martes, 4 de octubre de 2022

Emigración. De Redondela a Portugal.

 

Emilio Movilla baixo a bandeira na "Rondalla Juventud de Galicia", Lisboa 1909. Vida Gallega
Emilio Movilla baixo a bandeira na "Rondalla Juventud de Galicia", Lisboa 1909. Vida Gallega

A proximidade de Portugal con Galicia provoca que durante séculos houbera unha tradicional emigración de redondeláns cara Portugal, maioritariamente ás grandes cidades, Lisboa e Porto. Polo mesmo motivo houbo unha inmigración de cidadáns portugueses que se estableceron en Redondela ao longo dos anos. Centrándonos na emigración, esta viría non só polos vínculos das nobrezas redondelás e portuguesas (Francisco Nogueira e Zúñiga, veciño do Porto en en 1687, Manuel Salgado e Bacelar, Capitán en Estremoz en 1697, Francisca Soares Moscoso, María de Araújo…) senón tamén polas transaccións económicas entre Redondela e Portugal: Melchor Pérez e Antonio Cerin [Serín], membros do Gremio de Mareantes de Redondela e tratantes de sardiñas a Portugal en 1719, ou os irmáns Manuel e Cayetano Queimaliños Vallejo Domínguez del Monte veciños de Lisboa en 1762. Este continuo fluxo, aínda forte na primeira metade do século XIX, vai cambiar de xeito importante, tanto en cantidade como en dirección.


Durante a primeira metade do século XIX atopamos Porto e Lisboa como principais destinos:

Porto: Juan Antonio Miguéns Fernández e Lorenzo Montero Rial, veciños de Redondela en 1810; Francisco Lago Riva e o veciño de Padrón (Saxamonde) 1820; Juan Benito Garrido en 1861…

Lisboa: Manuel e Jacobo Lago Martínez, irmáns e veciños de Seara (Saxamonde) en 1839; Miguel Mª Alfaya Milleiro de Redondela en 1856...

Algúns redondeláns chegaran a Portugal fuxindo tralo fracaso do levantamento de 1843 non podendo volver ata a amnistía de 1847. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/1843-o-levantamento-de-vigo.html ). Este sería o caso de:

Evasio Rubín Oroña, militar que residiu en Peniche onde casou con Angélica Homent Magalhaes. Combateu xunto ao Xeneral Prim na Guerra de África e na do Norte co Xeneral Martínez Campos. Pai do xeneral Rubín. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/rubin-homent-antero-evasio-redondela-3.html ).


Os avatares e cambios políticos ao longo da historia provocaría non só unha emigración cara a Portugal, se non tamén a chegada de moitos portugueses a Redondela onde se estableceron e tiveron descendencia. Citar aquí a chegada de García Prego de Montaos (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/03/garcia-prego-de-montaos-y-sotomayor.html ) e a fonda pegada que deixaría a súa familia nos século XVI e XVII.

O xornal de Redondela La Idea. Semanario Independiente, anuncia en 1910 como correspondentes: en Lisboa, Casimiro Movilla e Manuel Vidal Álvarez; e no Porto, Jose Manuel Mouriño.


Casimiro Movilla Rodríguez (Soutoxusto-Oviso). Despois de emigrar a Portugal marchou a Brasil, onde se convertería en 1911 en Vicecónsul de España en Maceio. En Redondela sería nomeado alcalde en dúas ocasións. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/03/movilla-rodriguez-casimiro-o-viso.html ). Xunto co seu irmán, Emilio Movilla Rodríguez, (Soutoxusto-Oviso), figuran como comerciantes de ultramarinos na “Asociación Galaica de Socorros Mutuos de Lisboa” en 1906. En decembro de 1908, Emilio forma parte da xunta directiva como tesoureiro da agrupación Juventud de Galicia, participando como compoñente da rondalla desta sociedade. En 1925 aparece como veciño de Soutoxusto.


Outros redondeláns que emigraron a Portugal a principios do s. XX serían:


Clotilde Berchea. Solteira e natural de Redondela, faleceu no Porto o 9 de novembro de 1917, aos 21 anos.


Manuel Cal. Presidente da Asamblea General e a Dirección durante a visita dun ministro as sociedades galegas de Lisboa en 1898. Podería tratarse de Manuel Cal natural de Gaxate e casado con María Asunción Muíños, de Reboreda, pais de Saturno. A dúbida nos entra cando nun xornal de 1908 citan ao xove comerciante Manuel Cal, que coa súa señora e filla veu do Porto para asistir a unha voda.


Saturno Cal Muíños (Redondela, 1875/Mos, 1952). Fillo de Manuel Cal, de Gaxate, e de María Asunción Muíños, de Reboreda. Traballou nunha fábrica de Porto (Portugal) que o obrigou a viaxar a Inglaterra. En Portugal iniciouse na masonería. De volta a Redondela casa con Josefina Fernández Esteiro, residindo na rúa Alfonso XII. Fotógrafo. Alcalde de Redondela en 1924, de ideoloxía agrarista e nacionalista. Xestionou a canalización do río Alvedosa e a construción do cárcere. Entre os seus logros estiveron as melloras do matadoiro e da Praza do Mercado. Pertenceu ao grupo con aspiracións políticas “Los jóvenes turcos”, foi secretario da 6ª Asamblea Agrícola Gallega celebrada en Redondela. Organizou as Festas da Coca de 1911 xunto a Buenhijo Pérez. Presidiu o Centro Científico Deportivo e sería Secretario de Unión Patriótica. Faleceu traxicamente ao tentar subir a un tren en marcha. Cando menos o seu fillo Enrique Cal Fernández residiu en Lisboa a principios dos anos 30. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2019/02/alcaldes.html )

Silo José Cal Muíños, irmán do anterior, estableceuse no Porto en 1905 empregándose na inglesa Casa Graham. Naquela cidade naceron os seus fillos Silo José Carlos Brandao e, os destacados políticos, Carlos Cal Brandao e Mario Cal Brandao.

(Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/05/cal-brandao-mario-porto-1910maia.html )


Florentino Carloto. Canteiro, de 19 anos, natural de Redondela que en 1908 atopábase no hospital de Valença. Fora recollido dun tren procedente de Lisboa por atoparse en estado grave.


María de la Gloria Contreras Alfaya. Casou en 1929 co comerciante de Lisboa, Arturo Hermida Aspera, fixando a súa residencia na capital portuguesa. Un irmán deste, Segundo Aspera Hermida, tamén comerciante en Lisboa, falecería en Redondela en 1932 aos 54 anos, cando se atopaba de visita na casa do pai de Gloria, Ricardo Contreras Valiñas, quen foi alcalde de Redondela en 1918.


Eulalia Contreras Valiñas (Redondela) foi mestra de Quintela desde 1901. Ao ano seguinte cásase con Apolinar Contreras Contreras, natural de Gaxate, que se establece en Portugal onde fai fortuna grazas á importación de tabaco. A finais de 1905 denúnciase o abandono da escola de Quintela por atoparse residindo co seu marido, Apolinar Contreras Piñeiro, en Lisboa. Anos máis tarde aparece nunha relación da Sección Femenina de Falange de Redondela. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/mestres-as-ata-mediados-do-s-xx-l.html ) Era irmá do político Claudio Contreras Valiñas. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/claudio-contreras-politico-troca.html )


José María Domínguez. Fillo de Benita. Aparece con 15 anos en 1905 nunha lista de españois inscritos no consulado de Porto que aínda non cumpriron o servizo militar.


Manuel Domínguez Crespo. En 1915 o cónsul do Porto anunciou o seu falecemento.


Mercedes González Cardama. Filla de Fernando González Gómez (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2022/01/fernando-gonzalez-gomez-rey-chiquito.html ) e irmá de Amado González Cardama, último alcalde franquista (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2019/02/alcaldes.html ). En 1927 residía en Monçao.


Serafín Martínez Izquierdo

Na audiencia provincial viuse un preito de divorcio do xulgado de Redondela, seguido por Serafín Martínez Izquierdo, residente en Lisboa, contra a súa esposa, Esperanza Pérez Castro, casados o 8-9-1923.


Manuel Martínez Serín. A principio dos anos 30 residía no Porto. Nos 40 exercería de concelleiro de Redondela, sendo daquela alcalde Raúl Carlos Gunche López.


Joaquín Migues Taboada. Comerciante de Lisboa casado con Lidia Vidal Rodríguez, natural do Viso e falecida en 1928.


Jose Antonio Otero Fernández. Faleceu en Lisboa en 1918.

Pereira Míguez, José Enrique (Redondela, 5-11-1884)

Médico licenciado en Menciña e Cirurxía pola Universidade de Santiago o 10-6-1907 con Sobresaliente, decidiu practicar a menciña na súa vila natal.


Manuel Pereira Míguez. Propietario do balneario de Pedras Salgadas, en Portugal, tamén posuíu un serradoiro en Saxamonde. Militante do Partido Liberal, en 1903 foi elixido concelleiro de Redondela. Casado con Dolores Míguez Pereira.

Fillos: José Enrique, médico; Florentino, procurador; Luis Juan, farmacéutico, Carmen, Elena, Manuel, avogado e Antonio.


Felipe Pérez. En 1924 atopábase no Porto traballando no Hotel Portugal, cando a súa esposa, a campesiña de Saxamonde, Agustina Vázquez Fernández de 42 anos de idade, deu a luz nun período de 12 horas a un neno e dúas nenas sendo un parto normal e sen complicacións. A nai xa tivera outros cinco fillos.


Juan Relín López “El Brujo” (Rande-Cedeira). Empregado como camareiro en varios hoteis en Portugal. De regreso en Redondela traballou de xeito esporádico no campo e en faenas do mar, gañándose a fama de curandeiro que tiña fama de curar os males provocados polo amor. En 1912 foi acusado de asasinato por envelenamento dunha veciña de Nespereira. Sería condenado a cadea perpetua e destinado ao Penal del Dueso (Santoña).

Antonio Retorta Correa. Natural de Redondela falecido en Lisboa en 1912.


Juan Val López. Panadeiro, natural de Redondela de 58 anos, falecido en Lisboa en 1912.


Clotilde Berchea. Falecida no Porto o 9 de novembro de 1917, de 21 anos, solteira e natural de Redondela.



Autor: Juan Migueles



BIBLIOGRAFÍA

A emigración redondelá ás Américas. Introdución. Celso Milleiro.

Redondela, crónica dun tempo pasado. A Segunda República e o primeiro franquismo. Gonzalo Amoedo e Roberto Gil. Edicións do Castro 2002.

En Galiciana-Biblioteca Digital de Galicia. Xunta de Galicia: http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es=> Vida Gallega, El Correo de Galicia (ARX), El Pueblo Gallego, La Integridad, El Ideal Gallego, La Noche, Galicia, Gaceta de Galicia, El Noticiero de Vigo, El Diario de Pontevedra, El ideal gallego, La correspondencia gallega.

O Cemiterio dos Eidos. Xosé Manuel Moreira Docampo. Concello de Redondela.

Arquivo familiar-J. Migueles-1861 Jacobo Otero venda terrenos

BOE => Gaceta de Madrid.

 

 

miércoles, 21 de septiembre de 2022

O Edificio Rubira, de Vigo a Redondela.

 

 

Aspecto do Edificio Rubira a principios do S. XX
Aspecto do Edificio Rubira a principios do S. XX.

        En 1880 o xeneral Salvador de la Fuente Pita Pastor encargou ao arquitecto Jenaro de la Fuente Domínguez a construción dun edificio. Este debía construírse no cruce das actuais rúas Colón e García Barbón. Un ano despois inícianse os traballos pero a morte do promotor da obra paralizan o proxecto.

        Terían que pasar 20 anos ata que os sobriños do militar venden en 1900 o solar ao empresario rioxano Lucas de la Riva, que fixera unha pequena fortuna en Santiago coa exportación de telas, quen decide retomar a obra. Jenaro de la Fuente xa gañara certo prestixio como arquitecto coa construción de varios edificios na cidade. Probablemente os coñecementos adquiridos neste período o levan a modificar o proxecto inicial. Estas innovacións o converten a este edificio nunha das xoias do eclecticismo vigués. Nos seguintes anos converteuse nunha imaxe habitual das postais turísticas de Vigo, competindo cos grande proxectos deseñados por Michel Pacewicz.

