3.000 a 1.800 a. C. (Neolítico):
No monte Mirallo ou Penide (Cedeira/Trasmañó
/Cabeiro/Negros/Chapela) atópanse catalogadas 39 mámoas desta época
(Ver
https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2019/02/monte-penide-monte-mirallo.html
).
Tamén se conservan mámoas en
Chan das Pipas (Saxamonde-Vilar). (Ver
https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/10/restos-arqueoloxicos-en-vilar-e.html
)
1.800 a 600 a. C. (Idade de Bronce): Os vestixios que nos dan constancia desta época son machadas de bronce (hoxe no museo de Pontevedra) e gravados rupestres ou petróglifos (no monte Mirallo principalmente, pero tamén en Ventosela e O Viso). (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2019/02/petroglifos-no-viso.html )
En Vilavella recuperouse unha machada de tope con 3 aneis e con 2 asas do 800 a. C. sendo o vestixio máis antigo do casco urbano de Redondela. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/10/alguns-achados-arqueoloxicos-en.html )
S. I a. C. (Idade de Ferro): O Castro da Peneda (O Viso) (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2019/02/a-peneda.html ) e o Castro de Negros no monte Mirallo (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2021/11/o-castro-de-negros.html ). O primeiro conserva parte da muralla e restos de vivendas. O segundo restos da muralla e o sistema de terrazas.
61 a. C.: A expedición de Xulio César chega a Redondela.
S. I-IV d. C.: Redondela era atravesada polas vías romanas XIX e XX (Per Loca Maritima). Atopáronse en Redondela miliarios romanos en Cesantes (2), Quintela, Saxamonde e Vilar. Agás o último, coñecido como Miliario de Antas, todos foron trasladados ao museo de Pontevedra, aínda que na actualidade un de Cesantes pode contemplarse na Casa da Torre. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2019/02/os-miliarios.html )
Tamén se acharon moedas, restos de cerámica... Téñense atopada restos romanos no lugar de Casal, en Saxamonde, ademais atopáronse tres villae romana: en Soutoxuste (O Viso), na Portela (Cedeira) e no Carrascal (Redondela-Reboreda).
250: O nome de Búrbida aparece no itinerario de Antonino Pío. Os historiadores identificaron esta poboación con Redondela (e ata coa illa de San Simón), pero outras teorías a localizan en Pazos de Borbén, Ponteareas ou Vigo. A teoría que avala ao noso concello baséase na existencia dos miliarios, pola contra non hai ningunha evidencia de que as vías romanas pasaran polos citados concellos.
1ª metade do S. V: Asentamento dos Suevos en Galicia, establecen a capitalidade do seu reino en Braga.
456: Os visigodos derrotan aos suevos.
569: Nun concilio celebrado en Lugo, aparece o nome de Celesantes ou Cesantes.
821: Alfonso el Católico recupera Redondela do poder do árabe Melik despois de vencelo en Pontecaldelas.
968: O normando Gunderedo chega ata Fornelos de Montes, onde é vencido polo bispo Sisenando de Iria, que morre no combate.
997: Almanzor arrasa as Rías de Vigo e Arousa.
1014: A ría de Vigo é atacada polo viquingo Olav Haraldson (San Olav, patrón de Noruega).
1032: Os normandos, comandados polo conde danés Easl Ulf, saquean toda a comarca ata que son expulsados polo bispo de Iria e Compostela Cresconio.
1.156: Por Ávila la Cueva coñecemos as diferentes denominacións do Arciprestado: “...Por la escritura de partida de Yglesias hecha entre el Reverendo Obispo de Tuy Don Ysidoro y su cabildo en 1º de Diciembre del año 1156, y por otros muchos documentos antiguos que hemos visto consta que este Arciprestazgo en aquellas edades se llamó tierra de Maniela, y también Manola: después mas adelante se dijo de Mando, y así se titulaba en el año 1562, y aun le conservaba en el de 1627, mas en este ya le expresaban variamente, esto es, Arciprestazgo de Mando ó Redondela, como resulta del Sinodo Diocesano del Ilustrísimo Don Pedro de Herrera.” O mesmo autor explica o significado do topónimo: “este nombre le tomó de un Castillo o plaza fuerte de defensa que estuvo al parecer en un alto entre las parroquias de San Andres de Cedeira y San Vicente de Trasmaño”.
