domingo, 19 de junio de 2022

Baldomero Táboas Martínez (Redondela/Vigo, marzo 1974)

 

Secretario de Concello. Represaliado.

        A primeira nova que atopo del é exercendo como perito en Redondela en 1904. Foi redactor do xornal local La Opinión.

        En 1914 xunto a Antonio Orellana Pereira, Severo Rivas e José Pereira Míguez, presentou recurso de alzada contra acordo do Concello de Redondela nomeando secretario da Corporación a Celso Milleiro Seoane. Pechadas as portas do noso concello exerceu como secretario dos concellos de Nogueira de Ramuín (1915, xaneiro-1923), Amoeiro (en 1917) e dende 1925 de Ponteareas, habendo daquela 41 aspirantes a esta última praza. Durante a Segunda República foi presidente de Unión Republicana nesta última vila. Foi depurado despois do golpe de estado de 1936 abríndoselle expediente de responsabilidades políticas. En xuño de 1937 publícase un edicto para que varios funcionarios, entre os que se atopaba, comparezan no Concello de Ponteareas para que sexan escoitados polo xuíz que lles segue expediente, porque non foron localizados nos seus domicilios.

        Nesta época exercería como secretario do concello de Lavadores, anexionado a Vigo en 1941. En decembro dese ano aparece como residente en Vigo nunha lista de persoas ás que se lles instrúe expediente. En outubro de 1942 aparece exercendo como secretario adxunto de Vigo. Ao mes seguinte interpón un recurso contencioso administrativo contra o concello de Vigo polo seu cese. Sería reposto a principios dos anos 50. En 1954 atopámolo exercendo como secretario de Redondela, probablemente asumiría o cargo como interino ata novo nomeamento, porque seguía como secretario adxunto do concello de Vigo, posto no que xubilou en 1957. Faleceu en Vigo en 1974, sendo soterrado no cemiterio dos Eidos.


Autor: Juan Migueles


BIBLIOGRAFÍA

Cupo de Manuel Otero, 1904. (Arquivo J. Migueles)

Galiciana- http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es => La Correspondencia Gallega, Noticiero de Vigo, El Correo de Galicia, El Tea, La Noche, La Región, El Compostelano, El Pueblo Gallego

 

Isidoro Queimaliños Queimaliños (Redondela, 22-10-1850/Redondela 7-12-1904)

 

Isidoro Queimaliños, 1895. Foto cedida por Alfonso Calvo
Isidoro Queimaliños, 1895. Foto cedida por Alfonso Calvo

Médico, xornalista e alcalde.

Médico moi implicado cos menos favorecidos. Despois de estudar Latín e Humanidades en Tui, licenciouse en Menciña na Universidade de Santiago en 1877. En 1881 xa aparece exercendo en Redondela. Ao ano seguinte é nomeado médico interino do cárcere, confirmándose o nomeamento en 1888. En 1893 o Ministro de Gobernación resolve ao seu favor contra un acordo do Gobernador interino de rebaixar a 730 pesetas o seu soldo de 999 pesetas como médico do cárcere. En 1894 faleceu o Bispo de Tui, Fernando Hüe Gutiérrez, a quen atendeu xunto a varios médicos de Tui, pasando el a última noite co enfermo. Na nosa vila tamén exercería como subdelegado de sanidade. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/10/sanidade.html )

A nivel político militaba no Partido Liberal, sendo nomeado Alcalde de Redondela por R. O. en xuño de 1899. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2019/02/alcaldes.html )

Tamén exerceu como xornalista, escribindo no xornal madrileño El Siglo Futuro e no pontevedrés El Áncora. Ademais sería redactor dos xornais locais La Verdad e La Idea. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/xornais-de-redondela.html )

En maio de 1897 aparece como vocal da Xunta da peregrinación á Lourdes. En 1900 doou á igrexa de Redondela unha efixie da Virxe dos Dores, construída en Santiago.

Faleceu o 7 de decembro de 1904 aos 55 anos de pulmonía na casa que o vira nacer. En 1905 por subscrición popular levantouse un mausoleo na súa tumba e pouco despois puxéronlle o seu nome á rúa na que vivira. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/toponimia-rueiro-de-redondela.html )


Autor: Juan Migueles


BIBLIOGRAFÍA

A prensa en Redondela. Aproximación histórica 1883-1933. Gonzalo Amoedo López e Roberto Gil Moure. Ed. Concello de Redondela. 2001.

Internovas. Historias de Redondela (Web desaparecida). Prensa en Redondela 1883 - 1933. Luis Pereda.

Arredor de nós. Historia da Policía Local 1863-2003. Gonzalo Amoedo López e Roberto Gil Moure. 2003.

