domingo, 6 de marzo de 2022

Historia da parroquia de Cabeiro

 

Banda de Cabeiro. Foto cedida por Ángel Balado Rodríguez

3.000 a 1.800 a. C. (Neolítico): No monte Mirallo ou Penide (Cedeira/Trasmañó /Cabeiro/Negros/Chapela) atópanse catalogadas 39 mámoas desta época.


1.800 ao 600 a. C. (Idade de Bronce): Tamén no Monte Mirallo atopáronse machadas de bronce e petróglifos. No Museo de Pontevedra consérvanse tres machadas pulimentadas e un alisador esferoidal, atopadas en Chan da Cova, límite de Cabeiro e Vilar de Enfesta. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/10/alguns-achados-arqueoloxicos-en.html )


Censo de 1587: Cabeiro aparece como freguesía de Redondela.


1752 Catastro de Ensenada. Cabeiro, como Vilar, si ben dependen de Redondela, no “político y concejil”, están sometidos ao partido de Mos. O seus límites serían: “linda principiando por el N. con el campo de Melixosa, de allí al río de Buelas, de este a la porta de San Domingo do Couto circundando a la fuente da ortiga, de allí al Castro Ferreiro de este a la Chan dos Loureiros, de allí a la piedra de picos, de allí a las piedras de Cambra, de allí al puente Míguez de esta al sitio do Patelo de allí al campo ya nominado de Melixosa primera demarcación”. Neste documento non aparece recollido ningún muíño.


1790. A parroquia de San Juan de Cabeiro ten 40 veciños.


1845. Diccionario Madoz. Recóllese a existencia de 2 muíños. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2021/10/os-muinos-de-redondela-ao-longo-da.html ) Na actualidade teño localizados 7 muíños en Cabeiro. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/03/muinos.html )


1895. Asasinato de Manuel Ramiro Álvarez do que sería acusado o seu irmán. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2022/03/cronica-negra-de-redondela-1-1850-1910.html )


Finais do s. XIX. O “Doctor” de Cabeiro toca bombo e pratos nunha das primeiras murgas das que temos constancia no Concello Redondela. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/06/orquestras.html )


1898. En agosto de 1898 os xabaríns convertéranse nun problema, provocando desfeitas nos campos de millo de Cabeiro, Os Valos, Nespereira e Cepeda. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/historias-de-caza.html )


1899, 7 de abril. Tres veciños de Cabeiro son detidos por un roubo en Negros. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/11/sucesos-finais-do-s-xix.html )


1905. Primeira referencia que atopo da Banda de Música de Cabeiro. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/05/bandas-de-musica.html )


1909, setembro. Apesares das medidas tomadas pola Xunta de Sanidade continúa a varíola en Cabeiro e Negros.


1949 Fonte en Cabeiro Arquivo da Deputación
1949 Fonte en Cabeiro. Arquivo da Deputación de Pontevedra

1910, setembro. Celébrase en Cabeiro un mitin antiforal.


1918, abril. Foron presentados os regulamentos da Sociedad Agraria “Laa Ideal” de Cabeiro. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/03/sociedades-agrarias.html )


1919. A cestería convértese no motor económico de Cabeiro. Envíanse a Gibraltar 5.000 cestos ao mes. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/de-cabeiro-gibraltar.html )


1930, febreiro. Varios veciños da parroquia de Cabeiro dirixiron unha estancia á Alcaldía interesando se lles declare Entidade Local Menor.


1932, xullo. Celebración dun mitin galeguista en Vilar e Cabeiro, falando Álvarez Gallego, Martínez López, Paz Andrade e o deputado por Ourense, Otero Pedrayo.

 

1933. A escola mixta de Cabeiro convértese en escola de nenas e créase a de nenos. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/escolas.html )


1934. Escisión da Banda de Música de Cabeiro, o irmán do director refunda a Banda de Música de Vilar.


1935, 17 de decembro. Durante o velorio dun cadáver afundiuse o piso dunha casa. O resultado da traxedia sería a dun falecido e varios feridos. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/11/sucesos-1930-1949.html )


Muíño en Cabeiro. Foto: J. Migueles
Muíño en Cabeiro. Foto: J. Migueles


1937, 16 de febreiro. A veciña de Cabeiro Emilia Cabaleiro Amoedo e o seu fillo Antonio son torturados e asasinados por axudar aos fuxidos no monte. Cando menos dous veciños máis faleceran en combate. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/12/guerra-civil-e-represion-en-redondela.html )


Mediados do S. XX. Cando menos desde esta época a Rondalla de Cabeiro acode a actuar a Redondela o día de Reis. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/06/orfeons-corais-e-rondallas-historia-da.html )


1954-Abril: Inaugúrase o Aeroporto de Peinador en terreos de Redondela, Mos e Vigo. Os veciños de Vilar de Infesta, Negros, Saxamonde, Cabeiro e da contorna serán obrigados a traballar na construción das pistas, podendo quedar eximidos enviando a alguén no seu lugar ou pagando unha cantidade de cartos. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2022/03/o-aeroporto-de-peinador.html )

 

1969. Obra de condución de auga desde a presa de Eiras (Calvos-Fornelos de Montes) ata Vigo. A tubaxe cruza 9 das 14 parroquias do Concello de Redondela, entre elas Cabeiro.


Principios dos anos 70. O mestre José Carlos Iglesias funda o C. D. Villar-Cabeiro con equipos de fútbol e balonmán en categorías inferiores. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/06/balonman.html )


1977. Fúndase a Comunidade de Montes de Cabeiro.


19?? Fúndase o Centro Cultural Social Recreativo de Cabeiro.