 

Pedras do Edificio Rubira reutilizadas nun inmoble de Juan Pazos. FªJ. Migueles
Pezas do Edificio Rubira reutilizadas nun inmoble de Juan Pazos. FªJ. Migueles

 

        Ata 1924 a planta baixa estaría ocupada polo Banco de Vigo e a Sociedade de Augas. Despois instalaríase a empresa de transporte de pasaxeiros “El Castromil”. En 1946 abre as súas portas a farmacia de Francisco Rubira Fariña, natural de Negreira. O seu apelido quedaría ligado ao edificio ata os nosos días. A súa notoriedade debeuse a que se converteu no punto de encontro de grandes médicos da época como Nicolás Peña, Cesáreo Corbal...

        O inicio da construción sede da Caja de Ahorros de Vigo en 1951 marcou o inicio dun período de especulación nesta zona. Daquela entra en escena o Banco Bilbao que merca o Edificio Rubira para instalar a súa nova sede. A súa intención é a de derruír o inmoble de catro andares para construír un de nove. A daquela propietaria, Isidora Sánchez de la Riva, neta de Lucas de la Riva, para salvar o edificio, ofrece vender os pisos e locais aos inquilinos. Por desgraza estes non aceptan a proposta porque prefiren a indemnización e abandonar o inmoble. Tan só quedaba a autorización do Concello e o edificio derrúbase en 1967.

        Entra en escena o empresario téxtil José Regojo, quen desmonta o edificio numerando as pedras e trasladándoas a Amoedo onde construíra unha nave da súa empresa. A súa intención era a de reconstruír a edificación en Redondela, pero nunca chegaría a realizalo. A crise na que se sumiu a súa empresa (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/12/regojo-e-outras-empresas-textiles.html ) levaría á venta do solar de Amoedo a finais dos anos 70 ao empresario Juan Pazos Barciela. Na transacción incluíronse as pedras do Edificio Rubira que o novo propietario trasladará en parte a Quintela, onde as irá vendendo aos poucos nos anos seguintes. Estas pedras rematarían adornando casas e xardíns da nosa comarca (algunhas nas propiedades de dito industrial), pero tamén de puntos como Sanxenxo ou Madrid.

   

Entrada a unha das casas de Juan Pazos. Foto: J. Migueles

     

        Parte do edificio tamén remataría no casco urbano de Redondela, pois unha filla de Juan Pazos escolleu algunhas pedras belamente traballadas para decorar O Café da Vila, cafetería que rexenta coa súa parella. Uns anos antes a filla de José Regojo, Rita, faría o propio, empregando pedras do edificio na construción da súa casa en Cesantes.

.

     

Unha das pedras do edificio en O Café da Vila. Foto: J. Migueles
Unha das pedras do edificio en O Café da Vila. Foto: J. Migueles

         Como curiosidade dicir que en Amoedo chegou a levantarse un monumento na honra de José Regojo con pezas do edificio Rubira.

         En 2001 o, daquela, número dous do Concello de Vigo, Carlos Príncipe, propúxolle ao BBVA reconstruír a fachada, pero o alto custe fixo que a entidade bancaria non se interesara.

        A día de hoxe (2022), parte do edificio segue agardando comprador no solar de Amoedo, mentres en Vigo moitos seguen a laiarse por este e outros edificios que o “progreso” levou por diante. 

Restos do Edificio Rubira en Amoedo. Foto: J. Migueles
Restos do Edificio Rubira en Amoedo. Foto: J. Migueles



Autor: Juan Migueles


BIBLIOGRAFÍA

Construcción y destrucción del edificio Rubira. Martín Curty. Boletín del Instituto de Estudios Vigueses Nº 2, 1996.

Arquitectura y Urbanismo de Vigo. Edificio Rubira. Por Anonymus. http://arquitecturavigo.blogspot.com/2007/10/edificio-rubira_08.html

Vigo. La ciudad que se perdió. Jaime Garrido.

https://www.atlantico.net/articulo/vigo/piedras-guardan-historia-local-esperan-turno/20131023112418021281.html

Aportes Xosé Couñago.

 

Para saber máis:

Edificio Rubira (1880-1967). J. A. Martin Curty.

 

domingo, 3 de julio de 2022

Emigración. De Redondela a Uruguai


Anuncio da Mala Real Inglesa

O primeiro redondelán que atopamos en Uruguai é:

Domingo Antonio Lamas Rodríguez (Redondela, 19.07.1742/Montevideo, 10-6-1829). Emigrou a Uruguai aos 24 anos, onde casou con Francisca Regueira Rodríguez de Ferrol. Os seus fillos nacerían en Montevideo.

O 1792-10-09 atopamos o Expediente de información e licencia de pasaxeiro a Indias de Juan Francisco García, cargador, natural da vila de Redondela, a Montevideo no paquebote La María. Non sería a primeira vez que cruzou o charco porque en 1791 pide pasar de Santiago de Chile a Cádiz (España). Pode tratarse do mismo Juan Francisco García quen foi bautizado o 14 de marzo de 1770 en Saxamonde, sendo padriño o seu avó, Francisco Carballido y Pasos.


Na segunda metade do século XIX prodúcese unha forte emigración con Arxentina, Brasil e Uruguai como principais destinos. Dentro deste último país os redondeláns establecéronse principalmente en Paysandú e Montevideo. En Paysandú podemos citar a:

 

Emilio Carbonell Táboas. Veciño de Paysandu (Montevideo) en 1904, sobriño de Baldomero Táboas Queimaliños.

Agustín Fernández Otero. Faleceu en Paisandú en 1902.

 

Francisco Fernández García. Naceu en Redondela en 1805, fillo de Juan Francisco e María.


Antonio Pereira Iglesias. Farmacéutico en Paysandú. Visitou Redondela a finais de 1897, falecendo en Uruguai en 1903.


Baldomero Táboas Queimaliños. En 1898 enviou unha carta ao cura párroco da parroquia de Santiago de Redondela, Bernardino Couñago Táboas, e ao Síndico municipal, Olimpio Táboas; comunicando que decidira ceder unha das casas que posuía en Redondela para instalar un pequeno hospital para os pobres do distrito, doando unhas mil pesetas como renda para axudar a soster a casa benéfica. O seu desexo era que o hospital levara o nome do seu fillo Clemente, falecido aos 19 anos. Despois de 27 anos de ausencia regresaría a Redondela en 1901, probablemente para axilizar os trámites. O Concello quedou en estudar a proposta pero o hospital nunca chegou a realizarse.


Benigno Sampedro. Probablemente fillo de solteira de Francisca Sampedro Bouzón, polo que sería curmán de Casto Sampedro. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/sampedro-folgar-casto-antonio-redondela.html )


José Francisco Javier Otero de las Cuevas. Pode tratarse de José Otero de las Cuevas, quen faleceu en Redondela en 1955 despois dun tempo enfermo. Durante moitos anos se adicou ao negocio do gando no Uruguai.


No outro punto onde se estableceron, Montevideo, no século XIX atopo a:


Gil Alfaro. Veciño de Montevideo en 1857.


Juan de la Cal. En 1862 o ministro residente de España en Montevideo participa ao ministerio de Estado que faleceu abintestato no lugar denominado Cañada de los Burros, departamento de Cerro Largo, o súbdito español, Juan de la Cal, natural de Redondela.


Jesús Lamas Queimaliños “Pelos Roxos”.

Chegou a Montevideo arredor de 1860. Mariñeiro de profesión, que non sabía nin ler nin escribir, conseguiu coa pesca xuntar un pequeno capital co que fundou un próspero negocio pesqueiro. Despois de volver a Redondela e construír unha casa, marcha novamente a Uruguai coa súa muller Fermina Milijosa Lamas e as súas fillas Manuel, Filomena, Eufrasia e Manuela Lamas Milijosa. Cos anos o negocio pasou ao fillo e a súa casa consignataria e armadora tivo unha frota pesqueira, o alugueiro das grúas e buques-alxibes do porto de Montevideo e maquinaria para a extracción de area. Ampliou despois os seus negocios a diversas actividades mercantís incluída unha funeraria. Ao falecer seu patrimonio ás súas fillas que non se casaron polo que o capital seguiu acumulándose ata o falecemento da última das irmás, Manuela, a finais de 1939. Calculábase daquela que a herdanza superaba os 132 millóns de pesetas e foron recoñecidos 55 herdeiros, a maioría residentes en Redondela e algúns establecidos en diferentes cidades de América.


José Portela. Casado con Joaquina Rodríguez. Naturais de Redondela emigraron a Montevideo onde el faleceu. Despois deste tráxico suceso ela debeu regresar e aparece residindo en Redondela en 1911, contando daquela 50 anos. En Montevideo deberon nacer as súas fillas Emilia e Josefa.


Outros redondeláns neste período dos que non atopei a residencia serían:

Cristino Manuel Milijosa Lamas (Redondela 10-2-1834/Red. 11-9-1898). Presbítero. Emigrara sendo xove e regresara poucos meses antes á vila xa ancián. Exerceu moitos anos a avogacía en Uruguai.


Rafael Otero Pérez. Mariñeiro falecido en Montevideo. Casado con Juana Villasuso

Sampedro o 12.01.1883.


Nicolás Paz. Casado con Josefa Pérez Salgado (nada en 1819). Ausentes en Montevideo en 1866


Crisanto Pérez Bula. Faleceu solteiro en Montevideo.



Finalizando o século XIX tamén podemos citar que o redondelán Ramón Otero Milleiro casaría con María Pen Martín, natural de Montevideo.

Asociacionismo

A comunidade de emigrantes no Uruguai por medio de diferentes colectivos enviaron axudas a Redondela en diferentes momentos da primeira metade do século XX.


Centro de Hijos de Redondela en Montevideo (Uruguai)

Fundada en 1913, estaba xestionado pola seguinte directiva: presidente, Andrés Toucedo; vicepresidente, Antonio Alfaya; secretario, Benito Soutullo; pro, Ramón Domínguez; interventor, Juan Fernández; depositario, Juan Lamas; vocais: Ramón Núñez, Vicente Domínguez e Vicente Lamas.

Os fillos de Chapela en Montevideo, en maio de 1925, regalan á Sociedade Agraria de Chapela un estandarte de cor vermella con cintas coas cores nacionais de España e Uruguai. Os doantes son Avelino González, Antonio Erquioia, Benito Cruz, José Álvarez, Serafín González, Adolfo González, Alfonso González, Lino López, Antonio Ballesteros, Ángel Santoro e Secundino López. O estandarte sería estreado cunha festa para a que se contratou á banda de música de Sárdoma. Daquela o presidente da sociedade era José Veiga Puga e o secretario Lino Vila. Ao acto asistiu unha comisión da Sociedade Agraria de Teis.

 

Directiva da Sociedade Agraria de Chapela. Foto: Pacheco
Directiva da Sociedade Agraria de Chapela. Foto: Pacheco


En xaneiro de 1961, a colonia redondelá en Montevideo, por mediación dos irmáns Fernández Núñez, entregou 4.500 pesetas para a subscrición aberta pro-axuda ao CD Choco.


Fillos de emigrantes

Descendentes de redondeláns en Uruguai serían os futbolistas Pedro Cea e Lorenzo Fernández, que formaron na selección uruguaia que se impuxo no Mundial de fútbol de 1930. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2021/09/pedro-cea-e-lorenzo-fernandez-campions.html )

 

Redondeláns en Uruguai a principios do século XX.

Entre os emigrantes deste período podemos citar a:

¿? Campos Alfaya. Sobriño de Antonio Alfaya ao que citamos anteriormente. Emigrou a Uruguai na década 10 do s. XX e posteriormente a New York.

Benito Lamas Domínguez “Licalica” (Redondela, 11-7-1896/Red. 19-10-1957). Fillo de José Lamas Domínguez e Carmen Domínguez Milijosa. Chegou a Montevideo con 11 anos. A base de traballo conseguiu abrir unha destilería coa que amasou unha pequena fortuna. Moi querido por axudar aos redondeláns que emigraban a Uruguai.