Unidade didáctica. Personas que dan nome as rúas e prazas de Redondela. Xosé Manuel Moreira Docampo. (Inédito. Fondos da Biblioteca Municipal de Redondela)

Galiciana- http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es => Boletín Eclesiástico del Obispado de Tuy, El Movimiento católico, El Áncora

Na Biblioteca Nacional de España: www.bne.es => Gaceta de Madrid, El Correo español, El Siglo Futuro,

La Voz de Galicia

 

jueves, 16 de junio de 2022

Manuel Otero Lago “Xisma” (Vilavella, 1870/25-2-1950)

 

 

Manuel Otero Lago. Foto cedida pola familia Fernández Otero


        Empresario Conserveiro, Alcalde de Redondela e Sacristán das Monxas de Vilavella.

        Na súa infancia axudaba aos seus pais na tenda e cuns 10 anos tiña a tarefa de levar a cabalo as provisións para os peóns do ferrocarril que estaban a construír o túnel dos Valos. Saía ás 5 da mañá polo que á volta viña tan canso que quedaba durmido seguindo o cabalo o camiño que coñecía de memoria. Co andar do tempo chegou a ser dono dunha empresa conserveira na actual Rúa Padre Crespo. Esta fábrica tiña na entrada un bar que daba servizo tanto aos empregados como aos veciños e na outra beira posuía unha casa na que abriu unha tenda de comestibles. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/12/empresas-do-mar.html )

 

        Foi durante uns 12 anos concelleiro pola parroquia de Cabeiro, a onde se desprazaba a cabalo. Daquela o camiño para chegar a esta parroquia desde Redondela era de terra. Para tratar de mellorar esta situación logrou levar a Cabeiro a un Deputado, volvendo avergoñado porque ao chegar os veciños lle cantaron: “Serás Deputado e chegarás a ser Ministro pero como non arranxes o camiño encoméndate a Jesucristo.” Un exemplo das súas intervencións no Concello sería no pleno 6 de novembro de 1920 cando como concelleiro prega: “... á alcaldía que ordene á garda municipal non permita tender a roupa de ningunha clase na reixa que circunda o terreo do convento, pois elo desdí o ornato público”. Tralo Golpe de Estado de Primo de Rivera foi nomeado alcalde, cargo que abandonaría aos poucos días. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2019/02/alcaldes.html )

 

Manuel Otero de mozo. Cedida pola familia Fernández Otero
Manuel Otero de mozo. Cedida pola familia Fernández Otero

        Tamén sería presidente da confraría de Ánimas de Vilavella, pertencendo a varias asociación relixiosas máis. Outro cargo que ostentaba era o de Sacristán das Monxas do Convento de Vilavella. Entre as súas atribucións estaba a de empregar un cuño co que lacraba os barrís de madeira, que facía cos seus fillos con madeira de salgueiro. Nestes barrís envasábanse os doces elaborados polas monxas e que chegaron a ter certa sona a nivel nacional. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2019/02/o-convento-de-vilavella.html )

Selo do Sacristán. Foto: J. Migueles
Selo do Sacristán. Foto: J. Migueles

Autor: Juan Migueles


BIBLIOGRAFÍA

Aportes orais Matilde Fernández

Galiciana- http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es


miércoles, 15 de junio de 2022

Carolina García Tenreiro (Neda (A Coruña))

Primeira concelleira de Redondela.

Mestra de profesión comezou a súa carreira docente como interina en Aranza (Soutomaior), praza á que renuncia en 1914. Despois sería substituta en Codeseda (A Estrada) e Salceda de Caselas. A finais de 1916 foi nomeada mestra de Guláns (Ponteareas), alí púxose a mal co párroco quen a levou aos tribunais. O xornal "El Tea" conta que a sentenza non sería cumprida por presións de arriba pero o cura xunto co deputado Sr. Barrón, conseguiron que o seu nomeamento como mestra de Guláns quedara sen efecto.

En agosto de 1918 sería nomeada mestra substituta en Vilaboa. Logo exercería en Chaín (Pontecaldelas), entre maio de 1921 e xuño de 1926, cando foi nomeada mestra de Santo Paio de Arriba (Reboreda). Despois de pasar pola escola de Ventosela, en marzo de 1935, volve a tomar posesión da de Santo Paio de Arriba, onde ensinaría ata a súa xubilación en 1943.

Militante do Partido Radical, foi a primeira muller Concelleira de Redondela tomando posesión o 13 de novembro de 1934. En 1935 formaría parte da comisión organizadora das Festas da Coca. Algunhas das súas intervencións como concelleira:

Interesa se abone la indemnización de Casa habitación aos mestres o máis axiña posible e sen preferencia. (Abril 1935)

Denuncia o estado ruinoso dunha casa en Reboreda. (Xullo, 1935)

Interesa se abone la indemnización de Casa habitación aos mestres o máis axiña posible e sen preferencia. (Outubro 1935)

Interesa o arranxo da fonte da Esfarrapada que se atopa en malas condicións. (Decembro 1935)


Outra das súas preocupacións era o exceso de velocidade dos coches que cruzaban a vila. Era chamada polos seus detractores Carolina “Guau Guau” por ir a todos lados acompañada do seu can.

Sofreu proceso de depuración, sendo suspendida de emprego e soldo o 1-9-1936 e reposta en abril de 1938. En maio de 1944 concédenselle 2.000 pesetas de haberes pasivos como mestra xubilada.


Autor: J. Migueles


BIBLIOGRAFÍA

Redondela, crónica dun tempo pasado. A Segunda República e o primeiro franquismo. Gonzalo Amoedo e Roberto Gil. Edicións do Castro 2002.

El Pueblo Gallego

 

Mercedes González Rodríguez (Chapela)

 

Mercedes González El Correo Gallego
Mercedes González El Correo Gallego

          Sumiller natural de Chapela e afincada en Lugo. Presidenta de Gallaecia, Asociación de Sumillers de Galicia entre 2010 e 2014. Gañadora da segunda edición de Ambassadeur du Champagne de España. É a primeira formadora homologada, embaixadora do Consejo Regulador de la Denominación de Origen Jerez-Jerez-Sherry para Galicia e directora xerente de Asesoría Gastronómica Membajadora. Ten participado en numerosos certames e feiras como embaixadora do viño galego, dando a coñecer e promovendo as denominacións de orixe da nosa comunidade. Ademais é Presidenta do Club de Cata Vitislucus, expertos análisis sensorial e forma parte da Asociación Española de Periodistas y Escritores del Viño.



Autor: Juan Migueles


BIBLIOGRAFÍA

Gallaecia http://www.sumilleres.com/

Cepas y vinos. https://cepasyvinos.com

Vinetur. La revista digital de vinos. https://www.vinetur.com

Galiciana- http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es =>El Correo Gallego

 

martes, 14 de junio de 2022

José Alejandro López (Buenos Aires (Arxentina), 1905)

 

Portada dun libro de José Alejandro López

        Cirurxián. Descendente de galegos, o seu pai era de Redondela e a súa nai dunha aldea preto de Santiago de Compostela. Graduouse en menciña antes da maioría de idade. En 1973 publicou en Buenos Aires: La hernia inguinal simple (su tratamiento quirúrgico). Este sería o primeiro libro de cirurxía en ser publicado en galego. Desde 1962 todos os anos visitaba España coa súa esposa, que era tamén arxentina, pero descendente de asturianos. Foi director e subdirector do Hospital Español de Buenos Aires onde traballou durante toda a súa carreira. Membro de varias sociedades noutros países como as de Patología Digestiva e a de Proctología en España ou a de Menciña e Cirurxía en Río de Janeiro.

Entre as súas publicacións podemos citar:

Parasitología humana.

Manual de la instrumentadora.

Mientras sangra el bisturí. José Alejandro López. Ed. Plus Ultra.

De la medicina y de los médicos: aforísmos médico quirúrgicos: recordando: adiós a la cirugía. José Alejandro López. Ed. Marymar. Buenos Aires, 1977.

Cirugía y cirujanos. José Alejandro López. Ed. Marymar. Buenos Aires


        Tamén exerceu como xornalista e escritor publicando:

Embrujo español.

Cantares de tierra y cielo. (Poesía).

Adiós doctor, La vida de un medico rural


Autor: Juan Migueles


BIBLIOGRAFÍA

National Library of Medicine Current Catalog: Cumulative listing, Volumen 2. National Library of Medicine (U.S.)

La Voz de Galicia

Mientras sangra el bisturí. José Alejandro López. Ed. Plus Ultra.

 

Charina Giráldez Río

 

Charina Giráldez. Facebook

        Xornalista. Primeira muller de Redondela reporteira de televisión, participando nos noticiarios da RTVG como correspondente nos anos 90.

        Licenciada en Ciencias da Información pola UCM e experta en Comunicación Financeira pola mesma universidade. Bolseira Robert Schuman do Parlamento Europeo (Luxemburgo). Redactora en Faro de Vigo, Axencia de Noticias OTR PRESS (Grupo Z) en Madrid e A Nosa Terra. Comezou a traballar na delegación de Vigo da TVG e, logo de pasar por Ourense e dirixir a delegación de Pontevedra. Na TVG foi guionista de programas como Hai debate ou co-editora do informativo Bos días. Colaboradora da sección cultural da Revista R. Premio á Muller Unión Europea, concedida pola Rede Europea de Mulleres Xornalistas. Dende o ano 2002 colabora nos obradoiros de AGAG.


Autor: Juan Migueles

 

BIBLIOGRAFÍA

Xéneros cinematográficos? Aproximacións e reflexións. Edición a cargo de Anna Amorós e Xosé Nogueira. Universidade de Santiago de Compostela.

Wikipedia

A Nosa Terra