2007. A Mancomunidade de Montes Veciñais en Man Común de Redondela crea a Senda da Auga, seguindo o percorrido das tubaxes que abastecen de auga a Vigo desde a presa de Eiras. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2019/02/senda-da-auga.html )


2014. O poeta local Amante Romero Álvarez publica: “Cabeiro: Terra de cesteiros”. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/romero-alvarez-amante-cabeiro-1954-poeta.html )



Autor: Juan Migueles


BIBLIOGRAFÍA

Catastro de Ensenada de Redondela, Vigo e Cedeira (1752).

Internovas. Historias de Redondela (http://www.ipdca.com/internovas/):

O Señorío da parroquia de Cedeira. X. Miguel González.

Elementos da Prehistoria de Redondela. Xosé Couñago,Asociación Alén Nós.

Os miliarios romanos de Redondela. Jose Antonio Orge Quinteiro

A arte rupestre prehistórica do Concello de Redondela. F. Javier Costas Goberna

Galeguismo e sociedade na Redondela da Segunda República. Lois Barros. Edicións do Castro

Orixe, nacemento e evolución dos concellos pontevedreses. Xosé Fariña Jamardo, 1996.

Arquivo da Catedral de Santiago:(USC>Clero>Mitra1758> Mayordomía de Redondela),...

Censo de población de las provincias y partidos de la Corona de Castilla en el siglo XVI : con varios apéndices...... (1829) - González, Tomás (1780-1833). Madrid : en la Imprenta Real, 1829

España_sagrada_theatro_geographico-histórico de la Iglesia de España. Tomo 22 e 23. Enrique Flórez. Madrid 1767 e 1799.

El obispado de Tui en la Edad Media: sus iglesias románicas. Lorena Torrado Gándara. Tesis de doctorado UDC / 2016

1767 De la Iglesia de Tuy desde su origen hasta el siglo décimo sexto

1799 Continuación de las memorias de la Santa Iglesia de Tuy

Galiciana- http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es => El Compostelano, El Pueblo Gallego, El Eco de Galicia, El Correo de Galicia.

José Luís Lamigueiro©, fuente: Pedro de Barcelos http://www.xenealoxiasdoortegal.net/

https://foros.xenealoxia.org>Serba

Faro de Vigo

Aportes: Xurxo Constela (A Citania S. L.), Gonzalo Amoedo.

Deputación de Pontevedra. Fondo Casto Sampedro

Communicaciones al XV Congreso internacional de las ciencias genealógica y heráldica. Volumen 3

En Galiciana-Biblioteca Digital de Galicia. Xunta de Galicia: http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es => Boletín Eclesiástico del Obispado de Tuy

sábado, 5 de marzo de 2022

Crónica Negra (1911-1930)

 

1911, 7 de novembro. Inés Pérez Figueroa estaba cruzando a rúa na Porta do Sol, en Vigo, cando foi atropelada por un coche que tentaba evitar chocar con outro. Foi conducida ao Cuarto de Socorro e trasladada á casa da súa nai, na rúa Taboada Leal, onde faleceu pouco despois. A finada era natural de Redondela e repartidora de pan.


1911, 9 de novembro. Cando o veciño do Viso, Juan Vidal Vidal, atopábase sacando auga dun pozo, no barrio de Alxán, tivo a desgraza de caer falecendo afogado.


1912, 22 de febreiro. Atopábanse en Quintela apacentando o gando José Reguera Salgado, José Carballo, Jesús e José Amoedo, José González Balado e Benito Balado Carballo. Estaban xogando á canícula ou estornela, cando Benito se sentou xunto a unha escopeta que trouxera Jesús. Deulle o gatillo e arma disparouse ferindo ao seu curmán José González de catorce anos de idade, que falecería horas despois.


1912, 16 de maio. Na estrada de Vigo a Redondela, a uns 7 km. da cidade, un neno duns doce anos subiu a un piñeiro a por piñas. Ao dobrar a pola co seu peso, tocou nos cables da luz caendo morto ao instante.


1912, 2 de xuño. Antonio Carballido de 70 anos, labrador veciño de Dapena (Vilar), vivía cun fillo coas facultades perturbadas de 40 anos. Mandou ao seu fillo a por auga e cando este volveu guindou o xarro á cara. Logo colleu un fungueiro e bateulle na cabeza. Antonio caeu ao chan e cando acudiron os veciños era xa cadáver.


1912, novembro. Declarouse un violento incendio nun grupo de casas que en Redondela posúe o propietario Sr. Castaño. Cando se descubriu a existencia do fuego, era demasiado tarde para apagalo. Dous edificios quedaron reducidos a escombros.


1912, 25 de decembro. José Lamela, veciño da Quintana (Reboreda), estaba na porta da súa casa coa súa tía e un fillo, cando chegaron os seus pais e dous irmáns a reclamarlle 150 pesetas que lle deixara á súa nai e que se negara a devolver varias veces. Ao negarse novamente a súa nai deulle unha labazada. Un dos irmáns saíu en defensa da súa nai e José cravoulle na cara unha tesoiras de podar. O agresor fuxiu, sendo detido pola garda civil e ingresando no cárcere.


1913, 27 de marzo. Preto de Redondela foi atropelada por un coche procedente de Vigo, que guiaba o cocheiro Ricardo Santos, e un cabalo montado por Ignacio García, unha muller chamada Josefa Álvarez, veciña de Trasmañó, quen falecería ás poucas horas.


1913, outubro. Foi condenado a cadea perpetua Juan Relín López coñecido como “El Brujo”, natural de Cedeira, onde a xente lle atribúe todo tipo de milagres. Foi acusado de que o 28-12-1912, envelenou con arsénico na taberna da Barromba, en Redondela, a Emilia Vilaboa, de 26 anos, veciña de Trasmañó, por despeito de que esta mantiña relacións cun canteiro chamado José Pérez.

1914, 4 de maio. En Chapela apareceu hai uns días o cadáver do veciño da mesma, Diego Fernández González, de 70 anos, que caeu nunha gaia.