Este primeiro señorío tería a súa casa no val do Maceiras, mostra disto serían os topónimos Mañó (Quintela) e Trasmañó (detrás de Mañó); e tamén o miliario que fai as veces de límite con Mos e que é chamado Antas de Maniola, tendo Antas o significado de mámoa.
No libro “Communicaciones al XV Congreso internacional de las ciencias genealógica y heráldica. Volumen 3” recóllese que Vilavella formaba parte “dos vellos territorios de Toronio”.
1118: Vilavella pertence á Orden Militar de los Caballeros Templarios (orde de monxes guerreiros). Habitan a Illa de San Simón, na que constrúen a ermida chamada San Simón que lle da nome. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/a-illa-de-san-simon.html )
1120: Redondela é invadida polos portugueses, sendo recuperada por Doña Urraca.
1159: Fernando II de León concede o Couto de Saxamonde a Gonzalo Muñoz, que logo casaría con Estebana Aldonza Saez de Valladares, señora de Valladares. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2022/02/historia-da-parroquia-de-saxamonde.html )
1114. O Arcebispo de Santiago Diego Xelmírez fixa a súa residencia temporalmente en Redondela. “Realiza obras importantes de limpieza, población y cultivo de tierras en la villa o granja de Godegildo, hoy, Redondela”. Esta sería a orixe da vila de Redondela, provocada por unha necesidade do Bispado de Santiago de consolidar os seus límites, situados neste caso no río Alvedosa. O nome de Godegildo atopeino noutros escritos como Gosgildo (Locum gosgildi), dicíndose que se atopaba moi pouco poboado.
1243: Nun documento do Mosteiro de Melón aparece xa co nome de Redondela, que recibe pola forma redondeada coa que creceu en torno ao mar.
1267: Aparecen referencias aos dous núcleos diferenciados: Vilavella e Vilanova.
S. XIII: Redondela é unha xurisdición dependente do arcebispado de Santiago, coñecida como Vilanova de Redondela para distinguila de Vilavella de Redondela. Tamén aparece baixo o nome de Retundela. O Arcebispo de Santiago nomeaba a un xuíz ordinario que gobernaba con 4 rexedores e 2 procuradores (un representaba ao Gremio do Mar e o outro ao Gremio da Terra).
1293, 19 de marzo: Doazón das freguesías de San Miguel de Oya, San Saturnino de Amoedo, Santa María de Reboreda, San Martín de Nespereira, San Martín de Vilar de Infesta, Santiago de Borbén, San Esteban de Negros, e San Mamed de Quintela (Pontevedra), dada por Martín, Arcebispo de Santiago de Compostela, a favor de Fernán Gómez de Valladares.
S. XIII-XIV: Redondela convértese no centro artesanal e comarcal máis importante da Ría de Vigo.
S. XIII-XIV: Mendiño escribe a cantiga de amigo que fala da Illa de San Simón. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/05/os-inicios-musicais-en-redondela-os.html )
1310: Nun documento do 20 de febreiro aparece co nome de Redondiella.
1312, 22 de Marzo: Vilavella e a Illa deixan de pertencer aos templarios pola disolución da orde, pasando á Coroa.
13??: Pedro I concede Vilavella a Suero Yáñez de Parada, Adelantado Mayor de Galicia.
1367: José Sarmiento de Valladares y Meira, natural de Saxamonde, entra no sitio no que fora declarado o distrito de Redondela, a consecuencia dun sanguento motín acontecido polo oneroso incremento do imposto de consumos.
1369, 1371 e 1384: Redondela é atacada polos portugueses despois do comezo da guerra entre España e Portugal.
1370. Trala morte de Pedro I a mans do seu irmán Enrique de Trastamara, os cabaleiros galegos e entre eles Suero Yáñez, proclaman Rei de Castela a Fernando I, Rei de Portugal, quen entra en Galiza en 1370 séndolle entregadas entre outras a vila de Redondela. Pouco despois Fernando I é derrotado e os antigos partidarios de don Pedro refúxianse en Portugal.
1371, 14 de Setembro: O rei Enrique II, que confiscara as posesións de Suero Yáñez, dóalle ao Bispo de Tui, Juan de Castro, Vilavella e a Illa de San Simón, xunto co castelo de Entenza, o coto de Coia e a vila de A Guarda. O prelado e o Cabildo de Tui nomeaba en Vilavella un xuíz que exercía de alcalde, un rexedor e un procurador de causas.
1388. O Duque de Lancaster chega co seu exército a Galicia reclamando os dereitos ao trono de Castela da súa dona, filla lexítima de Pedro I. Despois de entregarse Pontevedra, Redondela serviulle de base aos ingleses para atacar Vigo.
S. XV: A cidade de Vigo é coñecida como Vigo de Redondela porque daquela é unha pequena vila formada por barracas construídas polos mariñeiros de Redondela.
1417: O rei Juan II confirma a doazón feita por Enrique III, da vila de Vilavella á Igrexa de Tui.
1474: Como regalo de vodas Enrique IV entrégalle a Pedro Madruga un xuro de herdade de 150.000 marabedís sobre as rendas das vilas de Redondela, Vigo e Pontevedra, pertencentes naquel tempo ao bispado de Compostela. Isto provocou as protestas do prelado e o rei revocou o privilexio. Ante tal afronta en 1474 Pedro Madruga toma pola forza estas tres vilas. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/s-xv-loitas-de-poder-entre-pedro.html )
1475, 6 de Marzo. Os Reis Católicos, xa no trono, ordenan a Pedro Madruga devolver as vilas de Redondela, Vigo e Pontevedra ao Arcebispo de Santiago.
1497: Ventosela aparece coma un anexo de Reboreda.
1497: O Bispo de Tui, Pedro Beltrán da ao seu Provisor, Morguet Juan, a Maestrescolía de Tui co Beneficio de Redondela.
S. XVI: Ataques de corsarios franceses, holandeses, turcos, portugueses e ingleses.
S. XVI: Vigo iguala a Redondela en poboación.
1501: Comeza a construción do Convento de Vilavella. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2019/02/o-convento-de-vilavella.html )
1507: Os veciños de Redondela expulsan da Illa de San Simón ás forzas dos señores de Soutomaior.
1517: Fray Juan Pascual funda o cenobio Custodia de los Pascualinos de San Simón na Illa de San Simón.
1585: O corsario inglés Francis Drake ataca a Ría de Vigo e a Illa de San Simón. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/s-xvi-e-xvii-invasions-piratas-e.html )
1587, censo: Redondela aparece como un arciprestado do Bispado de Tui formado por 16 freguesías: Redondela, Villavieja, Rebolleda, Viso, Arcade, Ostras, Cedeira, Negros, Cabeiro, Villar, Sajamonde, Nesporeira, Quintela, Amohedo, Esjantes e Trasmañen. Dentro do arciprestado de Fragoso atopamos a freguesía de Capella.
1589: Novo ataque de Francis Drake. Os pascualinos abandonan a Illa.
1589, desamortización de Felipe II: Cedeira, ata daquela pertencente a Redondela, foi entregada co seu porto e 68 veciños ó asentista italiano Giacomo de Berdi que a vendeu por 1.100 ducados ó bacharel Álvaro Prego. Despois pasaría a mans do Alguacil Maior Lope Osorio; a Jerónimo Saravia, xudeu portugués e rexedor de Vigo; aos Lopez Portillo e aos Pestaña, fidalguía de servizo natural do Bierzo.
1596: Os monxes beneditinos de San Juan de Poio instálanse na illa de San Antón.
1601: Os franciscanos volven á Illa de San Simón e fan prevalecer os seus dereitos sobre os beneditinos que deciden marchar.
1603: O Alcalde de Pontevedra (Rodrigo Mariño de Lobera) pídelle a dona Ynés de Aballe Mariño, superiora do Convento de Vilavella: "[...] seis doçenas de biscochos; seis doçenas de mazapanes; çinco de Tur Ron de almendra; y cuatro de Cuadros de huevos reales; dos Coronas de adviento (roscón)" para agasallar ao Arcebispo de Santiago, Maximiliano de Austria.
1605: Redáctanse as Ordenanzas Municipais de Redondela e Vilavella.
1634: O rei Felipe IV encarga facer un Atlas e o cosmógrafo portugués Pedro Teixeira realiza un mapa da Ría de Vigo no que Redondela aparece localizada no lugar de Pontesampaio.
1635-Maio-17: Morre na parroquia de Saxamonde o Bispo de Tui, Diego de Vela, cando se atopaba de visita pastoral. Sería enterrado na capela de San Telmo da catedral de Tui
1640,1661 e 1665: Comeza a guerra con Portugal. Incursións dos portugueses.
1666 Celébrase en Redondela unha Xunta do Reino de Galicia, decidíase a concesión da nacionalidade (naturalización) do Padre Everardo Nithard, confesor e conselleiro da raíña Mariana.
1667: José Sarmiento de Valladares y Meira entra no sitio en que fora declarado o distrito de Redondela, polo sanguinolento motín ocorrido ante a gran suba do imposto de consumos.
1669, 2 de Marzo: Chega a Redondela Cosme III de Medicis, Gran Duque da Toscana. Na súa comitiva ía Pier María Valdi, que pintou un cadro que é considerado a imaxe máis antiga da vila.
1696: O redondelán, nado en Saxamonde, José Sarmiento de Valladares é nomeado Vicerrei de México. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/jose-sarmiento-de-valladares-saxamonde.html )
1702: Ten lugar a Batalla de Rande coa a vitoria da flota anglo-holandesa sobre a franco-española. Saqueos en Redondela e na illa de San Simón. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/1702-batalla-de-rande.html )
1709: Arcade (incluíndo Soutoxuste) se separa de O Viso
1719: Felipe V subleva aos escoceses para influír na sucesión ao trono en Inglaterra. Como represalia o Almirante Michells ataca as costas españolas, arrasando Redondela entre outras vilas.
1741, 17 de xuño: Felipe V ordena que se faga o apeo (restitución) e deslinde de todas as posesións pertencentes ao marquesado de Valladares, entre elas o Coto de Saxamonde e propiedades en Redondela.
1743: Novo ataque inglés.
1743: Amplíase a Igrexa de Cedeira. O encargado da obra será o arquitecto Fernando de Casas e Novoa, que nese momento estaba construíndo a Fachada do Obradoiro da Catedral de Santiago.
1746: Despois de numerosas invasións a orde franciscana abandona a illa trasladándose ó lugar de Vista Real de Agrelo en Cesantes, doado polo duque de Soutomaior.
1752 (Catastro de Ensenada): Redondela cunha extensión de 70 km2 ocupaba a meirande parte dos actuais concellos de Redondela e Pazos de Borbén, estando dividida en 14 parroquias (Amoedo, Borbén, Cabeiro, Cepeda, Cesantes, Moscoso, Negros, Nespereira, O Viso, Quintela, Reboreda, Redondela, Vilar e Xunqueiras). Seguía pertencendo ó Bispado de Santiago, que nomeaba un Xuíz Ordinario que exercía de alcalde, 4 rexedores ou concelleiros vitalicios e renunciables, un escribán numerario e ata 5 procuradores de causas. Cedeira era un señorío; Vilavella, unha xurisdición pertencente ao arcebispado de Tui; Chapela e Trasmañó, pertencen á xurisdición do Val do Fragoso.
1759. Existía unha carreira de postas entre Madrid e Pontevedra, con 27 postas e 104 légoas: Las Rozas, Torrelodones, Guadarrama, El Espinar, Villacastín, Adanero, Arévalo, Medina del Campo, Vega de Valdetronco, Villagarcía, Villapando, Benavente, La Bañeza, Astorga, Foncebadón, Molina-Seca (onde se separaba de outra carreira cara A Coruña), Borrens, San Esteban de Valedoras, Cebreiro, Carracedo, Ourense, Ribadavia, Franqueira, Ponteareas, Porriño e Redondela. Tamén existía outra comunicando Pontevedra con Orense, retrocedendo, con seis postas e 17 légoas.
1768 Publícase “España sagrada theatro geographico histórico... “, no que Trasmañó xa aparece como pertencente ao arciprestado de Redondela.
1775, 1 de novembro. Un seísmo con epicentro en Lisboa provoca un maremoto que chega á costa de Redondela. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2023/03/un-maremoto-no-seculo-xviii.html )
1782, 14 de Febreiro: O provisor eclesiástico tudense separa Negros e Quintela de Cedeira creando dúas novas parroquias.
1786: O Bispo de Santiago de Compostela, Domingo Fernández Angulo, separa de Reboreda a capela de San Martiño de Ventosela xunto cos lugares de O Castiñeiro e Vilar do Mato, creando unha parroquia independente e construíndo unha nova igrexa.
1809, 13 de Abril: Invasión francesa. As tropas francesas incendian e saquean Redondela. Trala batalla de Ponte Sampaio os franceses son expulsados. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/1809-guerra-da-independencia-dos.html )
Antes da constitución de Cádiz de 1812 o Reino de Galicia estaba dividido en 7 provincias (pertencendo Redondela á de Tui), a súa vez formadas por Xurisdicións e cotos redondos.
1812. Constitución de Cádiz. Galicia pasa a ser unha única provincia, cunha única intendencia, unha soa deputación provincial e un só xefe político.
1812: Abolición do réxime señorial e administración municipal do territorio. Creación dos concellos de Redondela, Cedeira, Reboreda, Saxamonde e Vilavella.
19 de marzo de 1813. Constituíuse en Santiago de Compostela a deputación co Marqués del Campo Real como presidente, que a trasladará á Coruña 2 meses despois.
1820, 5 de marzo. A Xunta de Goberno da provincia de Galicia aproba unha nova distribución en 47 partidos xudiciais. Pasa ao partido de Redondela a parroquia de Chapela, que daquela pertencía ao Val do Fragoso (actual Vigo).
13 de abril de 1822. Volven a crearse 4 provincias pola aprobación do decreto do 27 de xaneiro dese mesmo ano, sendo estas: A Coruña, Lugo, Ourense e Vigo.
1822: Unificación de Redondela (Cedeira, Reboreda, Saxamonde, Vilanova e Vilavella).
10 de outubro de 1823 Fernando VII deroga a Constitución. Ábrese unha loita pola capitalidade da provincia entre Tui, Vigo, Pontevedra e Redondela, se ben a nosa vila sería a que tivo menos opcións de conseguilo.
1823: Restauración do réxime señorial. Cedeira, Reboreda, Saxamonde e Vilavella volven a separarse de Redondela.
30 de novembro de 1833. Galicia queda dividida nas provincias actuais: A Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra.
1833: Ampliación do cemiterio da Igrexa de Redondela.
1835: Abolición dos señoríos xurisdicionais. Cedeira, Reboreda, Saxamonde e Vilavella únense a Redondela definitivamente.
1836-Decembro-3: Constitución do Concello de Redondela como consecuencia das reformas liberais.
1838-Xuño-06: Unha Real Orde concede permiso para a construción dun lazareto na Illa de San Simón dependente do porto de Vigo, co fin de tratar ós enfermos dos barcos que tiñan que pasar a corentena.
1840-Setembro-01: A Xunta Provisional de Goberno do Partido de Redondela manifesta a súa adhesión ao pronunciamento de Madrid.
1843: Alzamento de Vigo.
1855: Construción do cemiterio dos Eidos. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/os-antigos-cemiterios.html )
1865: Declárase en Redondela unha epidemia de cólera.
1867: Suprímese o Xulgado de Redondela. O Concello de Redondela agrégase ó Xulgado de Vigo.
Anos 70 do s. XIX. Epidemia de variola.
1872. Ampliación do cemiterio dos Eidos.
1876. Chega o telégrafo a Redondela.
1876-Xuño-28: Primeiro viaxe de proba en tren entre Vigo e Chapela.
1876-Xuño-30: O viaduto de Ourense supera as probas de forza. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/os-viadutos.html )
1878: Clausura do cemiterio de Vilavella que estaba situado diante da igrexa. Os restos trasládanse ao cemiterio de Eidos.
1881: Entra en funcionamento a liña Vigo-Ourense e con ela o viaduto de Ourense.
1883-Xaneiro-2: Polo aumento da súa veciñanza e a súa constante adhesión á Monarquía, o Rei Alfonso XII concédelle ao Concello de Redondela o tratamento de Ilustrísima.
1884-Xuño: Entra en funcionamento o telégrafo do ferrocarril entre Vigo, Redondela e Pontevedra.
1884-Xuño-30: Inauguración oficial do viaduto de Pontevedra.
1888, Agosto. Na Exposición Universal de Barcelona, na instalación oficial do ministerio de Fomento, expóñense da liña Redondela a Pontevedra unha foto do viaduto de Redondela, e da liña Ourense a Vigo as seguintes s: Viaducto de Redondela, Tramo central y del viaducto de Redondela vista general, Casilla del guarda y túnel a cielo abierto, Puente del Real y del paso superior de Cesantes y Viaducto de Soto Justo.
1889, setembro. Os 68 concellos de Pontevedra quedan agrupados en 11 partidos xudiciais, entre eles o Partido de Redondela, que comprende Redondela, Mos Pazos de Borbén e Soutomaior. En total uns 30.000 habitantes.
1896-Marzo-09: Chega a Redondela o coronel Antero Rubín Homent despois de loitar en Cuba. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/rubin-homent-antero-evasio-redondela-3.html )
1896-Abril-15: Morre en Barbañas (Ourense) o redondelán, nado en Reboreda, Juan Manuel Pereira. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/pereira-de-castro-juan-manuel-reboreda.html )
1899: Primera proba dun cinematógrafo en Redondela na casa de Fontán na Ribeira. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/05/os-cines-de-redondela.html )
1899, xuño. É declarado de interese xeral o porto de Redondela. Aprobándose así a proposta do deputado a cortes Francisco de Federico.
S. XIX, finais: Instálase o primeiro teléfono no concello de Redondela. Comunica o Pazo de Torrecedeira coa casa que o seu propietario ten en Vigo, sen posibilidade de outras comunicacións.
S. XIX, finais: Reprodución de gravacións no chamado fonógrafo de Edison no salón teatro da rúa Alfonso XII.
1902, 23 de marzo: Chega a electricidade a Redondela.
1904: O Bispado fai un arranxo parroquial. Pasan a pertencer a Vilavella: Pasais (Reboreda), O Muro (Quintela) e Maceira (Cedeira); e a Redondela: Santa Mariña e o Monte do Cuco (Cesantes) e a rúa Oriente, actual Telmo Bernárdez, e Eidos (Reboreda).
1910: Créase en Río de Janeiro (Brasil) a Asociación de Hijos de Redondela presidida por José Figueroa. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/03/figueroa-montero-jose-redondela-11-07.html)
1911: En maio remátase a instalación da comunicación telefónica entre Vigo e Redondela, quedando pendente a extensión da liña a Pontevedra. Ese mesmo mes instálase nas oficinas da Electra o primeiro teléfono público de Redondela.
1915: Inaugúrase a liña de vapores Cesantes - Vigo.
1915: Inicio da desviación do río Alvedosa para ampliar o recheo (futura Alameda). Comeza a súa canalización.
1918. Gripe española.
1920: Máis da metade dos españois son analfabetos. Redondela é o concello co índice de analfabetismo máis alto da provincia, o 60’58% .
1922: Inaugúrase a estación de tranvías San Fausto de Chapela. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/11/as-estacions-de-ferrocarril-e-de-tranvia.html )
1924: Comezan os traballos de recheo de: a Xunqueira, a Alameda e a Ribeira, parte da terra é sacada do Monte da Telleira. Posteriormente, canalízanse os ríos con pedras da Canteira (Rúa San Xoán de Arcal).
1926, decembro. Inaugurase a estación telefónica de Redondela. De momento a liña limítase ao casco urbano polo que se agarda que haxa máis abonados cando se una ás liñas de Vigo e Pontevedra.
1927: A Illa deixa de funcionar como lazareto, converténdose en lugar de veraneo da crase alta viguesa.
1928: José Regojo establece unha pequena fábrica de camisas con 8 traballadores na rúa Alfonso XII. Co tempo chegaría a xerar cerca de 6.000 empregos e ser o motor económico da vila. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/12/regojo-e-outras-empresas-textiles.html )
1932: As monxas abandonan o Convento de Vilavella.
1933-Xullo: Por primeira vez ondea no Concello de Redondela a bandeira galega.
1934- Novembro-13: Noméase á primeira concelleira da vila, Carolina García Tenreiro.
1935. Os veciños de Chapela forman unha comisión para solicitar a súa agregación ao concello de Lavadores e a súa desvinculación co de Redondela.
1936. Vilar estréase como entidade local menor. Dous meses despois serán nomeados, interinamente, os seus primeiros rexedores: Perfecto Blanco Barciela, Juan Rodríguez Barciela e Manuel Blanco Camiña. A Guerra Civil non lles deixaría moito tempo para desempeñar a súa xestión.
1936-Agosto-6: Aparece morto Jesús Reboredo Barral, de Queimadelos (Mondariz), primeiro asasinado en Redondela durante a Guerra Civil.
1936-Outubro-1: A Illa de San Simón convértese en centro penitenciario.
1941. Inicio da II Guerra Mundial
1942: O alcalde de Vigo, Suárez Llanos, tenta a anexión de Chapela. O alcalde de Redondela, Juan Muíños, en representación da corporación municipal, negouse, chegando a trasladarse a Madrid para facer prevalecer a ligazón de Chapela con Redondela.
1943: Os últimos presos abandonan a illa.
1948: A illa é empregada como Albergue Nacional para o lecer da Garda de Franco.
1950, 22 de Agosto: Morren 43 homes da garda de Franco ao envorcar a lancha que os conducía dende a Illa de San Simón ata Cesantes. O cruceiro que hai no illote chamado Cobreiro lembra o sucedido.
1954, 25 de Abril: Inaugúrase o Aeroporto de Peinador en terreos de Redondela, Mos e Vigo.
1955: A Illa é empregada como Fogar Méndez Núñez para acoller aos orfos dos mariñeiros e de familias pouco favorecidas.
1962: Otero Pedrayo publica a novela O Señorito da Reboraina baseada na vida de Juan Manuel Pereira, nado en Reboreda.
1963, 12 de febreiro. Inauguración do ramal ferroviario ao porto de Vigo.
1963 O Fogar Méndez Núñez trasládase á Casa dos enanitos, sita na Xunqueira no lugar que hoxe ocupan os Xulgados. A Illa é abandonada.
1965: Comezan a realizarse as alfombras de flores nas Festas da Coca. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/festas-da-coca.html )
1968: Inaugúranse o Grupo Escolar de Santa Mariña e a Biblioteca Pública Municipal.
1970, 30 de Xullo: Supresión do Xulgado de 1ª Instancia de Redondela.
1970 e 1974: O Concello de Redondela recibe da Corporación Provincial os premios ó Mellor Conxunto Urbanístico de Pontevedra.
1971: O Concello cede terreos en Ventosela á institución Aldeas Infantiles S. O. S.
1980: Peche do Grupo de Empresas Regojo.
1981-Febreiro-07: Inauguración da Ponte de Rande. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2019/02/a-ponte-de-rande.html )
1983 Apertura do cemiterio de Mañó.
1984-Marzo-02: Trasládanse ao novo Convento de Trasmañó as monxas beneditinas procedentes do Mosteiro da Transfiguración do Señor de A Guardia.
1987: Celébrase a primeira edición da Festa do Choco. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2022/05/a-festa-do-choco.html )
1992-Xullo-18: Os creadores do documental “Aillados” organizan unha visita á Illa de San Simón para os superviventes que estiveron alí presos.
1996-Decembro: Comeza a emitir Radio Redondela.
1997: A illa de San Simón e declarada Ben de Interese Cultural, ao ano seguinte a Xunta comeza os traballos de rehabilitación.
1998: Inauguración das novas dependencias do Xulgado.
1998: Remate das obras da Casa da Torre, convertida en albergue de peregrinos. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2019/02/pazos.html )
2001-Maio-18: A Xunta de Galicia declara de Interese Turístico as Festas da Coca.
2008-Xullo: O conxunto arqueolóxico do Monte Penide é declarado Ben de Interese Cultural.
Autor: Juan Migueles
BIBLIOGRAFÍA
SEREN
Nº2. As Xuntas do Reino de Galicia celebradas en Redondela en 1666. José Martínez Crespo.
Nº2. Castrizán: A fortaleza vixiante do sur. 1477-1478/9. Xosé Manoel Sánchez Sánchez.
Nº2. O Santuario, romaría e confraría de Nosa Señora da Peneda (O Viso), 1650-1920. Juan Miguel González Fdez.
Nº2. Facendo camiño en Cedeira. Dolores Míguez Montes.
Nº3. A vila de Redondela na Idade Media (S. XIII-XV). Xosé M. Sánchez Sánchez.
Nº4. Que foi dos Templarios. A Orde do temple na vila de Redondela. Xosé M. Sánchez Sanchez.
As Illas de San Simón. Aproximación á súa historia. J. A. Orge Quinteiro. Ed. Xunta de Galicia.1999.
O cemiterio dos Eidos da vila de Redondela. Xosé Manuel Moreira Docampo. Concello de Redondela, 2022.
Ernestina Otero Sestelo. Pedagoga. Manuel Puga. Ed. do Castro, 1992.
Catastro de Ensenada de Redondela, Vigo e Cedeira (1752).
Diccionario Madoz (1850)
Internovas. Historias de Redondela http://www.ipdca.com/internovas/ (Páxina desaparecida).
Elementos da Prehistoria de Redondela. Xosé Couñago,Asociación Alén Nós.
Os miliarios romanos de Redondela. Jose Antonio Orge Quinteiro
A arte rupestre prehistórica do Concello de Redondela. F. Javier Costas Goberna
Censo de población de las provincias y partidos de la Corona de Castilla en el siglo XVI : con varios apéndices...... (1829) - González, Tomás
Bayona antigua y moderna -José de Santiago, 1902.
Arredor de nós. Historia da Policía Local 1863-2003. Gonzalo Amoedo López e Roberto Gil Moure. 2003. Páx. 47.
La reconstrucción del Archivo de la Real Intendencia de Galicia y de su Juzgado de Correos y Caminos. Un proyecto de investigación. Pedro López Gómez, Profesor de la UDC.
Colección legislativa de España: (Continuación de la Colección de decretos)1884.
Galiciana- http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es => El Eco de Galicia, El Noticiero Gallego, El Progreso, El Correo de Galicia, Vida Gallega, El Pueblo Gallego, El Regional...
La Voz de Galicia.
http://www.lavozdegalicia.es/hemeroteca/
No hay comentarios:
Publicar un comentario