Juan Lamas Domínguez. Emigrou Uruguai. Casado con María Velo.

Bernardino Lamas Domínguez (Redondela cara a 1910). Volveu de Montevideo, sendo enterrado en Eidos. Casado con Rosa Sordi.

José Lamas Domínguez (Red. 1900/1951). Marchou a Montevideo deixando en Redondela á súa dona, Filomena Lago, a cargo de catro fillos. Co tempo tres deles emigrarían tamén a Uruguai: Benito, José e Carmiña Lamas Lago.

José Lamas Gómez “Lamas”. Emigrou de neno coa súa familia a Montevideo onde comezou a xogar ao fútbol coma porteiro. Cara a 1923 volve a España onde chega a xogar no Celta. A finais dos anos 20 marcha a Cuba. Tras uns poucos anos en España emigra unha terceira vez, desta volta ao norte de África. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/07/futbol-os-precursores-futbolistas-da.html )

Vicente Lamas Roupeiro. Probablemente é o Vicente Lamas que citamos como vocal do Centro de Hijos de Redondela en Montevideo. Casado con Juana Núñez. Regresaría a Redondela onde residiu ata a súa morte en 1968 aos 84 anos.

Ramón Núñez Orge. O citamos como vocal do Centro de Hijos de Redondela en Montevideo. En 1962, a instancia de Dolores Otero Martínez, sen profesión e domiciliada en Redondela, ábrese expediente para declarar ausente ao seu marido, Ramón Núñez Orge, en Uruguai dende hai máis de 30 anos e sen noticias súas dende hai máis de 10.

Vicente Núñez. En 1902 os lectores do xornal redondelán La Idea en Paysandú e Molles Grandes, poden abonarlle a el a subscrición.

Demetrio Paz Extremadouro. Funcionario de Aduanas en Montevideo, onde vivía cos seus familiares. Faleceu en 1935.

Natividad Pérez (Cesantes). En 1928 casou en Cesantes co comercial e industrial establecido en Montevideo, Modesto Simeres Gesteira.

Aurora Soutullo. Sra. de Blanco, recibiu unha serenata da rondalla “Los Calaveras” con motivo da súa marcha a Montevideo en 1932.

Despois da Guerra

O golpe de estado de 1936 provocou unha forte migración. Nun primeiro momento pola saída de exiliados e nas seguintes décadas pola busca de oportunidades aquí pechadas nos duros anos da posguerra. Brasil, Arxentina e Uruguai volven ser

Entre os exiliados que chegaron a Uruguai tralo golpe de estado militar do xeneral Franco podemos citar ao veciño de Cesantes Rogelio Martínez Barreiro. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/03/martinez-barreiro-rogelio-cesantes-4-10.html ). O seu irmán Manuel Martínez Barreiro (Cesantes 18-2-1918). Carpinteiro e membro das Juventudes Comunistas. Despois de pasar polo cárcere exiliouse a Uruguai en 1942, con documentación falsa a nome de Ismael García Pérez.

Basilio Bernárdez Gómez. Fillo do médico redondelán Telmo Bernárdez Santomé e Isabel Gómez. Tralo fusilamento do seu pai o 12 de novembro de 1936. Marcha exiliado primeiro a Uruguai onde tiña familia, aínda que logo decide reunirse coa súa nai e irmáns en México.

Nos anos 40 do pasado século os socios Lamas e Rivero rexentaban en Montevideo (Uruguai) o “Bar Redondela”. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/negocios-que-pasean-o-nome-de-redondela.html )

Outros emigrantes de Redondela serían:

Manuel Alonso Pérez. Propietario do Bar do Mercado Agrícola de Montevideo. Visitou Redondela en 1964 despois de 22 anos en Uruguai.

Rita Araújo Otero. Saíu para Montevideo en 1956 para reunirse co seu esposo, Carlos Pérez

Bouzón, natural de Soutoxuste.

Martín Barreiro Fernández. Procedente de Montevideo visitou Redondela en 1961.

Juan Bas Míguez e Antonio González Otero. Saíron para Montevideo en 1956. Juan Bas Míguez xa emigrara anteriormente a Norteamérica.

Manuel Bas Puga. Tío do alcalde e deputado, Javier Bas Corujeira. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2019/02/alcaldes.html )

Juan Blanco Rivas. Fillo de Visita. Emigrou a Montevideo a finais dos anos 50.

Manuel Couñago Rodríguez (A Quintana-Reboreda). Autorízase o seu ingreso no Uruguai en 1958.

María Jesús Díaz Cabaleiro (Rande-Cedeira). Autorízase o seu ingreso no Uruguai en 1958.

Félix Fernández Barciela. Visita Redondela en 1961 procedente de Montevideo.

Alberto e Plácido Fernández Núñez. Irmáns establecidos en Montevideo cando menos entre 1961 e 1965. Fillos de Vicenta Núñez Muíños “A Marana”.

Eugenio Fontán Quintela. Visita Redondela en 1956 procedente de Montevideo.

Ángel Iglesias López “Julata” e Carmen Castro Otero. Matrimonio que regresa de Montevideo en 1963. El foi un destacado futbolista. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/07/futbol-os-precursores-futbolistas-da.html ) Para promover a creación dun equipo infantil en Redondela enviou unha equipaxe do Peñarol. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/07/futbol-equipos.html )


 

"Julata" co Redondela FC. Arquivo Jaime Serín
"Julata" co Redondela FC. Arquivo Jaime Serín

Domingo Iglesias López. Irmán do anterior. Establecido en Montevideo en 1952. Casado con María Castro Otero.

Cándido López Fernández. En 1956 saíu de Vigo a bordo do "Salta" con destino a Montevideo.

Rafael Montero Araújo. Faleceu en Montevideo en 1956. Estaba casado con Aurora González Conde e tiña varios fillos.

Manuel Otero Rodríguez. Industrial establecido en Montevideo, casou en Redondela en 1956 con Magdalena Pérez Domínguez fixando a súa residencia en Uruguai.

Maruja Pérez Tobio.

Víctor Puga Pérez. Chegou en 1949 a Redondela procedente do Uruguai acompañado da súa esposa Sagrario Bernardo e os seus 3 fillos.

Victoriano Rodríguez Núñez. Industrial establecido en Montevideo, visitou Redondela en 1959.


Recibimento de Placer Vázquez no Concello. Faro de Vigo
Recibimento de Placer Vázquez no Concello. Faro de Vigo

 

Placer Vázquez Barros. Viúva de Rey. Emigrou a Uruguai coa súa familia con tan só 4 anos. Visita a súa vila natal, Redondela, en 1970 grazas á "Operación España" polo que é recibida no concello.

Manuel Veiga Puga. Emigrou coa súa esposa María del Carmen Fernández López, de Vilavella, e nunca regresaron. Tiveron dúas fillas. Pode ser o mesmo que consta como Manuel Veiga Pereira, saíndo de Vigo en 1956 a bordo do "Salta" con destino a Montevideo.



Autor: Juan Migueles


BIBLIOGRAFÍA

A emigración redondelá ás Américas. Introdución. Celso Milleiro.

Galiciana- http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es => El Diario de Pontevedra Periódico liberal, El Áncora, El lucense, La correspondencia gallega (Pontevedra), El Compostelano, Galicia, El Eco de Galicia, Vida Gallega, El avisador numantino, Labor

La Correspondencia de España

Arredor de nós. Historia da Policía Local 1863-2003. Gonzalo Amoedo López e Roberto Gil Moure. 2003.

As Memorias de Manolo Barros. Autobiografía dun militante comunista. Gonzalo Amoedo. Edit. Fundación 10 de marzo.2006.

O cemiterio dos Eidos da vila de Redondela. Xosé Manuel Moreira Docampo. Concello de Redondela, 2022.

Historia de Paysandú: Diccionario biográfico. Augusto I. Schulkin. Editorial Von Roosen, 1958

Aportes Ignacio P. Rey, Mercedes Martínez, Joaquín Noval, Alfonso Calvo.

Xornais locais => El Soplete, La Idea

Pares> 1792 Juan Francisco García

Pares>Archivo General de Indias>Juzgado de Arribadas de Cádiz>Juan Francisco García