1914, 6 de outubro. Ás 11 da noite declarouse un incendio na casa que Teresa López Soto posuía en Outeiro das Penas (Cesantes). Grazas aos esforzos da benemérita e algúns veciños, puideron salvarse Teresa e as súas fillas de 13 e 15 anos de idade, pero non a Manuel Soto Táboas, de 70 anos, tío da dona da casa, e que se supón que provocou o lume ao quedar durmido mentres fumaba na cama.


1915 O garda municipal Juan Varela evitou que tres individuos entraran ás dúas da noite nunha casa de Vilavella. Dous o suxeitaron polos brazos, mentres o terceiro o empurraba cara á Xunqueira, alí puido soltarse dándose os individuos á fuga.


1915, 4 de maio. Atopándose Ramón Rivas labrador veciño de Saxamonde de 36 anos, na casa do seu irmán José en Louredo (Mos), e nun momento de tolería, tirouse a un pozo de 16 metros de profundidade e dous metros e medio de auga, perecendo afogado.


1915, 10 de xuño. Preto do túnel de Redondela foi atopada morta unha muller de 22 anos, veciña de Trasmañó, que ten ao seu home en Liverpool. Saíra da casa para ir á feira a mercar unha tenreira. Suponse que foi asasinada para roubarlle e que o crime non se cometeu no lugar onde foi achado o cadáver.


1917-xullo. Cando unha muller chamada Paulina Pérez Lourido pasaba pola calzada de Teis (Vigo), levando unha cesta na cabeza, foi atropelada por un tranvía, ó intentar cruzar a vía. O automotor deulle tan forte golpe na rexión occipital, que foi recollida do chan sin sentido. Conducida á súa casa no barrio da Bouza, da parroquia de Chapela, deixou da existir sen poder articular palabra, segundo comunica ao xulgado o facultativo que a asistiu ata o derradeiro momento. As autoridades xudiciais ordenaron á garda civil que investigue para saber o número do tranvía que causou tan mortais feridas.


1917-agosto. Unha cuadrilla de malfeitores asaltou a casa reitoral de Saxamonde. Entre a unha e as dúas da madrugada, atopándose na cama o párroco don Ricardo Sampedro Folgar, ancián de 72 anos, foi sorprendido por dous individuos, que lle deron cun legón un formidable golpe na cabeza, sen dúbida con ánimo de asasinalo ou inutilizalo para a defensa. Logo obrigárono a levantarse da cama para que lles entregara o diñeiro que gardaba. Vacilando e chorreando sangue, chegou o ancián ata unha cómoda, da que, aproveitando un descoido dos bandidos, sacou unha navalla de grandes dimensións; pero antes de que puidera usala, perdeu o coñecemento. A criada do cura, que acudira ó lugar en que se desenrolaba a tráxica escena, recibiu tamén unha tremenda contusión na cabeza, que a fixo caer sen sentido. Xa donos da casa os asaltantes, abriron os mobles e efectuaron un concienciudo saqueo, levándose todo o que acharon dalgún valor. Logo fuxiron nun coche.


1917-novembro. Atópase fóra de perigo o cura párroco de Saxamonde, don Ricardo Sampedro Folgar, vítima do audaz atentado e roubo daquela reitoral. Polo de agora non foron achados os covardes ladróns apesares das activas xestións que practican as autoridades do distrito.


1918, 10 de xaneiro. Cando ían xuntos pola rúa Marqués de Valladares, de Vigo, José Lista Valenzuela, de 29 anos de idade, vendedor ambulante, e Carolina Gómez Cordero, de 21 anos, veciña de Redondela. De súpeto o home sacou unha navalla e cravoulla na cara a Carolina. Conducida a ferida á Casa de Socorro, déronlle 17 puntos de sutura. José ingresou no cárcere e a vítima declarou que foi agredida por que se negou a acceder ás relación que o home propuña.


1918, 29 de agosto. Un automóbil das cocheiras do Sr. Herrador, de Vigo, que regresaba do partido de Pontevedra, e que guiaba José Lourido, atropelou ao neno de 7 anos Agustín Alfaya Esteiro. En grave estado foi conducido á casa do médico Antonio Ocampo, onde o médico do lazareto de San Simón D. Federico practicoulle a primeira cura, apesares do cal faleceu horas despois. O condutor ingresou no cárcere do partido e o auto foi depositado no garaxe do alcalde, Ricardo Contreras.

1919, 6 de xuño. Foi detido en Redondela o xove de 19 anos, Basilio Martínez, acusado de violar, a nena Manuela Álvarez Cabaleiro, de 9 anos de idade.


1919, 08 de setembro. Discutiron os serranchíns portugueses Joaquín Domínguez, de 20 anos de idade, e Juan Serrano, de 26, causando o primeiro ao segundo cunha machada varias lesións de prognóstico reservado. Joaquín foi detido e posto a disposición do xulgado.


1920, 25 de marzo. Un home tentou saltar dende o viaduto de Redondela pero, probablemente por non ter valor suficiente, rematou pegándose un tiro na cabeza. Ao paso do tren os viaxeiros puideron ver o corpo tendido na ponte. Resultou ser Ramiro Cantero Martínez, recadador de contribucións daquel Concello, de 38 anos natural de Ourense. O xuíz de 1ªinstancia recibiu unha carta na que o finado lle encarga faga entrega dalgúns obxectos que gardaba no baúl da súa propiedade na casa de hóspedes na que se aloxaba.


1920, 03 de agosto. En Saxamonde polo rego dunha finca discutiron o labrador Ángel Rodríguez e Manuel Figueroa sen segundo e coñecido como Portugués. Dos ditos pasaron aos feitos e o Portugués disparou un tiro de escopeta a Rodríguez, matándoo instantaneamente. En xullo de 1921, celebrouse causa contra Manuel Figueroa, e o veredicto foi de culpabilidade, sendo condenado a oito anos de prisión e obriga de indemnizar con 5.000 pesetas aos fillos de Rodríguez.


1921, 22 de marzo. En Chapela un automóbil atropelou á nena de 7 anos Constantina Castro Fernández, deixándoa morta. O xulgado de Redondela abriu sumario contra o condutor, veciño de Teis.


1921, 9 de abril. A veciña do Porriño, Perfecta Areal, de 40 anos de idade, ía co seu home nun carro no que levaban calzado para vender na feira de Redondela. Ao pasar pola ponte de Quíntela, un tren de mercancías asustou ao cabalo marchando por un ribazo. O golpe que recibiu a muller na caída ocasionoulle a morte instantánea. Estaba embarazada e deixa sete fillos. O marido tamén recibiu golpes de consideración, fracturándose tres costelas.


1922, 16 de xuño. Nas festas da Coca o xove de Lavadores, José Pérez Rodríguez, coñecido como "Moreno", estaba bailando cunha moza. De súpeto, acercóuselle José Cajarville, de Vigo e casado, e quitoulle a parella. Ofendido " Moreno" chamoulle a atención e o outro deulle unha labazada. Cando ía devolverlla o vigués sacou un revólver e deulle un tiro no estómago, que lle provocou a morte. O asasino foi detido pola Garda Civil.


1923, 22 de maio. Un automóbil de Vigo atropelou en Chapela a Ángela Lago López, que faleceu pouco despois de ser levada á Casa de Socorro. Era viúva e contaba 46 anos. Os ocupantes do vehículo estaban bébedos e ao darse conta da gravidade do atropelo déronse á fuga.


1923, 24 de xullo. En Chapela afogouse un mozo de Vigo, de 18 anos. Crese que se golpeou cunha rocha ao lanzarse de cabeza.


1923, 07 de agosto. No lugar da Garonda, en Reboreda, por unha discusión polos regos das fincas, Antonio Amoedo Camiña golpeou co seu legón na cabeza a Valentín Amoedo Reguera producíndolle a morte.


1923, 14 de novembro. Foi achada a pistola marca “Belga” coa que foi asasinado o veciño de Cabral Eulogio Lago Iglesias, o 20-08-1922, cando volvía da festa de San Bernardo. Albino e Cándido Cabaleiro Cabaleiro, xunto con Rosalino Barciela Barciela, auxiliaron á vítima e atoparon a arma, decidindo enterrala para non implicarse no proceso. Os tres, veciños de Vilar, ingresaron no cárcere quedando a disposición do xulgado.


1924, 6 de marzo. O veciño de Cesantes, Apolinar Ricón Mercedes, apareceu morto nun camiño. Suponse que ao retirarse para a súa casa bébedo, caeu sufrindo un colapso.


1925, 19 de xullo. Os gardas de Redondela detiveron en Rande (Cedeira) ao xove de 23 anos, Gregorio Santorio Cabaleiro, casado e veciño de Teis, acusado da violación da rapaza de 16 anos Isolina Lago Álvarez, cando esta se atopaba segando herba nunha finca en Trasmañó. A denuncia foi presentada polo pai da xove.


1925, 24 de decembro. O depositario do Concello, Justo M. Tojeiro, dirixíase á súa finca de Reboreda, cando o xove Vicente Mariño Rodríguez, fillo de Manuel Mariño, que ten perturbadas as súas facultades mentais, lanzoulle un poste de pedra dun metro seguido dunha choiva de pedras. O sr. Tojeiro foi conducido á súa casa con feridas de prognóstico reservado, falecendo ás 8 da noite. O tolo ingresou no cárcere.


1926, 19 de maio. En Redondela faleceu o neno de de tres anos Manuel Paredes, que ao subirse con outros rapaces a unha pila de auga quente que había nunha bodega para encascar aparellos, esvarou, caendo dentro. As queimaduras foron de tal gravidade, que lle ocasionaron a morte.


1926, xuño. Atendida na Casa de Socorro de Vigo: María Domínguez García, contusión con hematomas na cabeza, desgarro na mucosa e meixela esquerda, contusións en ámbalas dúas pernas, cualificados de prognóstico reservado. Agredida en Chapela polo seu noivo Manuel Vidal López.


1927, abril. Regresando de Pontevedra un coche propiedade dun veciño de Tui, entrou na rúa Ribeira na que estaban estacionados dous camións do lado esquerdo. Ao cruzar o neno de 9 anos, Claudio Pintos Serín, non puido evitar ser atropelado, falecendo aos poucos minutos. Era fillo único, de nai viúva, que se atopa en Buenos Aires.


1927, 27 de abril. Juan Ramón Giráldez Leirós e Manuel Leirós Cabaleiro foron procesados polo xulgado de Redondela, porque o 3-6-1926, nun baile en Mos agrediron con armas brancas a un veciño de Guizán, causándolle feridas que tardaron 25 días en curar.


1927, 24 de maio. Os quincalleiros ambulantes José María Iglesias e Manuel Rodríguez discutiron por asuntos do negocio ata tal punto que o primeiro disparou ao segundo dous tiros, causándolle unha ferida no ombro de carácter leve. O agresor deuse á fuga, sendo detido en Chapela polo condutor dun automóbil, quen o entregou á Garda Civil de Vigo.


1927, 8 de novembro. O mozo de 13 anos, José Alfonso Domínguez, foi atropelado na Riveira, ao saír correndo dun posto de castañas. Foi conducido á farmacia de Otero Milleiro, sendo atendido polos médicos Ocampo e Otero Milleiro. Sería trasladado despois a unha cama da casa de beneficencia, onde faleceu pouco despois.


1928, 25 de xaneiro. A garda civil de Redondela detivo á veciña de Cesantes, Flora Bouzón Bouzón, que feriu nunha man cun coitelo a Moisés Iriarte, cando este tentaba quitarllo.


1928, 29 de xaneiro. Manuel Cruz Carrera, toneleiro de 67 anos de Vilar de Infesta, faleceu despois de ser atropelado por unha camioneta no Alto de Barreiro. Deixa viúva e 4 fillos. Dous homes, Manuel e Eliodoro que prestan servizo como domésticos na residencia dos Xesuítas e dúas fillas, chamadas Ramona e Leonor.


1928, agosto. O xove Ramón Rivero Ocampo, fillo de Ramón Rivero Alonso i Engracia Ocampo, estivo en Redondela con tres amigos montando en bicicleta para cumprir un encargo dun procurador dos tribunais desta vila. Ao regresar á súa casa en Vigo faleceu ao ser atropelado por un camión.


1928, outubro. Atopábanse colocando un armazón de madeira na obra dunha casa de Tuimil (O Viso), os carpinteiros Porfirio Pereira Vidal (propietario da casa), Ángel Rivas García e Ramón Sestelo Amoedo, cando o muro se desprendeu sobre as táboas que facían de andamio. Ramón Sestelo conseguiu agarrarse e saíu ileso pero Porfirio e Ángel resultaron feridos graves. Horas despois Ángel Rivas, natural de Cesantes, falecería, dándose a circunstancia de que ía casar cunha xove do Viso.


1928, novembro. Na veira da estrada Pontevedra-Camposancos, en Cesantes, apareceu unha recen nacida que faleceu pouco despois. Non presentaba indicios de violencia e crese que foi abandonada por alguén que chegou en automóbil.


1928, 24 de decembro. Ignacio García, labrador do barrio de Canabal ( O Viso) foi buscar batume ao monte de Agrelo acompañado do seu fillo de 15 anos e da súa filla, Sofía García López de 9 anos. O pai quedou falando cun amigo e indicou aos seus fillos que marcharan e xa lles daría alcance. De súpeto o gando asustouse e o neno soltou a corda para tentar suxeitar á súa irmá, que caeu golpeándose na cabeza. O pai acudiu axiña e trasladouna, sendo atendida polos médicos Antonio Ocampo e José Torrado, apesares do cal faleceu horas despois.


1928, 29 de decembro. Na parroquia de Saxamonde entraron a roubar na casa

de Dolores González Alonso, de setenta años, solteira, que vive sola e ten fama de rica.

Os ladróns sorprendérona na cama, atándoa de pes e mans. Logo rexistraron os mobles e colchóns, apoderándose de 40 pesetas, as únicas que tiña en casa. Mentres os ladróns maniobraban Dolores simulou estar desvanecida para evitar que a asasinaran.


1929, 30 de xaneiro. Ingresaron no Hospital de Pontevedra os nenos Antonio Regueiro, veciño da Estrada, de 9 anos, e José Cadavid Monteagudo de Ventosela (Red.), de 12. Ámbolos dous presentan esnaquizada a man esquerda e o primeiro, ademais, outras feridas. Causáronllas dous pistóns de dinamita que andaban a manipular.


1929, 12 de febreiro. En Saxamonde apareceu afogada unha mendiga duns 65 anos e de nacionalidade portuguesa que vivía da caridade, na canle do muíño do Buraco, no barrio dos Valos. Non se atopou sinal de violencia polo que se cre caeu casualmente afogándose no regato.


1929, 3 de setembro. Por unha disputa polos regos das súas leiras, maltratáronse de palabra e obra os veciños de Reboreda e Redondela, José Couñago Veiga e Juan Amoedo Rivas, resultando este con graves coiteladas no ventre, polo que foi trasladado ó hospital de Pontevedra. O agresor foi detido.


1930,10 de abril. Un automóbil procedente de Ferrol, atropelou en Redondela á moza daquela vila Concepción Barros. Foi recollida en grave estado.


1930, 19 de xuño. Esta noite fronte á Chicharra un carro tirado por mulas que ocupaban José Pío Vázquez, domiciliado en Chapela, e os seus tres fillos, Antonio, Adolfo e José, e que regresaban a Vigo dende Redondela, caeu por un terraplén, debido a que se asustaran as mulas, caendo o vehículo e os seus ocupantes á vía férrea. Os tres rapaces de entre 6 e 10 anos resultaron gravemente feridos e o seu pai ileso.


1930, 3 de xullo. No barrio de Tuimil (O Viso) apareceu o cadáver de María Alján Rodríguez de 60 anos, presentando profundos tallos nas pernas e grandes feridas na cabeza. Horas despois detívose a Teresa Alján de 70 anos, irmá da morta, por sospeitas, pois a detida tiña uns zapatos rotos manchados de sangue e na súa casa atopouse un legón tamén manchado de sangue. Teresa nega rotundamente que matara á súa irmá.


1930, 5 de xullo. David Dacosta Ferreira que viaxaba na baca dun autobús caeuse na estrada cerca do pobo de Redondela, por mor de tropezar cun arame que cruzaba o camiño a seis metros do chan. David sofre graves feridas.


1930, 12 de agosto. Os bois que arrastraban o carro que guiaba Clemente Figueroa asustáronse. Levaron por diante ao coitado Clemente, sobre o que pasou o eixo matándoo.




Autor: Juan Migueles



BIBLIOGRAFÍA

Arredor de nós. Historia da Policía Local 1863-2003. Gonzalo Amoedo López e Roberto Gil Moure. 2003.

En Galiciana-Biblioteca Digital de Galicia. Xunta de Galicia: http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es => Gaceta de Galicia, El Diario de Pontevedra, La Integridad, El Progreso, El Regional, El Lucense, La Correspondencia Gallega, El Pueblo Gallego, Correo de Galicia...

www.boe.es => Gaceta Oficial de Madrid

www.consellodacultura.gal => Eco de Galicia (A Habana)

No Ministerio de Cultura http://prensahistorica.mcu.es => El Correo Salmantino, La Correspondencia de España, El Lábaro (Salamanca)...

Na Biblioteca Nacional de España: www.bne.es => El Globo (Madrid), El Liberal, El Día (Madrid), El Correo Español, El regional

La Voz de Galicia => http://www.lavozdegalicia.es/hemeroteca/

Faro de Vigo => Hemeroteca.



Crónica Negra de Redondela 1 (1850-1910)

 

       

1851, 21 de Novembro. Incendiouse unha casa en Redondela resultando morta a súa dona. Foi atopada nun armario envolta nun cobertor e co rosario nas mans. A criada salvouse rompendo unha táboa para saír á rúa.


1880, 25 de Febreiro. Nun camiño de Trasmañó foi atopado o cadáver dun home. Despois dun recoñecemento estableceuse que a causa da morte fora a fame e o frío.


1880, 12 de agosto. Un derrube de terras ocasionou a morte dun veciño de Redondela que se atopaba realizando escavacións na súa leira.


1881, outubro. Atopouse o cadáver dun bebé preto de Redondela. O neno tiña unha corda fortemente atada ao pescozo o que lle provocou a morte. Parece ser que a nai, veciña de Vigo, non podía facerse cargo da criatura polo que decidiu entregala á Inclusa, polo que encargou a condución a unha muller á que pagou 60 reais. Parece ser que esta é a autora do crime e permanece detida agardando ás dilixencias do xulgado de Redondela.


1883, 14 de outubro. A unha xove de 18 anos cortáronlle as orellas e o pelo, ademais de mutilarlle brutalmente varias partes do corpo. Crese que non sobrevivirá. Os tribunais tentan esclarecer o caso.


1885, 12 de marzo. O temporal destes días foi tan forte que o vento sacou dos raís os vagóns de reposto que había na estación de Monforte. Na ponte do Cabe o vento fixo caír aun operario carpinteiro veciño de Redondela. A caída, duns sete metros de altura, provocoulle a morte poucas horas despois.


1887, 20 de outubro. Morre un pirotécnico e dous dos seus fillos nunha explosión na súa casa.


1891, 19 de agosto. En Chapela, un home estaba limpando un revólver cando nun descoido disparóuselle a arma causando unha ferida na barriga á súa esposa que se atopaba embarazada. A muller está en estado tan grave que o máis probable e que non sobreviva.


1893, 10 de xaneiro. No sitio de Outide apareceu morto un xove de Cedeira. Tiña un perdigón debaixo do peito esquerdo, descoñecéndose se foi un descoido cazando ou un asasinato.


1895-Xuño-27. No Chan das Herbas (Negros) aparece morto Manuel Ramiro Álvarez Crespo natural de Cabeiro, coa cabeza esnaquizada cunha gran pedra. Foron detidos o seu irmán Constante, e a súa muller Teresa García, posta esta última en liberdade tras o pago dunha fianza de 2.500 pesetas. No xuízo, celebrado un ano despois, o reo foi declarado inocente e posto en liberdade. Á súa saída da Audiencia de Pontevedra varios veciños de Redondela tentaron linchalo e xa na vila tivo que ser protexido pola Garda Civil. O mesmo pasaría co cura e varios veciños de Cabeiro que ao chegar á vila tiveron que escapar por debaixo das viñas. A tensión era tal que o alcalde publicou un bando prohibindo os grupos nas rúas. Unha copla da época reflexa o sucedido:

En Cabeiro andan a tiros,

Constante matou a Ramiro.

En Cabeiro andan a paus,

Constante matou ó irmao.


1897, xaneiro. En Redondela pereceu afogado un home que, vítima dun ataque epiléptico, caeu ao río.


1897, 6 de febreiro. En Chapela atopábase podando Francisco López, cando de súpeto soou un disparo e unha bala atravesoulle o pescozo, resultando ferido grave. Crese que foi un veciño que discutiu con el e xurou vingarse. As autoridades detiveron a José Otero e Manuela López, sogros do ferido, e a Peregrina Rodríguez.


1898, 28 de novembro. Un incendio arrasou completamente unha casa en Redondela. Faleceron dúas nenas e a súa nai sufre graves queimaduras. O pai despois de traballar sen descanso por apagar o lume quedou trastornado e tentou poñer fin á súa vida.


1899, 30 de novembro. Carolina Vidal “a Costeira”, veciña de Quintela, en paradeiro descoñecido. Está acusada de infanticidio dun neno que deu a luz e apareceu afogado nunha praia preto de Redondela.


1900, 26 de maio. Atopándose na taberna de Bernardina Castro (en Quintela), Ramón Muíños e Manuel Barral, repatriados de Cuba, e Bienvenido Suárez e Castor Garrido, todos mozos daquela parroquia. Tamén había varios mozos de Redondela, entre eles Manuel Otero Alén e Francisco García Soliño co seu fillo Jesús. Por unhas sardiñas comezou unha discusión entre Muíños e Otero. A cousa pasou a maiores resultando Francisco García ferido grave por varias puñaladas en diferentes partes do corpo. Trasladado á súa casa faleceu pouco despois, sendo detido como presunto autor dos feitos, Manuel Barral.


1900, 31 de xullo. En Vilar faleceu un xove duns 21 anos que foi goleado cun pao na cabeza durante a romaría de Santiago na parroquia de Guizán. Caeu ao chan sen coñecemento e aínda que despertou dous días despois, faleceu a mañá do venres. Dise que o presunto autor deuse á fuga.

1900, 27 de setembro. No barrio de Alxán (O Viso), atopábanse cavando nunha trincheira Santiago Martínez, Francisco Martínez e Manuel Lorenzo, cando un desprendemento sepultou aos tres homes. Deseguido chegaron moitos veciños que tan só puideron sacar con vida a Manuel, aínda que con feridas moi graves.


1900, 22 de agosto. En Vilar de Infesta un porco matou a unha nena de 6 meses, coméndolle os dedos dunha man e parte da cara. Era filla dunha pobre coñecida como a “Palmera”.


1900, 31 de agosto. Cando volvía de Redondela para Vilar conducindo unha vaca, tivo a desgraza de que o animal acometeu contra un neno de curta idade deixándoo en bastante mal estado. Unha muller que acudiu en axuda do rapaz recibiu tamén algunhas cornadas.


1900, 1 de novembro. En Quintela, atopándose fora da súa casa a veciña Josefa Martínez realizando os seus labores, a súa filla dun ano de idade chamada Angélica, sufriu un accidente. Deixouna con tres nenas que debían cuidala pero a nena achegouse ao lume da cociña que lle prendeu na roupa. Aos gritos das nenas acudiu a nai que nada puido facer para evitar que falecera pouco despois.


1900, decembro. Por unha carruaxe cargado de gaseosas foi atropelado en Vilavella un neno de catro anos chamado Francisco Villar, que faleceu días despois por mor das feridas. Foron detidos os condutores Manuel Méndez i Eustaquio Gómez.


1901, 25 de xuño. En Cesantes unha anciá caeu dunha cerdeira falecendo por mor das feridas.


1901, 26 de xullo. No barrio da Igrexa na parroquia de Negros, o xove Antonio Garrido, de 15 anos, que hai pouco perdeu un perna, tropezou caendo contra a parede onde estaba colgada unha escopeta con perdigóns que se disparou. A mala sorte fixo que o tiro atinara na gorxa á súa irmá Rosa, de 12 anos, que se atopa moi grave. Hai pouco o seu irmán maior morreu atropelado por un carro.


1902, 9 de febreiro. En Redondela incendiáronselle as roupas a unha nena de curta idade, quedando en grave estado por mor das queimaduras.


1902, 22 de marzo. No río Carballo, preto de Redondela, apareceu o cadáver dun home que representa ter uns 60 anos de idade.


1902, 04 de xullo. O mozo José Fernández, de 18 anos, que montaba un cabalo de raza do país para domalo, tivo a desgraza de saír despedido. O desgraciado mozo faleceu aos poucos momentos a consecuencia do terrible golpe que recibiu no peito.


1902, 05 agosto. Pola Garda Civil de Redondela foi detido Manuel Pazos, veciño de Soutoxuste (O Viso), de 38 anos e tratante de gando, como presunto autor da colocación de dous cartuchos de dinamita na parede da casa do seu veciño, Manuel Joaquín Rodríguez. Un dos cales estoupou derribando parte da parede, sen que por fortuna houbera danos persoais. Á noite seguinte Manuel Joaquín faleceu atropelado por un tren, indicando todos os indicios que fora el o causante da explosión. O móbil era matar a súa muller e os fillos para casar cunha xove de Madrid coa que mantiña relacións facéndose pasar por solteiro.


1903, febreiro. Pereceu sepultado baixo unha masa enorme de terra que se desprendeu dun terreo a gran altura, o coñecido industrial e veciño de Cesantes, Jose Manuel Freire, cando este se atopaba extraendo xabre e area de dito terreo para conducir en carro a Redondela.


1904, xaneiro. Nunha devesa en Reboreda apareceu asasinada unha nena de 4 anos, desaparecida o día anterior da casa da súa nai Matilde Ricón, mentres esta saíra ao monte a coller toxo. O autor confeso é o mozo Ángel Freaza Míguez, veciño do mesmo lugar, ao que se ten por imbécil, quen penetrou na casa e sacando á criatura da cama tentou estrangulala, levándoa nunha cesta á devesa onde a rematou asestándolle cunha poda golpes mortais en peito e cabeza, deixándoa logo entre os toxos. Dise que por resentimentos coa nai, á que xa ameazara. O criminal fuxiu ao Viso, a casa dunha tía, onde foi arrestado.


1904, 18 de febreiro. En Vigo, o fotógrafo daquela localidade, Sebastián Marco asasinou á súa amante Matilde Lage, de Redondela, e despois se suicidou. Os cadáveres foron atopados por unha curmá da vítima, Teresa Figueroa, tamén de Redondela.


1904, 1 de marzo. En Coto Ferreiro, Cabeiro, apareceu morto Manuel Rodríguez, de oficio carpinteiro. O cadáver presentaba feridas na cabeza causadas cunha chave inglesa. O corpo estaba mollado polo que se cree que foi asasinado noutro lugar.


1904, 22 de xullo. Ante a Audiencia causa do xulgado de Lalín contra Casiano Penido Niveiros. O 16 de decembro atopábase na taberna de Carmen Iglesias "a Caneda", en Chapela, con Mariano Niveiros xogando as cartas con José Varela Losada e Ramón Cabaleiro. Despois dunha breve disputa polo pago do viño que perdera no xogo, o procesado ao saír disparou contra Cabaleiro causándolle unha ferida na parte inferior dereita no hipogastrio que necesitou 18 días para a súa curación.


1904, 29 de outubro. Varias persoas estiveron cortando millo nunha finca de José Amoedo e entre eles Luis da Riva e a procesada. Tomaron no campo un pouco de viño e na cunca de Florentina botou Luis unllas e cinza do cigarro, dicindo despois que ela estaba borracha. Xa de noite, cando ían cear na casa de Amoedo, ao entrar Luis, a Florentina, coñecedora do sucedido, botouse contra el dándolle unha labazada. A loita rematou cando Florentina lle asestou unha navallada que tardou 27 días en curar. A fiscalía pide 2 meses e 1 día e a defensa a absolución, baseándose en que a ferida causouna o propio Luis ao caer.


1905, 10 de febreiro. Por maltratar de obra á súa nai foi detido e posto a disposición do Xulgado, o mozo Urbano Casal Álvarez, veciño do barrio de Canedo (Reboreda).


1905, 15 de agosto. Estaba Generoso Otero Freire, de Ventosela, na festa de Reboreda falando con varias mozas. O seu veciño Manuel Regueira chamoulle a atención por falar coa súa noiva. Interviron amigos de ámbalas partes e agarráronse, sacando Manuel un coitelo que lle cravou a Generoso, quen resultou gravemente ferido. O irmán da vítima tamén sería levemente ferido. Manuel sería detido polo cabo de municipais, ingresando no cárcere.


1905, 23 de agosto. En Cedeira varios homes quixeron apoderarse dunha carruaxe de alugueiro golpeando ao cocheiro. Este defendeuse cunha navalla deixando a un gravemente ferido. A Garda Civil practicou varias detencións.


1905, 19 de setembro. Dolores Casal declarou ante o inspector xefe da policía de Vigo, que a nai da nena e María Bouzón encargáronlle que a conducira á Inclusa de Pontevedra e que se non cabía polo torno, a abandonase en calquera sitio aínda que fose retorcéndolle o pescozo. A declarante engadiu que foi a Pontevedra e como non cabía polo torno ao regreso abandonouna no monte preto de Redondela, recibindo da nai 20 pesetas. As tres mulleres ingresaron onte á noite no cárcere e a desgraciada criatura quedou depositada por conta da Alcaldía. Apesares de ter cinco anos de idade é raquítica, ten as pernas arquexadas e non representa arriba de dous anos.


1906, 31 de xullo. Dous estudantes de Menciña e Veterinaria, Florentino Pereira e José Carreira, aproveitando as vacacións levaron en coche ás súas noivas ás festas de Arcade. Á volta empeñáronse en dar un paseo nunha zona con vistas á Illa de San Simón. Ante a negativa das mozas que tiñan medo de chegar tarde, as levaron arrastras ata unha carballeira ameazándoas cun revólver. Unha delas defendeuse cunha pedra e escapou, pero na súa fuxida caeu por un desnivel onde quedou inconsciente ata o amencer, cando por fin logrou chegar polo seu pé ata a casa onde agardaban os seus pais. A outra moza apesares de defenderse, atáronlle as mans e os dous amigos abusaron dela mentres estaba desmaiada. Logo a montaron no coche e a deixaron preto do domicilio do pai, que rexenta unha farmacia. Dáse a circunstancia de que á nai da moza déronlle morte hai catro anos en Vigo, suicidándose o asasino. Florentino Pereira sería detido días despois no hotel que o seu pai ten en Oporto, onde despois sería posto en liberdade baixo a promesa de casarse coa vítima.

Y para compersarle el disgusto,

entiendo que es muy justo,

le pongan en Redondela

al frente de una escuela.


1906, 7 de agosto. Preto de Redondela o coche dun comerciante de Vigo atropelou ao labrego Antolín Alonso, ocasionándolle a morte.


1906, 10 de setembro. En Rande un coche atropelou a Antonio Alonso, de 65 anos. Trasladado a Redondela, faleceu ao pouco de chegar.


1907, 04 de abril. Un violento incendio destruíu en poucas horas a casa-comercio de Francisco Castro, na rúa Loureiro. Parece que o incendio foi casual, calculándose as perdas nunhas 8.000 pesetas.


1907, 31 de outubro. Comunican de Redondela que foi ferido gravemente cunha navalla o paisano Manuel Martínez, por José Castro, con saída dos intestinos.


1908, 4 de Marzo. Avaro morto. En Redondela atopouse, preto da finca "das de Mos" na estrada de Vigo, falecido por mor da fame e de frío un mendigo procedente de Portugal. Rexistradas as roupas que vestía encontráronselle nos petos preto de 3.000 pesetas en moeda portuguesa e algunha prata. Tiña arredor de 60 anos e resultou ser natural de Estacas (Fornelos).


            1908, 27 de Xullo. José García García "o Franqueiro", de 26 anos, de Amoedo, violou á moza de 18 anos Cándida García, considerada daquela como "imbécil" e, cando aquela o ameazou con dicirllo ao seu pai, depositario do Concello, afogouna tapándolle a boca co pano co que ela recollía o cabelo. No xuízo celebrado ao ano seguinte, foi condenado a 38 anos de cárcere.


1909, 5 de Febreiro. No sitio de Pousadouro apareceu morto o xove Perfecto Molinos. O cadáver atopábase tendido no chan sobre un cable de alta tensión. Sospeitase que a morte se produzo por efecto dunha descarga eléctrica. Era natural de Redondela, solteiro, de 27 anos e de oficio albanel. 

 

 

Autor: Juan Migueles



BIBLIOGRAFÍA

Arredor de nós. Historia da Policía Local 1863-2003. Gonzalo Amoedo López e Roberto Gil Moure. 2003.

En Galiciana-Biblioteca Digital de Galicia. Xunta de Galicia: http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es => Gaceta de Galicia, El Diario de Pontevedra, La Integridad, El Progreso, El Regional, El Lucense, La Correspondencia Gallega, El Pueblo Gallego, Correo de Galicia...

www.boe.es => Gaceta Oficial de Madrid

www.consellodacultura.gal => Eco de Galicia (A Habana)

No Ministerio de Cultura http://prensahistorica.mcu.es => El Correo Salmantino, La Correspondencia de España, El Lábaro (Salamanca)...

Na Biblioteca Nacional de España: www.bne.es => El Globo (Madrid), El Liberal, El Día (Madrid), El Correo Español, El regional

La Voz de Galicia => http://www.lavozdegalicia.es/hemeroteca/

Faro de Vigo => Hemeroteca.