miércoles, 26 de enero de 2022

Historia da parroquia de Chapela (1 de 2)

 

Chapela. Fototipia Hauser y Menet
Chapela. Fototipia Hauser y Menet

3.000 a 1.800 a. C. (Neolítico): No monte Mirallo ou Penide (Cedeira/Trasmañó /Cabeiro/Negros/Chapela) atópanse catalogadas 39 mámoas desta época. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2019/02/monte-penide-monte-mirallo.html )


1.800 ao 60 a. C. (Idade de Bronce): Tamén no Monte Mirallo atopáronse machadas de bronce e petróglifos, pero destes últimos aínda non se atopou ningún en Chapela.


1250. Nace Rodrigo de Araujo y Vasconcelos, que sería o primeiro Señor da casa de Riofrío. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2019/02/pazos-e-casas-desaparecidas.html )


1561. Chapela, Trasmañó e Teis (Vigo), reúnense para pagar xuntas a alcabala, que é de 75 reais. As tres freguesías decláranse pobres, viven só da labranza e pertencen a Vigo “según antiguas costumbres”.

 

Nenos en Arealonga, anos 30. Foto: Jose Bellver
Nenos en Arealonga, anos 30. Foto: Jose Bellver

1587, censo: Dentro do arciprestado de Fragoso atopase a freguesía de Capella.


1589. Os veciños de Chapela armados con trabucos e chuzos repelen o ataque do pirata Drake.


1735. En Chapela hai censados seis pescadores e dous barcos.


1750. Aparece citado o peirao de Arealonga. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/09/instalacions-maritimas.html )

 

1752 Catastro de Ensenada. Chapela e Trasmañó pertencían á xurisdición do Val do Fragoso, concello independente de Vigo, e ao arcebispado de Santiago. Os seus límites eran: “principiando su demarcación a la parte de L. a la fuente de la Lamosa, dividiendo a la de San Vicente de Trasmañó, sigue a la piedra que llaman Rañagatos, de la cual confrontando con la mar va a dar con el río da Bouza, de donde partiendo con San Salvador de Teis pasa a la revolta y sitio de fuente alta, de aquí dividiendo a San Cristobal de Candeán, va a la Mina del Oro, y al sitio de fuente do Seixo, de allí partiendo con la de San Juan de Cabeiro prosigue al marco de Mina Alta, y a la fuente de Estripeiriña, de donde delimitando con dicha de San Vicente pasa a cerrarse con la citada fuente de la Lamosa”.

Neste documento aparece a primeira referencia a muíños nesta parroquia, cun total de 11. Noutro documento de 1763 atopamos máis datos sobre os mesmos. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2021/10/os-muinos-de-redondela-ao-longo-da.html ) Na actualidade teño recollidos 29. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/03/muinos.html )


1799. A parroquia de San Fausto de Chapela ten 80 veciños e segue pertencendo ao Arciprestado de Val do Fragoso.


1948 Chapela. Foto: Juan Pando Barrero
1948 Chapela. Foto: Juan Pando Barrero


Principio do S. XIX. O industrial Norberto Velázquez Moreno establece unha empresa de salga en Chapela. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/12/empresas-do-mar.html )


1820. A Xunta de Goberno da provincia de Galicia aproba unha nova distribución en 47 partidos xudiciais. Pasa ao partido de Redondela a parroquia de Chapela, que daquela seguía pertencendo ao Val do Fragoso (actual Vigo).


1830. Proponse ao Capitán General de Galicia como Primer Axudante, para organizar la Milicia de Voluntarios realistas da provincia de Tui a don Diego de Soto, veciño de Chapela, maior de 30 anos, propietario, oficial de Milicias retirado da época da Revolución; está reputado en concepto público por suxeito de conduta sa, bos sentimentos e desafecto ao sistema.


2ª metade do S. XIX. Establécese en Vigo The Eastern Telegraph Company, compañía inglesa encargada da instalación do cable para a comunicación telegráfica. Nas seguintes décadas a meirande parte dos seus traballadores serán veciños de Cesantes, Rande, Chapela e Redondela. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/12/empresas-do-mar.html )


O tranvía por Chapela. Vida gallega, 1922.
O tranvía por Chapela. Vida gallega, 1922.

1861: Os irmáns Víctor e Agustín Curbera Puig, fundan en Arealonga (así se anunciaba pero en realidade estaba en Punta Cacharela (Teis)) a primeira fábrica de conservas de Galicia, “Curbera Hermanos”. En 1930 construirían outra nave en Arealonga. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/12/empresas-do-mar.html )


1876, 12 de xuño. O tren chega por primeira vez a Chapela. Saíra de Vigo ás 6 da mañá.


Finais do S. XIX. Créase a Sociedad Agraria de Chapela “La Progresiva”. Foi unha das máis activas da provincia. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/03/sociedades-agrarias.html )


1905, 10 de xullo. Un raio caeu sobre a lancha de Chapela Antonio con 10 tripulantes, falecendo 3 deles. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/11/historias-do-mar-1-metade-do-s-xx.html )


1909, abril. Desestimouse un expediente instruído a instancia de varios veciños de Vigo, Cangas e Redondela; e os portos de Moaña, Teis e Chapela solicitando a prohibición da arte de pesca denominado "tarrafa". Isto provocaría protestas e manifestacións nos seguintes anos. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/11/historias-do-mar-1-metade-do-s-xx.html )


1909, 21 de agosto. Abriu as súas portas a Escola da Sociedade de Agricultores de Chapela. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/escolas.html )

 

Avenida SanTelmo, 1964. Foto Magar
Avenida SanTelmo, 1964. Foto Magar


1917, 28 de maio. Publícase a creación da escola mixta de Chapela.

1919, 10 de xaneiro. Publícase en Vigo o primeiro número de Galicia Social. Órgano de las instituciones sociales y sindicales católicos de la diócesis de Tuy, fundado e dirixido por Victoriano Ballesteros Reboreda, natural de Chapela. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2021/11/victoriano-ballesteros-reboreda-chapela.html )


1921, 31 de agosto. Inaugúrase a la 4 de tranvías entre Chapela e a rúa Victoria polo Areal. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/11/cronicas-do-tranvia.html )


1922, marzo. Inauguración da estación de tranvías de Chapela. Ese mesmo ano tamén se inaugura a estación do ferrocarril. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/11/as-estacions-de-ferrocarril-e-de-tranvia.html )


1924, 26 de agosto. Pescando preto da Cíes o vapor “Arealonga”, do armador José María González de Chapela, estoupoulle o tubo de nivel da caldeira, caendo a auga fervendo sobre o fogoneiro, Ángel Campelos Chapela, veciño do Cubillón que falecería horas despois. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/11/historias-do-mar-1-metade-do-s-xx.html )


1925. Créase a escola de nenas no barrio Igrexa. A existente pasa a ser de nenos.


1925, 22 de setembro. Un tranvía envorca pouco antes de chegar as cocheiras de Chapela. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/11/cronicas-do-tranvia.html )


1927. Primeira referencia atopada dun equipo de fútbol da parroquia, o Chapela F. C. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/07/futbol-equipos.html )


1931. Inicio das obras da actual Travesía de Vigo ata o Alto da Encarnación.


1931. Rosa González gañou o primeiro concurso de beleza celebrado en Chapela do que temos constancia. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/concursos-de-beleza.html )


Chapela, 1935. Foto Sarabia
Chapela, 1935. Foto Sarabia


1932, abril. Prodúcense despidos nas canteiras de Chapela, provocando a folga do Sindicato de Trabajadores en Construcción de Obras del Puerto de Vigo.


1933, 17 de setembro. Celébrase a proba ciclista I Volta a Chapela, co percorrido Chapela-Vigo-Lavadores-Porriño-Redondela-Chapela. Dous irmáns da parroquia, Ramón e Fernando Covelo, serían 2º e 3º respectivamente. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/06/ciclismo-en-redondela.html )


1933, setembro. Primeira mención a unha traíña, a San Fausto de Chapela, participando nunha regata en Vigo. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/08/trainas.html )


1935. Noméase unha Comisión para tentar a anexión de Chapela ao Concello de Lavadores e a súa desvinculación co de Redondela. Estaba composta polos representantes dos diferentes barrios: Cidadelle: Antonio Cabaleiro, Antonio Pereira e Ángel Rivas; Parada: Francisco Rodríguez, José Veiga, Gumersindo López e Basilio López; Angorén: Arturo Domínguez, Benigno Puche, Benigno Iglesias e Antonio Santorio; e Laredo: Antonio Mosquera, Ramón Díaz, Luciano Martínez e Luis López.


1935, novembro. O ciclista José Pío Cabaleiro pásase ao cross e acada a segunda praza na II Volta a Vigo. Cinco meses despois queda 3º no Campionato de Vigo de Pedestrismo da A. C. D. O. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/atletismo.html )


1936. Incautación das sedes e pertenzas das sociedades agrarias de Cedeira, Cesantes, Chapela, Reboreda, Vilar e o Viso, ademais das do Partido Galeguista, Izquierda Republicana e a Casa del Pueblo, que albergaba os locais do Partido Comunista e a Agrupación Socialista.

 

 


Autor: Juan Migueles


(Continúa na 2ª parte https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2022/01/historia-da-parroquia-de-chapela-22.html )

 

 

 

 

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario