viernes, 18 de agosto de 2023

A Lista Vermella de Redondela.

 


O Castro de Negros coas torres no seu cumio. Foto: J. Migueles

        O Inventario Xeral do Patrimonio Cultural de Galicia cataloga un total de 780 bens de interese na Comunidade. Unha cifra ridícula se temos en conta a consideración de Ben de Interese Cultural (BIC) a calquera elemento patrimonial que supere os cen anos. A figura de BIC suponse que debería protexer este patrimonio, pero na práctica esta protección poucas veces chega a bo termo e continuamente destrúense mámoas, petróglifos, edificios históricos...

        A nivel nacional, a asociación sen ánimo de lucro Hispania Nostra, recoñecida pola UNESCO, publica desde 2007 a “Lista Roja del Patrimonio”. Nel inclúense os elementos patrimoniais a piques de desaparecer. Esta lista actualízase cada ano coa inclusión de novos bens e coa baixa do patrimonio restaurado ou totalmente destruído.

        No que atinxe a Galicia a lista aumenta ano a ano. Se en 2020 recollíanse 35 elementos patrimoniais en grave risco, en 2021 a cifra aumentou a 50 e no que vai de 2023 (agosto) engadíronse dous máis.

        Esta idea de dar visibilidade ao patrimonio que podemos perder e que por desgraza imos perdendo, lévame a crear a Lista Vermella de Redondela.

 

1. O Castro de Negros.

O único Castro cen por cen redondelán sufriu moitas agresións. As máis graves serían a colocación dunha torre de alta tensión e unha torre de sinalización do aeroporto para a que se abriu unha pista de acceso con recheos de terra. A propia comunidade de montes construíu un área de lecer con mesas, bancos, un cruceiro e papeleiras que a miúdo poden verse colmadas de lixo. Se isto fora pouco colocaron unha fonte, o que provocou importantes danos na realización das obras de condución da auga ata o alto do castro. A última das agresións que cabe citar viría desde a propia escola de Portocabeiro, que durante anos fomentou a busca de restos arqueolóxicos por parte do alumnado para facer un pequeno museo no colexio. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2021/11/o-castro-de-negros.html )


Restos do Castro da Peneda que habitualmente están tapados pola maleza. Foto: Juan Migueles


2. O Monte da Peneda.

Un dos maiores atractivos turísticos co que contamos e no que se atopa outro castro. Trátase dun lugar cheo de historia, lendas e dunha tradicional devoción relixiosa que conta cunhas vistas privilexiadas. Por se todo isto fora pouco, conta cunha sobreira incluída na listaxe de árbores senlleiras e ademais celébrase a Festa dos Fachos. Por desgraza é un linde entre Redondela e Soutomaior polo que, ata o de agora, as dúas administracións locais non conseguiron unha axeitada coordinación para explotar todo o potencial turístico deste enclave. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2019/02/a-peneda.html )



Restos dun muíño a piques de desaparecer. Foto: J. Migueles


3. Os muíños.

En Redondela chegou a haber máis de 150 muíños a presión urbanística e principalmente o abandono está levando á desaparición de moitos deles. Actualmente (2023) o Concello traballa por conseguir a concesión dun muíño para convertelo en aula didáctica. Unha boa iniciativa pero que semella pouco ambiciosa tendo en conta a recuperación de muíños noutros concellos dentro de proxectos de creación de sendas fluviais. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/03/muinos.html )

 

Un dos canastros en Cabo dos Fumeiros. Foto: J. Migueles

4. A concentración de canastros (hórreos) do Cabo dos Fumeiros.

Un proxecto proposto numerosas veces e que ata o de agora (2023) non se levou a cabo. Os poucos canastros superviventes esmorecen coa escusa (como no caso dos muíños) de que son bens privados. Na realidade, como pode verse noutros concellos, é que as administracións contan con fórmulas legais para intervir nestes elementos, tan só é necesaria un pouco de vontade política. Neste caso contamos cun fondo fotográfico para axudar á recuperación deste espazo, que podería iniciarse coa reconstrución dos canastros de madeira desaparecidos. Este é o tipo de canastro con maior probabilidade de desaparecer do noso concello pola necesidade dun maior mantemento. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2019/02/canastros.html )


Restos do Cruceiro do Lombo, hoxe desaparecido. Foto: J. Migueles


5. Os cruceiros.

Neste caso temos que aplaudir a recente recuperación do cruceiro e peto de ánimas do Esteiro (Cesantes), por iniciativa do Obradoiro de Estudos Locais Fernando Monroy. Un exemplo que agardemos sirva para a recuperación do Cruceiro e peto de ánimas da Carambola (Reboreda) ou, tamén na mesma parroquia, do cruceiro da Carambola. A maior ameaza destes bens son os golpes de coches e camións que levaron á desaparición do cruceiro do Lombo (Ventosela), por poñer un exemplo. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2021/11/cruceiros-desaparecidos.html ). Agora mesmo faise necesario a protección de cruceiros do século XIX como o da Raíña (Cedeira), Pousadouro (Reboreda) ou o Carballo (Redondela) que se atopan en grave perigo de ser destruídos. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2019/02/cruceiros-esmoleiros-e-petos-de-animas.html )

 

Cargadoiro de Coto Wagner. Foto: J. Migueles

6. O Cargadoiro de mineral de “Minero Siderúrgica de Ponferrada S.A.”, máis coñecido como de Coto Wagner.

Os recentes intentos do Porto de Vigo de desmantelalo para realizar novos recheos dentro da Enseada de San Simón o sitúan como a construción de patrimonio industrial en máis grave risco de desaparecer do noso concello. Ata de agora non hai un proxecto claro de recuperación nin deste cargadoiro nin do da “Compañía Minerales de Hierro de Galicia”, que sumados ao Meirande, aula de interpretación da Batalla de Rande, o Castelo de Rande (do que estes días se denunciaba o seu abandono) e a Ponte de Rande, transformarían o barrio de Rande nun atractivo turístico moito maior do que xa é na actualidade. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/12/cargadoiros-de-mineral.html )


7. As casas de Casto Sampedro e Alejandro Otero.

(Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/sampedro-folgar-casto-antonio-redondela.html )

(Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/otero-fernandez-alejandro-redondela-14.html ).

Son dúas construcións nas que se colocaron placas de homenaxe a estes dous redondeláns, pero das que tan só se conservan as fachadas. É unha mágoa ver vivendas que se veñen abaixo por mor do abandono en pleno casco histórico de Redondela, pero se ademais teñen un vínculo con persoeiros destacados da nosa vila, fan que a tristura sexa aínda maior.

 

Restos do Pazo de Soutoxuste. Foto: J. Migueles


8. Os pazos de Soutoxuste e Saxamonde. Apenas queda nada destes dous pazos que sucumbiron baixo construcións máis modernas. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2019/02/pazos.html ) Tamén é preocupante o prolongado abandono do Pazo de Torrecedeira e da próxima casa de Monterraso, a primeira reformada e a segunda obra do arquitecto francés Michel Pacewicz. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2021/02/casas-destacadas-de-cedeira.html )


Un dos Petróglifos da Moscalleira. Foto: J. Migueles


9. Os petróglifos da Moscalleira (Reboreda).

Descubertos en 2017 e re-descubertos en 2019 (cando se catalogaron). Realizouse algunha visita guiada aos mesmos e aí rematou todo. Agora mesmo é practicamente imposible acceder a eles. Ao atoparse en terreos privados complica a súa xestión de cara a unha explotación turística. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2019/02/monte-buxel.html )

Apesares da posta en valor dalgúns petróglifos (Monte Mirallo e Ruta das Pedras) son moitos os que aínda carecen de sinalización no noso concello, o que os pon en perigo de ser esnaquizados por maquinaria forestal. Tamén son continuas as agresión por persoas que as marcan con xiz, anacos de ladrillo ou mesmo botando terra, caso máis grave se viviría nos petróglifos das Porteliñas, no que se pintou un grafiti.

 

Mámoa oculta pola maleza. Foto: J. Migueles


10. As mámoas.

Ao igual que os petróglifos, o maior perigo ven polo emprego de maquinaria forestal. A maior concentración de mámoas a temos no monte Mirallo (Penide) na que chegaron a catalogarse 58 e das que tan só quedan algo máis de trinta. As últimas dúas destruídas en 2015 por unha compañía eléctrica sen consecuencias legais para a mesma. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2019/02/monte-penide-monte-mirallo.html )

 

Telleira hoxe oculta pola maleza. Foto: J. Migueles


11. As Telleiras de Cesantes.

Outra xoia do noso patrimonio baixo a maleza. Outra iniciativa do Obradoiro de Estudos Locais Fernando Monroy de posta en valor levou a unha oferta de compra do Concello aos propietarios dos terreos que non chegou a bo porto. A eterna promesa electoral dun paseo pola costa ata a praia de Cesantes tería aquí un potencial turístico enorme. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2019/02/as-telleiras.html )


12. As reitorais de Cedeira e Ventosela.

O bispado de Tui permitiu o abandona destas dúas construcións. No caso da de Cedeira é xa practicamente irrecuperable co recente derrube de parte da fachada.


13. A igrexa de Vilavella.

Seguramente non debería estar na lista, pero sirve de exemplo da impunidade co que o clero pode actuar sobre elementos relixiosos que son patrimonio histórico a conservar. Se o anterior párroco, Octavio Rotea, tomou decisións como destruír o altar maior ou o púlpito, o actual non se quedou atrás e tivo iniciativas tan cuestionables como furar o campanario para instalar un reloxo ou cortar a reixa de madeira do coro trala que escoitaban a misa as monxas de clausura do convento. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2019/01/igrexas.html ) (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2019/02/o-convento-de-vilavella.html ). 

 

Estado no que quedou a reixa do coro. Facebook da parroquia.


Por desgraza a lista podería seguir con agresións como a sufrida hai pouco polo Miliario de Antas ao ser rascado por un tractor (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2019/02/os-miliarios.html ) ou os golpes de vehículos recibidos pola Marca do Rei e a anunciada posta en valor que non foi tal. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2019/02/a-marca-do-rei-vilavella-redondela.html )


Autor: Juan Migueles


BIBLIOGRAFÍA

Facebook > Asociación para a defensa do Patrimonio Cultural Galego

Ver bibliografía dos enlaces do texto.

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario