñal,
para pasear de noite
ese camiño real.

Anque che son de Barreiro,
non che teño que perder,
ó que se meta conmigo,
a sangue ll’hei de beber.

Santiago é boa vila,
dá de comer a quen pasa;
levando cartos na bulsa,
pan trigo haino na plaza.

Indo para Portugal,
chegando á pena redonda,
acordáronseme as nenas,
e non sei si che volva!

Para cantar, viva Ordens;
para bailar, Folladela;
para mozos arrogantes,
vivan os da miña terra.

As nenas de Paradela
demas Dios para cantar;
Gargantiñas como elas,
d’aquí á Roma non-as hai.

Adiós, calle de Mellí;
adiós, campo de San Roque;
adiós, muiños de petos;
adiós, taberna do Forte.

Viva o Forte, viva i Forte;
i-o Ribeiro tamén viva!
entr’o Forte i-o Ribeiro,
alí teño a miña vida.



A aldea de Paradela,
de lonxe parece via;
hai uhna rosa na entrada
i-un carabel na salida.

a aldea de Visantoña
è ruín porque a fan;
se lle botan a semente,
tamén dá o azafrán.

Somos rapaces de Moldes,
de Moldes che somos nós;
i-anque chesomos de Moldes,
sabemos servir á Dios.

Ai a aldea de San Cosme
rodeada de fieitos!
O amor que n-ela entre,
ha de ser dos escolleitos.

Quero unha moza de Campos
c’unha saia de picote
e n’a quero de Melide
con tres mil reás de dote.

O muiño de Naseiro
bota a fariña por abaixo,
o que queira guapas mozas
ten que chegar á Tradiago.

O muiño de Naseiro
bota faniña por riba,
o que quiera boas mozas
pase pol-a ponte arriba.

Teño uhna moza nos Condes,
outra no Ribeiro d’Avia;
s’a dos condes é bonita,
a do Ribeiro lle gana.

Fuches á Villagarcía,
fuches e non viches nada,
non viches raiar o sol,
n’uhna mazán colorada.

As mociñas de Furelos
ben se poden alabar,
uhna taza de fariña
non-a saben amasar.

A Castela van os homes,
á Castela pra ganar;
Castela queda na terra
pra quen queira traballar.

Sempre m’andas preguntando
de que romería veño:
veño da feira de Curtis,
da feira de Curtis veño.

Comín castañas asadas
que viñeron de Padrón,
e bebín auga do rego,
matoume no corazón.


Autor: Juan Migueles


miércoles, 18 de diciembre de 2024

Castelao e Redondela.

 

 

O guía da danza das espadas. Por Castelao.

            No Museo de Pontevedra atopamos un cadro de Castelao no que reproduce a figura do xefe da danza das espadas. Dada a avanzada idade da persoa retratada podería tratarse de Juan Puertas Fervenza “Ley”, quen dirixira a danza entre 1884 e 1928,iniciando unha saga familiar que tería continuidade en Fernando Puertas Fervenza“Ley II” e Fernando Puertas Rodríguez “Ley III”. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/mestres-da-danza-das-espadas.html )

            Esta obra engádese ao popular debuxo de Xan Carallás que entregou a Amador Pérez Sousa. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/xan-carallas.html ). Este cedeuno para á súa publicación no Faro de Vigo en 1930 e crearía a prancha para reproducilo na súa imprenta, polo que tamén aparecería, en 1932, en El Soplete, xornal que dirixía. Castelao fixera amizade con Amador nas súas numerosas visitas á nosa vila, pero anteriormente xa fora compañeiro de José Bouzón Rosales durante os seus estudos de Menciña. Tamén consideraba como amigo seu e padriño literario ao poeta redondelán Ernesto Casto Padín Lorenzo. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/padin-y-lorenzo-ernesto-casto-redondela.html )

Debuxo de Xan Carallás. El Soplete

 

        Outro debuxo con temática redondelá sería o realizado en 1917 cando decorou as paredes do desapareciddo Café Royalty de Pontevedra recreando personaxes populares da comarca entre os que se atopaba o chamado "Torero de Redondela". En Redondela, Fermina, avoa dos fotógrafos Raimundo e Félix Cal, contoulles que nunha das mesas de mármore do Café América, debuxara a figura de Xan Carallás. Tamén se conta que realizara un cadro ao óleo de Xan Carallás que sería copiado por César Pazos "Pisquito" para decorar a taberna de Mougás, na rúa Cruceiro.

        Por último citar a obra "As cruces de pedra na Galiza", na que Castelao debuxa algúns cruceiros e cruces do noso concello.

Cruz da Casa do Carballo. As cruces de pedra na Galiza.

 

        Non sabemos cando visitou Redondela por primeira vez, pero é de supor que como membro da Liga Agraria de Acción Gallega, asistiría á VI Asamblea Agraria de Galicia celebrada en Redondela en 1915.

        En 1930, durante unha reunión do Padroado do Museo de Pontevedra, mantén unha forte discusión co redondelán Casto Sampedro. Castelao argüíu que o Museo debería ser autónomo da Deputación e Sampedro defendeu a súa ligazón. Castelao acabaría por desculparse por medio de Alejandro Mon e o Marqués de Riestra, e posteriormente en carta pública ao presidente da Deputación. Sampedro aceptaría as desculpas dando por rematado esta polémica. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/sampedro-folgar-casto-antonio-redondela.html )

        En decembro de 1931 é un dos fundadores do Partido Galeguista e tan só catro meses despois organizaríase o Partido Galeguista de Redondela, que chegou a ter unha publicación propia titulada Terra!, dirixida por Avelino Cal e na que colaboraría Castelao xunto a outros destacados galeguistas: Paz Andrate, Otero Pedrayo, Bóveda... (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/xornais-de-redondela.html )

        Dentro da súa actividade neste partido participaría como orador en varios actos, tanto na nosa vila como en Chapela a onde acudiu en 1933. Pola súa relevancia, poderiamos citar ademais o acto a prol do Estatuto de Galicia celebrado na Xunqueira en 1936. Aproveitando a estancia na nosa vila por mor nun destes actos, en outubro de 1932, no cine Nuevo Cinema da unha conferencia sobor do arte da caricatura. Nun principio ía celebrarse no Centro Republicano pero desbotouse pola gran afluencia de xente que se agardaba. Desde Vigo organizouse una excursión en autocar e nun xornal comentábase que “media hora antes do acto non se podía entrar”. En febreiro de 1934 tamén participara na homenaxe celebrada en Trasmañó na memoria do seu maior benfeitor, Benigno F. González. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/03/gonzalez-benigno-f-trasmano-emigrante-e.html ) e ese mesmo ano asistiría ao enterro de Xosé Mª Blanco Alfaya, concelleiro de Redondela polo Partido Galeguista. 

Mitin a prol do Estatuto. Foto publicada en Galeguismo e sociedade na Redondela da II República

Lois Barros. Edicións do Castro.


 

        A gran pregunta sería se Castelao se inspirou en xentes de Redondela para outros debuxos e ata para a creación de personaxes literarios, como parece ser que ocorreu con Manuel Chichí, que poido servir de inspiración na obra Os dous de sempre. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/personaxes-1-metade-do-s-xx-4-manel.html )

      

        O debuxo de Xan Carallás sería reproducido en madeira por Sesé Fernández (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/03/fernandez-crespo-jose-sese-e-benito.html ), Antonio Martínez "Tonacho" (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/03/martinez-alvarez-antonio-tonacho.html ), Pablo Álvarez (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/03/alvarez-pablo-bola-ourense-1974-ebanista.html ) ou Pablo Giráldez "Pastor", quen o disfrazaría para un cartel de entroido (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/03/giraldez-rio-pablo-o-pastor-reboreda.html ), entre outros. Varios artistas realizarían as súas propias reproducións noutros materiais como cerámica ou bronce. Merece mención a parte o citado Sesé Fernández, porque ademais de tallar en madeira a Xan Carallás realizaría numerosas obras baseadas en outros debuxos de Castelao. Entre as súas exposicións a que lle causaría máis ilusión sería a ofrecida en Rianxo, vila natal de Castelao.

Debuxo de Castelao, por Sesé Fernández.


        Para rematar a relación de Castelao con Redondela, en 1988, o concello aproba darlle o nome de Daniel Rodríguez Castelao á Alameda. Este sería o lugar para erixirlle unha estatua que sería inaugurada o Día das Letras Galegas de 1987.

(Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/10/esculturas.html )


Autor: Juan Migueles



BIBLIOGRAFÍA

Xan Carallás de Redondela. El mito, la figura, la Orden. José Martínez Crespo. Ed. Orden de Xan Carallás.

Alcuños de Redondela. Francisco X. Sobral Crespo. Ed. Cardeñoso.

Ernesto Casto Padín Lorenzo. Un poeta redondelán. Carlos Antuña e Dolores Míguez. Ed. Coordenadora de equipos de normalización lingüistica dos centros educativos de Redondela.

Galeguismo e sociedade na Redondela da Segunda República. Lois Barros. Edicións do Castro.

Redondela, crónica dun tempo pasado. A Segunda República e o primeiro franquismo. Gonzalo Amoedo e Roberto Gil. Edicións do Castro 2002.

Galiciana- http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es => Vida Gallega, El Diario de Pontevedra, El Pueblo Gallego...

Museo de Pontevedra

El Soplete